Novas por contido

Para a reunión do día 10/03/2022 con Función Pública achegáronos as bases de varios procesos selectivos: das especialidades de arquivos, bibliotecas e museos das escalas de axudantes e facultativos, da escalas de enxeñaría de minas e enxeñarías técnicas de minas e obras públicas, de arqueólogos e de subalternos con discapacidade intelectual.

Segundo Función Pública ningunha das prazas está afectada pola Lei 20/2021 de temporalidade e a modo de exemplo cita en concreto que as 4 de enxeñeiros de minas son posteriores ao 1/1/2018, das 7 de arqueólogos 6 están ocupadas dende novembro do 2019 e 1 é vacante pura e as das escalas de arquivos, bibliotecas e museos 12 son vacantes puras e 8 cubertas dende xaneiro de 2021. Do resto non comentou xa que o fixo a grandes trazos polo que cando se negocie a convocatoria solicitaremos que se identifiquen os postos e as datas de ocupación.

Facemos constar que nesas convocatorias a quenda de promoción interna consta como de oposición pura e dura e non aparece a fase de concurso. Nos confirman que se trata dun erro e que o corrixirán engadindo as bases a fase de concurso para a promoción interna.

Tamén lle facemos constar que a CIG sempre defendeu o concurso-oposición como sistema de acceso e que ao non saber aínda cantas prazas desas escalas van ser ofertadas dentro do ámbito da Lei 20/2021 non parece acaido convocar mentres non teñamos os datos.

O director xeral comenta que moitas desas prazas veñen da OEP 2019 e que polo tanto caducarían e que ademais teñen que cumprir co que dicta a lei polo que vai ser difícil chegar a ter un 8% de temporalidade se se deixan caducar as ofertas.

Traballamos sobre as alegacións a presentar. Se queres facernos suxestións ponte en contacto con nós.

A CIG-Autonómica reuniuse cos grupos parlamentares

Representantes da CIG reuníronse este xoves 10 de marzo con representantes do grupos parlamentarios do BNG e do PSOE e o mércores 9 co grupo Popular para demandar o recoñecemento de coeficientes redutores para o persoal gardacostas de Galiza.

Na CIG consideramos vital a consideración das especiais condicións de traballo destas traballadoras e traballadores e que, por iso, é fundamental ese recoñecemento para a xubilación anticipada.

A lei do servizo de gardacostas de Galiza é de 2004 pero, este persoal viña desenvolvendo as súas funcións desde o Servizo de Protección de Recursos Mariños. Isto implica, que levan 30 anos, desde o traspaso competencial á Xunta sen recoñecemento coeficientes xa que pasaron do réxime especial do mar ao réxime xeral.

O Servizo de Gardacostas conta con diferentes escalas de persoal como a de axentes, executiva, operativa, técnica e de inspectores veterinarios. Dispoñen de medios para realizar as tarefas de vixilancia, control e salvamento, bases e embarcacións de vixilancia e inspección e incluso de remolcador e buque de salvamento e tamén helicópteros.

Competencia exclusiva

Galiza ten competencia exclusiva en materia das súas augas interiores, marisqueo e acuicultura e dada a importancia económica e social que para o noso país ten este sector, defendemos o reforzo do seu persoal e das súas funcións como fundamentais e rexeitamos a deriva de funcións de competencia autonómica cara a Garda Civil, ou incluso a Policía Nacional, ambos corpos e forzas de seguridade do estado español.

Lembramos as condicións xeográficas galegas con tantos quilómetros de costa, a necesidade de levar adiante as funcións e operativos polo coñecemento da xeografía e das peculiaridades de pesca, a complexidade da nosa costa de cara a operacións de salvamento, control do furtivismo ou mesmo traballos de Inspección e salvamento en augas exteriores, mediante un acordo de colaboración con medios do Estado.

Circunstancias que fan necesario o reforzo deste servizo para que Galiza asuma todas as competencias propias respecto ao relacionado co mar, para o que precisamos maiores medios e persoal e mellores condicións laborais.

Xubilación anticipada

Por todo isto, a CIG considera que é vital a valoración e o recoñecemento de coeficientes redutores para a xubilación anticipada polas funcións que desenvolven.

