Novas por contido

Na reunión mantida hoxe, martes 19, a CIG pediu a volta á fase preliminar para garantir a toma de medidas preventivas antes da apertura ao público e a incorporación do persoal.

Esta reunión foi convocada pola denuncia presentada o luns 18 ante a Inspección de Traballo contra a Consellería de Cultura e Turismo por abrir centros como bibliotecas, arquivos e museos sen medidas de prevención ao COVID19 ata co 100% do persoal, incumprindo as fases de reincorporación previstas no Protocolo xeral. Para a CIG esta actuación deixou clara a presa da Xunta de Galiza pola volta a unha normalidade ficticia con vistas electorais.

A actitude dos responsables de Cultura pode ser cualificada de chulesca. O secretario xeral técnico bota balóns fora acusando ao goberno do estado español da apertura apresurada dos seus centros culturais manifestando incluso que o fixo por “imperativo legal” e que o único que pretenden é dar “translación as fases de apertura e proporcionar os servizos de cultura”, como se agora fosemos nós quenes quixeramos paralizar este dereito e eles foran os máximos defensores da cultura.

Non abren por imperativo legal, xa que as normas estatais non os obrigan, abren por imperativo electoral

Sexamos serios, non se pode abrir un centro ao público nin ao persoal sen a mínima seguridade, polo que dende a CIG-Autonómica tratamos de expoñer as eivas da desescalada nos centros culturais e xefaturas territoriais, e as inconcrecións dos documentos elaborados pola consellería no marco das fases progresivas da volta ao traballo presencial na Xunta de Galiza, para intentar que a consellería recuara e peche ata poñer as medidas preventivas ante o risco de contaxio polo coronavirus.

A falla de formación e actitude preventiva é manifesta nesta secretaria xeral técnica que mesturou ISSGA con Servizo de Prevención de Riscos Laborais (SPRL) e recomendacións estatais con protocolos e informe de fase preliminar sen ningún tipo de pudor. Ao final da xuntanza, como se dun carameliño se tratara, acordou convocar o comité de seguridade e saúde laboral para o venres, o que por certo non convocan dende 2018, e que están obrigados pola denuncia da CIG ante Inspección de Traballo e polo propio Protocolo xeral.

Resumo do acontecido neste mes de maio:

 

En definitiva, tiveron presa por abrir os centros é incorporar ás bravas, saltáronse as fases, pasaron da comprobación do SPRL, do CSSL e cargaron ás direccións dos centros de toda a responsabilidade en base a un protocolo para centros de cultura, que se sacaron da manga, chapuceiro e inconcreto: Se lle saen as cousas ben é grazas ao esforzo e sentido común do persoal.

Este luns 18 varias delegadas e delegados da CIG estivemos a botar un ollo ao estado das instalacións de San Caetano co motivo da volta ao traballo presencial do persoal da fase 1, imposta pola Xunta sen ter rematada axeitadamente a fase preliminar. Pois nesta fase previa era onde se tiñan que acometer os traballos para que a xente voltase en condicións de seguridade aos centros.

Supoñíamos que estas actuacións preliminares serían controlada polo servizo de prevenzón de riscos, pero parece ser que non, que as frechas que pintaron no chan púxoas Manolo o da empresa de rotulación onde boamente entendeu. Así esta fase preliminar, non existiu, incumprindo a propia Xunta a súa normativa, e de existir foi un limbo temporal no que non se fixo case nada.

Primeiro de todo dicir que a pouca xente que se reincorporou este luns ao traballo en San Caetano andaba máis perdida que un pulbo nun garaxe, non sabían a que permisos se tiñan que acoller, algunhas só foran para solicitar o teletraballo, outros non sabían que había que reincorporarse, unhas con máis de 60 anos non sabían que debían estar na casa, outros con máscara dicindo que era obligatoria, outras sen ela.. Vamos que a desinformación era o que máis abundaba. O camarote dos irmáns Marx era o máis parecido ao que atopamos alí.

