Novas por contido

A nosa central denuncia que a Dirección converte o Consello Reitor da Escola nun órgano decorativo 

A CIG non asistiu ao Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) do 23 de setembro como medida de protesta polos reiterados atrancos impostos pola Dirección da Escola á participación da única organización sindical que fiscaliza criticamente a súa xestión. A Escola tenta silenciar as críticas mediante continuas interrupcións e increpacións, restricións das intervencións, documentación remitida  a última hora, actas que omiten ou cambian a información e unha prohibición selectiva á presenza de persoas asesoras da CIG nas sesións. 

Esta actitude converte a participación no Consello Reitor nun trámite sen capacidade real de deliberación, control ou fiscalización, motivo polo que a CIG vén de presentar unha queixa ante o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, presidente do devandito Consello.

Única convocatoria do Consello Reitor en 2026

A sesión do 23 de setembro foi a primeira convocada en 2026, malia que o artigo 8.3 da Lei 4/1987, de creación da EGAP, obriga a reunir o Consello Reitor, como mínimo, unha vez ao trimestre. A Dirección acumula, así, numerosos asuntos nunha única sesión e remite centos de páxinas de documentación fóra da xornada laboral, deixando apenas un día para analizalas. Nestas condicións, a CIG sinala que resulta imposíbel contrastar os datos, detectar irregularidades, preparar propostas e exercer responsabelmente as funcións dunha vogalía.

O resultado é un Consello Reitor decorativo, que se convoca para cubrir o trámite, presentar decisións xa preparadas e avalar a xestión da Dirección, non para deliberar nin exercer un control efectivo.

Atrancos dirixidos contra o «sindicato crítico» 

Até agora, a asistencia de persoas asesoras propostas polas organizacións sindicais foi habitual nas sesións do Consello Reitor da EGAP. Agora, a Dirección da Escola tenta  impedilo. Na CIG consideramos que se trata dunha decisión selectiva e discriminatoria, adoptada despois de que esixísemos responsabilidades e reclamásemos a dimisión da directora.

A CIG advirte, amais, de que a EGAP non pode continuar empregando as actas para fabricar consensos, borrar discrepancias e adaptar a memoria do órgano aos intereses da Dirección. Por este motivo, reclamámoslle ao conselleiro de Facenda que as sesións se graven integramente e que se implante o sistema de audioacta, ao abeiro do art. 18.1 da Lei 40/2015.

Plans de formación unilaterais e informes autocompracentes  

A EGAP está a decidir unilateralmente e de costas á representación das persoas traballadoras a formación de ao redor de 22.000 persoas empregadas públicas do sector da Administración autonómica, motivo polo que na CIG levamos anos reclamando a negociación da formación, transparencia, a publicación do rexistro de persoal formador e empresas e o cumprimento dos deberes legais en materia de normalización e capacitación profesional en galego, sen que a EGAP mude nin un milímetro a súa dinámica autoritaria.

A CIG tampouco aproba nin as contas da EGAP nin os seus informes de resultados, que non dispoñen de información suficiente e verificábel,  só de cifras agregadas sen documentar e que non permiten ser contrastadas; as cales desvían a atención do feito de que milleiros de persoas empregadas públicas quedan sen a formación que precisan. A EGAP limítase a exhibir datos de enquisas de satisfacción da minoría que obtivo praza, pero négase a avaliar as necesidades das persoas excluídas e a realizar unha avaliación global dos plans.

Exemplos da xestión  

A  demanda desatendida cada ano da formación en linguaxe administrativa e linguaxe xurídica galegas é alarmante: 1.200 prazas ofertadas fronte a 5.650 solicitudes en 2026. Trátase dunha formación singular  por responder ao mandato legal da capacitación lingüística que garante o dereito de atención en galego da cidadanía, pero este mandato é incumprido pola Dirección da EGAP de xeito reiterado, malia telo establecido na Lei 4/1987 da súa creación.

Mentres isto sucede, a EGAP e a Secretaría Xeral da Lingua concertan con entidades privadas, como o Colexio de Enxeñeiras de Camiños, Canles e Portos, cursos restrinxidos de linguaxe administrativa, con matrículas que acadan os 400 euros; e tiran de «colaboracións externas» opacas para que persoal propio ou alleo que  traballa a xornada completa imparta estes cursos,  mentres o persoal lingüista da Xunta, coordinado por unha contratación privada da EGAP, fica a media xornada e con só sete meses de actividade ao ano.

A EGAP é unha institución pública, non un espazo reservado á compracencia. A crítica sindical non se cala, non se interrompe nin se borra das actas. A CIG esixe que a EGAP remate coas súas redes clientelares e cumpra as funcións para as que foi creada.

Por unha EGAP pública, de calidade e en galego xa!

 

 

Novas relacionadas

Outras novas recentes

Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...
Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...