A CIG subliña os efectos que o traballo ten a medio e longo prazo sobre a súa saúde e, polo tanto, a calidade de vida e considera que debe valorarse conxuntamente a sinerxía da especial penosidade das funcións do mar e o traballo en embarcacións de todo tipo, do traballo no salvamento, as quendas, a toxicidade en materia de contaminación mariña e as tarefas policiais e de vixilancia e inspección que realizan como axentes de autoridade, o que fai máis que xustificada a aplicación de coeficientes redutores.

Resposta dos grupos parlamentarios

O grupo parlamentario Popular comprometeuse a repetir a iniciativa presentada xa en 2016, na que instaban á Xunta a solicitar o encadramento deste persoal no REMAR e, á súa vez, á revisión dos coeficientes aplicados nese réxime xeral.

Pola súa banda o BNG, que ademais presentou recentemente iniciativas no Congreso das e dos Deputados, comprometeuse a reforzar as iniciativas e traballar por varias vías para conseguir a xubilación anticipada.

As representantes do PSOE, que xa eran coñecedoras da materia, consideraron que é de xustiza, indicaron que van estudar os camiños para instar ao recoñecemento dos coeficientes redutores deste persoal funcionario e que non se quede atascado como xa pasou en anteriores ocasións.

A CIG-Autonómica valora de xeito moi positivo estes encontros pero somos sabedoras de que a intención política axuda, pero sen a iniciativa da Xunta, cun expediente argumentado e a aprobación do goberno do Estado español, vai ser difícil.

Para rematar, indicamos que xa temos solicitado unha xuntanza con Función Pública e a consellaría do Mar, así como cos ministerios afectados para seguir a traballar neste recoñecemento.

O CSSL da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda celébrase o 4 de marzo logo da solicitude da CIG (18 de febreiro) polo inicio de actividades de control ante a alerta de gripe aviaria.

Nesta reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral tratáronse os seguintes asuntos:

 

Actuacións no caso do virus da influenza da gripe aviar H5N1

A subdirectora xeral de Biodiversidade expón que mantiveron unha reunión o 4 de febreiro co persoal dos Servizos que realizan traballos de recollida para “refrescar” a Circular de 2017, e que non se fixo antes porque non se detectaron casos e xa había un protocolo en vigor. Indica que se remitan correos con todas as dúbidas para tratar no vindeiro Comité.

Informa tamén da entrega de EPI´s no servizo de Lugo, e que en breve se entregarán aos demais.

Dende a CIG insistimos nas diferenzas coa campaña anterior e que se actualice a información a todo o persoal afectado e se dote de formación específica e medios preventivos.

 

Incidencia da 6ª onda do covid-19 entre o persoal da consellería

  • 3º onda - 25 baixas: 2% do persoal.
  • 6ª onda - 54 baixas: 7% do persoal.

Aínda que descoñecemos como poden sabelo din que non se detectaron casos graves.

 

Avaliación de riscos laborais de persoal da Dirección Xeral de Patrimonio Natural que realiza traballos de campo

A avaliación anterior foi no ano 2015 e os resultados finais son do ano 2019, polo que solicitamos unha revisión tanto do documento como comprobar se se tomaron as medidas preventivas.

A presidenta recoñece o retraso, e propón que se adapte ao persoal que se vai funcionarizar e que se indiquen os riscos que se deban incluír (traballos en illamento, agresións...) para que se trasladen ao Servizo de Prevención.

 

Uniformidade e estado de entrega da roupa de traballo ao persoal da Dirección Xeral de Patrimonio Natural que realiza traballos de campo

A roupa de traballo de traballo xa se ten entregado ao persoal dos Servizos de Coruña, Lugo e Ourense (nestes días), falta Pontevedra e non hai data de entrega, aínda que o compromiso é que sexa na semana do 15 de marzo.

Dase conta das queixas por parte de todas as organizacións sindicais do retraso na entrega por parte da empresa.

Dende a CIG trasladamos as queixas do persoal co tema das botas. As que se entregan veñen con punteira reforzada, o que pode producir danos nos pes ao camiñar, e que vai en contra do documento de avaliación de riscos, que contempla o modelo da UNE-EN ISO 20345, e non como parte da uniformidade.

Dende Prevención indican que non foi cousa do Servizo, que eles só indican cales son as adecuadas e que no documento se contemplan 3 modelos de botas.

 

Actualización no recoñecemento médico do persoal dos laboratorios

Solicitase a modificación do protocolo do recoñecemento para que se inclúa a proba de movementos repetitivos ao persoal de todos os laboratorios dependentes da consellería.

