Novas por contido

A Programación para o ano 2021 do Servizo de Prevención de Riscos Laborais, non inclúe ningunha referencia á Covid. 

O Comité de Seguridade e Saúde Laboral Intercentros reuniuse o 22/12/2020 para realizar a programación do Servizo de de Prevención da Xunta de Galiza. O resultado foi que a Covid non existe, ignorando descaradamente a prevención deste risco laboral nos nosos centros.

Nesta liña, sen ter en conta a Covid,  presentaron a Programación do Servizo de Prevencion de Riscos Laborais para o 2021 e a día de hoxe, un mes despois aínda seguen mutis ante a inclusión de medidas preventivas: 

Programación preventiva 

Debe incluírse a avaliación de riscos laborais (ARL) específica ao risco biolóxico provocado pola Covid (axente infeccioso de grupo 3), en todas as programadas e a revisión ou elaboración, calendarizada. Propuxemos unha listaxe de prioridades, incluíndo dende residencias de maiores ata edificios administrativos. Solicitamos que nestas ARL se revisasen os sistemas de ventilación, os postos, os espazos de uso común, as medidas organizativas implantadas (teletraballo, quendas de entrada, etc.) e o tipo de EPI e formación preventiva.

As solicitudes estarán abertas 3 meses. Demandamos a corrección dos protocolos que se aplican para os recoñecementos médicos. Informámosche máis aquí.

Programación formativa 

De novo sen referencias á Covid, sorprende que só se vai dar unha xornada de tres horas para o persoal dos centros sociosanitarios de Política Social (por requirimento da Inspección de Traballo). Dende a CIG demandamos ademais formación obrigatoria para os directores/as e xestores/as destes centros. formación preventiva en teletraballo do que non hai un so curso e máis edicións para o curso de prevención do estrés (so hai un).

A entrega das máscaras após das denuncias da CIG

A Presidenta informa da entrega das máscaras hixiénicas por adquisición extraordinaria logo do requirimento da Inspección de Traballo. Recordámosche: non querían dalas polo que recorreron ao máximo a resolución da Inspección (tardaron 3 meses dende a primeira resolución e 9 dende o comezo da pandemia).

Coas máscaras FFP2: aínda queren mirar para outro lado e asubiar.

Se no teu traballo o contacto é estreito (menos de 2 metros), continuo ou con moito público, con ususarios/as que non poden portar máscara.., pide: 1) que che faciliten unha de tipo FFP2, e 2) a Avaliación de Riscos Laborais ao risco biolóxico da Covid 19. É o teu dereito e é o seu deber.

A espera da intervención divina que remate co virus

Nesta xuntanza non se comprometeron a nada. Nin sequera a unha reunión para a segunda quincena de xaneiro.

Esta situación de desprotección continuada, de negación do risco, recorrer as resolucións de Inspección (ou simplemente non cumprilas), é unha mostra do pasotismo e desinterese total e reiterado das persoas responsables da Covid na Xunta, quenes fixeron mutis ante o ERTE de Cualtis abandonando do persoal sensible e dos sevizos esenciais da Xunta que non deixou de traballar, como nas residencias de maiores, bombeiros ou persoal de emprego.

Ante a preocupante situación sanitaria sen precedentes na Galiza e as restricións anunciadas, a CIG apoia a decisión do Comité Intercentros de suspender momentaneamente as concentracións nestes centros tan sensibles. Así o comunicou o Comité Intercentros do persoal laboral a todas as organizacións sindicais. A partir do 17 de febreiro, co remate das restricións, retomaremos as mobilizacións e impulsaremos novas accións combativas co fin de obrigar á Xunta a abrir unha mesa de negociación.

A conselleira de Política Social, Fabiola García,  segue a ignorar ao seu persoal e négase a negociar as condicións de traballo mentres que pide máis esforzos insinuando unha relaxación nas medidas preventivas nos seus centros. Unhas declaracións noxentas feitas na intervención da residencia de Leiro, que tratan de culpabilizar ao persoal do desastre na xestión das residencias, onde nin informa dos protocolos nin aplica correctamente un plan de continxencias. Dende a CIG temos claro que si nos centros públicos estamos tendo unha incidencia menor de contaxios é grazas ao esforzo e vontade dos compañeiros e compañeiras que defenden o servizo por riba de todo polo que as declaracións desta conselleira son vomitivas, e máis cando non aportou absolutamente ningunha mellora de condicións laborais ou materiais.

