Novas por contido

No día de onte, 29/08/2024, constatamos que todo o persoal do SPIF da provincia de Pontevedra e algún persoal doutras provincias non cobrara a nocturnidade correspondente ao segundo trimestre do ano 2024.

Ante esta situación, e tendo en conta que o persoal do distrito XVI e do CCP de Pontevedra xa non cobrara o primeiro trimestre, enviamos unha solicitude dirixida á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Rural para que emendaran esta situación de xeito inmediato. Segundo comentan van abonar todas estas contías pendentes no mes de setembro. Esto sería o mínimo, pero esperemos que cumpran xa que cando xurdiu a incidencia no primeiro trimestre do ano se nos dixo que non ían cobrar ata o seguinte trimestre. Daquela dende a CIG solicitaramos que se cobrara no mes seguinte xa que non existía ningún impedimento para que así fora.

A maiores, temos que dicir que as incidencias no cobro da nocturnidade do persoal do SPIF non son novas. Xa se produciron atrasos no cobro varias veces, e iso que se paga por trimestre e non mensualmente como si se fai noutras consellerías.

Esperemos que cumpran co que din, paguen en setembro e non o atrasen máis.

E agardemos tamén que a consellería comece a abonar as contías correspondentes ao traballo realizado en domingos e festivos, e non se produzan os mesmos atrancos para o seu cobro coma no caso da nocturnidade.

Na páxina web Museos de Galiza da Xunta de Galicia podemos atopar información do chamado “Conxunto Etnográfico do Cebreiro”. Cóntanos que está formado por catro pallozas, tres delas musealizadas. Tamén temos información dos horarios de apertura, iso si tamén nos advirten do seguinte: “Este centro pode estar pechado puntualmente por causas técnicas”.

Esta advertencia non é casual, este conxunto etnográfico leva pechado todo o mes de agosto.

Alguén podería preguntarse cales poden ser as causas técnicas que teñen pechado este singular conxunto etnográfico na época de maior afluencia de visitantes a O Cebreiro. Como pode a Xunta de Galiza ter pechado o único espazo musealizado que ten en todo o Camiño Francés? Un conxunto único, que permite aos visitantes que acaban de entrar en Galiza realizar unha inmersión instantánea nunha Galiza que xa non existe, pero que nos conforma como pobo.

Noutra páxina web da Xunta de Galiza Cultura de Galiza tamén temos información da exposición dos traballos derivados do “III Encontro Internacional de cestería no Camiño” que se pode visitar no Museo Etnográfico do Cebreiro do 1 de xullo ao 30 de setembro de 2024. Neste caso xa non hai información de que o museo pode estar pechado por causas técnicas, pero polo de agora dos 3 meses que dura a exposición 1 mes xa non se puido visitar.

Para sacar de dúbidas a quen se faga estas preguntas imos explicar as “causas técnicas” deste peche:

Os xestores políticos da Xunta de Galiza son incapaces de realizar un chamamento polas listas de substitución para cubrir a baixa do vixiante do museo. A persoa que realizaba esas labores até o mes de agosto está de baixa laboral, nas listas de substitución para ese posto no ámbito no que está incluído O Cebreiro hai nestes momentos 34 persoas apuntadas e o trámite para realizar o chamamento pode durar 3 días. A única causa técnica que existe para ter o Conxunto Etnográfico do Cebreiro pechado durante o mes de agosto é a incapacidade dos xestores políticos da Xunta de Galiza para realizar o seu traballo.

Situación crítica nas  de maiores da Xunta pola falta de persoal e a necesidade urxente de adoptar medidas.

Cada vez é mais grave residenciasa situación que atravesan as residencias de maiores xestionadas pola Administración xeral da Xunta de Galiza debido á escaseza de persoal e, en particular, á falta de substitutas e substitutos. Como é de sobra coñecido, as condicións laborais no sector sociosanitario e, máis concretamente, nas residencias, distan moito de ser óptimas. A falta de persoal cualificado e a sobrecarga de traballo á que se ven sometidas as e os profesionais que xa están no cadro de persoal están xerando unha situación insostíbel que pon en risco a calidade da atención que reciben as nosas persoas maiores.

