Novas por contido

As federación da área pública (CIG-Administración, CIG-Sanidade e CIG-Ensino) chaman aos traballadores/as a mobilizarse e non desbotan ningún tipo de medida, incluída a folga

A Confederación Intersindical Galega manifesta o seu máis contundente rexeitamento ás regresivas medidas que vén de propor o goberno español e denuncia a pretensión do executivo de facer que sexa a clase traballadora quen pague a crise, mentres que quen nos levou a esta situación, o sistema capitalista neoliberal, que baseou o seu crecemento nun modelo de economía especulativa, mantén intactos os seus beneficios. Estas medidas denotan que quen dirixe a política económica dos estados é, precisamente, ese capital financeiro e poñen de manifesto a covardía e incapacidade do goberno para afrontar reformas estruturais imprescindíbeis non só para frear a crise, senón mesmo para evitar que se reproduza, se cadra con máis crueza.

A CIG manifestou, desde o primeiro momento, que a vía para reducir o déficit público non era nin o incremento dos impostos indirectos nin o recorte do gasto público, porque isto levaría a deteriorar aínda máis as condicións de vida, reducir dereitos e mesmo paralizar en grande parte a actividade económica, dado o retraemento do capital privado, por mor da crise. En troques diso, a CIG afirmou a necesidade de incrementar o investimento público de carácter produtivo e o gasto social para contribuír a reactivar a economía, a xerar emprego e loxicamente a mellorar a calidade de vida dos cidadáns.

Xesús Seixo, secretario Xeral da CIG explica que para corrixir o déficit público, a CIG aposta por incrementar os ingresos modificando as políticas fiscais, incrementando os impostos directos sobre as rendas máis altas e sobre o capital, recuperando o imposto de patrimonio, eliminando os paraísos fiscais, combatendo a fraude fiscal centrada fundamentalmente no empresariado e nas profesións liberais. “Hai moitas cousas que facer vía ingresos para controlar o déficit público sen recorrer ao recorte do gasto público, fundamentalmente de carácter social”.

Seixo sinala en todo caso a posibilidade de recortar gasto público na administración eliminando a súa duplicidade e mantendo só a administración autonómica naquelas materias nas que estean transferidas as competencias e eliminando gastos superfluo que hai no ámbito dos ministerios e das consellarías, en materia de propaganda, entre outras.

Porén, a CIG denuncia que as medidas que se están a adoptar son xustamente as contratarias, redución dos salarios dos empregados/as públicos ou conxelando as pensións, cando o propio goberno ten recoñecido que son moi baixas e cando no caso galego son as máis baixas do estado. “É redundar no recorte de dereitos precisamente naqueles sectores que xa de por si son os que están pagando as consecuencias máis duras da crise económica”.

Control da economía especulativa

A CIG denuncia que, entre mentres non se fixo nada para controlar os mercados financeiros, permitindo que a banca privada -que recibiu fondos públicos e recursos dos bancos centrais a prezos de saldo- utilice agora eses recursos para especular nos mercados financeiros. Unha situación, afirma o secretario xeral da CIG, que “denota quen dirixe a política económica dos estados, que é ese capital financeiro e ese capital especulativo” e que pon de manifesto “a covardía deses gobernos que por unha banda anuncian ou recoñecen que a crise económica ten moito que ver con este papel que están a xogar o capital especulativo e o fomento da economía especulativa pero logo non adopta ningún tipo de medida para combatela”.

As federacións da área pública anuncian mobilizacións e non desbotan sequera a folga

As federación da área pública da CIG (Administración, Sanidade e Ensino), diante destas medidas fan ademais un chamamento aos empregados e empregadas públicas á mobilización e non desbotan ningún tipo de medida, incluída a convocatoria de folga.

Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino denunciou que a crise se está a cebar cos empregados/as públicos que nunha grande porcentaxe non alcanzan sequera os 1.000 euros, que levan anos acumulando unha perda de poder adquisitivo, nun 12% de media, por mor das políticas de conxelación salarial e que agora, aínda por riba, verán recortados os seus salarios nun 5%.

Louzao afirma que “estas medidas van deteriorar aínda máis a prestación dos servizos públicos” e que se está poñendo en marcha unha política gravísima de “adelgazamento da administración educativa”. Por iso, asegura que “non estamos dispostos a asumir estas medidas baixo ningún concepto” e anuncia que se emprenderán mobilizacións para paralizar a súa aplicación.

A Sanidade Pública será tamén unha das grandes prexudicadas. María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde sinala que máis alá dos recortes salariais, “estanse cargando o sistema público en materia de prestacións sanitarias” e denuncia que non se busca nin a eficacia nin a eficiencia, “non se eliminan os gastos superfluos, non se estabelecen procedementos e protocolos que unifiquen criterios e procesos no sistema sanitario”.