Nesta liña o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijoo, compareceu onte no Parlamento, a petición do BNG, para dar conta das medidas promovidas fronte a terceira onda da Pandemia, intentando desviar a responsabilidade cara o goberno do Estado ao que lle pide que as máscaras FPP2 sexan de uso obrigatorio. É unha actitude cínica e oportunista cando se nega a entregar máscaras ao seu persoal de residencias a pesar dos requirimentos Inspección de Traballo após das denuncias da CIG.

A CIG defende as peticións do persoal residencial de Política Social que demanda accións diferentes que dean como consecuencia a mellora das condicións laborais ou que obriguen a dimitir a esta conselleira, recuperando os dereitos recortados no 2012, aumentando os medios materiais e o cadro persoal para enfrontar esta crise e asentalo como traballo ordinario. Lembramos que os seus recortes trouxeron a diminución do cadro persoal en máis 700 contratos. 

A EGAP publicou no DOG do luns 25 de xaneiro a Resolución pola que se convocan as actividades formativas que compoñen o Plan formativo ofimático de Galiza para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galiza, etc., para o ano 2021.

As accións formativas, que se impartirán na modalidade de teleformación, son as seguintes:

  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais (LibreOffice Base)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais (Microsoft Office 2019)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo (LibreOffice Calc)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo (Microsoft Office 2019)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos (LibreOffice Writer)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos (Microsoft Office 2019)
  • Aplicacións informáticas para presentacións gráficas de información (LibreOffice Impress)
  • Aplicacións informáticas para presentacións gráficas de información (Microsoft Office 2019)
  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (GNU/ Linux Debian 9)
  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (contorno Windows 10)

O prazo de presentación de solicitudes será de dez días a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula.

O número máximo de actividades formativas que se poden solicitar limítase a tres.

A Xunta négase a aplicar o teletraballo polo artigo 12 para o sistema de autorizacion por emerxencia sanitaria do acordo de teletraballo porque ainda “non entrou en vigor”.

En base a isto, ata o día 4 de febreiro non se podería aplicar. Demasiado tarde dados os datos epidemiolóxicos destes ultimos días. Na CIG respostamos contra esta decisión de Función Pública e esiximos a que insten ao Consello da Xunta a adiantar a implantación do artigo 12 como medida extraordinaria que é.

Aínda que Función Pública pretende dar como solucion facendo referencia ao teletraballo Covid da instrucción de reincorporacion do 12 de xuño, ese “teletraballo de reincorporación” so serve para cuestións individuais e en ningun caso é unha medida de protección colectiva fronte a este risco laboral. Ademais, é evidente, que se atopa desfasado en base a normativa e os datos actuais da Covid. A Xunta liase na súa burocracia e mentres o virus avanza.

Ante esta lentitude e inoperancia, non quedamos a espera e instamos a que apliquen o teletraballo por medio da lexislación de prevención de riscos laborais en todas as consellerías que aínda non o teñen implantado, con quendas e grupos burbulla. Si se establecen esas quendas eu se agrupa por xornadas a atención ao público poden acceder a este teletraballo prácticamente todo o persoal de todas as unidades como por exemplo nunha oficina de emprego (como xa fai o SEPE).

En conclusión, o teletraballo é a medida preventiva colectiva mais acaída nestes momentos para protexer ao persoal empregado publico dos centros de traballo da Xunta.

(O acordo de teletraballo foi aprobado na Comisión de Persoal do 11/11/2020, asinado pola CIG o 9/12/2020, e publicado dous meses despois da súa aprobación, no DOG do 07/01/2021, e con entrada en vigor aos 20 días hábiles da súa publicación)

No DOG do 14 de xaneiro de 2021 publicouse a convocatoria pública para o ano 2021 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galiza, en determinadas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 11 de febreiro inclusive nas seguintes cualificacións profesionais:

  • Atención sociosanitaria a persoas no domicilio (SSC089_2): 325 prazas

  • Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (SSC320_2): 225 prazas

  • Socorrismo en espazos acuáticos naturais (AFD340_2): 150 prazas

  • Socorrismo en instalacións acuáticas (AFD096_2): 150 prazas

  • Operacións de vixilancia e extinción incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural (SEA595_2): 150 prazas

  • Vixilancia e seguridade privada (SEA029_2): 162 prazas

  • Servizos para o control de pragas (SEA028_2): 47 prazas que pertencen á lista definitiva de persoas en lista de espera (Orde do 15 de novembro de 2019). Nesta cualificación non se admitirán novas solicitudes

As solicitudes e a documentación complementaria presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado(código de procedemento TR305A) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galiza, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar, presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Na solicitude consignaranse as unidades de competencia para as cales se solicita a súa inscrición no procedemento.

