Novas por contido

A CIG denuncia que a Consellaría de Cultura convoca a terceira mesa de negociación sen achegar a información sobre cargas de traballo, necesidades de persoal e externalizacións, nin ofrecer garantías contra a precariedade, a desregulación e as desigualdades salariais. 

O 20 de outubro, Casares, deputado do PP, anunciaba no Pleno do Parlamento un principio de acordo, acadado fóra da mesa de negociación. Na CIG consideramos que este anuncio non pode substituír o diálogo nin pechar un proceso con cuestións fundamentais pendentes.

Na segunda xuntanza da negociación das condicións laborais do persoal do grupo I-40, celebrada o 5 de outubro, a Administración comprometeuse a achegar os convenios solicitados pola CIG, así como tamén a análise das cargas de traballo que indicaron que tiñan feita. Porén, a nova convocatoria de xuntanza chegou sen eles, e a poucas horas da reunión o compromiso segue incumprido.

Dende a CIG denunciamos que a nova proposta de acordo segue sen concretar os horarios, as quendas nin a distribución das tarefas. Baixo a escusa dunha «actividade singular», sen explicar que a distingue da do resto do persoal da Xunta, a Administración saca da manga o que denomina «traballo en liña», á marxe das modalidades reguladas existentes na Xunta. 

Esta fórmula non fai senón perpetuar a desregulación e a precariedade e permite manter na sombra a quen se lle está a asignar a dedo, como unha segunda actividade, parte da carga de traballo que lle corresponde ao persoal laboral lingüista, os horarios nos que se lle asigna e as compensacións que se lles pagan.

 

Información demandada pola CIG

A CIG presentou distintos escritos ante os órganos competentes para reclamar información e solucións á precariedade do persoal laboral lingüista, que despois de dous meses de negociacións seguimos sen ter. As nosas demandas abrangueron os seguintes aspectos:

 

  • Esclarecer quen imparte os cursos e leva a cabo todas as tarefas e en que condicións e con que compatibilidades, incluídas as privatizacións: solicitamos á Consellaría, á Secretaría Xeral da Lingua (SXL), á EGAP e a Emprego Público (DXEP), segundo as súas competencias, a relación da actividade, persoal, procedencia, horarios, retribucións, convenios e compatibilidades, incluída a cobertura de vacantes e períodos de inactividade. A EGAP, fiel á súa opacidade, xa botou balóns fóra, cando na propia mesa de negociación a Secretaría nos indicou que é a EGAP a que ten contratada unha empresa ou persoa non empregada pública para asumir tarefas dos cursos de formación en lingua galega, como son todas as relacionadas coa coordinación... 

 

  • Avaliar todas as cargas de traballo: pedimos a Simplificación Administrativa (DXSA) un estudo técnico que compute toda a actividade formativa impartida pola SXL, todas as tarefas e o contraste do tempo necesario co contratado. Preparar, titorizar, corrixir, coordinar, elaborar contidos, actualizalos, deseñar exames e avaliar tamén é traballar: contar cursos non abonda. Ao tratarse dun persoal fortemente feminizado, a CIG exixe, tamén, que as cargas de traballo se analicen con perspectiva de xénero e se efectúe a valoración de postos de traballo (VPT), indispensábel para a descrición das funcións e tarefas e para garantir a igualdade  retributiva. A día de hoxe, e grazas a CCOO, UGT e CSIF, asinantes do I Plan de «DesIgualdade», todo o persoal da Xunta carecemos deste instrumento esencial.

 

  • Continuar a estabilización e abrir as listas de contratación: reclamamos á DXEP a cobertura das prazas vacantes tras as renuncias, conforme as bases do concurso-oposición e do concurso da Lei 20/2021, e a apertura urxente da lista regulamentaria de contratación temporal para atender substitucións e necesidades de persoal. Por certo, é totalmente inaceptábel que a propia Consellaría declare que estivo a empregar unha lista non regulamentaria para os chamamentos! 

 

Na CIG mantemos as nosas reivindicacións laborais 

Reclamámoslle expresamente por escrito tanto á Secretaría Xeral Técnica (SXT) como tamén á DXEP:

  • Modificar a RPT do persoal titulado superior lingüista para garantir a xornada completa durante todo o ano;
  • Unha dotación equilibrada para cada provincia (postos de nova creación);
  • A funcionarización sen máis demoras;
  • O recoñecemento profesional e retributivo;
  • E a a equiparación ao nivel 25 do persoal funcionario de perfil lingüístico.

De paso, tamén lle esiximos á DXEP revisar a RPT do persoal funcionario lingüista e equiparar ao nivel 25 os postos dos niveis 20 e 21. Xunto coa DXSA, a DXEP é responsábel, segundo o I Plan de «DesIgualdade», do incumprimento dos prazos marcados nel para a elaboración da VPT e da auditoría retributiva (medidas 5.1 e 5.2); unha VPT que, non obstante, debería ter solucionado esta discriminación salarial hai xa anos e, cando menos, no momento da aprobación do plan en 2023.

Non aceptaremos unha negociación opaca nin un acordo imposto que consolide a precariedade, a desregulación e as desigualdades salariais. 

Na CIG non podemos dar por negociado o que se mantén ás agachadas nin facer que o persoal pague as consecuencias da falta de medios, planificación e transparencia!

Outras novas recentes

Luns, 19 Outubro 2026

Destinos e convocatoria oposicións (axen. ambientais, c2-cociña, coidador, subalterno, limpeza, e P.I. administrativo) (MSF 16/10/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF), discutimos coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), as bases das convocatorias de varios procesos selectivos. Na rolda aberta de intervencións, a DXEP deu información sobre a convocatoria de elección de postos de diversas escalas. Convocatoria de procesos selectivos Respecto das...
Venres, 23 Outubro 2026

Voto en contra do PP a máis cursos de galego e á xornada completa do persoal lingüista (Pleno do Parlamento do 20/10/26)

Un grupo nutrido grupo de lingüistas e unha representación da CIG acudimos ao Pleno do Parlamento o 20 de outubro, onde se debateu sobre a situación límite que está a soportar este persoal e a altísima demanda de formación en galego desatendida ano tras ano pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O BNG presentou unha iniciativa para ampliar a dotación de cursos...
Mércores, 21 Outubro 2026

A loita polas condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino

Logo de anos de loita semella que comeza a verse algo de luz ao final do túnel, estamos expectantes ante a reunión que nos agarda. Creemos que é fundamental unha regularización e actualización das funcións así como dotar dunha estrutura organizativa departamental encamiñada á profesionalización, acorde coas novas realidades técnicas  e  que dea resposta ás necesidades...