Alén diso, manifesta que estas medidas están encamiñadas a desprestixiar a sanidade pública e a presentar aos seus traballadores/as como culpables dunha crise da que son vítimas polos salarios que perciben.

Abuín reitera que na sanidade pública non se trata de obter beneficios, senón de garantir a súa sostibilidade para manter unhas prestacións de calidade. Ademais demanda que se publiciten os salarios de todos os cargos públicos que non aparecen na orde de confección de nóminas porque a aplicación dunha redución dun 5% vai gravar as nóminas pero non os outros conceptos polos que si cobran os altos cargos: dietas, comisións en horario de traballo, asistencia a comités, consellos de dirección...

Canto ao gasto farmacéutico exixe que a administración asuma a súa responsabilidade e regule realmente o gasto farmacéutico dicindo que medicamento financia e cal non, porque até o de agora son os propios profesionais quen prescriben os medicamentos e en función diso a administración os financia. “Elude a súa responsabilidade para non ter que enfrontarse coas farmacéuticas”, afirma a secretaria nacional de CIG-Saúde.

A Mesa da Administración Pública advirte de novos recortes

A Secretaria Nacional da Federación de Administración da CIG, María Carme López Santamariña, denunciou a actitude mantida esta mañá polos responsábeis políticos durante a celebración da Mesa Xeral de Negociación das Administración Públicas, ao negarse a abordar as medidas anunciadas por Zapatero no Congreso até chegar ao punto “rogos e preguntas”. López Santamariña, que cualificou a xuntanza de “paripé”, subliñou que a CIG mantivo a súa presenza na Mesa “exclusivamente para manifestar a nosa total oposición a unhas medidas que non foron consultadas nin negociadas coas organizacións sindicais, cando, no caso das retribucións do persoal público, é a propia Mesa á que ten que tratar estas cuestións”.

Neste senso, a Secretaria nacional da CIG-Administración censurou este novo recorte dos salarios dos empregados/as da administración, que se ven sumar á conxelación da oferta de emprego público e que suporá unha maior externalización e privatización dos servizos públicos, nunha clara cesión ás demandas da dereita.

Durante a reunión, a Secretaria de Estado para a Función Pública, Consuelo Rumí, adiantou que estas son as primeiras medidas do goberno, pero que nun futuro próximo se adoptarán novas disposicións "imparábeis". Rumí tampouco aclarou como se aplicará este recorte salarial nin concretou como se fixará a proporcionalidade do mesmo. Non obstante, alegou que o goberno se acolle ao artigo do Estatuto Básico da Función Pública que anula os acordos en circunstancias excepcionais, tal e como no seu día fixo a Xunta para suspender os acordos da área pública asinados coas organizacións sindicais.

Así mesmo, a Secretaria da CIG-Administración criticou a postura mantida por CCOO, UGT e CSIF, organizacións sindicais que se negaron a secundar a proposta da CIG de abandonar a Mesa, aducindo que a orde do día está dentro dos acordos do chamado diálogo social. A este respecto, apuntou que aínda que os representantes destes sindicatos amosaron o seu rexeitamento ás medidas anunciadas, non se produciu unha ruptura clara do diálogo social na administración, a pesar de que até o momento o Executivo de Zapatero viu incumprindo todos os acordos adoptados no marco destas Mesas.

Ante esta perspectiva, Santamariña advertiu que a CIG non vai tolerar semellante ataque e anunciou a convocatoria de mobilizacións en toda a área pública.

Outras novas recentes

Xoves, 19 Decembro 2024

De non vacante a vacante: onde están as miñas vacacións?

Aínda que a administración xeral da Xunta ten personalidade xurídica ÚNICA, hai consellerías que non o queren entender e van por libre. Esta insubmisión dalgunhas consellerías crea problemas coas vacacións xeradas polo persoal temporal e interino das listas cando están cubrindo un posto “non vacante” e son chamados para cubrir un posto vacante e aceptan. É certo que...
Mércores, 18 Decembro 2024

A CIG reclama a recuperación de dereitos do persoal das administracións públicas

A lei de Orzamentos para 2025 perpetúa os recortes de 2012 e non avanza nengunha mellora, excepto para a escala de letrados, polo que dende a CIG solicitamos a extensión desa mellora para todo o persoal A CIG concentrouse o martes 17/12/2024 diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co debate dos Orzamentos da Xunta para 2025 para denunciar que con esta lei se perpetúan...
Martes, 17 Decembro 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Incendios

O día 09 de decembro de 2024 tivo lugar a reunión do Comité S.S.L. de Incendios onde se abordaron os seguintes temas: -. Plan de formación 2025/2028. Dende a CIG pedimos que se abra un prazo de alegacións e que se incorpore a lexislación vixente da Lei básica de Bombeiros Forestais, de obrigado cumprimento, en canto neste caso permita un desenrolo do marco formativo, para...