Novas por contido

Persoal non docente da administración e servizos dos centros de ensino concentrouse na tarde deste mércores, día 1 de outubro, diante das xefaturas territoriais de Educación para reclamar a negociación dun acordo de condicións de traballo que teña en conta as características específicas da prestación deste servizos, a creación dunha estrutura profesional nas cociñas, e recuperar e mellorar os dereitos do V Convenio colectivo.

      

Con estas protestas simultáneas, a CIG dá continuidade á manifestación realizada o pasado 30 de xuño diante do edificio da Xunta en Santiago de Compostela na que participaron máis de 300 traballadores e traballadoras. Porén, a Consellaría de Educación segue a ignorar ao seu persoal dando largas a unha negociación que se tiña que ter producido xa hai anos. 

Están sen negociar ratios e itinerancias, que na Xunta hoxe xa son peores que no sector privado; o persoal funcionario e administrativo leva máis de 20 anos sen negociar condicións; e agora tampouco están reguladas as funcións e as condicións laborais do persoal que quedou sen convenio logo da funcionarización.

Un proceso, ademais, no que algunhas categorías foron funcionarizadas á baixa, desprofesionalizándoas, como é o caso do persoal coidador ou o persoal de cociña.

       

Abusos e arbitrariedades

Neste escenario, o persoal non docente dos centros de ensino é presa dos abusos e arbitrariedades das direccións e xefaturas territoriais. Mesmo empregan, cando hai conflito, á Inspección Educativa malia que este persoal non é docente, senón que pertence á Administración Xeral. 

Por outra parte a falta de negociación das condicións laborais deixa ao persoal coidador, limpador, interprete de signos, persoal das cociñas, conserxe e administrativo, persoal de enfermeiría e mantemento como o último grande colectivo de traballadores e traballadoras da Administración Autonómica sen un acordo de condicións de traballo e sen ter sequera unha mesa de interlocución para a negociacións das cuestións que lles afectan.

Neste senso, a CIG critica que as persoas con responsabilidade da Consellería de Educación, cando aparece nas mesas xerais de negociacion, non queren tratar as cuestións do seu persoal. A estes colectivos pertencen máis de 4.800 compañeiros e compañeiras da Administración da Comunidade Autónoma de Galiza, que están clamando porque a Consellería atenda as súas reivindicacións.

Como medidas máis urxentes, dende a CIG esiximos:

  • A negociación dun acordo de condicións de traballo que recupere e mellore os dereitos do V Convenio, para todo o persoal non docente, da administración e servizos dos centros de ensino (PAS)

  • O encadre das escalas segundo a titulación requirida para o acceso, dacordo coa Lei do emprego público de Galiza e o Estatuto básico do persoal empregado público. Conformando unha estrutura profesional nas cociñas

  • A eliminación da agrupación profesional e a promoción ao subgrupo C2

  • A separación das escalas de axudante de cociña e camareira-limpadora

  • A negociación de “ratios” para o persoal non docente, subalterno, limpador e auxiliar

  • A negociación das funcións e condicións de traballo do persoal coidador, administrativo, subalterno e resto de escalas que prestan servizo nos centros de ensino

  • Estabelecer tempo para a preparación da interpretación para o persoal intérprete de linguaxe de signos

  • A mellora salarial de todo o persoal non docente

Por todo isto, o persoal continuará mobilizándose até sentar nunha mesa á Consellaría e poñer as bases dun Acordo que recolla estas e outras reivindicacións que dignifiquen as nosas profesións e respecten os nosos dereitos.

Outras novas recentes

Mércores, 25 Febreiro 2026

Nova reunión a tres en Medio Rural: máis do mesmo para gañar tempo e dividir ao persoal do SPIF

A Consellaría do Medio Rural volve reunir a CCOO, UGT e CSIF nun novo encontro á marxe dunha mesa formal de negociación, deixando fóra á CIG, sindicato maioritario. Non é un feito illado: é unha dinámica repetida que busca dividir ao persoal, crear titulares e gañar tempo sen afrontar unha negociación real. As organizacións que se prestan a este xogo actúan como cobertura...
Venres, 06 Marzo 2026

A Xunta deixa de valorar a permanencia e medidas de conciliación nos concursos de traslados do seu persoal

A experiencia no mesmo posto durante anos, e o achegamento ao domicilio de fillos/as e persoas en situación de dependencia, deixan de ser un dos baremos para decidir os traslados do persoal funcionario. Nos últimos concursos de traslados, recentemente levados pola Xunta ás mesas de negociación e convocados (escalas de estatística, expertos/as lingüistas, educación infantil,...
Xoves, 05 Marzo 2026

RPT da Consellaría do Mar (MSF 03/03/2026)

Ademais da eliminación do R.I. do título profesional de capitá/n ou piloto da Mariña Mercante só para 2 dos postos de profesorado de navegación marítima (Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol), —mentres o resto de postos o conservan—, agora a DXEP quere incluír neses mesmos 2 postos ese R.I. convertido en mérito, cambiando deste xeito as condicións establecidas na...