Novas por contido

A CIG pide a demisión de Sonia Rodríguez-Campos (directora da EGAP)

O sindicato presenta máis de 30 demandas e reclamacións sobre a xestión da EGAP e 285 propostas de cursos recadadas de entre as traballadoras e os traballadores, afiliación e persoas delegadas do sindicato, ante a ausencia de oferta formativa para moito persoal e diante da diferenza abismal entre a oferta e a demanda en formación como a linguaxe administrativa galega, a igualdade ou a formación do Marco Galego de Competencias Dixitais

Dende a CIG criticamos e denunciamos a falta de negociación para a planificación e deseño dun plan anual de formación e actividades para todo o persoal da Administración xeral da Xunta e entes instrumentais que estea ben elaborado e estruturado, e que dea resposta ás necesidades de formación reais e actuais en todas as áreas temáticas, sen exclusións. En todo o proceso de elaboración do plan de formación o persoal e sindicatos non cortamos nin pinchamos, todo é decisión unilateral da directora da EGAP. Este proceso é moi sinxelo e básico, a diferenza do que fan outras escolas de administración pública, e consta destes 2 pasos:

1. Envío aos sindicatos dunha circular unha vez ao ano para recibir achegas nun prazo estipulado.                                          

2. Recepción das achegas dos sindicatos (a maioría ignoradas ano tras ano) e, sobre o esquema do plan de formación anterior, repetición da maioría das actividades e das mesmas persoas formadoras para o ano seguinte.  

A opacidade é absoluta á hora de decidir e deseñar ano tras ano os plans de formación en calquera aspecto que nos veña á cabeza, como calquera dos seguintes:    

1) En que temáticas se forma ao persoal e en que temáticas non? A normativa establece que se faga público o “inventario” actualizado de áreas formativas da EGAP co persoal formador de que dispón cada unha. A día de hoxe permanece sen facerse público. → Todo é decisión unilateral da directora da EGAP  

2) A que categorías profesionais e persoal se lle imparte a formación da EGAP e a cales non? Todas as categorías e todo o persoal temos dereito a recibir formación!  → Todo é decisión unilateral da directora da EGAP

3) Cales son os datos de situación de xénero da formación impartida pola EGAP? → Só a directora da EGAP o sabe

4) De onde saíron os criterios de selección das persoas que acceden á formación da EGAP? Foron  impostos sen escoitar ningunha alegación da representación do persoal.  → Todo é decisión unilateral da directora da EGAP                              

5) Onde se imparte a formación da EGAP? Maiormente en Compostela. → Outra decisión unilateral máis da directora da EGAP

6) Que criterios se empregan para decidir en que modalidade (teleformación, presencial, telepresenza, mixta ou autoformación) se imparte cada curso da EGAP e cal é a súa duración?  → Outra decisión unilateral da directora da EGAP

7) En que horario se fan os cursos? Maioritariamente é fóra do horario laboral; a conciliación nin existe nin se a espera → Outra decisión unilateral da directora da EGAP    

8) Cales son os criterios de “inscrición de oficio” na base de datos de empresas e persoal formador? → Só a directora da EGAP o sabe...

9) Que foi do compromiso de elaboración de temarios oficiais da EGAP? Mentres, as consellarías pagan inxentes cantidades de diñeiro público a empresas privadas para que elaboren uns temarios "de apoio, non oficiais e con exención de responsabilidades por parte da empresa.  → A directora da EGAP bota balóns fóra

10) Que foi dos cursos para promoción interna que establecen os Estatutos da Escola?  A directora non sabe ou non contesta...

Consideramos que a xestión da EGAP é insostíbel, e este 2024 foi o colofón, coa supresión de todos os actos das Letras Galegas, un feito inxustificábel e inadmisíbel, sintomático da deriva que leva a EGAP de malfacer, privatización, mala xestión, precariedade e ineficiencia do gasto público. O incumprimento dos estatutos da EGAP e os fins para os que se creou é reiterado, con especial dedicación a borrar do mapa a existencia dos compromisos da Escola coa normalización e co galego, lingua empregada cerimonialmente nos actos de inauguración e clausura, pero pouco máis.

