Novas por contido

O luns e mércores tivemos Mesa Xeral e duas Comisións de Persoal, onde se trataron diversos asuntos. En Rogos e preguntas van moitisimos asuntos que poden ser do teu interese.

PROCEDEMENTO PARA O ACCESO AO RÉXIME EXTRAORDINARIO DO GRAO I DA CARREIRA PROFESIONAL

A proposta de Orde sobre o procedemento para o acceso ao réxime extraordinario do grao I do sistema de carreira profesional do persoal empregado público da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia foi aprobada na Comisión de Persoal do 25 de marzo.

Modifican algúns prazos e crean unha comisión de seguimento (para variar, así exclúen aos sindicatos discrepantes). Non aceptan ningunha das alegacións da CIG, denunciamos que este acordo exclúe a parte do persoal e que, nese senso, estanse a obviar recentes sentenzas xudiciais do Tribunal Supremo que condenan esa discriminación.

Aprobado co voto favorable de CCOO e UGT, e en contra de CIG e CSIF. Publicaríase no DOG o venres 29 de marzo. Descargar texto da Comisión de Persoal.

Comezando polo máis xeral, esta é a situación dos concursos de traslados:

  • Corpos xerais: temos o primeiro borrador, e a previsión do DXFP é que estea convocado en maio (sen máis especificación). É dicir, que se cadra estaría convocado antes do verán. Veremos.
  • Corpos especiais e escalas: estamos a finais de marzo de 2019, e nada se sabe. Non hai previsión, o director xeral de Función Pública nada di. O último que tiñamos (fai xa varios meses), era que prevían convocar o de veterinarios antes do de corpos xerais. Agora xa nin iso. Para os compañeiros e compañeiras destas escalas, é interesante botar un ollo ao concurso de corpos xerais, pois ese sería o modelo que previsiblemente lles será de aplicación no futuro (lonxano?).
  • Persoal laboral: por se a alguén non lle quedou claro, co Acordo de Concertación que asinaron CCOO e UGT, este concurso pasou a mellor vida. As categorías a funcionarizar non o van ter nunca máis. E se quedase algunha categoría non funcionarizable, xa veremos no futuro lonxano que é o que pasa.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza admite a trámite o recurso contencioso-administrativo presentado pola CIG contra a Orde do Acordo de Concertación do Emprego Público de Galiza pactado pola Consellería de Facenda e os sindicatos CCOO e UGT.

Desta forma da comezo a loita xudicial da CIG para a salvagarda dos dereitos do persoal e así dar solución das inxustizas deste mal Acordo que non recupera os dereitos laborais e económicos perdidos na última década e establece discriminacións entre o persoal empregado público.

Nesta demanda a CIG fixa os seguintes obxectivos:

CARREIRA PROFESIONAL

  • Ampliación do seu ámbito de aplicación: universalizala para todo o persoal empregado público sen chantaxes nin subterfuxios.
  • Acceso ao sistema extraordinario a todo o persoal e sen condicionados.
  • Revisión das contías dos graos aumentando os importes dos máis baixos co fin de minguar a brecha salarial.
  • Solucionar a falta de garantía orzamentaria, buscando a consolidación salarial ao longo do tempo.

Tivo que pasar case un ano para que a Consellería de Economía, Emprego e Industria reabrira a rolda de negociación cos sindicatos para tratar os temas dos pluses nos dous organismos apegados a consellería: o LOMG e GAIN.

Nesta segunda exposición corrixen algúns erros como os de poñerlle nomes aos postos como o de “responsable en...”, pero nunha sorte de café para todos (ou case todos) lle poñen pluses ata un auxiliar administrativo e un administrativo; ata aí poderíamos dicir que non é raro, pero o raro e que se lle poña o “complemento de perigrosidade”. Coñecemos moitos traballadores que para que se lle recoñecesen ese complemento tiveron que preitear contra a Xunta durante anos. Pero é mais, o posto de administrativo esta cualificado na RPT como grupo III Categoría 2 “xefe/de negociado” “encargado/a Adminstrativo/a” polo que o seu salario xa conleva unha diferencia salarial (de case 1.000 euros) do “Administrativo” grupo III categoria 62.