Pero o que ven a conto no fío desta noticia é o inarrable sentido das frechas de circulación, que ao velas polo miudo soubemos que tivo que colocalas un condutor bébedo ou coas facultades de orientación maltreitas, pois só con mirar para as fotos vemos que hai que dar brincos ou mesmo estouparse contra unha parede para cumprir os 2 metros de distancia.

Rematamos pedindo ao Departamento de Tráfico de Santiago de Compostela que envie urxentemente unha dotación ao edificio administrativo de San Caetano a ver se pillamos ao infrator, e se lle poder retirar o carnet de por vida.

Consecuencia da denuncia da CIG, a Inspección de Traballo da provincia de Pontevedra emitiu un requirimiento dirixido á Consellería do Medio Rural no que se recolle a súa praxe incorrecta sobor do procedemento de recoñecemento do persoal especialmente sensible

Neste  requirimento establécese que, no tocante ao recoñecemento do persoal especialmente sensible, a Consellería do Medio Rural deberá axustar a súa actuación ao indicado no PROCEDEMENTO DE ACTUACIÓN PARA OS SERVIZOS DE PREVENCIÓN DE RISCO LABORAIS FRENTE Á EXPOSICIÓN AO SARS-CoV-2 (documento do Ministerio de Sanidade), xa que os pasos determinados na  guía da Xunta de Galiza para determinar a especial sensibilidade dos traballadores e traballadoras dilata no tempo o procedemento e podería poñer en perigo ao persoal que durante a tramitación debe incorporase ao posto.

Ao ter que axustar o procedemento ao establecido no protocolo do Ministerio de Sanidade, o servizo sanitario do SPRL sería o único competente para avaliar a presenza de persoal traballador especialmente sensible en relación á infección de coronavirus SARS‐ CoV‐2, establecer a natureza de especial sensibilidade da persoa traballadora e emitir informe sobre as medidas de prevención, adaptación e protección. Porén, esa avaliación será a única actividade técnica que poderá servir de base para tomar as decisións preventivas adaptadas a cada caso.

Por iso, na xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Medio Rural, a CIG solicitou que se cumpra co requirido pola Inspección de Traballo e tamén que o persoal vulnerable non se incorpore ao traballo presencial ata que a súa solicitude se resolva. Medio Rural respostou que levará ao CECOP a aplicación nesta Consellería do protocolo do Ministerio de Sanidade (solicitude do traballador/a directamente ao Servizo de Prevención de riscos que será quen resolva).

A Xunta chama á incorporación presencial do seu persoal e programa a apertura de centros a partir deste luns 18 sen ter en conta as medidas previstas no seu protocolo de reincorporación.

As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT, con representación na Mesa Xeral de Empregados Públicos, que ratificamos o Protocolo do Consello da Xunta polo que se establecen a reincorporación do persoal empregado público ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19, denunciamos o seu incumprimento pola propia Xunta de Galiza.

É inadmisible que centros de traballo como as bibliotecas e museos da Consellería de Cultura, as Oficinas de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, as Oficinas Comarcais Agrarias da Consellería do Medio Rural, por exemplo da apertura sen contraste de toma de medidas preventivas, vaian a abrir as portas este luns cando nin sequera se rematou o informe de identificación e actuacións preliminares, nin foi revisado polos Servizos de Prevención de Riscos laborais nin aos Comités de Seguridade e Saúde Laboral correspondentes.

Moitas consellerías están a facer interpretacións torticeiras do Protocolo saltándose os pasos de control e avaliación e agora obrigan á incorporación mediante chamada telefónica para o luns 18 deixando desprotexido e en grave risco ao persoal, pois na maioría de centros non se tomaron as medidas preventivas necesarias nin este persoal tivo tempo a comunicar a sua situación.

Así, o venres a ultima hora da maña, á Dirección Xeral de Función Publica enviou unha nota informativa en relación á solicitude de permisos en Portax cara a reincorporación ao traballo presencial derivado do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 8 de maio de 2020, polo que se aproba o Protocolo polo que se establece a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19. A pregunta lóxica que nos facemos é como lle vai dar tempo ao persoal a solicitar os permisos correspondentes á súa situación, e ás xefaturas a resolver o que sexa procedente no fin de semana? Esta imposición de reincorporación presencial “as bravas” supón poñer a todo o persoal en risco para a súa seguridade e saúde e o abandono de menores e maiores a cargo, desoíndo o acordado e ratificado polas Organizacións Sindicais..

