Novas por contido

A CIG sempre esixiu que previa á funcionarización do persoal laboral fixo habería que negociar, necesariamente, as condicións do posto de traballo no que se funcionariza; condicións que xustifiquen o nivel do complemento específico do posto a funcionarizar e así considerar os posibles complementos de singularidade pola especial dedicación (quendas), dispoñibilidade, responsabilidade, perigosidade, penosidade, toxicidade, nocturnidade que pode ter o posto de traballo de persoal laboral.

Función Pública nunca quixo negociar as condicións do posto e sempre manifestou o mantemento das condicións retributivas vía complemento de funcionarización; deste xeito, os funcionarios interinos chamados para as vacantes ou substitucións non percibirían este complemento.

Agora que xa foi convocada a inscrición para o proceso selectivo de funcionarización, a Administración manifesta categoricamente que haberá negociación da RPT para establecer o nivel do complemento específico do posto a funcionarizar. Específico que comprenderá a especial singularidade do posto que se funcionariza. Deste xeito, o complemento de funcionarización quedará absorbido polo incremento do nivel do complemento específico.

Aínda así, o persoal laboral fixo vai a funcionarizarse co descoñecemento absoluto do nivel do posto do que vai ser nomeado funcionario/a de carreira, xa que aínda que a Administración fala de certa inmediatez, moito dubidamos de que sexa antes deste verán.

Excedencias

A respecto do persoal laboral fixo que ten aprobada/s outra/s categorías laborais e que se atopa nesta/s en excedencia por incompatibilidade ou que teñen unha categoría aprobada e se atopa ocupando un posto con carácter temporal ou aqueloutro que se atopa en situación de excedencia voluntaria, a Administración presenta unha solución de futuro como é a que todo o persoal laboral fixo nesta situación presente unha solicitude para participar nun futuro proceso de funcionarización a esas categorías nas que se atopa en situación de excedencia.

A Administración quere coñecer cantos postos de traballo ten que crear en OPE para considerar as excedencias e dar resposta ás posibles peticións de reincorporación por remate das excedencias antes da convococatoria dese proceso de funcionarización.

No DOG núm. 40 do venres, 28 de febreiro de 2020 publícase a convocatoria de actividades de formación continua en materia de igualdade e violencia de xénero para o persoal ao servizo das administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da comunidade autónoma, así como do persoal da Administración de xustiza de Galicia e de administración e servizos (PAS) das tres universidades galegas.

O día 24/02/2020 tivemos reunión ordinaria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Servizos Centrais, despois de ano e catro meses sen reunir dito comité, cando a lei di que se ten que reunir cada tres meses (a acta da reunión anterior e do 15/10/2018). Dicir que o presidente, que é o que organiza hora, dia e convocatoria, non asistiu, e mandou un substituto. Comentar tamén que sendo a hora e tendo un comité paritario entre representantes da administración e representantes das organizacións sindicais de 10 membros por cada parte, estaban 9 membros das organización sindicais e 4 da Administración. O presidente substituto tivo que facer varias chamadas para que asistira un máis para ter quorum, e facer un paripé de reunión con catro “mariachis” que non tiñan materia para dar explicacións (non se avaliara ningún centro da súa consellería) e onde faltaban os principais actores, xa que as avaliacións da orde do día eran as seguintes:

  • Avaliación de riscos da Axencia Galega da Industria Forestal.
  • Avaliación de riscos da D. X. De Desenvolvemento Pesqueiro.
  • Avaliación de riscos do Fondo Galego de Garantía Agraria.
  • Avaliación de riscos do Instituto Galego de Seguridade e S.L.
  • Avaliación de riscos do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal.
  • Avaliación de riscos da S.X. de Industrias e Calidade Agroalimentaria.

Polo que respecta ás avaliacións nos puntos relativos á Consellería de Economía, Emprego e Industria, estaba unha representante, que dixo que leva pouco tempo no posto e que non lle dera tempo a ver como van os plans de acción, que nolo dirá a través do correo electrónico. O resto de avaliacións, que son da Consellería do Mar e da Consellería do Medio Rural, non enviaron a ninguén para dar conta de como van os plan de acción. Despois de mais de ano e medio dende que se avaliou non dan explicacións ao órgano onde se debe debater os plans de acción e onde se deben estudar as medidas propostas e cales serían as adecuadas. Nin envían representacións.

Isto á CIG parécenos como mínimo impresentable. O mesmo pasa con outros comités, algúns aínda peores, por exemplo o de Sanidade, que leva mais de catro anos sen se reunir. Tamén podemos falar das avaliacións feitas por unha empresa externa á medida da Administración: onde haxa temas conflitivos, nin os nomean.

