Novas por contido

O goberno de Alfonso Rueda volve a ofertar a mans privadas a xestión do centro ocupacional Souto de Leixa, que atende a persoas adultas discapacitadas, e que xa leva varios lustros dunha desastrosa xestión privada. Nesta ocasión queren concederlle unha concesión por 12,7 millóns en 4 anos.

Alá polo ano 2010 as nais e pais de alumnado do centro “Souto de Leixa” agardaban ilusionados a asunción deste centro pola Consellería de Política Social para que os seus fillos e fillas poideran permanecer atendidos nel unha vez que foi escindido do colexio de educación especial “Terra de Ferrol” no que non podían continuar por seren maiores de 21 anos.

A creación do novo centro a cargo de Política Social era un proxecto que levaban moito tempo agardando xa que fora un compromiso que a Xunta adquirira dende había tempo e que dera os primeiros pasos da súa creación co goberno bipartito.

Pero chegou Feijoo e retorceu este compromiso para privatizar a atención dos usuarios máis vulnerables poñendo o centro en mans da empresa Clece, asegurando que o centro non se privatizaba, senon que “externalizaba a súa xestión” e con este eufemismo vendeu ás nais e pais dos usuarios, ó persoal público do “Souto de Leixa” e sobre todo ós própios usuarios.

De nada valeron as denuncias públicas e as movilizacións masivas de pais, nais, e de todo o persoal do centro, que permaneceron semanas pechados no Concello de Ferrol e organizaron diferentes manifestacións tanto en Ferrol como en Santiago apoiados pola CIG; á volta das vacacións de nadal do ano 2010 o persoal da Xunta de Galicia que traballaba no “Souto de Leixa” atopouse coa realidade dunhas portas pechadas que lles impedían acceder ó seu posto de traballo e cun cese inmediato; nin sequera houbo a prometida subrogación dos traballadores e traballadoras que levaban anos alí prestando servizos, foron despedidas 54 persoas amortizando os postos a traición, sin negociación posible.

A partir de aí a atención dos usuarios perdeu toda a boa calidade que tiña, aparecendo estes mal vestidos, desaseados e incluso queixándose de pasar fame. Moitas familias levaron ós seus fillos e familiares para outros centros ou para o domicilio despois de moitos anos sendo alumnos e o deterioro dos que permaneceron alí foi patente a pesares de que dende a CIG puidemos comprobar como os xestores recibían diferentes subvencións públicas e o denunciamos.

A primeira adxudicación foi de 6,9 millóns de euros para 3 anos, máis algunha subvención a maiores que saiú publicada no DOG; a partír de aí os contratos foron encadeándose con sucesivas concesións á empresa privada que non melloraron nunca o servizo.

A CIG ten denunciado reiteradamente a penosa situación no que se atopa o Souto de Leixa, o deterioro das instalacións do centro e do servizo, e as graves carencias que acusa tanto de persoal como de medios. Así mesmo denunciamos a situación do persoal que alí traballa, chegando a gañar unha demanda que obrigou á empresa a abonar un incremento salarial xa no ano 2018.

É que as empresas privadas non teñen vontade de servizo público, porque non o son; están aí para gañar cantos máis cartos mellor a costa tanto da precariedade dos traballadores como dos usuarios; a CIG leva tempo denunciando as deficiencias do centro e a escasez de persoal que a empresa intenta soterrar baixo un control férreo que chega ata tratar de manipular os libros de incidencias, facer contínuos cambios nas instruccións e practicas fora da legalidade. No pasado ano despediron a 3 persoas disfrazando como despedimentos disciplinarios o que na realidade foron represalias.

Agora o goberno do PP de Rueda volve a ofertar a mans privadas o “Souto de Leixa” mediante o que chama un “réximen de concerto social do seu funcionamento” utilizando un novo eufemismo no vano afán de disfrazar outra vez o que é unha pura privatización, e ten os bemoles de asegurar na prensa que a xestión irá da man dunha “entidade sen ánimo de lucro” á que lle vai regalar a xestión do centro durante un mínimo de 4 anos polo importe de 12,7 millóns de euros, aínda que polas experiencias anteriores podemos estar seguros de que polo camiño deses 4 anos irán caendo subvencións de cando en vez. Amenaza ademáis con prorrogar o contrato ata 10 anos.

Non, señor Rueda, a única entidade que sen ánimo de lucro atende da mellor maneira posible ós usuarios máis desfavorecidos é o servizo público; nos centros públicos non hai obscurantismo, hai apertura e transparencia porque o persoal público non ten nada que tapar. Debería reflexionar antes de volver a poñer ás persoas máis vulnerables nas mans de mercaderes.

Facémonos eco do que berrabamos nas movilizacións da privatización no 2010:

SE QUERES PRIVATIZAR, A QUEN QUERES COLOCAR?

Outras novas recentes

Mércores, 30 Setembro 2026

A CIG reclama unha comisión paritaria e negociación real antes da aprobación do plan anual de formación 2027 da EGAP

A CIG vén de instar á Dirección Xeral de Emprego Público a constituír e convocar a Comisión Paritaria de Formación para o Sector da Autonómica e a garantir a negociación efectiva da formación antes de que o plan anual 2027 sexa aprobado polo Consello Reitor da EGAP; así como antes da aprobación dos restantes plans específicos de formación do sector. A formación non pode...
Martes, 29 Setembro 2026

Campaña de revisións médicas 2026-2027 en centros de ensino

Prazos de inscrición Persoal nomeado antes do 25 de setembro: dende o 25 de setembro ao 31 de outubro. Persoal nomeado o 26 de setembro ou despois: dende o día 1 ao 20 do mes seguinte á súa toma de posesión. Persoal interino e substituto: dende o día 1 ao 20 do mes seguinte a aquel no que se cumpran os 65 días traballados de forma ininterrompida, contados dende o...
Xoves, 01 Outubro 2026

Publicación listas provisionais PSX e xerocultor/a

No DOG do 01/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as listas provisionais para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de persoal de servizos...