O fomento do teletraballo así como a flexibilidade son os parámetros sobre os que debe articularse a reincorporación progresiva ao traballo presencial, aplicando ambos sobre os efectivos recoñecidos na Resolución do 12 de marzo do Cecop ao respecto do persoal especialmente sensible.

As organizacións sindicais rexeitamos esta actitude impositiva da Xunta que contradí o Protocolo, que pon en risco a persoas e usuarios de servizos públicos e tamén vai contra a prudencia e principio de precaución que a Administración debera ter na reincorporación ao traballo presencial, que debe regularse polos principios de progresividade e toma de medidas de protección adecuadas.

Os centros dependentes da Consellería de Cultura que dan servizo ao público, falamos de arquivos, bibliotecas e museos, teñen unhas particularidades específicas para que tanto o persoal como os usuarios se doten de medidas axeitadas para a loita contra a pandemia.

Así, a semana pasada a consellería elaborou un documento de reincorporación e posta en marcha dos centros, ao que a CIG fixo alegacións no sentido de que antes de poñer en marcha os centros e que voltara o persoal tíñase que facer unha avaliación de riscos laborais unidade a unidade para recoller a infinidade de problemáticas diferentes que teñen cada arquivo, cada biblioteca e cada museo dependentes da Xunta de Galiza.

O dito protocolo polo que sabemos non foi aprobado e aquí estamos esperando…

E todo se acelerou: o venres 15 pola tarde os traballadores de todos os centros reciben vía correo a comunicación de que o luns todos a traballar presencialmente.

Se anulaban todos os permisos de teletraballo e se debía acudir ao centro e de selo caso alí solicitar un novo permiso.

Obviamente os responsables da consellería nen se leran o Protocolo de carácter xeral de reincorporación do persoal empregado público da Xunta de Galiza e nen sequera se leran o propio borrador de protocolo da propia consellería que remitía ao primeiro onde a partir do luns so traballarán os afectados pola fase 1, recordemos, xefes de servizo e persoal que non poida teletraballar.

Ao longo da tarde, e polas críticas do persoal e dalgunhas direccións, foron recuando e deberon botar un ollo ao DOG e xa consideraron que os que estaban teletraballando seguiran nesa situación.

Que temos a día de hoxe:

  • Entre luns e martes van abrir todos os centros; non sabemos se xa ao público ou con traballos internos.
  • O número de persoal que se vai incorporar vai ser en moitos casos superior ao 80% dos efectivos, co que vai ser moi difícil manter distancias de separación ao longo da xornada.
  • Cónstanos que a maioría dos centros aínda non contan nen con mamparas de separación, luvas, hidroxel nen a organización de espacios para manter adecuadas medidas sanitarias.
  • Temos centros que polo seu exiguo tamaño habería que iniciar o teletraballo entre persoal que aínda non o solicitara e que podería desenvolvelo.
  • Non se ten planificado a relación entre usuario/traballador no tocante á venda de entradas, cobro, entrega de documentos, depósito de documentos, etc.
  • Non se dotou nas dependencias de ordenadores diferenciados para traballadores e tampouco sabemos nada do plan especial de limpeza e desinfección.

En fin, unha desfeita que se intenta solucionar coa boa vontade de moitas direccións pero que se ve superada pola realidade e que representa unha irresponsabilidade enorme no momento de pandemia que vivimos.

Dirixímonos aos responsables desta desfeita, a saber o director xeral de Políticas Culturais e secretario xeral técnico para que por un lado aproben un protocolo que recolla todas as eivas que sinalamos e por outro que faga unha desescalada progresiva e que non queiran facer puntos diante do xefe para ser os primeiros en chegar a unha “falsa normalidade” pois están a xogar coa saúde dos traballadores e tamén dos usuarios, polo que de non haber medidas que garantan a seguridade NON SE DEBEN ABRIR OS CENTROS.