 

Rolda de intervencións

Na CIG denunciamos ademais estas situacións:

1. - Auga potable no Parque Nacional Illas Atlánticas.
A última recollida de mostras foi o 31 de agosto de 2021. solicitamos os resultados de dita analítica, para coñecer se persiste a problemática.

2.- Situación de illamento: Quendas definitivas do ano 2021 e 2022.
Ao haber unha persoa soa na illa a maior parte do inverno e tendo isto como un risco importante e que nos plans de acción se establece que o número de traballadores non sexa inferior en ningún caso a 2 persoas, solicitamos as quendas definitivas de 2021 e 2022 do persoal que presta servizo e pernocta nas illas.

3.- Formación en emerxencias para o persoal do Parque.
Está prevista a realización de cursos de primeiros auxilios a celebrar en Vigo.

4.- Parque móbil.
Solicitamos a adaptación dos vehículos á norma CEN 1789:2007

5.- Situación da RPT do Parque Nacional: grupo de traballo.
Pese a non ser un punto a tratar no comité, solicitamos o desbloqueo do grupo de traballo que previamente propuxéramos dende a CIG. (Despois deste CSSL fomos convocados á reunión de dito grupo)

O martes 8 de marzo tivo lugar unha terceira xuntanza para tratar a modificación de RPT da Consellaría de Medio Ambiente Territorio e Vivenda que xa estaba pendente de ir a mesa xeral. Esta xuntanza convocouse con motivo dunha memoria complementaria para incorporar a esta modificación:

- novas sentenzas xudiciais firmes, unha recoñece a unha traballadora a condición de persoal laboral indefinido non fixo e outra que recoñece o dereito a reserva de praza nos termos contemplados na disposición transitoria 10 (2ªparte) do V Convenio Colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galiza.

- a modificación das escalas de varios postos por mor das modificacións que na Lei de emprego público de Galiza fixo a Lei 18/2021, de 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas

- a modificación de 4 postos de persoal laboral fixo descontínuo que pasan a 12 meses para poderen funcionarizarse (3 peóns forestais e un vixilante de recursos). Para financiar a ampliación pretenden amortizar un posto de oficial de establecemento e outro de peón forestal.

Desbloqueo da situación no Parque Nacional Illas Atlánticas 

O persoal que presta servizo no Parque Nacional Illas Atlánticas sofre unha situación de bloqueo nas súas condicións laborais dende que o Parque foi transferido á Xunta de Galiza en 2008. A Xunta nunca fixo por incorporar nas RPT ao persoal transferido, nin avanzou na regulación das especiais condicións de traballo do persoal que presta servizo en condicións de insularidade, o que  implica permanecer no posto de traballo períodos de 7 días consecutivos con pernocta nas illas e a total disposición as 24 horas.

Esta situación de falla de RPT e dunha regulación da xornada especial derivou nunhas condicións de traballo penosas que a CIG ven denunciando dende fai anos.

Na anterior xuntanza sobre a modificación da RPT a CIG tomou a iniciativa neste asunto propoñendo unha mesa de traballo para desbloquear unha situación que derivaba nun problema de cronificación da penosidade para o persoal. A proposta foi ben acollida pola Consellaría que propuxo a primeira xuntanza de traballo para o mes de xaneiro de 2022.

Na actual xuntanza e trala intervención da CIG, onde introducimos novamente o asunto, a Consellaría confirmou a data do 17 de marzo para convocar a primeira xuntanza da mesa de traballo sobre o Parque Nacional Illas Atlánticas de Galiza para tratar a RPT e a regulación das condicións de traballo.

O Consorcio non dá de baixa na Seguridade Social ao persoal das listas cando xa ten rematado o contrato e agora reclámalle o soldo e a cotización. A xestión do persoal no Consorcio de Igualdade e Benestar é un auténtico caos: nóminas de traballadoras a 0, altas e baixas na seguridade social ao chou ou a obriga de devolucións salariais son algo habitual.

Hai tempo que na CIG vimos denunciando irregularidades na confección de nóminas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e incluso altas e baixas na Seguridade Social que non se corresponden coa situación laboral das traballadoras. Nestes días numerosas persoas das listas denunciaron o feito de que o Consorcio deunas de alta sen ter traballado e agora reclámalles o soldo e a cotización.

