Novas por contido

A central denuncia a burla e desconsideración cos representantes dos traballadores/as, aos que se lles negou información sobre as medidas aprobadas hoxe polo Consello de Ministros

Arredor de 3.000 empregados e empregadas públicas, acompañados por delegados/as da CIG, participaron nas concentracións convocadas pola central para amosar o seu contundente rexeitamento ás medidas regresivas e antisociais aprobadas polo Consello de Ministros deste xoves, día 20 de maio, e denunciar a burla e desconsideración cos representantes dos traballadores, ao ser convocada no mesmo día, a Mesa Xeral de Negociación. O representantes da CIG, que asistiron a esta mesa denunciaron ademais que lle foi denegado o documento que, posteriormente aprobou o Consello de Ministros.


Ao remate das concentracións celebradas nas sete cidades de Galiza, lembrouse que a situación actual de crise económica é produto da desregulación dos mercados que facilitou os movementos especulativos, respondendo así a unha concepción neoliberal da economía que sostén a necesidade de privatizar os servizos e desmantelar o sector público. Por iso, denunciaron que diante disto, en lugar de corrixir esta política que nos levou ao desastre económico, “o goberno español está a tomar medidas que afondan nos mesmos erros, incidindo no deterioro da administración coa conxelación das ofertas de emprego público, externalización de servizos e, finalmente, coa pretensión de redución os salarios dos empregados e empregadas públicos/as”.

Nas distintas concentracións tamén se denunciou que para lexitimar estas medidas, vimos asistindo a unha campaña de desprestixio dos traballadores e traballadoras da administración co obxecto de dividir a clase traballadora e xustificar os ataques contra o sector público. “Durante meses socializouse a culpabilidade da situación económica, mediante propaganda específica na que se nos dicía que todos debiamos arrimar o ombro, co fin de preparar o terreo para espremer os sectores máis desfavorecidos (como pensionistas e dependentes) ou  para servir de coartada para baixar as retribucións dos traballadores/as. Mesmo chegaron a difundir unha imaxe dos funcionarios/as como privilexiados/as, cando tamén nas administracións atopamos precariedade, eventualidade e salarios que non chegan aos mil euros, como no resto dos sectores económicos”.

A este respecto, salientaron que levan anos acumulando unha perda de poder adquisitivo que excede o 12% de media, por mor das políticas de conxelación salarial, ás que agora se pretende engadir o recorte dos salarios nun 5% como mínimo.

En contraste con isto, destacaron os elevados beneficios da banca europea durante o ano 2009 que ascenderon a 50.000 millóns de euros e das grandes empresas españolas que chegaron a repartir 32.000 millóns de euros de dividendos, grazas aos beneficios acumulados durante ese mesmo período.

En calquera caso, sinalaron que estes ataques contra os empregados/as públicos/as non responden a unha estratexia redistributiva da riqueza, co obxectivo de desviar estes fondos retraídos ao resto dos traballadores/as ou desempregados/as e sectores populares, senón que, alertaron, é o primeiro paso na dirección contraria, isto é, deteriorar as condicións laborais e as prestacións sociais. “É o camiño contrario á solución a esta crise económica, provocada polos que agora impoñen estas receitas para paliar os seus efectos”.

Actitude prepotente contra os traballadores/as

Fronte á actitude “prepotente” que se adopta cos traballadores e traballadoras, denunciaron a covardía dos estados, incapaces de abordar políticas que camiñen cara a mudar o modelo económico actual. “Até o de agora non se fixo nada para controlar os mercados financeiros, permitindo que a banca privada -que recibiu fondos públicos e recursos dos bancos centrais a prezos de saldo- utilice os recursos recibidos do goberno para especular nos mercados financeiros”.

Fronte a iso, a CIG considera que se poden adoptar moitas outras medidas como é o control dos mercados financeiros para evitar a especulación e dos paraísos fiscais ou da evasión de capitais; unha fiscalidade progresiva, con novos tramos de impostos directos, recargando as grandes fortunas e perseguindo a fraude fiscal; o incremento do gasto social e a redución dos gastos militares como é o das intervencións imperialistas como a de Afganistán, a eliminación dos ministerios materias que teñen transferidas as competencias, etc. “Medidas que vaian á raíz do problema e que non carguen os custes sobre o lombo dos que menos teñen”.

Tamén se lembrou que a CIG, é una organización sindical incomoda para CCOO, UGT e CSIF, xa que “o único que pretenden é lavar a cara ante as/os traballadoras/es, mentres os seus dirixentes pactan en Madrid co goberno conxelacións salariais e medidas regresivas”. Por iso, lamentaron que non estivesen dispostos a aceptar a unidade sindical para paralizar as medidas do goberno e encamiñar as mobilizacións cara a unha convocatoria dunha folga xeral extensiva a todos os sectores, dado o carácter regresivo e antisocial das medidas, e non limitarse unicamente á área pública. “Como poden xustificar CCOO e UGT a continuación na mesa de “Diálogo Social”, mentres a clase traballadora está a recibir recortes gravísimos e están anunciando unha reforma laboral que comportará abaratar o despedimento, flexibilizar e precarizar, aínda máis, o mercado laboral? “, preguntáronse.

“Non abonda”, concluíron,” a non ser que exclusivamente se pretenda cubrir o expediente, non ter en perspectiva a convocatoria dunha folga xeral, única maneira de frear as políticas neoliberais, deseñadas polo goberno Zapatero para que os traballadores/as paguemos unha crise que non orixinamos, mentres os causantes continúan acumulando riqueza e dirixindo a política económica”. Alertando de que, “se non paramos isto, non só rebaixarán os nosos salarios, desaparecerá o emprego público e os servizos públicos continuarán deteriorándose, senón que será o preludio de recortes laborais ao conxunto de traballadores/as e de maiores recortes sociais”.

Próximas mobilizacións

Ao remate da concentración lembraron as próximas convocatorias, a primeira o día 2 de xuño, con concentracións en todos os centros de traballo e posteriormente unha folga prevista para o día 8 de xuño en toda a administración pública.

Xunto a isto, está prevista unha concentración diante da Delegación do Goberno (A Coruña), o día en que se debata nas Cortes o decreto lei.

Ver fotos.

Outras novas recentes

Mércores, 10 Setembro 2025

Concursos: a única solución duplicar os postos e resolver con celeridade

Centos de compañeiros e compañeiras  acudiron ás asembleas organizadas pola CIG para falarmos dos concursos de traslados e os destinos dos procesos selectivos.  A única solución que albiscamos dende a CIG, e que puxemos sobre a mesa nas asembleas e contou co respaldo das persoas asistentes, é a duplicación dos postos onde sexa necesario para evitar a perda de postos no...
Martes, 09 Setembro 2025

Lumes nunca máis. Participa na mobilización do domingo 14 de setembro!

A CIG-Autonómica chama ao persoal a participar na mobilización nacional do domingo 14 de setembro, para esixir a mellora das condicións laborais e a planificación preventiva no marco das medidas que eviten outra vaga de lumes A manifestación terá lugar en Compostela o domingo 14 de setembro, ás 12:00 horas, e sairá dende a Alameda. O persoal bombeiro e axente forestal, e...
Venres, 12 Setembro 2025

A CIG demanda o establecemento dunha cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público

Desde o ano 2010 o persoal empregado público perdeu máis dun 20% de poder adquisitivoA CIG rexistrou esta mañá unha Proposición non de Lei para que o Parlamento de Galiza inste á Xunta a dirixirse ao Goberno do Estado para que presente de inmediato unha proposta lexislativa que estableza unha cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público, de xeito que os...