Xunto coa solicitude as persoas participantes terán que achegar a seguinte documentación xenérica (os documentos serán copias cotexadas sen prexuízo do disposto na normativa aplicable, para os casos de presentación telemática):

  1. Historial persoal e/ou formativo no modelo de currículo europeo. Poderá utilizarse o modelo de currículo europeo que se inclúe como anexo IV desta orde

  2. Vida laboral

  3. Copia cotexada dos contratos de traballo ou da certificación da empresa onde adquirisen a experiencia laboral, en que conste, especificamente, a duración dos períodos de prestación do contrato, especificando claramente as actividades desenvolvidas e o intervalo de tempo en que se realizaron as ditas actividades. Para a certificación da empresa poderá utilizarse o modelo de certificación de actividades que se inclúe como anexo V desta orde

  4. Copia da/das acreditación/s parciais de unidades de competencia ou módulos de formación que dean dereito á acreditación da/das cualificación/s solicitada/s (se se posúen)

Nalgúns casos pode ser precisa a presentación doutra documentación segundo as circunstancias persoais:

  • DNI(se non se autoriza a súa consulta)
  • Certificado acreditativo de discapacidade en vigor, naqueles casos en que o certificado non sexa emitido pola Xunta de Galiza ou no caso de que a persoa solicitante se opoña expresamente á súa consulta
  • No caso de persoas voluntarias ou bolseiras, certificación da organización onde se prestase a asistencia, en que consten especificamente as actividades e funcións realizadas, as datas en que se realizaron e o número total de horas dedicadas a estas
  • As persoas solicitantes que acrediten formación non formal terán que achegar copia cotexada do documento que acredite que a persoa candidata posúe formación relacionada coas unidades de competencia que se pretendan acreditar, en que consten os contidos formativos impartidos, as datas en que se realizaron, as horas de duración da acción formativa, a entidade que expide o certificado e o título da actividade de formación
  • No caso de persoas estranxeiras copia do permiso de traballo(senón dispoñen da acreditación de residencia en España en vigor ou non autorizan a súa consulta). Se son cidadáns comunitarios certificado do rexistro de cidadán ou cidadá comunitario ou tarxeta familiar de cidadán da Unión Europea ou, se é o caso, copia do pasaporte en vigor

Terán preferencia de acceso nesta convocatoria aquelas persoas que participaron en anteriores convocatorias do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais e teñan acreditada algunha das unidades de competencia das cualificacións en que solicita a súa inscrición e así o fagan constar na solicitude, na epígrafe de "outros documentos presentados".

Se tes dúbidas contacta coa CIG.

O Partido Popular presenta unha emenda no Parlamento á Lei de medidas fiscais e administrativas para modificar a Lei 2/2015 de emprego público de Galiza e mudar as condicións de acceso á segunda actividade ao persoal funcionario do servizo de incendios forestais.

A Xunta emprega o grupo parlamentario popular para non dar a cara e impoñer por vía lexislativa a razón que non lle da o xulgado e, en definitiva, actuar pola porta de atrás e non negociar esta modificación das condicións laborais coa representación do persoal.

De saír adiante a emenda do PP, engadiríase como requisito para poder solicitar o pase á segunda actividade “ter desempeñado 25 anos de servizo nestas escalas ou especialidades”. Terían límite para poder acceder á segunda actividade o persoal técnico, axente forestal e ambiental e bombeiro forestal ao se funcionarizar. 

Por iso dende a CIG, vimos de solicitar aos grupos parlamentarios que se opoñan a esta emenda (ou que a retiren no caso do PP) e que reclamen unha segunda actividade áxil e eficaz para o persoal de incendios.

