- Detalles
No DOG do 07/06/2023 publican:
- RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso nas categorías 19, 32, 38 e 40 do grupo I de persoal laboral da Xunta de Galiza.
- RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso nas categorías 3, 4, 5, 6, 9, 35 e 39 do grupo II de persoal laboral da Xunta de Galiza e persoal laboral propio do Cixtec (grupo II).
- RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso nas categorías 3, 12, 15, 34, 36, 37, 43, 52, 54, 54B, 66, 71, 94, 98, 100, 101, 103 e 104 do grupo III de persoal laboral da Xunta de Galiza e persoal laboral propio do Cixtec (grupo III).
-RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso nas categorías 7, 20, 21, 24, 25, 31, 32, 33, 34, 37 e 39 do grupo IV de persoal laboral da Xunta de Galiza.
- RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso nas categorías 10B, 10C, 14 e 14A do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galiza.
As persoas aspirantes poderán consultar o estado das solicitudes de inscrición presentadas e a situación como admitidas ou excluídas en fides.xunta.gal
A listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión, poderase consultar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal
Así mesmo, e segundo a base I.4 das que rexen o proceso selectivo, nesta listaxe figuran as persoas aspirantes que teñen pendente de acreditar que están en posesión do Celga requirido.
As persoas aspirantes excluídas, as que non figuren en ningunha das listaxes, así como aquelas persoas que non acreditaron estar en posesión do Celga requirido, disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza, para reclamar ou emendar o defecto que motivou a exclusión ou acreditar que posuían antes do día de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no proceso selectivo o Celga que corresponda.
- Detalles
Procesos selectivos lei 20/2021
O mércores 7 de xuño saen no DOG os listados provisionais de admitidos e excluídos de 48 procesos selectivos de concurso de méritos da lei 20/2021. Non sairá o baremos se non simplemente si as persoas cumpren os requisitos ou non e si están ou non exentos do exame de galego.
Calendario de exames
Con respecto ás previsións publicadas en relación aos exames que comezan esta semana non hai modificacións nin incidencias, polo que se vai cumprir o calendario.
Promoción interna de corpos xerais
Despois de que na CIG avanzáramos que se queren saltar tres promocións internas e que non convocan mentres que os procesos de libre están convocados e teñen data, Función Pública nos di que teñen moito traballo cos procesos da lei 20/2021 e que de momento non vai haber promoción interna.
Persoal subalterno con discapacidade intelectual
Toman nota da petición de darlles destino definitivo e crear un catálogo de postos para as tomas de posesión e farán unha revisión. Tamén din que a estas persoas se lles está a dar unha formación específica.
Proceso selectivo de Traballo Social
Publicarán o buzón de postos en canto corrixan unhas incidencias.
Procesos selectivos de persoal de incendios da OEP 2019
En xullo sairán os listados da fase de concurso.
Listas de substitucións de persoal de incendios
En canto se faga o proceso de funcionarización se procederá á fusión de listas seguindo o criterio de escalas/categorías sen ter en conta as especialidades.
Concursos de traslados
En xullo van negociar as bases dos concursos de traslados e intentar que as tomas de pose sexan simultáneas, tal e como defendeu a CIG tendo prioridade as persoas que concursan sobre as que aproben os procesos selectivos.
RPT de Política Social e do Consorcio
Este mes e o que ven se vai traballar coas dúas.
RPT de Educación e GAIN
Se negociarán a semana que vén e irán o xoves desa semana ao Consello da Xunta.
Pago de trienios en Medio Rural
Medio Rural está comunicando telefonicamente a persoas que cobraron trienios de máis que teñen que se lles vai descontar na seguinte nómina entre 600 ou 1.000 euros. Función Pública vai poñerse en contacto coa consellería para buscar outra solución.
Lei de incendios
Despois de que denunciásemos que non se levou a negociación, Función Pública se compromete a falar con Medio Rural para que dean unha explicación.
- Detalles
A Xunta aprobou un Anteproxecto de Lei integral para a loita contra incendios na Galiza sen ter negociado na Mesa Xeral de Empregados Públicos previamente cuestións que afectan ao persoal.
O Anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galiza está agora nos trámites de participación pública na páxina de transparencia, ademais na CIG vimos de recibir a comunicación da apertura do trámite de audiencia no eido social. Porén, previamente a aprobación do anteproxecto tíñanse que ter negociado as cuestións que afectan ao persoal coa sua representación directa.
O documento da lei contén cuestións que afectan ao persoal empregado público, tanto a nivel de funcións, formación continua, competencias e estrutura, requisitos para exercer os traballos na extinción, e outras máis xerais que poñen en risco a seguridade e saúde do persoal nos lumes.