Pero non é o única desfeita coas nóminas, levamos á Valedora do Pobo o caso das traballadoras embarazadas, ás que ata que a mutua tivera todo certificado non lles pagaban e pasaban semanas sen cobrar. Agora, o Consorcio xa lles adianta o soldo pero despois, cando lles outorgan a prestación pola suspensión de contrato por risco para o embarazo, están obrigadas a devolver os pagos “indebidos”. O problema preséntase cando, dende o Consorcio, se lle indica que teñen que devolver tamén a cotización e a retención para o IRPF.

Co persoal substituto o caos é maior: danos de alta na Seguridade Social sen ter contrato ou, estando contratadas e co contrato finalizado, non lles tramitan a baixa. Logo, ao ingresarlles unha nómina que non lles corresponde, pídenlles a devolución, e tamén da cotización e da retención para IRPF e, para colmo, non lles fan chamamentos de listas para novos contratos porque figuran de alta.

Para mais, antes permitíanlles facer transferencia das cantidades cobradas indebidamente pero agora xa non; xeran débeda na nómina e vanlles descontando, deixando nóminas a cero euros ou reservándolles a débeda para cando volvan ser contratadas.

Este caos ten unha explicación a maiores da dinámica opaca e autoritaria que ten o Consorcio na relación coas súas empregadas: a sobrecarga do departamento que se ocupa da xestión do persoal. A CIG xa denunciou ante a autoridade laboral a situación polos riscos psicosociais aos que están sometidas. No departamento de xestión de persoal son as mesmas dende 2008 máis os centros e o persoal que xestionan multiplicouse dende esa data. A isto hai que engadir que o aumento de traballo por mor das baixas e as xestións co persoal ante a sexta vaga da Covid 19 que colapsaron o departamento .

Agora, recentemente avaliados os riscos psicosociais, conclúen unha situación nociva cun risco moi elevado para a saúde das traballadoras. Que vai facer agora a xerencia do Consorcio para remedialo?? E Política Social?

Dende a CIG pedimos que se adopten as medidas oportunas para corrixir esta grave situación e que se dote ao departamento de xestión de persoal do Consorcio en SSCC dos medios humanos e materiais que sexan necesarios .

Función Pública vén de achegarnos un borrador de criterios de reparto do FAS-2021 que afonda nos mesmos recortes que comezaron no ano 2011 e que o deixaron reducido á minima expresión.

Como en FAS anteriores, o borrador achegado mantén o importe máximo de 2 millóns de euros, polo que continúa o recorte de máis de 7 millóns respecto dos 9 millóns que tiñamos no 2010, cunha única modalidade, a de atención a persoas con discapacidade, cando no ano 2010 tiñamos axudas por: xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a cargo, axuda aos estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda ou gastos sanitarios.

Todos estes recortes no FAS comezaron no ano 2012 da man da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, unha lei ditada ao abeiro dunha crise económica xa superada, en palabras do presidente Feijóo, “o bo xestor”, autocalificativo do que el presume de cotío e os seus palmeiros pregoan alá onde poden.

Dez anos despois, os recortes continúan coma exemplo da “boa xestión” de Feijóo. No caso concreto do FAS, os recortes non só se manteñen na mesma contía senón que desta volta, o nivel das rendas anuais das persoas causantes vese incrementado dos 12.600 euros do ano pasado aos 13.300 deste ano.

Na CIG insistiremos nas alegacións presentadas en anos anteriores e que se resumen en:

  • Recuperación de todas as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes.
  • Recuperación dos importes subtraídos no 2011.
  • Chegar ao 1% da masa salarial.
  • Compatibilización das axudas do FAS con outras que se poidan percibir, e que a resolución e aboamento sexa no mesmo ano natural da convocatoria para evitar os problemas con declaracións complementarias de IRPF.

O luns, martes e mércores de entroido tivemos xuntanzas con Función Pública por dúas RPTs e falamos de asuntos como as tomas de posesión de corpos xerais (concurso e procesos selectivos), a aplicación da lei da temporalidade, situación das RPTs (o que incide no concurso especial), a carreira profesional e funcionarización.

RPT Vicepresidencia 1ª (delegación territorial de Ferrol)

Opoñémonos a que un delegado ou delegada territorial necesite tres secretarios/as, LDs, e abertos a outras administracións. O que necesitamos no Ferrol son servizos, non estrutura política. Non apoiamos que creen unha xefatura de sección tamén LD. Non concordamos coas xustificacións e non aceptan ningunha alegación da CIG.