É total a opacidade e falta de respecto cara á transparencia e a render contas de en que se investen os orzamentos públicos da Escola. A falta de transparencia sobre a base de datos de empresas e persoas seleccionadas, contratadas e retribuídas para dar formación, titorizar, coordinar e dirixir os cursos da EGAP é absoluta, pese a ser obrigada a súa publicidade. Con respecto ás retribucións e número de cursos por ano, así como no relativo a súa acreditación e criterios de selección, non temos ningún dato. A falta de rotación para que non sexan as mesmas persoas sempre é pasmosa. 

Sobre a precariedade na que traballa o persoal da EGAP tamén hai moito que dicir, así como sobre a situación tan lamentábel da biblioteca, con persoal temporal de empresas privadas atendéndoa tras demandas por contratacións fraudulentas, e con moitos fondos da Escola sen tan sequera catalogar nin actualizar. 

Todo isto non sería posíbel sen o silencio cómplice do Consello Reitor da EGAP, cuxo principal rol semella ser a observación calada e a adulación gratuita, e que só conta coa voz discordante da CIG. As xuntanzas deste consello reitor son un mero paripé, e as enquisas ao persoal que dean a coñecer o nível de satisfacción global ou as necesidades reais brillan pola súa ausencia, xunto a unha clara baixada da calidade da formación. As empregadas e os empregados públicos agardamos anos para poder acceder a un sinxelo curso de linguaxe administrativa, ou mesmo á formación en igualdade ou aos cursos de competencias dixitais, xa só fixándonos na formación transversal, porque no referido á formación específica ou técnica hai áreas enteiras de formación ignoradas e desatendidas; por non falar do persoal ao que se exclúe totalmente da formación da EGAP, como AGACAL. O desfase entre a demanda real existente das traballadoras e traballadores e a oferta da EGAP é abismal, e fala por sí soa, moi elocuentemente, dunha moi mala xestión.

Por toda esta situación, dende a CIG pedimos a DEMISIÓN DA DIRECTORA DA EGAP.

 

Outras novas recentes

Mércores, 18 Decembro 2024

A CIG reclama a recuperación de dereitos do persoal das administracións públicas

A lei de Orzamentos para 2025 perpetúa os recortes de 2012 e non avanza nengunha mellora, excepto para a escala de letrados, polo que dende a CIG solicitamos a extensión desa mellora para todo o persoal A CIG concentrouse o martes 17/12/2024 diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co debate dos Orzamentos da Xunta para 2025 para denunciar que con esta lei se perpetúan...
Luns, 16 Decembro 2024

Decreto OEP2024 de escalas sanitarias (Lei 17/89) (MSF 13/12/24)

A Dirección Xeral de Función Pública trouxo á Mesa Sectorial de Funcionarias (13/12/24) o Decreto da OEP 2024 das escalas sanitarias da Lei 17/89. Este persoal segue a ter unha xestión á marxe de Emprego Público, cando se trata de persoal funcionario de Administración. Seguindo o seu modus operandi, onde a boa fe negocial brilla pola súa absoluta ausencia: enviáronnos a...
Xoves, 12 Decembro 2024

UGT torpedea e crispa a negociación do I Plan de Igualdade de Portos de Galiza (05/12/24)

Esta foi a reacción á postura manifestada pola CIG de rexeitamento a dar validez tanto á proposta de plan de igualdade como de diagnose elaboradas pola Dirección Xeral de Simplificación Administrativa da Xunta antes da constitución da comisión de igualdade, que Portos puxo enriba da mesa. A xuntanza de constitución da Mesa de Igualdade de Portos de Galiza foi, cando menos,...