Esta problemática agrávase máis pola competencia co Sergas ou, inclusive, coa empresa privada, onde as condicións laborais son máis atractivas, o que dificulta enormemente a contratación e retención de persoal nas nosas residencias. A consecuencia directa é a imposibilidade de cubrir as vacacións e as baixas por enfermidade ou por calquera outro motivo, o que xera unha sobrecarga de traballo para as e os profesionais que permanecen en activo e unha diminución da calidade dos coidados.

É importante salientar que esta situación non só afecta ao benestar das persoas residentes, senón que tamén ten un impacto negativo na saúde mental e física das persoas traballadoras, que se atopan sometidas a un estrés constante e a unha presión laboral excesiva.

A medida que pasa o tempo, esta serie de problemas acentúanse, poñendo en risco a sustentabilidade do sistema e a calidade de vida das nosas persoas maiores.

As medidas urxentes a adoptar, consensuadas coas organizacións sindicais, para asegurar unha axeitada cobertura das necesidades asistenciais das persoas residentes, son as seguintes:

  1. Atraer e reter os e as profesionais
  2. Aumentar os cadros de persoal 

Por unha atención e coidados dignos, públicos e de calidade nas nosas residencias!

Séguenos para recibir información na nosa canle de Telegram ou consúltanos as túas dúbidas.

 

A Consellaría do Medio Rural vén de anunciar unha nova listaxe de prazas en Moura para as que farán chamamentos a través das listas de contratación. Trátase de prazas de varias categorías correspondentes ao Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF). Desta vez non sae ningunha praza na provincia de Pontevedra.
 
Lembra que os chamamentos para as prazas de 12 meses teñen que vir sinalados como optativos porque fan o chamamento a través das listas de laborais; e que o persoal de 6 meses non debería recibir citacións para outras prazas de 6 meses, a non ser que sexa persoal indefinido.
 
 
 

CCOO e UGT veñen de difundir unhas instrucións destinadas ás consellerías sobre os procesos de funcionarización. Están asinadas pola directora xeral de Emprego Público e esta NON TIVO A DECENCIA de enviarllas ao sindicato maioritario, nen sequera de avisar, cando esta cuestión ten unha grande relevancia porque:

1. Anunciase xa o DOG no que se vai publicar este documento (27/08/2024).

2. Anúncianse os prazos para a asinar a extinción da relación laboral (días 27, 28, 29, e 30 de agosto).

3. E anúnciase a toma de posesión para o día 2 de setembro.

*O documento incluso contén un erro, se a sinatura da extinción da relación laboral é a partir do día seguinte da publicación e a publicación é o 27, ese mesmo día non se podería asinar.

Esta nova xuntanza do 6 agosto foi para realizar o seguimento das solicitudes de vacacións e as incidencias que puideron xurdir. Tal e coma manifestamos dende a CIG, os criterios de concesión das vacacións teñen que ser por grupos de traballo (por brigada, motobomba ou grupo de emisoristas/vixilantes). Pero dende a Consellería está a aplicarse o criterio de repartilas por equipos ou categorías o que está a provocar unha chea de denegacións, e todo iso co visto e prace das demais organizacións sindicais.

Facemos constar, e isto xa é un clásico, que estes problemas nas concesións das vacacións agravase pola non cobertura de prazas vacantes, non vacantes e baixas. Co sistema horario deste acordo faise inda máis imprescindible contar co 100% das prazas cubertas.

A maiores na xuntanza tratáronse as seguintes cuestións a petición da CIG:

  1. Os traballadores e traballadoras do SPIF están a recibir unha nota interna sobre a hora de comida ou cea recollida no acordo. Entendemos que esta nota incumpre o establecido no acordo e os responsables de asinalas deben corrixilas xa. Reiteramos que o tempo de comida e cea é xornada de traballo, pero non tempo de traballo. O acordo é claro: disponse dunha hora para xantar e cear, e non concordamos o de que non se poden abandonar as dependencias para facelo. Constatamos que noutros casos poden saír a comer. Sorprendentemente dende a dirección xeral non se responsabilizan do recollido nesa nota e incluso nin concordan con parte do exposto nela.