CIG, CCOO e UGT votan en contra. CSIF vota a favor.

RPT Axencia de protección da legalidade urbanística (APLU)

Non hai cambios sobre a proposta inicial, non queren negociar. CIG, CCOO e CSIF votan en contra. UGT abstense.

Lei 20/2021 (temporalidade)

O director xeral de Función Pública traslada a seguinte información:

  • A lei básica aclara que teñen que saír en OEP todas as prazas estruturais, estean ou non en RPT. O primeiro é negociar e sacar a OEP que incluiría a oferta ordinaria e extraordinaria. Incluír as prazas en RPT é secundario (máis entendemos que facilita as cousas sobre todo naquelas prazas que teñen condicións especiais de servizo ou titulación). As negociacións, coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral (CIG, CCOO, CSIF e UGT), poderían comezar a semana que ven.

  • Os prazos da OEP, convocatorias, e finalización están taxados na Lei. OEP publicada antes do 1/6/2022 e convocadas antes do 31/12/2022. Rematado antes do 31/12/2024.

  • Haberá dúas modalidades (concurso-oposición e concurso).

  • Neste momento temos en execución unhas 2.500 prazas, moitas delas na fase de concurso que aclara que nin se paralizan nin se inclúen na nova OEP. Si se repescan as prazas de estabilización ou consolidación ofertadas e non convocadas das OEPs do 17 e 18, así como aquelas que convocadas quedasen vacantes, polo que estariamos a falar dunhas 4000 prazas para a nova OEP.

  • O mércores 2 van participar na “Comisión de coordinación de emprego público” a nivel estatal, para tratar uns criterios para aplicar a lei. Neste criterios van as orientacións para baremar o proceso extraordinario por concurso de méritos, por exemplo. Función Pública adianta que non concordan (e nós tampouco), pois priman en exceso os méritos académicos (titulación), e non os profesionais (experiencia nas escalas). Porén, non sería norma básica, polo que non estarían obrigados a trasladalo á nosa administración. Toca negociar.

  • O que si ten claro Función Publica e que queren criterios sinxelos nas convocatorias que faciliten executar rápido (agora caen da burra). Falan de experiencia na administración (na escala correspondente ou noutra escala) e formación. Non se negan a algún criterio máis, pero non moito mais. Esta negociación das bases de convocatorias será posterior á da OEP.


Advertimos que non podemos verificar a autenticidade do borrador de criterios comúns que xa está a circular. En todo caso, ese documento non é máis que un documento inicial de propostas e que a negociación definitiva tócalle á Mesa Xeral de Empregados Públicos de Galiza.

Carreira profesional

Comunica o DXFP que nunhas semanas negociaremos a substitución da sección 2ª do acordo de concertación ou no seu caso un novo acordo correspondente. Lembramos que a CIG xa ten tres sentenzas gañadas, e que moito antes das sentenzas a Xunta incumpriu o que pactou con CCOO e UGT, pois xa en decembro do 2020 tiña que estar convocada a Orde para pagar o grao II anticipado, así como o grao I ordinario.

Corpos xerais: concurso e procesos selectivos

Preguntamos ao DXFP polo ruxe-ruxe que circula de que a toma de posesión do concurso sería en setembro, tendo en conta que nas súas últimas palabras falaba de marzo ou abril. O DXFP mantén que será en marzo ou máis ben en abril, e que en ningún caso valoran que poida ser en setembro.

Di que xa remitiron as consellerías todos os postos susceptibles na elección de destino definitivo de quen están agora en destino provisional (nomea tanto promoción interna como A1, A2, C2 e AP de acceso libre).

As dúas tomas de posesión (concurso e elección de destino definitivo) serían coordinadas.

Unha vez tomada posesión os/as de concurso e os/as de destino provisional, irán posteriormente os/as que están agora en execución (que contan que vaian rematando neste semestre).

Outros concursos de traslados

Respecto do concurso de administración especial, di que están a traballar na RPT de saúde pública sobre os postos de persoal veterinario (nunhas semanas presentaránolo aos sindicatos). Posteriormente irá o concurso (que será para o conxunto da administración especial).

Funcionarización

Nos vindeiros meses (maio/xuño) irán aprobándose as RPTs correspondentes.

Oposicións escalas sanitarias (lei 17)

A CIG preguntara a semana pasada pola data prevista para a realización do primeiro exercicio, pois a diferenza doutras convocatorias, negáronse a poñer nas bases unha data de referencia. O DXFP comprometérase a falalo con Sanidade, pero non trae a resposta. Volve a comprometerse para outra xuntanza.

