Novas por contido

A Xunta asigna dous cursos simultáneos de teleformación ao persoal da Secretaría Xeral da Lingua, cuxos postos son a media xornada

A CIG esixiu á Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude a ampliación inmediata e con efectos retroactivos da xornada do persoal titulado superior lingüista da Secretaría Xeral da Lingua para garantir os cursos de linguaxe administrativa galega e de linguaxe xurídica galega (LAG/LXG) da EGAP iniciados o 1 de setembro.

Cada lingüista ten asignados, de xeito simultáneo, dous cursos de teleformación deste semestre, o dobre do que viña atendendo, malia ter unha xornada parcial e o seu período de actividade abranguer dende o 1 de setembro e rematar o 22 de decembro.

Cada curso conta con 25 participantes e unha tarefa semanal por persoa. Segundo a estimación do colectivo, corrixir as 25 tarefas pode requirir ao redor de 17 horas semanais por curso. Dous cursos representarían unhas 34 horas só de corrección, ás que se deben engadir foros, consultas privadas, materiais, incidencias e demais tarefas de titorización.

Na xuntanza do 8 de setembro, a CIG advertiu de que esta carga non pode atenderse axeitadamente cunha media xornada e de que os atrasos se acumularán durante todo o curso, con consecuencias para o persoal, o alumnado e a calidade da formación.

A Administración presentou unha proposta de acordo sen achegar un estudo das cargas de traballo que permita comprobar canto tempo require cada modalidade de curso. Tampouco facilitou informes sobre demanda, financiamento, impacto de xénero ou custo da ampliación dos postos.

A CIG rexeita que se fixe automaticamente un número de cursos sen computar a preparación, titorización, corrección, avaliación, atención ao alumnado, materiais, coordinación, incidencias e reclamacións.

A Secretaría Xeral Técnica defendeu que as horas complementarias poden calcularse en cómputo anual. Porén, o acordo non pode declararse, sen máis, un título suficiente para exixilas. Deben respectarse os límites, o pacto escrito cando proceda, o preaviso, o rexistro, a retribución, a cotización e os supostos de renuncia do artigo 12.5 do Estatuto das persoas traballadoras.

As necesidades permanentes non poden cubrirse mediante horas complementarias habituais. A CIG reclama a xornada completa, a prestación durante os doce meses e a modificación da RPT.

Dende a CIG urximos á Xunta a actuar antes de que a sobrecarga provoque o colapso dos cursos que xa están en marcha!

Outras novas recentes

Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...
Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Venres, 30 Outubro 2026

Convocatorias de oposicións: xestión ambiental, C1, auxiliar de cociña, auxiliar de coidadores, subalterna e limpeza e cociña

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala de axentes...