Novas por contido

Agacal convocounos a unha xuntanza para o día 26 de xullo, para tratar unha proposta de modificación da súa relación de postos de traballo (RPT). Se é do teu interese, aquí tes a súa proposta: descargar.

Para achegarnos o que consideres, podes contactar coa CIG.

A oferta de emprego público libre de SEAGA ten características “peculiares” tales coma recoñecer na fase de méritos os servizos prestados en empresas privadas ou no libre exercicio da profesión, temarios súper reducidos ou a realización dunha entrevista persoal.

A empresa pública SEAGA (Servizos Agrarios Galegos, S.A.) vai realizar a convocatoria dunha oferta pública de emprego de 58 prazas:
- 11 técnicos/as superiores
- 11 técnicos/as medios/as
- 5 oficiais 2ª administrativo/a
- 31 capataces

Unha empresa pública, cuxo capital é 100% da Xunta de Galiza, que está completamente controlada pola consellería do Medio Rural e que se rexe no sistema de selección de persoal pola Lei do emprego público de Galicia vai adxudicar, na condición de persoal laboral fixo, 11 prazas de técnico/superior e 11 de técnico/a medio/a cun salario anual que vai dos 28.000 aos 40.000 € mediante un sistema selectivo que non garante nin de lonxe os principios de igualdade, mérito e capacidade.

O conselleiro de Medio Rural, en colaboración co director xeral da Función Pública, pretende convocar este proceso selectivo en SEAGA coas seguintes características:

1- Descompoñer a oferta mediante tres sistemas.
- Primeiro, convocando prazas “continuas” (de todo o ano) e prazas descontinuas (de 6, 7 e 9 meses).
- Segundo, asignando as prazas de técnico/a superior e medio/a a 4 áreas diferentes e facendo a convocatoria separada por cada área.
- Terceiro, solicitando até 6 titulacións diferentes para técnico/a superior e 3 para técnico/a medio
A consecuencia deste sistema é que as prazas de técnico/a superior e medio son convocadas practicamente dunha en unha.

2- Establecer un temario para as prazas de técnico/a superior de 10 temas e para as de técnico/a medio de 8 temas.
Hai que ter en conta que esta é unha convocatoria libre. Non se trata dun proceso de estabilización, nin de promoción interna. A modo de comparación... a última convocatoria de prazas da Xunta de Galicia establece 101 temas para o grupo A1 e 70 para o A2, na estabilización extraordinaria da Xunta de Galicia 91 temas para o A1 e 70 temas para o A2 e na última convocatoria de promoción interna do A1 55 temas.

3- Na fase de méritos recoñecer os servizos prestados en empresas privadas ou no exercicio libre da profesión.

4- Introducir como parte do proceso selectivo unha entrevista persoal.

O director xeral de Función Pública convocounos a unha xuntanza da Mesa Xeral de Empregados Públicos (MX) para o xoves 27/07/23.

Nesta Mesa Xeral vaise tratar o contido do I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza que se estivo negociando nas xuntanzas previas da comisión negociadora creada ad hoc para este asunto e que naceu froito da insistencia amosada pola CIG.

Na orde do día tamén vai unha Proposta de Acordo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e as organizacións sindicais para a integración do persoal do GAIN nas estruturas da administración da Xunta de Galiza, mais temos que salientar que sobre este asunto non nos enviaron documentación.

Esta é a documentación da que dispoñemos a falta de que nos envíen a que está pendente:

Diagnose da situación de igualdade no seo da Administración da Xunta de Galiza I

Diagnose da situación de igualdade no seo da Administración da Xunta de Galiza II

Diagnose da situación de igualdade no seo da Administración da Xunta de Galiza III

Protocolo de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo

Medidas/obxectivos do I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza

 

O director xeral de Defensa do Monte vólveo a facer: iluminado pola gracia divina, escolle a un grupo de funcionarias/os públicos que van ser parte dunhas unidades segredas chamadas UDEX

As UDEX ou Unidades de Directores de Extinción aparecen no PLADIGA (Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza) como por arte de maxia. Trátase dunha unidade de directores de “elite” para dirixir grandes incendios forestais. Supoñemos que terán formación avanzada e medios que non terá o resto do persoal, pero non sabemos nada máis.  Iso si, os compañeiros elixidos “a dedo” polo director xeral terán “nivel 22 ou 25” e “consolidarán ese grao persoal” e estarán ás ordes directas do director xeral de Defensa do Monte

No PLADIGA 2023 a UDEX é definida como un equipo de traballo formado por persoal especialmente cualificado e especializado nas labores de Dirección de Extinción que, en lumes con elevado potencial de converterse en gran incendio forestal de nivel (operativo) B ou C, poderán ser mobilizados polo Centro de Control Central (CCC) para a súa intervención, coa intención de facilitar e favorecer o correcto desenvolvemento do operativo asumindo a Dirección Técnica de extinción á súa chegada ao lume.