A CIG leva días instando á Consellería de Educación a que se sente a negociar a reincorporación do seu persoal non docente.

Non están dispostos a facelo, nin despois da denuncia presentada pola CIG en inspección de traballo por incumprir a lexislación en prevención de riscos laborais pola incorporación de parte do persoal este pasado luns 11 de maio.

Educación nin negociou nada, nin publicou ningún texto normativo oficial, nin programou o estudo das necesidades con antelación á incorporación de máis persoal.

A conselleira de educación está esperando a que o Goberno do Estado lle faga o traballo....

Para a CIG Autonómica é necesaria a apertura dunha mesa de negociación real. Non podemos quedarnos cunhas “Recomendacións sanitarias a establecer nos centros educativos”, e menos aínda cando o vindeiro 25 de maio haberá alumnos nos centros de ensino.

Por todo isto, a CIG Autonómica acaba de achegarlle á Consellería de Educación unha serie de consideracións e propostas preventivas ao COVID19 ante a incorporación e traballo nos centros educativos para o persoal non docente. Estas propostas inclúen aspectos xerais pero tamén entramos polo miúdo a valorar todo aquelo que o noso persoal pode necesitar para protexer a súa saúde.

Estas achegas non pretenden substituír ás avaliacións de riscos laborais ao COVID19 que se deben facer en cada centro de traballo dependendo das súas especiais características.

Para a CIG é esencial facer unha avaliación individual coas ferramentas xa reguladas que, apoiadas co Servizo de Prevención de Riscos Laborais e coa participación da representación do persoal e dos Comités de Seguridade e Saúde Laboral, aseguren a incorporación co mínimo risco posible.

Descarga o Escrito da CIG con achegas para un protocolo de reincorporación ante o silenzo de Educación

Consecuencia do Estado de Alarma, determinadas empregadas e empregados públicos viron incremendata a súa carga de traballo, en moitos casos sen ningún tipo de compensación.

Poñemos o caso, por exemplo, do persoal que tramita os ERTE que viron moi incrementada a súa carga de traballo. Estas compañeiras e compañeiros levan dende o comezo do Estado de Alarma tramitando expedientes baixo presión para “avanzar”, traballando fora de horario, festivos e domingos. Este persoal encárgase dunha primeira parte da tramitación dos ERTE. Posteriormente o persoal do SEPE encárgase dunha segunda parte da tramitación. Este último persoal, dependente da Administración Xeral do Estado, van recibir un complemento de produtividade. O persoal da Xunta non.

A CIG dirixiu escrito a Función Pública solicitando que se identifique a todo o persoal empregado público que, en calquer ámbito relacionado co Estado de Alarma, realizou traballos extraordinarios ou, sendo ordinarios, estivo sometido a unha alta carga de traballo.

E unha vez identificado, se negocie coa representación sindical a gratificación dese esforzo, preferentemente mediante compensación con descanso e, se non é posíbel, mediante gratificacións extraordinarias.

Recomendacións para a operación de sistemas de aire acondicionado. Outro exemplo da improvisación da Xunta de Galicia.

Durante as próximas semanas producirase o progresivo retorno do persoal da Xunta de Galiza os seus respectivos locais de traballo. Dada as dúbidas existentes respecto aos sistemas de ar acondicionado queremos informarte das medidas adecuadas e as recomendacións feitas en materia de sistemas de climatización propostas pola: ATECYR (Asociación Técnica Española de Climatización y Refrigeración), REHVA (Federation of European Heating, Ventilation and Air Conditioning Associations), ou ASHRAE (American Society of Heating, Refrigerating and Air-Conditioning Engineers), para evitar a propagación do COVID-19, e que de seguro a Xunta de Galiza non seguirá:

