Novas por contido

A CIG demanda a apertura con carácter inmediato dunha negociación para corrixir as inxustizas que sofre o persoal de limpeza nos centros de ensino

Os rateos do persoal de limpeza nos centros de ensino continúan rexéndose por unha circular do ano 1994, unha normativa completamente desfasada que a Administración se nega a actualizar, malia a evidencia do cambio radical que experimentaron os centros educativos. Dende a CIG denunciamos esta situación como unha mostra máis do abandono e da falla de vontade política para dignificar as condicións laborais do persoal non docente.

Non é aceptábel que se sigan aplicando criterios pensados para aulas con mobiliario básico cando a realidade actual pasa por centros con laboratorios, talleres de formación profesional, aulas tecnolóxicas e espazos especializados que multiplican a carga de traballo. Esta situación non é froito do descoñecemento, senón dunha decisión consciente de non investir nin mellorar as condicións deste colectivo.

A comparación co persoal das empresas concesionarias da Xunta resulta demoledora: mentres estas establecen rateos de arredor de 1.300 m² por persoa, o persoal de limpeza de Educación ten que asumir até 1.800 m², nun claro exemplo de explotación laboral dentro da propia Administración. A isto hai que engadir que seguen a manterse as medias xornadas, perpetuando a precariedade, e que as baixas por incapacidade temporal non se cobren con axilidade, obrigando ao resto do persoal a asumir cargas de traballo absolutamente inasumíbeis.

Estamos ante un colectivo invisibilizado, que soporta as peores condicións laborais e salariais de toda a Administración. Unha situación que se agrava coa discriminación sufrida no proceso de funcionarización, no que o persoal de limpeza da Consellaría de Educación quedou excluído do recoñecemento de pluses como a penosidade, perigosidade ou toxicidade, a pesar de realizar tarefas que encaixan plenamente nesas condicións.

Dende a CIG temos claro que esta situación non pode continuar. Non abonda con medidas parciais nin con promesas baleiras. É imprescindíbel abrir de maneira inmediata unha negociación real que culmine nun acordo de condicións laborais para o persoal non docente que corrixa estas inxustizas. 

Un acordo que revise en profundidade os rateos de limpeza adaptándoos á realidade dos centros, que elimine a precariedade das medias xornadas, que garanta a cobertura inmediata das baixas e que recoñeza economicamente a penosidade do traballo realizado. En definitiva, un acordo que dignifique este colectivo e que garanta tamén un servizo público de calidade para o conxunto da cidadanía.

A CIG non vai aceptar máis dilacións nin escusas. É o momento de actuar e de poñer fin a anos de abandono e discriminación.

 

Outras novas recentes

Mércores, 28 Outubro 2026

Xuntanza para a modificación da Orde de horarios do Servizo de Gardacostas (23/10/2026)

Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a...
Xoves, 29 Outubro 2026

BYE, BYE FABIOLA!

Hai despedidas tristes. Cando unha compañeira ou compañeiro de traballo abandona porque non pode manter á súa familia co salario que cobra, ou remata farta e con medo ás agresión que todas e todos sufrimos. eowpzSxtLVM| Nestes últimos tempos, marcados polos conflitos en ensino infantil 0-3, en menores, na discapacidade, en dependencia, en residencias, nos SAF, servizos...
Martes, 27 Outubro 2026

A Xunta pretende pechar en falso a negociación do persoal lingüista (grupo I-40) após dous meses sen facilitar os datos básicos

A CIG denuncia que a Consellaría de Cultura convoca a terceira mesa de negociación sen achegar a información sobre cargas de traballo, necesidades de persoal e externalizacións, nin ofrecer garantías contra a precariedade, a desregulación e as desigualdades salariais.  O 20 de outubro, Casares, deputado do PP, anunciaba no Pleno do Parlamento un principio de acordo, acadado...