A oportunidade da autoemenda do PP

Recentemente, o día 3 de decembro de 2020, Tribunal Supremo emitiu sentenza firme (número 1083/2020) dando un paso máis no asentamento deste dereito xa que se estaba a denegar ao persoal non fixo, cando o é unha grande parte do cadro de persoal pola alta temporalidade que acumula o servizo. Nesta sentenza recolle textualmente: 

“En definitiva, os traballadores temporais e indefinidos non fixos da Xunta de Galiza teñen dereito a acceder á segunda actividade nas mesmas condicións que os traballadores fixos, sen que elo desnaturalice as súas relacións laborais”.

Ademais, a limitación dos 25 anos de servizo e a condición do traballador/a temporal ou indefinido non fixo non está contemplada no V Convenio Colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galiza, que só establece coma requisito para acceder á segunda actividade ter cumpridos os 60 anos. 

Pero a funcionarización masiva acordada pola Xunta - CCOO - UGT é inminente, polo que non se poderían acoller ao V convenio, e moito nos tememos que a Xunta siga na sua teima de obstaculizar o dereito ignorando o risco para a seguridade e saúde do seu persoal. 

Dende a CIG defendemos que a segunda actividade non debe estar vinculada ao número de anos de exercicio na extinción de incendios como di a emenda, se non que debe relacionarse co aumento dos efectos lesivos sobre a saúde como consecuencia do traballo nos incendios forestais e os accidentes laborais, que se dan en maior número en traballadores/as con mais idade. Coa nova idade de xubilación estamos xa hoxe apagando lumes con 66 anos e medio! 

Ademais, non aplicar ben a segunda actividade impide a renovación do servizo de incendios, cun cadro de persoal cada vez máis avellentado, o que afecta á operatividade xeral.

Pero non nos esquezamos que non é só esta a cuestión que está a prexudicar ao persoal do SPIF no acceso ao desenvolvemento doutra actividade: a Xunta de Galiza é a responsable da non convocatoria do concurso de traslados para o persoal laboral que permitiría o acceso a outras actividades de menor risco e da non implementación da xubilación anticipada polos coeficientes redutores. Triple prexuízo para o persoal do SPIF.

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos un borrador da Orde de integración do persoal do CIXTEC, co fin de realizarmos as alegacións que estimemos oportunas.

O prazo para presentalas remata o martes 26 de xaneiro, polo que se queres achegar algo, contacta coa CIG antes dese día.

Que Función Pública tome nota!

Na anterior nova sobre o concurso de corpos xerais onde explicamos que está a pasar, falabamos das prazas de persoal funcionario ocupadas por persoal indefinido non fixo, e que Función Pública quería que a resolución do concurso coincidira coa dos procesos selectivos.

Como xa advertimos isto podería ir para largo e puxemos unha solución enriba da mesa que consistía en retirar eses postos do concurso.

Para que nos fagamos unha idea, e arredondando podemos dicir que no concurso ofertáronse 4.700 postos, 1.900 vacantes na primeira fase e 2.800 de resultas. Deses postos propoñemos que retiren 82, todos de nivel base, o groso deles son sobre 34 postos do A1 nivel 20 (33 deles en Servizos Centrais) e 38 do C2 nivel 12 en varias localidades.

Por suposto estes postos teñen que ir a un concurso posterior ao actual e simultáneo na resolución cos procesos selectivos, pero RETIRALOS agora parece o único xeito de impulsar o concurso. Pero para facelo queremos que Función Pública, consultando coa Asesoría Xurídica, determine se se poden retirar os postos sen ou con modificación das bases, porque o obxectivo é axilizar o concurso. De aí que propuxéramos que estudaran a retirada de postos e a redución de prazos.

 

Como son outros concursos dentro da Xunta (pero no ámbito do Ensino)?

Non hai máis que ver, dentro da mesma Administración, aínda que neste caso na administración educativa, como son os concursos dos corpos de persoal docente:

Teñen 2 concursos ao ano:

  • Un concurso xeral de traslados (CXT). Prazo de resolución aproximadamente 6 meses.
  • Un concurso de destinos provisionais (CADP) para o persoal que non entra no primeiro (funcionarios en prácticas, en expectativa e interinos). Prazo de resolución aproximadamente 2 meses.

Isto tanto para persoal de Primaria como de Secundaria.