  1. NON APAGAR O AIRE ACONDICIONADO, xa que o estrés térmico causado por un mal sistema de climatización da lugar a caída das defensas, e esta caída de defensas xera un risco que é maior co risco de contaxio polo sistema de climatización.
  2. Revisar as instalacións de aire acondicionado / ventilación antes do inicio da desescalada para verificar o seu correcto funcionamento e facer os axustes  e arranxos pertinentes. (Evitar que por falta de uso exista proliferación de bacterias no sistema, como por exemplo a lexionela).
  3. Activar os sistemas de aire acondicionado horas antes do inicio da xornada laboral e mantelos despois ou un mínimo do 25% do caudal máximo para favorecer a eliminación de partículas infecciosas. Se é posible manter os sistemas funcionando en continuo 24/7.
  4. Aumentar o caudal o máximo posible da instalación, durante as horas de traballo; recomendase un caudal mínimo de 12,5 litros/segundo/persoa, segundo indica o “Real Decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas nos edificios” nos apartados IT 1.1.4.2.3 para os locais de tipo IDA 2 do apartado IT 1.1.4.2.2 no que están tódolos locais da Xunta de Galicia). Manter os maiores niveis de impulsión e expulsións que sexan posibles.
  5. Cerrar completamente a recirculación de aire, é dicir, facer co 100% do ar veña do exterior e non aproveitemos parte do aire interior do edificio para volvelo facer pasar dentro, taxa de renovación de aire do 100%. Os filtros situados nos recirculadores non son quen de reter partículas de virus.
  6. Evitar cos sistemas de entrada e extracción de aire nas estancias xeren correntes que pasen partículas con virus duns traballadores a outros, segundo o establecido no “Real Decreto 1027/2007” no apartado IT 1.1.4.1.3.
  7. Vixiar fugas naqueles intercambiadores de calor nos que exista separación entre o aire de entrada e o da saída; no caso de que non exista separación (ex: intercambiadores rotatorios) directamente apagalos.
  8. No caso de cambio dos filtros do sistema de de ventilación estes serán tratados como material de risco biolóxico e tomaranse as correspondentes medidas de protección individual (luvas, máscaras, gafas, botas e traxe de protección). Non é recomendable subsistir os filtros por uns de maior filtraxe (mais finos) xa que a perda de fluxo de aire é peor ca ganancia na filtraxe. Non se deben limpar os filtros (con aire, auga , UV-C etc), nin manipular (recortar, axustar etc); hai que substituílos.
  9. Instalar en oficinas de traballo con grande cantidade de persoal, como por exemplo San Caetano, sistemas extra de purificación de aire que reduzan a carga de virus (UV-C, filtración electrostática, xeradores de ións, etc).
  10. Manter a ventilación dos baños de forma continua e descargar os inodoros coa tapa pechada.
  11. En todos os centros e, especialmente, naqueles con maior cantidade de traballadores e peores condicións de climatización, facer obrigatorio o uso de máscaras para reducir en maior medida a cantidade de partículas de virus no ambiente.

Na CIG seguimos reclamando a convocatoria dos comités de saúde e seguridade laboral, para realizar plans de prevención de riscos laborais e avaliacións de riscos personalizadas para cada centro e non protocolos de medidas xerais que non abranguen toda a actividade realizada nos centros, e que deixan a xente desamparada ante a pandemia do COVID-19, eludindo a súa responsabilidade como garantes da saúde e seguridade dos traballadores como di a Lei 31/1995, de 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais.

O día 5 de marzo 2020 solicitamos a reunión urxente do Comité de Seguridade e Saúde Laboral do Edificio Adminsitrativo do Ourense. A día de hoxe esta reunión non se chegou a producir.

O próximo 18 de maio comenza a primeira das tres fases que inclúe o Protocolo de incorporación gradual do persoal empregado público. Rematadas as actuacións preliminares de identificación do protocolo e antes da reincorporación do persoal, é necesario coñecer as avaliacións de riscos realizadas e as medidas previstas. Tamén é necesaria unha reunión urxente do Comité de Seguridade e Saúde Laboral do Edificio Administrativo de Ourense no que se teñan en conta novas medidas organizativas.