RPTs pendentes

Están en proceso de negociación as RPTs de Educación, Medio Ambiente, AXI, Consellería de infraestruturas. E vai comezar a RPT de Saúde Pública no referente ao persoal veterinario. En marzo retomarán os flecos pendentes da RPT do Consorcio. Pola carga que supón a lei da temporalidade, deixan as demais RPTs.

O director xeral de Función Pública fixo público un aviso sobre a modificación da xornada de traballo dos días 1 e 2 de marzo de 2022 pola celebración das festas do Entroido. A modificación ten os seguintes termos:

Horario oficial: a hora de saída do martes 1 será ás 14:00 horas e a de entrada o mércores 2 será ás 9:00 horas.

Horario de flexibilidade automática: a hora de saída o martes 1 será ás 14:00 horas, quedando reducida en 30 minutos a parte fixa e en 45 minutos a parte flexible do horario. A hora de entrada o mércores 2 será ás 9:00 horas, quedando reducida nunha hora e quince minutos a parte flexible do horario.

Horario de flexibilidade por conciliación: a hora de saída o martes 1 e o de entrada o mércores 2 queda reducida nunha hora e quince minutos dentro da franxa horaria autorizada.

No DOG do 28/02/2022 publican a RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a relación de persoas excluídas con carácter definitivo das listas únicas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de determinados corpos, escalas ou especialidades resultantes da transformación de oficio de listas das categorías profesionais laborais equivalentes, ao abeiro do establecido no artigo 4.2 da Orde do 20 de xullo de 2021.

Fan pública a relación definitiva de persoas excluídas nas listas únicas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos, escalas e especialidades que se relacionan no anexo desta resolución, resultantes da transformación de oficio das listas das categorías profesionais laborais equivalentes.

As causas de exclusión por esta razón son por ter acadado a idade de xubilación forzosa ou por non posuír a nacionalidade española nin cumprir as condicións establecidas no artigo 52.1 da Lei 2/2015.

A relación definitiva de excluídos poderá consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de Listas de contratación; no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012; e nas oficinas de Rexistro e Atención á Cidadanía da Xunta de Galiza (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Turismo).

As listas novas do corpo, escala ou especialidade que se enumeran no anexo entrarán en vigor o 1 de marzo de 2022.

ANEXO

Corpos e escalas (persoal funcionario)

A1 208F Escala de facultativos. Especialidade medicina

A1 208G Escala de facultativos. Especialidade psicoloxía

A1 208H Escala de facultativos. Especialidade pedagoxía

A2 208A Escala técnica de facultativos. Especialidade enfermaría

A2 208C Escala técnica de facultativos. Especialidade educadores

A2 208B Escala técnica de facultativos. Especialidade fisioterapia

A2 208E Escala técnica de facultativos. Especialidade traballo social

A2 208D Escala técnica de facultativos. Especialidade terapia ocupacional

B 208J Escala de axentes técnicos facultativos. Especialidade xardín de infancia

C2 20A3 Escala de auxiliares de clínica

No DOG do 28/02/2022 publican a Resolución do 16 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda o peche e a apertura de determinadas listas para a incorporación de novas solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza e o nomeamento de persoal funcionario interino correspondente a determinados grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades.

Relacionan as listas correspondentes aos grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades que se encontran abertas e nas cales as persoas interesadas poderán presentar solicitude de inclusión no período comprendido entre o 1 de marzo e o 30 de abril deste ano (anexo III).

Relacionan as listas correspondentes aos grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades pechadas e nas cales soamente se poderán inscribir aquelas persoas que, para a lista correspondente, superasen algunha proba do último proceso selectivo do grupo, categoría, corpo, escala ou especialidade, ou teñan prestado servizos na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza ou en entidades públicas instrumentais do sector público autonómico que teñan publicadas relacións de postos de traballo para a lista correspondente a ese grupo, categoría, corpo, escala ou especialidade (anexo IV).