O peor de todo é que seguen coa teima de querer incrementarlle aos 2 “amigos” (do conselleiro ou do secretario xeral, quen sabe) o seu soldo en 6.721,82 € alegando responsabilidade no traballo que desempeñan, responsabilidade que non mostran en ningún documento ás organizacións sindicais.

Os lumes de primavera destes últimos días na Galiza non fan mais que constatar a tendencia das últimas décadas que nos demostran que se intensifican os lumes cando as circunstancias climatolóxicas o permiten. Non estamos diante dun asunto novo, xa que os datos estatísticos dos que dispoñemos - de consulta pública-, permiten entender que o problema dos lumes se desestacionalizou xa fai ben anos.

Un factor determinante a ter en conta é que os bosques galegos dende o 2002 sofren un estrés de humidade moi elevado, case semellante aos do bosque Mediterráneo.

Se lle engadimos outro factor determinante como a elevada intencionalidade dos lumes forestais en Galiza – ronda o 70% e triplica a media de intencionalidade no resto do estado- podemos atoparnos escenarios recorrentes como o que está a acontecer no día de hoxe.

A consellería de Cultura non está a dar ultimamente boas novas, a maiores de levar varios anos coa RPT a voltas, crear unha estrutura orgánica penosa, ven agora con unha externalización escandalosa.

O caso é que a Comisión de Patrimonio histórico é o organismo encargado, entre outras, de elaborar os expedientes arqueolóxicos referidos a todas as obras que se fan nos Camiños de Santiago. Sempre houbo escaseza de persoal arqueólogo, e agora co incremento exponencial dos informes, a cousa está “que bota por fora”.

E que fai a Administración con esta carga de traballo? Contrata persoal? non ; crea prazas? tampouco. Sácase da manga en xullo do ano pasado unha encomenda de xestión coa empresa Tragsatec que volta a renovar este luns (DOG do 25 de marzo), e damos carta de natureza a unha externalización de traballo técnico cos seguintes problemas:

Unha vez que dende a CIG comezamos a debullar todos os fallos que atopabamos na documentación facilitada, dende a consellería recoñecen moitos erros nos códigos de titulacións e equivalencias xa que nos enviaron unha versión anterior; tamén recoñecen erros na memoria xustificativa na que faltan prazas, outras aparecen mal redactadas, etc. Presentamos as seguintes achegas xerais, pendentes dun novo documento

  • É necesaria a identificación das prazas vacantes e a xustificación real na memoria funcional do cambio e as amortizacións do laboratorio de medio ambiente e do resto das prazas.
  • No parque das Illas Atlánticas créanse prazas de axentes polo requirimento de traballar ao menos en parellas para minimizar riscos, deben revisar a RPT e ampliar as prazas para que o persoal de campo de conservación non este nesta situación de illamento e se cubran as quendas en todo o territorio.
  • Solicitamos que as xefaturas de sección se oferten por concurso ordinario.
  • A Xefatura de Area de Parques Naturais tamén por concurso e so aberta a c.especial polas específicas funcións.
  • Regular de oficio os pluses e complementos xa que hai enormes diferenzas entre os que reclaman e os que non, débense xeralizalos para todo o persoal sen ter que acudir ao xulgado. Como exemplo os titulados superiores ambientais que non teñen ou persoal do laboratorio de medio ambiente nos que aparecen caóticos.
  • Incluír a suba correspondente a 2019, no CE axentes ademais débese barrar as prazas ao B e indicar a extinguir unicamente o C2 e C1.
  • Denunciamos tamén de novo amortizacións escandalosas como a de axente de Valdeorras deixando sen persoal ao parque natural da Enciña da Lastra ou outras que se propoñen logo de aumentar a súa carga de traballo.

En canto teñamos o documento da RPT corrixido presentaremos achegas específicas. Se queres facer as túas achegas, contacta coa CIG.

Parece que o despacho do director xeral de Función Pública non é seguro. Ollo! Calquera pode entrar!!

Resulta que CCOO e UGT andan repartindo “confidencialmente” un papeliño cos asuntos que cociñan na comisión de seguimento do acordo de concertación. E como outras veces, resulta tamén que ese papeliño chegou á CIG. Que mala pata!

Volve a resultar, ademais, que nese libelo aparecían as cousas que o director xeral de Función Pública ía traer o día 25 de marzo á Mesa Xeral, que curiosamente ía expoñer como unha cesión e o resultado dunha dura negociación con CCOO e UGT que así “conseguen arrancarlle á Administración” unhas condicións máis benignas para a funcionarización.