  2. Recordámoslles que mentres as funcións dos e das emisoristas sexan as recollidas no V Convenio, este persoal ten como función principal a realización das transmisións entre as distintas unidades do SPDCIF a través dos medios postos a súa disposición, para asegurar unha adecuada comunicación dos avisos, ordes ou instrucións dentro do servizo, pero tal e coma recolle o PLADIGA 2024, baixo a supervisión dun/dunha superior.

Rogos, preguntas e outras cuestións:

  • Dende a Consellería comentase que hai centros de coordinación onde resulta imposible cumprir o Acordo. Non será porque dende a CIG non advertiramos de que isto se ía producir, pero a Administración non caeu da burra e implantou unha secuencia que dobra a quenda de tarde, o que fai imprescindible un mínimo de 8 persoas para cumprir co establecido no Acordo.

  • A Consellería propón para a caseta de vixilancia de Coto Agudo, do distrito I, quendas de 15:30 a 01:30 horas para persoal laboral e funcionario. Dende a CIG expoñemos que se estenda xa o Acordo a todo o persoal laboral e a outros casos nos que a situación sexa similar, coma por exemplo a caseta de Coto do Pilar.

  • Propoñen un horario para o Batracio de Becerreá de 10 h a 06 h (son 24 compoñentes dos cales 2 son xefes de brigada, 2 motobombistas e o resto bombeiros). Repartirán ao persoal en dúas brigadas por dia, de 6 compoñentes cada unha. Solicitamos que nos entreguen esta proposta por escrito e a maiores entendemos que faltan 2 xefes de brigada e dous condutores/as de motobomba para completar os equipos.

  • Como remate, o director xeral comenta que están a traballar nunha proposta de modificación de RPT cara o derradeiro trimestre do ano. Recordámoslle que dende a CIG xa propuxeramos antes da RPT de funcionarización, que era preciso a creación de prazas de xefe de brigada para garantir a operatividade do servizo. Daquelas augas estes lodos, con todo o que está a supoñer ter brigadas sen responsable.

Antes do verán tivemos novas sobre o aprazamento dos procesos de promoción interna e de libre, que nos obrigaron a esixirlle á directora xeral en varias ocasións aclaracións.

Despois de eludir o tema varias veces, respondeunos finalmente o 21 de xuño nunha comisión de persoal que “...se comprometían a poñer os medios necesarios para que se puidera cumprir o calendario anunciado.” Esta parecía a resposta correcta para non contradecir ao Presidente da Xunta que nunha nota de prensa anunciou as datas de exames de 22 procesos.

Pois ben, apenas mes e medio despois, Función Pública colga un novo calendario de exames no seu web, no que figuran cambios nos procesos de libre e promoción interna. No caso concreto da promoción interna de corpos xerais se apraza do 14 de decembro aos días 1 e 2 de febreiro de 2025. A maiores atopamos outras eivas como que no novo calendario poñen a data de exame de dous procesos da escala de veterinarios o mesmo día, cando se comprometeran a dar opción para que as persoas aspirantes puidesen concorrer ás dúas probas.

A desculpa de mal pagadora no caso da promoción interna a corpos xerais é que hai 21 persoas que están matriculadas na promoción interna e son á vez membros dos tribunais dos procesos de estabilización. Isto é de traca: na Xunta hai máis de 15.000 funcionarios e funcionarias de carreira e non se atreve a cesar a 21 membros dos tribunais e nomear outros 21?

Se non os/as atopa que non se preocupe, que lle facemos nós o traballo e buscámoslle 21 titulares e 21 suplentes se fai falta. Pero nos tememos que son desculpas e que realmente NON QUERE resolver o problema e acode á vía máis doada e cómoda para ela: adiar, que é o tradicional principio informador das políticas de persoal na Xunta.

