Novas por contido

A CIG-Autonómica presentou unha queixa na Valedora do Pobo para que paralice as actuacións contrarias a dereito da Consellaría do Medio Rural nesta materia

Responsábeis do sector de Autonómica da CIG-Administración presentamos hoxe xunto a delegados/as e traballadores/as do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) da Xunta de Galiza unha queixa diante da Valedora do Pobo en Santiago para reclamarlle que inste a negociación urxente dun acordo marco regulador das condicións de traballo do persoal e paralice todas as actuacións contrarias a dereito da Consellaría do Medio Rural.

A situación afecta directamente a uns 500 traballadores/as e indirectamente a outros/as 2200

A secretaria nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, advertiu do “caos” existente no operativo de extinción de incendios da Xunta como consecuencia de ter funcionarizado arredor de 500 traballadores/as sen regular antes as súas condicións laborais e denunciou que a Dirección Xeral de Defensa do Monte está a mudar fórmulas de traballo, protocolos e funcións do persoal mediante o envío de circulares. Isto fai que a situación sexa insostíbel, polo que vimos de demandarlle á Valedora que inste a que haxa unha negociación e se paralice este ‘ordeno e mando’ da Consellaría.

Denunciamos que este recente proceso de funcionarización deixou os traballadores/as afectados/as fóra do V Convenio Colectivo Único e o seu anexo de aplicación para o persoal do SPIF. Esta falta de regulación de case a metade do servizo afecta por extensión ao resto dos 2200 bombeiros/as forestais cos que comparten brigada, medios e traballo na extinción de incendios forestais o que por en risco de forma directa o servizo público e a saúde e seguridade do persoal.

Esixencia normativa

Nal CIG censuramos que tanto a Consellería do Medio Rural como a de Facenda e Administración Pública ignorasen a nosa solicitude, como organización sindical maioritaria, para negociar as condicións laborais con carácter previo á funcionarización, proceso que ademais tivo lugar o pasado 3 de xullo, xusto ao comezo da campaña de incendios forestais e sen prever as consecuencias que para o desenvolvemento do servizo ía ter a falta de regulación de funcións e dereitos laborais de case unha terceira parte do persoal.

Xunto á solicitude de negociación dende a CIG Autonómica enviamos tamén unha proposta de acordo marco regulador na que contemplaba a conexión do servizo e a convivencia do persoal funcionarizado e laboral para garantir a viabilidade do servizo e que fora negociada mediante os procesos de negociación colectiva do persoal empregado público no marco da Mesa Xeral de Empregados/as Públicos/as.

De feito, a propia Lei de Emprego Público de Galiza recolle como materias obxecto de negociación para o persoal funcionario as que afecten a retribucións e condicións de traballo do persoal funcionario, e especificamente as relativas a calendario laboral, horarios, xornadas, vacacións, funcións, etc. No caso do persoal do SPIF, estas condicións son específicas, polo que na CIG Autonómica entendemos que teñen que ser obxecto dun proceso de negociación colectiva que derive nun acordo de condicións de traballo no que se regule o servizo, as funcións e os dereitos laborais derivados desta prestación especial.

Risco para o persoal

A Consellería do Medio Rural está a ignorar a norma e a necesidade de negociar este acordo, e mediante circulares internas está a mudar directamente o protocolo de funcionamento habitual para asignar funcións e responsabilidades que até o de agora non eran propias deste persoal. Circulares que non son nin negociadas nin tan sequera comunicadas ás organizacións sindicais, aos comités de empresa ou ás xuntas de persoal. O mesmo proceder aconteceu coa falta de negociación do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA), a pesar de que introduce novas funcións, tarefas e organización territorial.

Dende a CIG Autonómica manifestamos que este proceder habitual da Consellaría de regular condicións de traballo e funcións sen negociación colectiva non se pode volver a repetir, tendo en conta o grave risco que supón para o persoal empregado público que desenvolve tarefas de extinción de lumes. Ante esta situación non nos queda outra que acudirmos á Valedora do Pobo con carácter previo a outras vías pola dificultade e lentitude legal que supón o amparo xudicial cando hai implicado persoal funcionario e a urxencia de ter iniciado a campaña de incendios de 2023 nestas condicións.

Outras novas recentes

Mércores, 30 Setembro 2026

Erros na elección de destino en C1-C2-AP de mantemento, RRNN, cociña, condución, análise de laboratorio e limpeza

A Xunta publicou en DOG o mércores 30 a convocatoria para a elección de destino de diversas escalas de C1-C2-AP (mantemento, RRNN, cociña, condución, análise de laboratorio e limpeza). Inmediatamente detectamos numerosos erros na relación de postos ofertados, incluíndo códigos repetidos, polo que falamos con persoas responsábeis da Dirección Xeral de Emprego Público e...
Martes, 29 Setembro 2026

A EGAP responde ás críticas da CIG con autoritarismo

A nosa central denuncia que a Dirección converte o Consello Reitor da Escola nun órgano decorativo A CIG non asistiu ao Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) do 23 de setembro como medida de protesta polos reiterados atrancos impostos pola Dirección da Escola á participación da única organización sindical que fiscaliza criticamente a súa...
Martes, 29 Setembro 2026

Campaña de revisións médicas 2026-2027 en centros de ensino

Prazos de inscrición Persoal nomeado antes do 25 de setembro: dende o 25 de setembro ao 31 de outubro. Persoal nomeado o 26 de setembro ou despois: dende o día 1 ao 20 do mes seguinte á súa toma de posesión. Persoal interino e substituto: dende o día 1 ao 20 do mes seguinte a aquel no que se cumpran os 65 días traballados de forma ininterrompida, contados dende o...