O CADP de SECUNDARIA do curso 2020/2021:

Participantes: ao redor de 15.000 persoas.
Prazas adxudicadas: case 6.000 prazas.
Convocatoria: o 29 de xuño de 2020 e resolución o 18 de setembro. DOUS MESES E MEDIO.

Os prazos para reclamacións son de 5 días hábiles e as persoas que aprobaron a oposición teñen 2 días hábiles para escoller destino dende que se publica a lista de aprobados no proceso selectivo.

Como vemos, son procesos masivos pero áxiles. Son garantistas en canto a prazos para reclamacións (5 días hábiles parecen suficientes) e onde se reducen de xeito ostensible os prazos e os trámites que ten a propia administración. Por exemplo, dende o fin do prazo de solicitudes ata que sae a resolución provisional de destinos só pasa unha semana. O mesmo ocorre dende o fin do prazo de reclamacións e a resolución definitiva.

O CADP de PRIMARIA do curso 2020/2021:

Participantes: ao redor de 4.500 persoas.
Prazas adxudicadas: case 2.700 prazas.
Neste caso para que nos fagamos unha idea dos prazos: o 27 de xullo saía a resolución provisional, había 2 días hábiles para reclamar e a adxudicación definitiva foi o 31 de xullo. 4 DÍAS dende a adxudicación provisional á definitiva!

O CXT de SECUNDARIA do curso 2019/2020:

Adxudicados ao redor de 3.200 postos
Convocatoria 21/10/2019 e a resolución definitiva 30/03/2020,. Menos de 6 meses.

 

Concluíndo

Non existe ningún problema material nin formal para que non se poidan resolver concursos en prazos razoables. Dende a CIG xa temos formulado moitas veces os concursos cun formato aberto e permanente e reducir ao mínimo as comisións de servizos. Pero para este concurso de corpos xerais en marcha nos vale simplemente con que se axilice e se resolva XA e que se poñan a negociar os concursos de escalas, corpos especiais e persoal laboral.

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) e tribunais superiores de xustiza de varias comunidades autónomas están a aceptar que as pensións de xubilación, viuvedade ou incapacidade, causadas a partires do 1/1/2016, concecidas a homes con dous ou máis fillos/as, poidan ser complementadas co denominado "complemento de maternidade" que até o momento só lle era recoñecido ás mulleres polo artigo 60 da Lei Xeral da Seguridade Social.

Así por exemplo, xa ten feito pronunciamento algún Xulgado do Social en Vigo

"El Juzgado de lo Social 2 de Vigo ha avalado el derecho de un pensionista de cobrar el complemento de maternidad y condena al abono de estas cantidades con efectos económicos desde tres meses antes de que lo solicitara el demandante. Actualmente, la ley española solo reconoce a las mujeres este incremento de su prestación --que oscila entre el 5% en el caso de tener dos hijos, el 10%, si ha tenido tres; y el 15% a partir de cuatro--".

Se é o teu caso, pode interesarche reclamar ese complemento de maternidade para a túa pensión. O procedemento dos xubilados pola Lei Xeral da Seguridade Social (LXSS) sería o seguinte:

  1. Solicitude (contacta coa CIG)

  2. Se pasados 30 días despois de rexistrar a solicitude non tes resposta, comparece na asesoria xurídica da comarca para a reclamación previa.

  3. Se pasados 30 días despois de rexistrar a reclamación previa non tes resposta (ou os días que che indiquen nas asesorías comarcais), tornar a asesoría xurídica da comarca para a demanda.

  4. Se houber resposta expresa, da solicitude ou da reclamación previa, os prazos serían os que nos indiquen nesas respostas.

O pronunciamento do TXUE foi a favor dos xubilados que obtiveran a súa pensión vía Texto Refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, polo que fica pendente o dereito dos xubilados que obtiveran a súa pensión polo Texto refundido da Lei de clases pasivas do Estado.

Porén, xa hai opinións doutrinais que entenden que non debería haber problema para que o pronunciamento do TXUE for estensíbel ao disposto na DA 18ª do Texto Refundido da Lei de Clases Pasivas do Estado, a favor do acrecentamento das pensións de xubilación, invalidadez e viuvedade, dos homes con pensión de xubilación concedida a partires do 1/1/16 polo réxime de clases pasivas. O procedemento sería o mesmo que para os xubilados e xubiladas da LXSS.