Moitas/os compañeiras/os reservaron días e vacacións para o mes de outubro ou decidiron seguir matriculados/as en academias, ou simplemente organizaron a súa vida persoal en función das datas que esta directora xeral garantía.

Polo que podemos observar nesta dirección xeral cambian as persoas titulares pero arrástranse as mesmas políticas: cambian caras para que nada cambie.

A CIG solicitou esta formación na xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Medio Ambiente de setembro de 2023.

Esta é a información remitida pola Vicesecretaría Xeral sobre o curso:

Programa

  • Teoría xeral: sensibilización ante o consumo enerxético e o desenvolvemento do medio ambiente.
  • Outros combustíbeis e enerxías
  • Sistemas de seguridade ADAS
  • Técnicas de condución
  • Fase práctica

Obxectivos

  • Adestrar ao persoal condutor no uso do automóbil todo terreo con técnicas de condución seguras e eficientes
  • Formar sobre os conceptos máis relevantes dunha condución autónoma e os seus sistemas de seguridade para utilizar o automóbil moderno con maior seguridade
  • Formar e informar sobre os tipos de enerxía a empregar segundo a conveniencia ambiental, coa intención de diminuír a emisión de partículas contaminantes ao medioambiente e garantir así unha condución racional
  • Formar e informar sobre a normativa actual que afecta á circulación dos vehículos máis actuais

Inscrición: do 26 de agosto ao 4 de setembro

Empregarase a plataforma de Academia Galega de Seguridade Públic a- AGASP, onde será preciso rexistrarse previamente, para despois buscar o curso e facer a inscrición.

Prazas convocadas: 30 prazas, 15 por cada edición

Persoas destinatarias: axentes, capataces e capatazas, oficiais, vixiantes e peóns e peoas da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e dos seus servizos provinciais.

Criterios de selección: no caso de ser necesario o desempate realizarase pola orde de inscrición.

Horario: de 8:00 h a 15:00 h 

Edicións: Edición 1: 18 de setembro de 2024; Edición 2: 25 de setembro de 2024

Duración: 7 horas

Lugar: será impartido en Curtis, na Escuela de Conducción y Transporte de Galicia, situada no Polígono industrial de Teixeiro, parcela de aparcadoiro norte, rúa H.

Na instrución da Vicesecretaría Xeral indícase que o criterio de selección é cumprir co requisito de ser persoal destinatario, e que de haber desempate se fará por orde de inscrición. Na CIG consideramos arbitrario e inválido este criterio de desempate, que ademais ignora a obrigada aplicación da perspectiva de xénero no acceso á formación; un criterio que solicitamos que se mude antes da apertura do prazo de solicitudes, e que se elimine definitivamente nas futuras convocatorias de formación de toda a Xunta. No caso de haber máis solicitudes que prazas, demandamos que se fagan máis edicións desta actividade, para que todo o persoal interesado poida formarse e actualizarse en cuestións que repercuten na seguridade, saúde e prevención de riscos laborais.

Aproveitamos a ocasión para incidir na necesidade de que a Consellaría de Medio Ambiente se comprometa a elaborar un plan de formación anual de cara a 2025 que incremente e amplíe a formación técnica, específica e de actualización de todo o seu persoal con competencias específicas na materia (toma de mostras, programas informáticos, actualización da lexislación e demais formación necesaria para garantir a eficacia das traballadoras e traballadores). 

Por outra banda, tamén consideramos precisa a coordinación con Medio Rural, Consellería do Mar e incluso Presidencia, de ser o caso, para garantir a eficiencia dos medios en actividades formativas específicas como a condución segura, entre outra formación; e que se cree, por motivos de transparencia e información pública, un rexistro oficial de persoal formador onde se expliciten que entidades imparten a formación, a modalidade de contratación e os criterios de selección docente para toda a formación non transversal tanto de Medio Ambiente como do Medio Rural, Presidencia e demais consellarías.

