Novas por contido
  • O 14 de setembro o Goberno do Estado presenta na Mesa Xeral das Administracións Públicas a súa proposta de conxelación salarial para as empregados e empregadas públicos nos orzamentos do 2011.

  • A CIG rexeita a dita proposta e presenta unha batería de medidas directas e outras complementarias para evitar que de novo o persoal das Administracións Públicas pague os pratos rotos.

Ante o anuncio de conxelación salarial presentada polo Goberno do Estado para o ano 2011 na Mesa Xeral das Administracións Públicas, e toda vez que este se realizará sobre a consolidación do recorte salarial, a CIG manifesta a súa máis rotunda oposición á proposta presentada. As empregadas e empregados públicos vimos xa padecendo durante moitos anos unha política de incrementos salariais inferiores ao IPC ao que en xuño se lle puxo a guinda co recorte do 5%.

Por se este sobre esforzo inda non fose suficiente,  para o ano volveremos a perder aproximadamente un 2% que subirá o IPC. Debaixo de todo isto subxace un aproveitamento, cando non promoción, dos distintos gobernos da imaxe de descrédito social da figura do "funcionariado". Hai que recordar ademais que, co  Real Decreto 8/2010 na man,  non sabemos se a partir do ano próximo tamén se verá afectada a contía das nosas cotizacións á Seguridade Social e haberes reguladores do Réxime de clases pasivas.

Co obxectivo de recuperar o poder adquisitivo que vimos perdendo, e que continuamos a perder coa proposta de conxelación salarial que hoxe nos anuncian, solicitamos e propoñemos as seguintes medidas directas:

  • Que o previsto na Disposición Adicional sétima do Real Decreto-Lei 8/2010. Cotización Xeral da Seguridade Social, sexa tamén de aplicación a partir do 1 xaneiro de 2011; de maneira que as medidas consideradas no citado Real Decreto-Lei sexan realmente de carácter extraordinario e non afecten ao cálculo de pensións futuras.

  • Restablecemento do salario do persoal das administracións públicas ao importe total deste antes da redución salarial co aumento do IPC perdido. En caso de que isto non se faga efectivo, solicitar que unha vez que se corrixan as circunstancias económicas que levaron á adopción destas medidas extraordinarias, se cese na aplicación destas e se proceda a restablecer o salario do persoal das administracións públicas ao importe total deste antes da redución salarial máis o IPC perdido. En todo caso, solicitamos que sexa revisado o criterio aplicado para as pagas extraordinarias de decembro do ano 2010, solicitando que para as pagas extraordinarias do ano 2011 se teña en conta e se calculen coa totalidade das retribucións que se viñan percibindo antes do recorte salarial.

  • Que se diten instrucións que obriguen a que nas diferentes nóminas a redución salarial apareza en forma dunha partida de desconto que sexa doadamente identificable e distinta do resto dos conceptos retributivos.

  • Que se contemplen cláusulas de revisión salarial onde se considere o IPC real e non o previsto.

  • Que exista unha recuperación da perda do poder adquisitivo que sexa real.

  • Paralización da restrición de oferta de emprego público, que en tantas areas da administración se está a producir, impedindo cubrir diferentes servizos mediante a xestión directa.  Reducir o emprego público empeora os servizos prestados xa que o traballo será realizado mediante empresas privadas subcontratadas ou asistencias técnicas que procuran abaratar custos para obter o maior beneficio posible en detrimento do servizo e precarizando as condicións laborais.

  • Que o 0,5% previsto para achega ao fondo de pensións do persoal da Administración do Estado se dedique a salario directo.

  • Que se impulsen as modificacións lexislativas oportunas que permitirán ao persoal das Administracións Públicas ter acceso e dereito á xubilación parcial ou anticipada.

Igualmente e como medidas complementarias ás expostas anteriormente, facemos a proposta das seguintes:

  • Actuar sobre os ingresos públicos e o control das subvencións, atacar a evasión fiscal e a economía mergullada, mediante unha actuación decidida e firme por parte do goberno sobre os as persoas defraudadoras que non contribúen de forma xusta e equitativa. Deste xeito evítase as subas de impostos indirectos e que os sacrificios económicos da crise recaian soamente sobre os colectivos máis desfavorecidos.

  • Intervir sobre o gasto menos sensible ao consumo e aumentar e mellorar o control da xestión do gasto.

  • Revisar a fórmula de tributación de colectivos máis favorecidos, equiparando a súa contribución de xeito progresivo á dos países mais desenvolvidas nas súas políticas sociais.

  • Xestionar de forma máis eficaz os recursos humanos existentes na propia Administración, excluíndo a contratación de empresas privadas para a prestación de servizos públicos.

  • Promover políticas reguladoras do sistema financeiro, a recuperación dunha banca pública, con vocación de servizo ás necesidades sociais e á imposición de taxas sobre transaccións financeiras internacionais.

  • Promover a regulación de mercados de valores para salvagardar os dereitos básicos das poboacións en materia de alimentación, sanidade, educación, vivenda e da economía social ou pública.

  • Reducir ao máximo os presupostos relacionados coas intervencións militares no estranxeiro e reformular as políticas de defensa para que obedezan estritamente a obxectivos defensivos.

Outras novas recentes

Luns, 16 Decembro 2024

Decreto OEP2024 de escalas sanitarias (Lei 17/89) (MSF 13/12/24)

A Dirección Xeral de Función Pública trouxo á Mesa Sectorial de Funcionarias (13/12/24) o Decreto da OEP 2024 das escalas sanitarias da Lei 17/89. Este persoal segue a ter unha xestión á marxe de Emprego Público, cando se trata de persoal funcionario de Administración. Seguindo o seu modus operandi, onde a boa fe negocial brilla pola súa absoluta ausencia: enviáronnos a...
Mércores, 18 Decembro 2024

A CIG reclama a recuperación de dereitos do persoal das administracións públicas

A lei de Orzamentos para 2025 perpetúa os recortes de 2012 e non avanza nengunha mellora, excepto para a escala de letrados, polo que dende a CIG solicitamos a extensión desa mellora para todo o persoal A CIG concentrouse o martes 17/12/2024 diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co debate dos Orzamentos da Xunta para 2025 para denunciar que con esta lei se perpetúan...
Martes, 17 Decembro 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Incendios

O día 09 de decembro de 2024 tivo lugar a reunión do Comité S.S.L. de Incendios onde se abordaron os seguintes temas: -. Plan de formación 2025/2028. Dende a CIG pedimos que se abra un prazo de alegacións e que se incorpore a lexislación vixente da Lei básica de Bombeiros Forestais, de obrigado cumprimento, en canto neste caso permita un desenrolo do marco formativo, para...