A pesar de ter un efecto directo sobre as condicións de traballo do persoal funcionario e laboral, a día de hoxe non se abriu o proceso de negociación colectiva previo coas organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral de Empregados Públicos. Por iso a CIG-Autonómica vén de rexistrar varios escritos dirixidos a consellería e a Función Pública na que esixe a negociación colectiva dos artigos que afectan as condicións laborais do persoal ou que sen facelo directamente poñen en risco a súa seguridade.
Rexeitamos que a formación continua do persoal pase de ser obriga da administración a ser obriga dos traballadores cando agora é un dereito.
Falase de profesionalidade mentres na práctica afonda na precariedade do persoal ao seguir a permitir contratos fixos-descontinuos de 6 meses e convenios para a contratación temporal.
Dá mostra de que a Xunta non quere asumir a sua responsabilidade como administración competente en materia de prevención e extinción de incendios, botando balóns fóra. E demostra que aínda non sabe ou ignora intencionadamente as funcións das escalas dos/as axentes ambientais dos que non lles pon ben nin a denominación.
Non define ben as responsabilidades na dirección técnica da extinción e exclúe ao persoal da Xunta que hoxe ten funcións na vixilancia e detección de lumes mentres lle outorga funcións a voluntarios/as e outras entidades foráneas. E, falta unha soa referencia a conservación do patrimonio etnográfico, cultural e natural nas queimas prescritas, infraestruturas preventivas, etc: así de integral ten pouco.
O territorio non é un compartimento estanco, repartible e vendible. Unha lei integral debe protexer as persoas e o medio ambiente e o patrimonio da Galiza dos incendios forestais. E para iso é fundamental que reforce aos profesionais na prevención e lles dea seguridade e tamén que elimine a precaridade no sector. Para iso non hai outra:
Por un cadro de persoal profesional, multidisciplinar e 100 % público!!!
- Detalles
No DOG do 06/06/2023 publican a RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se publican os requirimentos de emenda de documentación das solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 25 de novembro de 2022 polo que se convoca o procedemento de acceso aos graos I e II do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral.
Publican a listaxe de solicitudes que deberán acreditar o cumprimento dalgún dos criterios de avaliación exixidos porque non consta a dita información no Rexistro Central de Persoal. Tal relación vén recollida no anexo desta resolución.
Segundo os artigos 14 e 16 da Orde do 25 de novembro, os anteditos criterios de avaliación deberán cumprirse o 31.12.2021, polo que non serán válidos os cursos feitos con posterioridade a esa data. Tampouco serán válidos os cursos convocados, organizados ou impartidos por organismos que non estean especificamente indicados nos artigos 15 e 17 da antedita orde.
Cada mérito deberá acreditarse documentalmente segundo o indicado no anexo da Orde do 25 de novembro.
A acreditación dos méritos descritos na letra a) Formación do dito anexo realizarase de xeito electrónico a través do sistema Fides, http://fides.xunta.gal segundo as axudas e instrucións habilitadas para o efecto.
Para cada mérito deberán completarse os datos solicitados no formulario.
Sempre que se dispoña de documentos acreditativos electrónicos orixinais ou copias electrónicas auténticas, estas achegaranse electronicamente no formulario e presentarase electronicamente a solicitude de actualización do mérito.
Só para aqueles méritos para os que o solicitante non dispoña, nin poda dispoñer, de documentos acreditativos electrónicos orixinais ou copias electrónicas auténticas, o solicitante deberá, unha vez cuberta a información do mérito no sistema Fides, xerar a solicitude de actualización do mérito e presentala presencialmente acompañada dos documentos acreditativos en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase o día 7.6.2023 e será de 15 días hábiles.
As persoas solicitantes relacionadas no anexo son requiridas para que, no prazo máximo de 15 días hábiles a partir do día 7.6.2023, acheguen os documentos preceptivos segundo o procedemento establecido no punto anterior. De non facelo, teranse por desistidas na súa petición, logo de resolución, que será ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
- Detalles
Recibimos documentación e convocatorias de xuntanzas para o venres 09/06/23, para tratar unhas propostas de modificación da relación de postos de traballo (RPT) do Consello Consultivo de Galiza e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Proposta de RPT do Consello Consultivo de Galiza: descargar.
Proposta de RPT da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Unversidades: descargar.
- Detalles
No DOG do 05/06/2023 publican a RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se publican os requirimentos de emenda de documentación das solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 25 de novembro de 2022 polo que se convoca o procedemento de acceso aos graos I e II do sistema transitorio extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa prevista na disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galiza, para o persoal funcionario.
Publican a listaxe de solicitudes que deberán acreditar o cumprimento dalgún dos criterios de avaliación exixidos porque non consta a dita información no Rexistro Central de Persoal. Tal relación vén recollida no anexo I desta resolución.