 

  

Na Comisión de Persoal do martes 6 de agosto, a CIG insistiu en preguntar que pensan facer coas prazas non cubertas de discapacidade nos procesos de estabilización da Lei 20/21, posto que a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) quedou por dúas veces en estudalo e dar resposta. Por terceira vez resposta que van a estudalo e xa darán resposta.

Na mesma sesión, a DXEP informou de que publicaron no web de Función Pública un novo calendario do primeiro exercicio dos procesos selectivos convocados en 2023 e 2024. A súa explicación foi a seguinte:

  • Do 2023 son 22 procesos convocados, hai 19 pendentes de primeiro exercicio. Manteñen as datas previamente anunciadas con pequenas variacións en cinco deles por razóns organizativas.
  • O primeiro exercicio dos catro procesos de promoción interna separada de corpos xerais serán os día 1 e 2 de febreiro de 2025. Asegura que non se poden convocar antes porque hai 21 persoas inscritas que forman parte dalgún tribunal dos procesos da Lei 20/21. Isto implica que estas persoas terían que renunciar á súa promoción interna ou aos tribunais no momento de publicación das listas provisionais de persoas admitidas e excluídas. E por iso van a atrasar esta publicación á primeira semana de xaneiro do 2025.
  • O primeiro exercicio dos procesos para persoas con discapacidade intelectual non será antes de xuño/2025 dado que está pendente a publicación do temario no DOG, e as asociacións non queren que se faga o exercicio ata pasados 6-9 meses da publicación do temario.
  • Dos 25 procesos convocados no 2024 (13 de acceso libre, 11 de promoción interna separada e 1 para persoas con discapacidade intelectual), o primeiro exercicio realizarase entre marzo e xuño de 2025.
  • Non se presentou ningunha solicitude á especialidade de enxeñaría técnica de obras públicas por promoción interna, polo que non se inclúe no calendario.

A Comisión de Persoal do martes 6 de agosto aprobou a convocatoria do proceso selectivo á escala de letrados/as da Administración Autonómica, co voto en contra de todos os sindicatos con representación: CIG, CCOO, CSIF e UGT. Un proceso cheo de absurdos, obstáculos, subxectividades.. Un proceso tan mal deseñado que ano tras ano quedan prazas sen cubrir.

PROMOCIÓN INTERNA INEXISTENTE

A Xunta vai permitir que o persoal funcionario de calquera escala de A1 e A2 poida participar na promoción interna á escala de letrados: marabilloso. Pero vai ser sen que exista algunha diferenza entre a promoción interna e o acceso libre. Serán as mesmas probas, o mesmo temario, exactamente iguais, nun proceso en forma de oposición, sen fase de concurso.

Inicialmente nen sequera cumprían co mínimo legal do 25% para a promoción interna (2 prazas de 10, que aumentaron a 3 tras o aviso da CIG nas xuntanzas previas).

A CIG reclama a promoción interna do 50% das prazas, nun proceso por concurso-oposición, con exención de exames e temario para a promoción interna, nun proceso independente do acceso libre.

UN PROCESO INADECUADO: PRAZAS QUE NON SE COBREN

En letrados/as sempre quedan prazas sen cubrir nos procesos selectivos. Non chega nin ao 50%:

 Ano da OEP  Convocadas  Aprobadas
2013 6 3
2015 4 2
2018 4 1
2019 8 2
2022 en execución    
Total 22 8 (36%)

Non é posible manter que do conxunto de persoas que se presentaron aos exercicios de todos eses anos anteriores, non haxa un número abondo de persoas preparadas para cubrir 22 prazas. Esta experiencia o que nos di é que temos un modelo de proceso selectivo que non funciona e hai que cambiar.

UN PROCESO INADECUADO: O TIPO DE PROBAS E OS CORTES

A CIG non renuncia a súa pretensión de que todas as probas sexan de corrección obxectiva (test), pero para comezar, poderían simplificar o proceso: demasiadas probas orais, demasiados cortes.