Esta, como outras novidades do PLADIGA, que afectan a funcións e traballo do persoal, son materia obrigada de negociación colectiva e a día de hoxe aínda NON FORON NEGOCIADAS e non existen nin na estrutura nin na RPT da consellería. 

Os postos da UDEX non existen, nin na RPT nin fóra

Nin localidade de adscrición, nin se sabe como van cobrar ese nivel 22-25, nin que funcións van ter, nin en que demarcación, nin cales van ser as súas condicións laborais e salariais… Os ruxe ruxe din que estarán as ordes directas do director xeral e que traballarán as 24 horas .. O que está claro con todo isto é que este director pensa que a Administración pública é Transportes Manuel Rodríguez SL. 

Porén, aínda que as prazas non existen, sabemos que se escolleu en segredo ao persoal para formar parte destas unidades, e que xa se lles fixo entrevista na propia Dirección Xeral. Un escándalo maiúsculo na Administración pública.

Xa denunciamos este proceder ante o novo Secretario Xeral Técnico da Consellería de Medio Rural, que estrea cargo cun bo grupo de secuaces; máis polo de agora non respondeu.

O funcionamento das UDEX contradí o propio PLADIGA

A pesar de que as funcións UDEX veñen recollidas no PLADIGA, as últimas noticias que chegaron aos distritos apuntan a que estes UDEX van participar unicamente como apoio aos directores e directoras de extinción dos lumes forestais. Incluso hai quen di que van funcionar de espías do director.. (deixamolo aí). O que temos claro é que os/as compañeiros/as da UDEX desaparecen das cartelerais de traballo dos distritos a partir do 19 de xullo, e NON OS SUBSTITÚE NINGUÉN. 

O que si está claro é que o director xeral de Defensa do Monte é un seductor que se alimenta da ilusión das persoas. Máis o fin non xustifica os medios, señor secretario xeral técnico da CMR, ou o paras ti ou parámolo nós

ASI NON!

A CIG-Autonómica presentou unha queixa na Valedora do Pobo para que paralice as actuacións contrarias a dereito da Consellaría do Medio Rural nesta materia

Responsábeis do sector de Autonómica da CIG-Administración presentamos hoxe xunto a delegados/as e traballadores/as do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) da Xunta de Galiza unha queixa diante da Valedora do Pobo en Santiago para reclamarlle que inste a negociación urxente dun acordo marco regulador das condicións de traballo do persoal e paralice todas as actuacións contrarias a dereito da Consellaría do Medio Rural.

A situación afecta directamente a uns 500 traballadores/as e indirectamente a outros/as 2200

A secretaria nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, advertiu do “caos” existente no operativo de extinción de incendios da Xunta como consecuencia de ter funcionarizado arredor de 500 traballadores/as sen regular antes as súas condicións laborais e denunciou que a Dirección Xeral de Defensa do Monte está a mudar fórmulas de traballo, protocolos e funcións do persoal mediante o envío de circulares. Isto fai que a situación sexa insostíbel, polo que vimos de demandarlle á Valedora que inste a que haxa unha negociación e se paralice este ‘ordeno e mando’ da Consellaría.

Denunciamos que este recente proceso de funcionarización deixou os traballadores/as afectados/as fóra do V Convenio Colectivo Único e o seu anexo de aplicación para o persoal do SPIF. Esta falta de regulación de case a metade do servizo afecta por extensión ao resto dos 2200 bombeiros/as forestais cos que comparten brigada, medios e traballo na extinción de incendios forestais o que por en risco de forma directa o servizo público e a saúde e seguridade do persoal.

Esixencia normativa

Nal CIG censuramos que tanto a Consellería do Medio Rural como a de Facenda e Administración Pública ignorasen a nosa solicitude, como organización sindical maioritaria, para negociar as condicións laborais con carácter previo á funcionarización, proceso que ademais tivo lugar o pasado 3 de xullo, xusto ao comezo da campaña de incendios forestais e sen prever as consecuencias que para o desenvolvemento do servizo ía ter a falta de regulación de funcións e dereitos laborais de case unha terceira parte do persoal.

Xunto á solicitude de negociación dende a CIG Autonómica enviamos tamén unha proposta de acordo marco regulador na que contemplaba a conexión do servizo e a convivencia do persoal funcionarizado e laboral para garantir a viabilidade do servizo e que fora negociada mediante os procesos de negociación colectiva do persoal empregado público no marco da Mesa Xeral de Empregados/as Públicos/as.