Tamén resulta, que xa sabiamos máis cousas desas que o director anuncia na Mesa Xeral, como cando se vai publicar a orde de carreira profesional, cantos funcionarios cumpren cos requisitos (8.000) e cantos laborais (3.000), etc.

Vamos, que tiñan todo cociñado previamente e viñeron a montar un espectáculo valleinclanesco dun duro tira e afrouxa onde o resultado, Oh! por Don Manoel!!, xa o tiña a CIG enriba da mesa dende facía 3 días.

Como é natural, o noso compañeiro na Mesa pedíu explicacións desta ópera bufa (case podemos dicir que pediu tamén que lle devolveran o importe das entradas da Mesa Xeral). A resposta do director xeral a por que nos chegou un documento co guión desta película esperpéntica onde se proba que todo o que traen á Mesa está negociado previamente vai en consonancia coa función teatral: “Mi despacho suele quedar abierto y es posible que alguien entrara y se hiciera con el documento”.

Pois nada, terá que dar sete voltas axeonllado e cun capirote a San Caetano, por neglixente, e terá que tomar medidas drásticas, non vaia ser que a próxima vez lle saian do seu despacho os papeis desfilando.

[Imaxe: Salvados/La Sexta]

O 11 de abril son as eleccións aos representantes na Xunta de Persoal Funcionario de Ourense. A CIG presenta unha candidatura forte e equilibrada, composta por persoas con ganas de loitar polos servizos públicos da nosa provincia e a mellora dos dereitos laborais do persoal funcionario en Ourense.

O que votes vai marcar a liña de actuación sindical que imos ter na Administración Autonómica nos vindeiros catro anos.

A semana do 25 ao 29 de marzo vai estar ben completa de asuntos a discutir cos responsábeis políticos da Administración. Vamos tratar a convocatoria das oposicións das escalas de letrado e técnica de estatística, a orde de convocatoria do sistema extraordinario de carreira profesional, os criterios xerais de funcionarización do persoal laboral fixo, e unha xuntanza co conselleiro do Medio Rural para discutir asuntos referentes ao persoal axente medioambiental e forestal. De entrada.

Para todos estes asuntos, podes contactar connosco e achegarnos o que consideres: contacta coa CIG

Acceso ao sistema extraordinario do grao I da carreira profesional. Vai á Comisión de persoal do luns 25. Contén cambios respecto da versión que foi á Mesa Xeral. Entre outros cambios, modifican os prazos, e crean unha nova "comisión de seguimento" para excluir aos sindicatos non asinantes. Podería publicarse o xoves 28. Descargar borrador da CP

Criterios xerais dos procesos de funcionarización do persoal laboral fixo. Vai á Comisión de Persoal do luns 25. Sen cambios respecto do documento que pasou pola Mesa Xeral tras ser negociado ás agachadas entre CCOO, UGT e Función Pública. Descargar borrador da CP.

Outras novas recentes

Martes, 30 Decembro 2025

Fin do bloqueo á xubilación anticipada de axentes ambientais: regúlanse as cotizacións

Publícase o Real Decreto-lei que regula as cotizacións adicionais do persoal bombeiro forestal e axentes ambientais e que desbloquea a xubilación anticipada do persoal axente ambiental A CIG-Autonómica valora positivamente a publicación no BOE do Real Decreto-lei 16/2025, do 23 de decembro, que regula as cotizacións adicionais para axentes forestais, ambientais e persoal...
Martes, 30 Decembro 2025

RPT AGACAL 19/12/2025

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria convócanos por fin a negociar, pero a orde de puntos a tratar é insuficiente e…..interesada? Creación dunha praza de xefatura de sección de habilitación A creación da praza, según nos trasladan, responde a unha inaxeitada dotación de persoal na creación da axencia que agora intentan corrixir. Están a recibir axuda para a xestión das...
Luns, 29 Decembro 2025

Convocatoria de concurso-oposición de diversas clases da escala de saúde pública (Lei 17/1989)

No DOG do 29/12/2025 publican a RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en diversas clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro). Convócase concurso-oposición para o ingreso nas clases de persoal...