  • Supresión dun dos dous exercicios de exames orais (de 7 temas cada exame).
  • Supresión dun dos dous exercicios escritos con lectura posterior e preguntas polo Tribunal.
  • Que as materias obxecto de cada exercicio non se repitan nos exercicios seguintes (eliminar materia entre exercicios).

Para superar o proceso selectivo, as persoas candidatas teñen que salvar a animalada de 16 notas de cortes. Si, 16 cortes. Porque hai dous exercicios que consisten en examinarse oralmente de 7 temas cada un, e hai que sacar un aprobado en cada un deses 14 temas. Non vale facer un exame perfecto pero patinar un pouco nun dos 14 temas, hai que aprobalos TODOS. E hai outros dous exames que tamén teñen o seu propio corte. En total, hai que obter unha puntuación mínima do 50% da nota en cada un dos 16 cortes.

SEN NEGOCIACIÓN

A convocatoria de letrados/as foi despachada en dúas patadas, cunhas bases idénticas ás da convocatoria do 2023, tan só coa corrección dalgún erro, como incrementar unha praza de promoción interna ante o aviso da CIG de que non se cumpría sequera co mínimo do 25%.

Foi tan inexistente a negociación que mesmo non aceptaron algo tan mínimo como engadir todos os exames para os casos de desempate, xa que coas bases actuais só teñen en conta dous exames de seis, e xa pasamos á lotería da letra do apelido. Custaba algo indicar que todos e cada un dos exames serían tidos en conta para o desempate sen ter que chegar ao chou do apelido?

AS PRAZAS QUE NON CONVOCAN

Montan un lio co número de prazas ofertadas e convocadas. A convocatoria do ano 2023 foi de 10 prazas, das que 4 eran da OEP-2020, 4 do 2021 e 2 do 2022. Quedaron outras 8 prazas do 2022 sen convocar.

Agora recollen esas 8 prazas pendentes da OEP-2022, e suman 2 prazas da OEP-2023. En total, son as 10 prazas que convocan agora. Pero e que quedan outras 8 prazas da OEP-2023 sen convocar. Por que? Está claro que queren dosificar a oferta, e vamos arrastrando ano tras anos prazas que quedan sen convocar, torando a oferta en varias convocatorias.

A CIG demanda que se convoquen xa agora todas as prazas existentes nas ofertas pendentes de convocar, de xeito que a convocatoria do 2024 recolla as 18 prazas pendentes e non 10 deixando 8 para outro ano.

Outras novas recentes

Mércores, 18 Marzo 2026

O TSXG resolve que o persoal de servizos xerais non ten que facer as tarefas de limpeza ordinaria dos centros do Consorcio Galego de Serv...

A CIG interpuxo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) un conflito colectivo en desconformidade coa interpretación que o Consorcio dá á cláusula do Acordo de Integración e coa práctica do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar consistente en impor, aos/ás traballadores/as coa categoría de PSX de determinados centros de día, vivendas comunitarias e...
Mércores, 18 Marzo 2026

CIG denuncia á Consellería de Política Social diante a Inspección de Traballo

A Consellería de Política Social incumpre a Lei de prevención de riscos laborais. Na Axencia Galega de Servizos Sociais (AGASS), as traballadoras embarazadas das escolas infantís de cero a tres anos están sometidas a un risco biolóxico inaceptable. As empresas e institucións con persoas empregadas a cargo teñen que protexer aos seu cadros de persoal ante os riscos derivados...
Martes, 24 Marzo 2026

Onde están as 35 horas na Xunta? Oito anos sen avances

Coa Administración Xeral do Estado a piques de pechar a implantación das 35 horas, na Galiza seguimos nas 37,5 semanais. A Xunta tivo desde 2018 capacidade legal para reducir a xornada, pero nin o fixo nin o acordo de concertación de 2019 incorporou medidas reais. Nós, o persoal da Xunta de Galiza, seguimos nas 37,5 semanais. Non é unha cuestión legal, é falta de vontade...