Por todo o comentado anteriormente, dende a CIG-Autonómica nos Servizos Centrais, denunciamos publicamente esta situación e podemos afirmar, sen risco a equivocarnos, que á Xunta de Galiza non lle importa a saúde dos seus traballadores e que, tanto os comités de saúde laboral como as avaliacións, fanse por obriga legal, para simplemente aparentar.

No DOG Núm. 39 Xoves do 27 de febreiro de 2020 publícase a convocatoria de cursos sobre tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), administración electrónica e protección de datos (convenio entre Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, EGAP e Amtega).

Poderá participar nas accións formativas convocadas mediante esta resolución o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, así como o persoal empregado público e persoas que integran as bolsas de interinos dos corpos de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial da Administración de xustiza, dependente da Comunidade Autónoma de Galicia, que se atope en situación de servizo activo (incluído permiso por maternidade/paternidade, adopción ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou dun/dunha familiar) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria.

O pasado mes de novembro, ano 2019, unha representación dos alumnos e alumnas do conservatorio superior de música de Vigo, dependente da Consellaría de Educación, mantiveron unha xuntanza coa delegada territorial de Vigo, Corina Porro, para comunicarlle o deterioro e as condicións de inhabitabilidade das dependencias deste conservatorio.

Estes alumnos e alumnas acompañaron a súa denuncia coa presentación de fotos e vídeos onde se manifestaban as penosas condicións do centro; así, a reportaxe gráfica amosa como nun día de choiva a auga se deslizaba polas paredes interiores, o parqué levantado, desprendemento do falso teito, fiestras que non pechan e pola que entra aire e auga, portas que se caen...

A delegada territorial amosouse moi interesada e manifestou o seu mais firme compromiso en adoptar as solucións necesarias. Chegou o mes de febreiro e todo segue igual pero con mais choiva e máis temporal e sen actuacións no centro.

Estes delegados/as dos alumnos/as a vista de que nada se movera, entrevistáronse neste mes de febreiro co xefe territorial de Educación pero todo segue igual. Tamén recolleron sinaturas de protesta do persoal docente e alumnado e presentaron unha denuncia na inspección de traballo.

A CIG, unha vez coñecedora desta situación vai instar do Comité de Seguridade e Saúde dos centros de ensino a avaliación do centro para definir as necesidades de actuación que obriguen á Consellaría.

Está previsto o día 28 de febreiro a publicación no DOG de:

- Listas provisionais de actualización dos méritos 2019.

- Apertura de listas para novas inclusións e listado das que pechan.

En canto as listas pechadas só se permiten inscricións con nota de exame ou tempo traballado na categoría.

Este ano o prazo de novas inclusións será do 1 de marzo ao 30 de abril trala modificación do Decreto de Listas.

Publícanse no DOG do 18 de febreiro, 20 bolsas de formación en arquivos para prestar servizos na consellería de Cultura e Turismo. Como outras bolsas anteriormente convocadas (Bibliotecas, Egap, Consumo) o risco das bolsas é converterse en man de obra barata para acometer tarefas técnicas de descrición e organización.

No que levamos de 2020 a Xunta xa se puxo mans á obra para sacar convocatorias de "bolsas de formación" como churros, unha fórmula barata e escravista para obter máis man de obra e poder tirar partido ás súas anchas da desesperación da xente máis nova que non atopa unha oferta de traballo digna neste mercado laboral escaso en oportunidades, e que como recompensa ao seu esforzo se topa con estas marabillas da pseudocontratación, que ademais da escasa remuneración, son incompatibles con calquera outra actividade remunerada.

As "bolsas de formación" convocadas pola Xunta, amais de ser gangas cun escaso gasto de Seguridade Social, son esixentes nos requisitos, onde o obxectivo se centra en recrutar persoas tituladas universitarias, con másters e/ou posgraos, e currículos e expedientes académicos brillantes, con experiencia previa en traballos de investigación e publicacións, para acabar desempeñando tarefas estruturais da propia Administración.

Semella que para algúns responsables da Xunta de Galiza as persoas tituladas galegas non teñen abonda formación con licenciaturas, graos, diplomaturas, DEA, másters, posgraos, doutoramentos etc., e que non son aptos para traballar, e por iso precisan seguir formándose per secula seculorum para adquirir habilidades que non deben ter cabida nun contrato de traballo ordinario...

