Novas por contido

A CIG Autonómica denuncia o establecemento unilateral de quendas continuadas que van dende xornadas de 24 horas e 15 días ininterrompidos no persoal de servizos sociais do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar dependente da Consellería de Política Social.

Ao longo da maña do mércores 25, e por medio de avisos por WhatsApp e ameazas da directora de area en chamada telefónica, as direccións modificaron as condicións de traballo ao persoal do Consorcio. Entre as modificacións está o aumento de quendas de ata 24 ou 38 horas de xornada e ata 15 días continuados, e cambio de centro de traballo públicos ou integrados dun día para outro. Entendemos que a función destas traballadoras e traballadores é vital e importantísima dado a crise sanitaria polo COVID 19 e o caos nas residencias de maiores de Política Social e nas privadas, pero ser servizo esencial non pode conducir ao abuso.

A improvisación é de tal magnitude que ante a negativa dalgunha compañeira de presentarse esta mesma tarde a traballar noutro centro de traballo dúas horas antes sen coñecer as condicións laborais, a Xerencia do Consorcio resposta cunha instrución por escrito coa ameaza que de non facelo pode ter consecuencias penais. Ameaza con responsabilidade penal pero non proporciona un horario, un Plan de Prevención, indicación de garantías sanitarias ou con que EPI van traballar: quen é o criminal aquí?

Unha modificación substancial das condicións laborais escura e abusiva

Nin a CIG, como representación sindical da maioría do persoal, nin os comités de empresa nin o comité intercentros, teñen constancia "oficial" desta situación esperpéntica. O estado de Alarma non é escusa para pasarse toda a lexislación laboral e de prevención de riscos laborais polo forro e ESIXIMOS a negociación urxente das condicións que vai ter o persoal, e que mentres isto non se negocie, que non se modifiquen de xeito unilateral e sexan concorde o V convenio.

Non se teñen en conta ás persoas traballadoras sensibles ou con fillas/os menores

O consorcio manifesta que o estar excluídos os servizos sociais da resolución do 15 de marzo de 2020 da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG nº 51 do 15 de marzo)… que non hai dereito nin a xustificación de ausencia por desamparo do menor, abandono de maiores ao cargo nin a non facer estas funcións por ser persoal especialmente sensible (enfermidades crónicas ou patoloxías previas, embazadas…). Unha verdadeira vergoña. Se ti estás nesta situación, ponte en contacto coa CIG. Non permitamos o abuso.

Queremos coidar ás nosas persoas maiores con seguridade, sen arriscar a súa saúde, a nosa ou a das nosas familias

Por iso volvemos a solicitar e recordar que se traballe coas garantías de seguridade e saúde laboral necesarias, os equipos de protección adecuados perante o risco de contaxio e con quendas racionais establecidas con criterio sanitario tanto para o persoal usuario e para o persoal empregado publico e as súas familias. E avisamos: o persoal poderá suspender a actividade se observa un perigo grave e inminente para a súa saúde como deixa claro o artigo 21 da Lei de prevención de riscos laborais. Que costa facer as cousas ben?

Outras novas recentes

Xoves, 02 Outubro 2025

Persoal non docente de Educación mobilízase por unhas condicións de traballo dignas

Persoal non docente da administración e servizos dos centros de ensino concentrouse na tarde deste mércores, día 1 de outubro, diante das xefaturas territoriais de Educación para reclamar a negociación dun acordo de condicións de traballo que teña en conta as características específicas da prestación deste servizos, a creación dunha estrutura profesional nas cociñas, e...
Mércores, 01 Outubro 2025

Concurso de traslados de enxeñarías, arquitectura e ciencias: apertura do prazo de toma de posesión

No DOG do 01/10/2025 publican a RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se modifica a Resolución do 9 de xullo de 2025 pola que se resolve o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma...
Venres, 03 Outubro 2025

Persoal da Xunta de Galiza reclama unha solución inmediata á parálise dos concursos de traslados (Concentración 30/09/2025)

A CIG demanda unha prelación xusta, axilidade na resolución, máis medios e a duplicidade dos postos bloqueados por medidas xudiciais Traballadoras e traballadores da Xunta de Galiza concentráronse na mañá do martes 30 de setembro de 2025 diante do edificio administrativo de San Caetano para esixir unha solución inmediata aos concursos de traslados, paralizados dende hai...