Segundo os artigos 14 e 16 da Orde do 25 de novembro, os anteditos criterios de avaliación deberán cumprirse a 31.12.2021, polo que non serán válidos os cursos feitos con posterioridade a esa data. Tampouco serán válidos os cursos convocados, organizados ou impartidos por organismos que non estean especificamente indicados nos artigos 15 e 17 da antedita orde.
Cada mérito deberá acreditarse documentalmente segundo o indicado no anexo I da Orde do 25 de novembro.
A acreditación dos méritos descritos na letra a) Formación do dito anexo realizarase de xeito electrónico a través do sistema Fides, http://fides.xunta.gal segundo as axudas e instrucións habilitadas para o efecto.
Para cada mérito deberán completarse os datos solicitados no formulario.
Sempre que se dispoña de documentos acreditativos electrónicos orixinais ou copias electrónicas auténticas, estas achegaranse electronicamente no formulario e presentarase electronicamente a solicitude de actualización do mérito.
Só para aqueles méritos para os que o solicitante non dispoña, nin poda dispoñer, de documentos acreditativos electrónicos orixinais ou copias electrónicas auténticas, o/a solicitante deberá, unha vez cuberta a información do mérito no sistema FIDES, xerar a solicitude de actualización do mérito e presentala presencialmente acompañada dos documentos acreditativos en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase o día 7.6.2023 e será de 15 días hábiles.
As persoas solicitantes relacionadas no anexo son requiridas para que, no prazo máximo de 15 días hábiles a partir do día 7.6.2023, acheguen os documentos preceptivos segundo o procedemento establecido no punto anterior. De non facelo, teranse por desistidas na súa petición, logo de resolución, que será ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
- Detalles
O director xeral de Función Pública convocounos a unha xuntanza da Mesa Xeral de Empregados Públicos (MX) e da Comisión de Persoal (CP) que será o martes 06/06/23, coa seguinte Orde do día:
1. RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DE MEDIO RURAL (bases helitransportadas)
Como mostra da vontade que teñen en negociar é que convocan a mesa de negociación (MX) só media hora antes da votación na Comisión de Persoal.
- Detalles
No DOG do 02/06/2023 publican o desistimento e a inadmisión de determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do complemento de desempelo e da carreira administrativa:
- RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2023 pola que se desestiman determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral.
- RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2023 pola que se desestiman determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de carreira administrativa para o persoal funcionario.
- RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2023 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario do grao I e II do sistema de complemento de desempeño do posto para o persoal laboral.
- RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2023 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario do grao I e II do sistema de carreira administrativa para o persoal funcionario.
Isto non é o mesmo que o anunciado por Función Pública de que van publicar en DOG o luns 5 o requirimento de documentación a determinadas solicitudes.
- Detalles
Informábamos no resumo da Comisión de Persoal do martes 30 de maio, da seguinte información do director xeral de Función Pública:
Carreira profesional: di que continúan coa tramitación. Publicarán no DOG do 2 de xuño a presentación de documentación no FIDES (comezará o día 5). Afecta unhas 500 persoas. Non haberá requirimento individualizado.
O xoves 1 de xuño recibimos unha comunicación de Función Pública co seguinte enunciado: "Finalmente por temas de publicación en DOG, o anuncio co requirimento ás persoas solicitantes da carreira administrativa ou complemento de desempeño, publicarase o vindeiro luns 5 de xuño e non o día 2".
É dicir, que queda para o luns 5 a publicación no DOG da relación de persoas ás que se lle vai requirir documentación para o recoñecemento da carreira administrativa do persoal funcionario ou do complemento de desempeño do persoal laboral.
Aproveitamos para falar do seguinte: recibimos varias consultas preguntándonos se este anuncio tiña que ver cun novo prazo para a presentación da solicitude da carreira profesional ás persoas que quedaron fora por non decatarse no seu momento (foron moitos os compañeiros e compañeiras con moita antigüidade que quedaron fora). Non, este anuncio non ten que ver, non é un novo prazo.
Sobre isto último, a CIG considera que o recoñecemento da carreira ten que ser como cos trienios, que se recoñecen en canto se cumpren os requisitos, e non agardar a que o señor director de Función Pública teña a ben convocalo e non nos faga perder diñeiro porque non lle peta facer a convocatoria.
- Detalles
Os chiringuitos na Xunta de Galiza medran coma os cogomelos. Non ben se extinguen uns, xa se argalla algo para repoñelos con outros, a ducias se fai falla.