Algúns dos organismos que seguen a publicar convocatorias, incluso despois de demandas xudiciais, é a EGAP, con bolsas de dereito administrativo ou avaliación da calidade. Hai que engadir tamén ao Instituto Galego de Consumo e da Competencia, con bolsas de consumo; ao Igape, que convoca bolsas de internacionalización; a Política Lingüística, cos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas; ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, con bolsas en distintos proxectos de investigación; ou á Fundación Galicia Europa, con bolsas sobre políticas e programas europeos, ou sobre I+D en colaboración coa Axencia Galega de Innovación. Dende a mesma Consellaría de Cultura e Turismo, tamén se convocan bolsas en materia de arquivos.

Dende a CIG seguimos a denunciar estas prácticas abusivas da Administración, que debería promover ofertas de emprego público todos os anos onde se recollesen un número mínimo de prazas de todas as especialidades, en lugar de seguir investindo na precariedade e perpetuándoa.

A CIG recolle as queixas dos empregados públicos de Ferrol e entende que non é xusto que os cursos presenciais, entre os que se encontran moitos que son esenciais, non se convoquen en Ferrol, cando é así noutras zonas.

A modo de exemplo, no edificio administrativo de Ferrol hai persoal encargado de tarefas que corresponden cos contidos de determinados cursos, e están moi molestos, síntense discriminados con respecto a compañeiros que traballan noutros centros, que o teñen máis fácil para acceder á formación:

Curso FC20017 "Oficina de atención á cidadanía en materia de rexistro", que teñen previsto realizar de forma presencial, de 9 a 14 h. en todos os edificios administrativos da Xunta de Galicia, agás no de Ferrol.

Os funcionarios e funcionarias que realizan atención ao cidadán e á vez teñen asignada a función de rexistro auxiliar, polo tanto, traballan con todos os programas que se van tratar no dito curso, deste xeito non teñen a mesma oportunidade de recibir a formación.

No DOG do venres 21 de febreiro de 2020 publícase a convocatoria de actividades formativas que compoñen o Plan formativo ofimático de Galiza para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galiza, da Administración de xustiza, das entidades locais e de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galiza (SUG). Convócanse 2000 prazas en accións formativas impartidas na modalidade de teleformación integradas no Plan formativo ofimático de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes será de oito días a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

O número máximo de actividades formativas que se poden solicitar limítase a tres.

O certificado expedido pola EGAP que acredite a superación das actividades formativas deste plan permitirá obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

A oferta comprende diversos cursos de bases de datos, follas de cálculo, procesadores de textos e presentacións de LibreOffice e Microsoft Office; internet/intranet e correo electrónico en GNU/Linux e Windows 10. A modalidade de todos eles é teleformación.

Dende CIG- Administración Autonómica de Ourense acabamos de demandar por escrito a delegada territorial da Xunta, Mª Sol Díaz Mouteira, que se proceda a facer medicións das concentracións de gas radon en todos os centros de traballo públicos dependentes desta delegación.

Nas diversas avaliacións de riscos laborais realizadas nos edificios e centros de traballo da Xunta de Galiza no concello de Ourense, unicamente se fixeron control dos factores termohigrométricos.

Outras novas recentes

Luns, 28 Xullo 2025

Caos nas probas visuais da Consellería do Medio Rural

Tras dous anos agardando pola creación das listas de escalas de persoal funcionario do Servizo de Prevención e Incendios Forestais (SPIF), fixeron unha apertura extraordinaria destas listas en xaneiro, seica pola urxencia, pero as probas non as fixeron ata a semana pasada, en plena campaña de alto risco. Na proba visual, realizada na EGAP o 23 de xullo, houbo unha...
Xoves, 31 Xullo 2025

RPT de Atriga, Facenda, C.Presidencia. RPT con cambios en admon. especial (para 01/08/25)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) convocounos a unhas xuntanzas que serán o día 1 de agosto, coa seguinte Orde do día: RPT DA CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES Trátase dunha proposta de certa amplitude que foi tratada nunha xuntanza previa o día 11 de xullo. E agora, no mesmo día pretenden "negociar" en Mesa Sectorial de...
Mércores, 30 Xullo 2025

A CIG pide a retirada da denominación sexista «Valedor do Pobo» da fachada do edificio da institución

A entidade está a negociar cos sindicatos o seu I Plan de Igualdade, que chega 18 anos tarde ―contando con que a súa aprobación sexa en 2025 A pesar de que dispoñemos cada vez de máis lexislación no eido da igualdade, o seu incumprimento é sistemático por parte das administracións, sen que teña consecuencias que as disuadan do contrario. A lexislación obriga ás...