ANEXO III Listas abertas

Corpos, escalas e especialidades (persoal funcionario)

A1 208F Escala de facultativos. Especialidade medicina

A1 2062 Escala de enxeñeiros. Especialidade de enxeñaría de camiños, canais e portos

A1 2065 Escala de enxeñeiros. Especialidade de enxeñaría de minas

A1 2066 Escala de enxeñeiros. Especialidade de enxeñaría de montes

A1 2067 Escala de veterinarios

A1 2093-01 Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimopesqueiros. Especialidade en lexislación marítima

A1 2093-03 Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimopesqueiros. Especialidade en navegación marítima

A1 2093-04 Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimopesqueiros. Especialidade en pesca marítima/bioloxía pesqueira

A1 2093-05 Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimopesqueiros. Especialidade en inglés marítimo

A1 2093-06 Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimopesqueiros. Especialidade en medicina subacuática e hiperbárica

A1 2093-07 Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimopesqueiros. Especialidade en intervencións subacuáticas e hiperbáricas

A1 2093-08 Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimopesqueiros. Especialidade en comunicacións

A1 2093-09 Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimopesqueiros. Especialidade en máquinas e instalacións mariñas

A1 2093-10 Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimopesqueiros. Especialidade en procesos sanitarios

A2 208A Escala técnica de facultativos. Especialidade enfermaría

A2 208B Escala técnica de facultativos. Especialidade fisioterapia

A2 208D Escala técnica de facultativos. Especialidade terapia ocupacional

A2 2074 Escala de enxeñeiros técnicos. Especialidade de enxeñaría técnica de obras públicas

A2 2079 Escala de enxeñeiros técnicos. Especialidade de enxeñaría técnica de minas

A2 2094-01 Escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en traballos técnicos de mergullo

A2 2094-02 Escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en máquinas e produción

A2 2094-03 Escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en servizos ao buque

C1 207H Escala de axentes facultativos ambientais (a extinguir)

C1 207C-02 Escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia

C1 207V Escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia. Especialidade patrón.

C1 207W Escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia. Especialidade mecánico.

C2 20A3 Escala de auxiliares de clínica

Grupos e categorías (persoal laboral)

III 006 Xefe/a de servizos técnicos. Encargado/a de mantemento. Conservador/a de edificios. Encargado/a de oficios varios mantemento. Xefe/a de taller. Encargado/a de traballos. Especialista de oficios

III 014 Xefe/a de cociña

III 065 Oficial 1ª cociña. Oficial 1ª cociñeiro/a. Xefe/a de cociña. Cociñeiro/a 1ª

III 069 Oficial/a de servizos técnicos. Oficial 1ª de mantemento. Oficial 1ª oficios varios. Oficial de primeira

III 090 Animador/a sociocultural

III 104 Intérprete de linguaxe de signos

IV 005 Oficial/a 2ª de cociña. Cociñeiro/a oficial 2ª

IV 006 Axudante/a servizos técnicos. Oficial/a 2ª de mantemento V 001 Camareiro/a-limpador/a. Axudante de cociña. Pasador/a de ferrolavandeiro/a. Costureiro/a. Cortador/a. Pasador de ferro/a. Lavandeiro/a

Outras novas recentes

Martes, 05 Agosto 2025

A traxedia de O Porriño pon o foco na Xunta para garantir a seguridade das traballadoras/os e usuarias/os

Melloras necesarias nas residencias da Xunta, garantindo a seguridade do persoal traballador e das persoas usuarias.A tráxica morte de Teresa de Jesús González, profesional do Servizo de Atención no Fogar (SAF), non só puxo de manifesto a necesidade urxente de abordar o acoso laboral, senón que tamén fixo saltar as alarmas sobre a seguridade nas residencias da Xunta de...
Xoves, 31 Xullo 2025

RPT de Atriga, Facenda, C.Presidencia. RPT con cambios en admon. especial (para 01/08/25)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) convocounos a unhas xuntanzas que serán o día 1 de agosto, coa seguinte Orde do día: RPT DA CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES Trátase dunha proposta de certa amplitude que foi tratada nunha xuntanza previa o día 11 de xullo. E agora, no mesmo día pretenden "negociar" en Mesa Sectorial de...
Luns, 28 Xullo 2025

Caos nas probas visuais da Consellería do Medio Rural

Tras dous anos agardando pola creación das listas de escalas de persoal funcionario do Servizo de Prevención e Incendios Forestais (SPIF), fixeron unha apertura extraordinaria destas listas en xaneiro, seica pola urxencia, pero as probas non as fixeron ata a semana pasada, en plena campaña de alto risco. Na proba visual, realizada na EGAP o 23 de xullo, houbo unha...