A CIG ven de poñerse en contacto coas outras organizacións sindicais para instar a reunión urxente da comisión de seguimento do acordo do protocolo de reincorporación e o grupo de traballo sobre o teletraballo, para avaliar a fase preliminar, estudar a ampliación temporal e a outros colectivos do teletraballo.

A comisión de seguimento é un instrumento de traballo para a mellora do protocolo, e este debe ser un documento vivo e aberto a cambios. Cremos que a comisión debe ter carácter permanente e a primeira xuntanza ten que realizarse esta semana.

Hai varias cuestións que deben ser tratadas:

1. Teletraballo: ampliar o seu prazo e o seu ámbito subxectivo

Por seguridade a presenza nos centros debe ser mínima, polo que dende a CIG cremos que se debe incentivar o teletraballo e amplialo a máis alá da terceira fase. Isto pode facerse ou ben aumentando o prazo de incorporación da terceira fase ou simplemente ampliando o teletraballo. A normativa do Estado é clara: propón que o teletraballo se prorrogue ata tres meses despois do estado de alarma, (Real Decreto-lei 15/2020) polo que antes de entrar na fase 3 este asunto debe quedar resolto.

Esta medida debe contemplarse independentemente do carácter de permanencia que consideramos que debe ter esta opción e que será obxecto de análise no grupo de traballo para o teletraballo.

2. Estudo e análise dos traballos de adaptación da fase preliminar

A maiores dos asuntos de contido que levaremos a esta comisión de seguimento, consideramos que a mesma debe reunirse para que se dea conta e avaliar como van os traballos da fase preliminar de adaptación dos postos de traballo.

3. Avaliacións de riscos laborais ao COVID19 dos centros de traballo e postos con tarefas de campo e convocatoria dos comités de seguridade e saúde laboral

É moi importante que os centros se analicen dende outro punto de vista, como no caso da ventilación, poñendo énfase no control dos sistemas de ventilación forzada e correntes de ar, as sinalizacións, a formación do persoal en materia de prevención ao COVID19 ou o aforo dos locais.

4. Centros dependentes da Consellería de Educación

A Xunta debe obrigar á Consellería de Educación á negociar un protocolo de reincorporación acaído ás circunstancias destes centros para manter sistemas de teletraballo ou de flexibilidade horaria compatible coa prestación do servizo, pero que permita exercer os dereitos de conciliación, de entrada durante esta crise, pero con vocación de futuro.

Así, ao igual que fixeron outras consellerías co persoal con funcións “especiais” (como bombeiros forestais, ou persoal de Cultura), esiximos á Xunta que obrigue á Consellería de Educación a negociar inmediatamente un protocolo axeitado ás especificacións laborais de dito persoal.

Independentemente da necesidade dunha avaliación específica ao COVID19 nestes centros hai que ter en conta as súas especiais características (número de alumnado, espazos comúns, conformación de aulas, disposición da secretaria e lugar e medios de traballo do persoal subalterno, protocolos e medios para persoal de limpeza, etc).

5. Flexibilidade e conciliación no caso do persoal con fillos/as menores e maiores a cargo

Todo o persoal con menores e maiores a cargo verá aumentado o seu período de teletraballo máis alá da terceira fase ata que a actual situación sanitaria permita abrir os centros de ensino, garderías e centros de día.

Ademais, no caso de non ter capacidade de teletraballo, e seguindo o protocolo aprobado, haberá que buscar outras fórmulas para que se poida prestar ese servizo e desenvolver as tarefas asignadas de xeito non presencial, como despacho ordinario de asuntos dende o domicilio, tal e como se recolle no punto 3 do protocolo. No caso de persoal convivinte con persoas de risco esta modelo equivalente ao teletraballo é esencial.

O fin último é buscar unhas ferramentas de flexibilidade laboral (teletraballo) que nos permitan conciliar a seguranza sanitaria, a atención familiar e a continuidade ordinaria dos servizos administrativos na Xunta de Galiza.

Consideramos que urxe poñerse xa a traballar neste asunto sen dilación.