Novas por contido

Preto de 5.000 traballadores e traballadoras de Administración e Servizos dos centros de ensino carecen dunha regulación actualizada das súas condicións laborais

A CIG mobilizouse o martes 17 de marzo diante da Consellería de Educación para reclamar a apertura dunha mesa de negociación que permita aprobar un acordo de condicións de traballo para o persoal de Administración e Servizos dos centros educativos da Xunta de Galiza. Aproveitando a concentración ás portas do complexo de San Caetano, os delegados e delegadas da CIG fixeron entrega no rexistro central de máis dun milleiro de sinaturas recollidas entre o persoal afectado, dirixidas á Consellería, nas que se reclama a regulación das súas funcións e dos seus dereitos laborais.

Así mesmo, tras entregar as sinaturas, representantes da central sindical mantiveron un encontro co subdirector xeral de Recursos Humanos -xa que o director xeral non estaba no edificio- a quen se lle trasladou de primeira man a necesidade de convocar xa a mesa para iniciar a negociación dun acordo, advertíndolle que as mobilizacións continuarán mentres non se atendan as lexítimas e xustas demandas deste colectivo.

Na actualidade 4.945 empregados e empregadas públicas dos centros educativos carecen dunha regulación actualizada das súas condicións laborais. Destas persoas, máis de 3.000 quedaron no ano 2024 sen regulación específica tras o proceso de funcionarización, ao quedar excluídos do V Convenio Colectivo Único ao mudar de réxime xurídico. A isto súmase que o acordo que regula o resto do persoal funcionario dos centros (subalterno e persoal administrativo) está completamente obsoleto e non se adapta á nova realidade dos centros.

Este persoal ten unhas condicións absolutamente indignas, sen garantías xurídicas dos seus dereitos, cunhas diferenzas enormes dentro do propio colectivo en canto ás funcións e horarios, cunhas rateos que están desfasadas e que a Consellaría non cumpre, pois nin sequera se substitúen as ausencias.

O pasado 10 de outubro, e tras varias mobilizacións, houbo unha reunión con Educación, na que a Administración solicitou tempo para estudar as demandas e “prometeunos chegar a un acordo que abordase a diversidade de categorías profesionais existentes”. Porén, a día de hoxe, a Consellería continúa calada, sen convocar unha mesa de negociación nin ofrecer avances de ningún tipo.

Problema derivado unha funcionarización “chapuceira”

Este colectivo é persoal empregado público que ten que ter unhas condicións dignas de traballo. Porén, a Consellaría perpetúa o trato discriminatorio e as vulneracións de dereitos, con permisos que en ocasións son denegados automaticamente simplemente polo feito de traballar nun centro educativo, así como rateos de traballo abusivas e obsoletas -que levan máis de 30 anos sen revisarse- e unha falta de delimitación clara das funcións de cada grupo profesional que traballa nos centros educativos.

Reclamamos tamén unha reorganización das escalas que permita corrixir os problemas derivados do proceso “de funcionarización á baixa” realizado de forma chapuceira pola Xunta, CCOO e UGT con pactos previos e sen negociación real. Cómpre garantir o correcto encadre das categorías nos grupos ou subgrupos que lles corresponden segundo a titulación requirida, xa que na maioría dos casos foron rebaixados e desprofesionalizados.

O caos laboral é importante, pois persoal da mesma categoría profesional realiza unhas funcións ou outras dependendo do centro educativo no que traballe e, incluso, as súas tarefas varían se muda a equipa directiva do centro.

Outras Consellarías xa negociaron acordos

Durante a concentración salientouse que hai outras consellerías que xa negociaron acordos de condicións laborais, como o persoal dos centros de Política Social e o que traballa nos incendios forestais, pero a Xunta está claramente a ningunear ao persoal dos centros de ensino. A pesar de ser preto de 5.000 compañeiras e compañeiros, apenas hai 4 ou 5 en cada centro, polo que están nunha situación de illamento que ademais de limitar a efectividade e capacidade de protesta, tamén fai que sexan máis susceptíbeis de sufrir abusos.

Xa temos advertido de que existen centros educativos nos que se están a producir situacións de abuso laboral, coaccións ou tratos discriminatorios cara ao persoal non docente, polo que non descartamos trasladar futuras accións sindicais tamén ás portas destes centros e se isto non se lle da solución acudiremos aos tribunais.

A CIG-Autonómica reitera que uns servizos públicos de calidade pasan necesariamente por garantir condicións laborais dignas para quen os presta, e anuncia que continuará coas mobilizacións ata que a Consellería de Educación abra unha mesa de negociación para aprobar un acordo de condicións laborais para o persoal non docente.

Outras novas recentes

Venres, 24 Abril 2026

Corpos xerais: teñen unha lea monumental coas eleccións de destino e non dan información

Na Comisión de Persoal de 24/04/2026 voltamos a esixir que nos convoquen xa á reunión á que se comprometeron. Na Mesa Xeral do 21/04/2026 comprometéronse a convocarnos a unha xuntanza de carácter técnico para solventar o problema dos actos de elección de destino. Nin nos enviaron datos, nin a listaxe de postos. Non podemos saber cantos postos quedaron vacantes da fase de...
Venres, 24 Abril 2026

Puntuacións provisionais do concurso de traslados dos subgrupos C1 e C2 (Administración especial) e agrupación profesional

 No DOG do 24/04/2026 publican a RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as puntuacións provisionais das persoas participantes admitidas no concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de varias escalas e especialidades do corpo de axudantes de carácter facultativo...
Luns, 20 Abril 2026

Comité de Seguridade e Saúde Laboral - Política Social (15/04/2026)

O 15 de abril tivemos a xuntanza do CSSL da Consellaría de Política Social e tratamos os asuntos que deseguido se indican: Na Residencia de Maiores das Gándaras veñen trasladando dende hai un tempo que hai un problema de gases na lavandaría. De feito, algunhas das traballadoras acudiron á Mutua por reaccións alérxicas que lles causaron a baixa laboral. Con respecto a isto,...