De feito, a propia Lei de Emprego Público de Galiza recolle como materias obxecto de negociación para o persoal funcionario as que afecten a retribucións e condicións de traballo do persoal funcionario, e especificamente as relativas a calendario laboral, horarios, xornadas, vacacións, funcións, etc. No caso do persoal do SPIF, estas condicións son específicas, polo que na CIG Autonómica entendemos que teñen que ser obxecto dun proceso de negociación colectiva que derive nun acordo de condicións de traballo no que se regule o servizo, as funcións e os dereitos laborais derivados desta prestación especial.

Risco para o persoal

A Consellería do Medio Rural está a ignorar a norma e a necesidade de negociar este acordo, e mediante circulares internas está a mudar directamente o protocolo de funcionamento habitual para asignar funcións e responsabilidades que até o de agora non eran propias deste persoal. Circulares que non son nin negociadas nin tan sequera comunicadas ás organizacións sindicais, aos comités de empresa ou ás xuntas de persoal. O mesmo proceder aconteceu coa falta de negociación do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA), a pesar de que introduce novas funcións, tarefas e organización territorial.

Dende a CIG Autonómica manifestamos que este proceder habitual da Consellaría de regular condicións de traballo e funcións sen negociación colectiva non se pode volver a repetir, tendo en conta o grave risco que supón para o persoal empregado público que desenvolve tarefas de extinción de lumes. Ante esta situación non nos queda outra que acudirmos á Valedora do Pobo con carácter previo a outras vías pola dificultade e lentitude legal que supón o amparo xudicial cando hai implicado persoal funcionario e a urxencia de ter iniciado a campaña de incendios de 2023 nestas condicións.

Asistimos á xuntanza do 18 de xullo convocada por Sanidade para tratar a Relación de Postos de Traballo (RPT) da Consellaría de Sanidade, derivada do acordo de condicións de traballo do persoal Farmacéutico Inspector de Saúde Pública (FISP). 

Para as persoas responsábeis da Consellaría, esta RPT da forma a un Acordo que consideran xa pechado. Queren que tanto o Acordo como a RPT vaian xuntas, o que impllica deixalo para despois de agosto.

Respecto do Acordo, a CIG manifestou que insistimos na necesidade de darlle unha volta ás gardas localizadas, pois se non compensan con descanso implicará un exceso da xornada máxima anual.

Respecto da RPT, a CIG pediu explicacións polos postos que amortizan e que nin mencionan na memoria funcional: 18 postos de farmacéutico/a titular, 1 xefatura de área e 2 xefaturas de sección. Estes postos, si aparecen recollidos na memoria económica. Sabemos que os farmacéuticos/as titulares xa non existen, e explican que os outros tres son restos dos traslados dos laboratorios a Lugo, e que non teñen nin código. 

A CIG solicitou que se elimine a externalización de servizos, como é o control de augas de baño, e se utilice ese diñeiro para financiar a RPT evitando a destrución de emprego.

Independentemente do que vaia a votar a CIG, os efectos económicos do Acordo son dende a súa sinatura, e non vemos razón algunha a retrasalo ata despois de agosto. Xa que logo, queremos que o Acordo quede asinado neste mes de xullo. E xa tramitaremos a RPT posteriormente.

A CIG gañou o conflito colectivo ante o TSXG, que declara nula a cláusula contractual na que se suspendía o contrato ao persoal substituto nos períodos vacacionais no que pechan as escolas infantís

Nas Escolas Infantís da rede pública de cero a tres anos, a administración galega castigaba ao persoal substituto ao deixalo sen cotizar, sen cobrar e sen acceso á prestación por desemprego durante o período vacacional, na que lles suspendían o contrato aínda que as persoas traballaran todo o ano.

A xeneralización desta cláusula inxusta nos contratos de traballo por parte da Consellería de Política Social xeraba graves prexuízos para o persoal afectado.

No mes de marzo, a CIG xa gañara o mesmo conflito ante o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. A cláusula anulada establecía o seguinte:

As vacacións anuais serán de (__) proporcionais ao tempo traballado segundo o convenio. En calquera caso, e en aplicación do estabelecido no artigo 45.1 b) do Estatuto dos Traballadores e das Traballadoras, durante o período de pechamento da Escola Infantil o presente contrato ficará suspendido, ficando exoneradas as partes contratantes das súas obrigas recíprocas de traballar e remunerar o traballo durante tal período.