A retroactividade

Segundo a LXSS, a pensión de xubilación ten efeitos económicos dende que é solicitada, cun período de retratividade de 3 meses dende a produción do FEITO CAUSANTE. Por exemplo, se acadasa idade de xubilación o 1 de xaneiro, mais non presentas a solicitude até o 1 de maio, so che pagan os atrasos dos tres meses anteriores e polo tanto perdiches xaneiro. En todo caso, somos partidarios de reclamar os atrasos íntegros, dende o 2016.

A CIG insta de novo á corrección dos protocolos médicos de cara á campaña de vixiancia da saúde 2021 e enviamos escrito con achegas ao servizo de Prevención de Riscos Laborais e a presidenta do Comité de Seguridade e Saúde Laboral.

Os protocolos para os recoñecementos médicos son os que determinan que probas diagnósticas e exploracións para a detección de problemas de saúde son necesarias en relación aos riscos do posto de traballo. 

A pesares de que temos avisado cada ano que os protocolos que se están a aplicar para a vixiancia da saúde na Administración Autonómica non están ben por ter eivas, por ter postos repetidos ou simplemente inexistentes, pero sobre todo porque faltan riscos en moitos deles, a día de hoxe non se ten realizado por parte do servizo de Prevención de Riscos Laborais unha análise e adaptación dos mesmos as características dos postos, tendo en conta as Avaliación de Riscos Laborais.

Como consecuencia, pode que o recoñecemento non sexa adecuado e non se teña en conta, por exemplo, unha alteración do sono derivada do traballo a quendas ou o control de vacinas cara o risco biolóxico ao traballar con bebés.

Por este feito voltamos a solicitar a sua corrección no seo do CSSL Intercentros o día 22 de decembro de 2020, e presentamos achegas directas a cada posto introducidas na Memoria de xestión do servizo de Prevención de Riscos Laborais do 2019, para que se teñan en conta e corrixan urxentemente de cara a campaña deste ano 2021.

Nós poñemos enriba da mesa as eivas e cuestionamos os protocolos, pero é o Servizo de Prevención quen ten que traballalo. Consulta o teu posto na listaxe e, se queres enviarnos algunha aportación faino aquí

Campaña da vixilancia da saúde 2021

Cando fagas o recoñecemento médico asegúrate de que che aplican o protocolo adecuado, no especial si os teus riscos están diferenciados por razón de funcións, traballas a quendas ou de noite, con tóxicos, etc.

Se pasaches a covid recoméndase informar ao teu médico da vixiancia da saúde no especial para a valoración de posibles secuelas. Se o contaxio foi laboral faino constar e asesórate cos delegados e delegadas da CIG. 

Para rematar, informamos que a previsión dos recoñecementos é comezalos a partires da segunda quincena do mes de xaneiro. O tempo para solicitalo vai ser maior que noutros anos (acordouse 3 meses).

Outras novas recentes

Martes, 24 Marzo 2026

Onde están as 35 horas na Xunta? Oito anos sen avances

Coa Administración Xeral do Estado a piques de pechar a implantación das 35 horas, na Galiza seguimos nas 37,5 semanais. A Xunta tivo desde 2018 capacidade legal para reducir a xornada, pero nin o fixo nin o acordo de concertación de 2019 incorporou medidas reais. Nós, o persoal da Xunta de Galiza, seguimos nas 37,5 semanais. Non é unha cuestión legal, é falta de vontade...
Venres, 27 Marzo 2026

Puntuacións provisionais do concurso de traslados das escalas sociais (facultativa superior, grao medio, axudantes e auxiliares)

No DOG do 27/03/2026 publican a RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as puntuacións provisionais das persoas participantes admitidas no concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo facultativo/a superior, escala de facultativos/as, especialidades de...
Martes, 24 Marzo 2026

Xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellaría do Mar (17/03/2026)

Avaliacións de riscos psicosociais Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) Dende a CIG recordámoslle á Administración que se están a incumprir as medidas acordadas após a avaliación de riscos psicosociais no Igafa. Estas medidas son de obrigatorio cumprimento, polo que esiximos a súa implantación de forma inmediata. Escola Oficial Naútico-Pesqueira de Ferrol A...