A nova ocorrencia vén agora da man da Dirección Xeral de Emprendemento e Emprego, a cargo de Margarita Ardao (Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade), cunha rede de chiringuitos constituída por 15 entidades denominadas "polos de emprendemento e apoio ao emprego", e que están repartidos polas catro provincias. Na actualidade hai activos 8 polos, mentres que aínda están pendentes outros 7. Os polos activos son os seguintes:
• Polo da Costa da Morte (Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, Coristanco)
• Polo das Rías Altas e Arco Ártabro (Ferrol)
• Polo da Mariña (Mondoñedo)
• Polo da Montaña Lucense (A Fonsagrada)
• Polo de Lugo Sur (Monforte de Lemos)
• Polo de Ourense Centro e Sur (Verín)
• Polo de Miño Central (O Carballiño)
• Polo de Pontevedra Norte e Rías Baixas (“La Moda” Rural Lab, local da Fundación Roberto Rivas, Silleda)
E que veñen sendo estes "polos"?
Son novas oficinas onde a Xunta disque que ofrece asesoramento personalizado e permanente a persoas emprendedoras, para que desenvolvan proxectos empresariais. Con esa finalidade impártenselles sesións de titorización, que están a cargo de "persoal titor experto de primeiro nivel", persoal que traballa para a Xunta pero que está directamente contratado por unha fundación privada.
O lema empregado pola Xunta na propaganda institucional para esta “rede de polos” é “Xempre contigo”, e dende ela convócanse axudas económicas de 9.2 millóns de euros en 2023, segundo a Xunta, provenientes dos fondos europeos de recuperación Next Generation EU, mediante os cales se implementa o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Quen xestiona estes fondos? Vexamos...
Esta rede de "polos" é un conglomerado de fundacións privadas, e tamén doutras entidades privadas vinculadas co Opus Dei, coas que a Xunta de Galiza está a conveniar os servizos e funcionamento destes polos.
O persoal que está a traballar nestes polos, a pesar de ter contrato cunha fundación privada, traballa en oficinas da Xunta (aínda que segundo se indica nos webs dos polos, algún dos locais é dunha entidade privada). O material, os logos e as aplicacións son da Xunta tamén. Dará lugar unha vez máis todo isto a novas responsabilidades pola cesión ilegal de traballadores/as? Xa advertimos dende aquí á directora xeral e a todas as persoas que poidan ter responsabilidade que no caso de que ocorran situacións como as descritas, que a maiores da responsabilidade disciplinaria derivada do artigo 28 da LEPG dende a CIG imos utilizar a vía penal por delitos contra a administración pública.
A coordinación de toda a rede de polos está nas mans da Fundación Juana de Vega, fundación privada. Á súa vez, a Fundación Juana de Vega coordina a outras fundacións, e tamén a outras entidades privadas, entre as que se atopan as seguintes:
- Fundación Venancio Salcines, a cal ten unha universidade privada na Coruña.
- Fundación Roberto Rivas.
- EFA Fonteboa: as EFAS (Escolas Familiares Agrarias) son entidades privadas introducidas en España polo fundador do Opus Dei, Josemaría Escrivá.
- Fundación Ronsel.
- Fundación Cel-Iniciativas por Lugo.
Volvemos ás andadas e chiringuitadas!
Orzamentos da Comunidade Autónoma Galega. Ano 2023: Polos de emprendemento
|
Entidade beneficiaria |
Concepto |
Dotación orzamentaria 2023 |
|---|---|---|
|
Fundación Juana de Vega |
Coordinación dos polos emprendemento |
120.000 € |
|
Fundación Juana de Vega |
Convenio polo Rías Altas e Arco Ártabro |
120.000 € |
|
Fundación Venancio Salcines |
Convenio polos emprendemento |
240.000 € |
|
Fundación Cel - Iniciativas por Lugo |
Convenio polos emprendemento |
240.000 € |
|
Fundación Ronsel |
Convenio polos emprendemento |
240.000 € |
|
EFA Fonteboa |
Convenio Polo Costa da Morte |
110.686 € |
|
EFA Fonteboa |
Convenio Polo Costa da Morte |
9.314 € |
|
Fundación Roberto Rivas |
Convenio polo Pontevedra Norte e Rías Baixas |
111.000 € |
|
Fundación Roberto Rivas |
Convenio polo Pontevedra Norte e Rías Baixas |
9.000 € |
|
Sen especificar |
Convenios entidades polos emprendemento áreas xeográficas de Galiza |
120.000 € |
|
Sen especificar |
Asistencia polo Ourense Centro e Sur |
120.000 € |
|
Sen especificar |
Asistencia polo Lugo Sur (Monforte) |
120.000 € |
|
Sen especificar |
Convocatoria axudas polos emprendemento |
5.425.462 € |
|
Sen especificar |
Actividades de difusión e promoción polos emprendemento |
440.000 € |
|
Sen especificar |
Mantemento servizos web polos emprendemento |
60.000 € |
|
|
Total |
7.485.462,00 € |