Novas por contido

A CIG-Autonómica denunciou perante Inspección de Traballo e Sanidade a falla de material de protección nos centros de maiores da consellería de Política Social, incluído Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. A día de hoxe en moitos deles aínda non se tomaron as medidas de prevención necesarias nin se dotou de Equipos de Protección Individual (EPI) adecuado ao persoal e ademais non se tomaron medidas organizativas necesarias na xestión do persoal.

O esforzo que están facendo as compañeiras e compañeiros que traballan nos centros de Política Social, e especialmente nas residencias de maiores, por atender ás persoas maiores que viven alí, é máis que meritorio. Non temos dúbida en que as persoas maiores están no centro e son un grupo de risco perante a infección do COVID 19, e tamén somos conscientes de que as persoas traballadoras destes centros somos potenciais vectores de infección. Para a CIG é perverso que a Xunta non lles proporcione o material necesario (incluso o traen dende a casa) xa que temos claro que o coidado e as precaucións que se teñen que adoptar deben ser as máximas posibles, as mesmas que emprega o persoal sanitario.

A falta de medios materiais e persoais, de EPI´s e de protocolos específicos é o principal problema ao que se enfrontan estas traballadoras e traballadores á hora de atender ás persoas maiores. Para colmo, a consellería informa aos centros de que “só se actuaría con EPIS completos no caso de positivos no centro”, incumprindo así o deber legal de prevención do risco que teñen que ter cara o seu persoal e persoas usuarias. É dicir, só poñen medios unha vez que a infección estea dentro. Se é así co período de incubación e latencia que ten a enfermidade poden estar infectadas todas as persoas usuarias cando saia a luz o primeiro caso.

É difícil entender como aínda hoxe, 20 de marzo hai centros sociais da Xunta onde non temos o material de protección nin plan de actuación específico para combater a epidemia, máis cando estes centros deberan ter stock perante outros tipos de alertas sanitarias que se pode dar habitualmente. Rexeitamos a actitude de “botar balóns fora“ da Xunta de Galiza culpando ao Goberno central da súa ineficacia e pasotismo e da súa responsabilidade.

Dende a CIG temos en conta como está afectando o COVID-19 neste sector da poboación, e concretamente nas persoas usuarias das residencias en todo o Estado e que hai xa dúas residencias privadas de Galiza con infectados confirmados e dous casos na residencia da Xunta de maiores de Ferrol (asintomáticos). Polo que é evidente que hai que adoptar todas as medidas posibles para impedir que os nosos maiores das residencias estean en perigo. Sobre o numero de positivos cuestionamos os datos xa que falta coordinación e información, e sabemos que na maioría dos centros hai persoal de baixa (que non asiste a traballar) pero non coñecemos cal é a razón, se é medica ou de conciliación, e de ser médica, se ten relación co coronavirus. Tampouco se están a facer análises periódicos a todo o persoal traballador e residente.

É pola falta de medidas preventivas ante o COVID 19 polo que o día 18 presentamos denuncia ante a Inspección de Traballo na Coruña e en Ourense, así como ante a Subdelegación do Goberno e a Xefatura Territorial de Sanidade, e agora vimos de facelo en Lugo e Pontevedra. Este foi o último paso logo de solicitar de continuo medidas e medios dende o pasado 5 de marzo aos diferentes responsables da Xunta de Galiza.

Pedimos a dimisión inmediata dos responsables da consellería de Política Social por grave inacción e incompetencia e estudamos esixir responsabilidades penais. A conselleira, a secretaria xeral técnica, o subdirector xeral de persoal e o xerente do Consorcio e xerente adxunto son directamente responsables. É necesario que alguén competente tome xa o mando destes centros.

Outras novas recentes

Mércores, 14 Outubro 2026

Por un sistema público galego de servizos ás persoas

Dentro da campaña que se está a levar a cabo “Por un sistema público galego de servizos ás persoas”, pedimos xuntanza tanto coa Conselleira de Política social como co Conselleiro de Educación. Adxuntamos os escritos remitidos solicitando esas xuntanzas, para, se o consideras oportuno lles envíes un recordatorio de que estamos á espera dunha data. ASUNTO: O que se...
Mércores, 14 Outubro 2026

Lei de medidas 2027: negociación real ou pura farsa?

A documentación do anteproxecto da Lei de Medidas para 2027 chega o martes 13 ao mediodía, reunímonos o mércores 14 e o xoves 15 xa vai á Comisión de Persoal. A pesares de pedir adiamento por este motivo négase a mudar de data! Que negociación é esta? Unha farsa! Sen tempo para estudar, consultar co persoal nin presentar alegacións. Convocan mesas para cubrir o expediente...
Martes, 13 Outubro 2026

A Xanela. Boletín de CIG-Autonómica. Setembro/2026

Neste boletín: - E despois de todo isto? Que vai pasar cando rematen os concursos e tomas de posesión - Medio Rural asina acordos aos cachos para o persoal do SPIF - Concurso específico (a libre designación encuberta con estabilidade de 5 anos) - Movementos tras o concurso ou destino definitivo - Persoal non docente: chegou o momento de negociar Descargar