En días previos ao xuízo, á Xunta de Galiza achegou ao proceso 4 certificados das delegacións provinciais ás que está adscrita a Axencia Galega de Servizos Sociais (AGSS), acreditativos de que a Administración acordara non introducir a cláusula de suspensión de contratos a partires do mes de marzo do 2023, data na que adquiriu firmeza a sentenza contra o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar gañada pola CIG.

O día da vista oral a letrada da Xunta de Galiza pretendeu que o Tribunal rematara o proceso xudicial sen xulgar o fondo do asunto. Para iso aducía que, como dende marzo a Xunta fixera compromiso de non introducir a cláusula nos contratos do persoal interino, o preito xa non tería obxecto.

O que pretendía a Xunta era non ter unha nova sentenza en contra e quedar libres para poder facer uso da cláusula nun futuro.

O TSXG non caeu na trampa e, atendendo aos argumentos da CIG, ditaminou nula a cláusula para o persoal da AGSS.

A consellería de Sanidade convocounos a unha xuntanza para o vindeiro 18 de xullo de 2023 para tratar a modificación da relación de postos de traballo (RPT) da consellería derivada do Acordo entre a Consellería de Sanidade e as organizacións sindicais sobre a modificación da relación de postos de traballo e ordenación e mellora da prestación de servizos farmacéuticos oficiais da clase de farmacéuticos/as inspectores/as de Saúde Pública (FISP).

Coñecido xa que o antedito acordo vai contar co apoio de CSIF, SEPGA, CCOO e UGT, e coa CIG en solitario mantendo a tensión, a consellería presenta unha nova modificación do acordo e a proposta de modificación da RPT para adaptala ao citado acordo e dar así por finiquitado o asunto. 

Se che interesa, aquí podes descargar a proposta de RPT e de Acordo. Para achegarnos o que consideres, podes contactar coa CIG.

No DOG do 14/07/2023 publican:

- RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario da Xunta de Galiza (subgrupo AP).

- RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario da Xunta de Galiza (subgrupo AP).

As persoas aspirantes poderán consultar o estado das solicitudes de inscrición presentadas e a situación como admitidas ou excluídas en fides.xunta.gal

A lista completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión, poderase consultar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Así mesmo, e segundo a base I.4 das que rexen o proceso selectivo, nesta lista figuran as persoas aspirantes que teñen pendente de acreditar que están en posesión do Celga requirido.

As persoas aspirantes excluídas, as que non figuren en ningunha das listas, así como aquelas persoas que non acreditaron estar en posesión do Celga requirido, disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para reclamar ou emendar o defecto que motivou a exclusión ou acreditar que posuían antes do día de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no proceso selectivo o Celga 2 ou equivalente debidamente homologado.

No DOG do 14/07/2023 publican a RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se anuncia a exposición das listaxes provisionais de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2022, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade para o persoal da Administración da Xunta de Galiza.

Fan públicas as listaxes provisionais das axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2022 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública http://funcionpublica.xunta.es/?q=FAS

Para o coñecemento íntegro do acto os solicitantes deberán introducir nos espazos habilitados para o efecto o NIF e mais o código de impresión da súa solicitude.

Outras novas recentes

Martes, 24 Marzo 2026

Aproban o novo PLADIGA 2026 sen negociar, una ano máis

A Xunta impón un novo PLADIGA 2026, tras un 2025 marcado polo conflito, o incumprimento de acordos e o caos na xestión da vaga de lumes Na CIG-Autonómica denunciamos que a Xunta de Galiza volve actuar de maneira unilateral, aprobando e anunciando o PLADIGA 2026 (Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galiza), sen negociación previa e ignorando...
Martes, 24 Marzo 2026

Xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellaría do Mar (17/03/2026)

Avaliacións de riscos psicosociais Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) Dende a CIG recordámoslle á Administración que se están a incumprir as medidas acordadas após a avaliación de riscos psicosociais no Igafa. Estas medidas son de obrigatorio cumprimento, polo que esiximos a súa implantación de forma inmediata. Escola Oficial Naútico-Pesqueira de Ferrol A...
Mércores, 18 Marzo 2026

A CIG mobilízase en Educación e entrega máis dun milleiro de sinaturas pola negociación dun acordo para o persoal non docente

p7VNTytjpwg Preto de 5.000 traballadores e traballadoras de Administración e Servizos dos centros de ensino carecen dunha regulación actualizada das súas condicións laborais A CIG mobilizouse o martes 17 de marzo diante da Consellería de Educación para reclamar a apertura dunha mesa de negociación que permita aprobar un acordo de condicións de traballo para o persoal de...