Novas por contido
Consideran que a campaña de desprestixio dos traballadores/as é intencionada para xustificar acabar co servizo 11-08-31 SPDCIF

O secretario nacional da CIG-Autonómica, acompañado polos representantes do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) nos catro comités de empresa provinciais, compareceron en rolda de prensa para responder ás críticas vertidas desde a Administración contra o persoal deste servizo. Consideran que se pretende converter “ás vítimas en culpábeis” para xustificar ante a opinión pública a súa privatización, montando empresas, a través do Clúster da Madeira, para que estas asuman as tarefas de prevención e extinción de incendios forestais en Galiza.

A través dos medios de comunicación e desde as instancias políticas véñense facendo declaracións que implican un deterioro consciente deste servizo público, ao igual que se vén facendo contra os funcionarios. Cada vez que desde instancias políticas se pretende privatizar un servizo, previamente se deteriora a súa imaxe e a dos seus traballadores/as, convertendo ás vítimas en culpábeis”.

Así explicaba o secretario nacional da CIG-Autonómica, Fernando García, as razóns polas que nas últimas semanas se puxo en cuestión a capacidade e calidade do traballo desenvolvido polos traballadores e traballadoras do SPDCIF. Unha campaña de prestixio que vén precedida polo intento, hai catro meses, de amortizar 150 postos de traballo de peón forestal. “Esta redución implicaría contar con 150 efectivos menos para enfrontarse aos lumes deste verán”.

Esta sucesión de acontecementos estaría encamiñada a xustificar a privatización do servizo, “montando a través do Clúster da Madeira empresas que se dediquen á prevención”, dixo.

Lembrou ademais que a dirección do dispositivo xa está privatizada e alertou de que se están intentando degradar as condicións de traballo, “contratando a 1.000 peóns a través da empresa pública Seaga, que teñen unhas condicións laborais peores”.

Trátase de dar a imaxe, de cara á opinión pública de que este servizo non serve , que non cumpre co seu cometido, que os seus traballadores son incompetentes e que non teñen formación”, afirmou, engadindo que “o persoal que traballa no SPDCIF accedeu a ese servizo a través de procesos selectivos, están reclamando formación que non lles dá a administración nin a través da EGAP nin a través da Academia Galega de Seguridade, as propias organizacións sindicais facemos cursos porque se demanda esa formación que non se lles presta”.

Condicións laborais

Nese sentido, Xesús Dorado, delegado do Comité de Medio Rural de Ourense e membro do Comité Intercentros de persoal da Xunta de Galiza, explicou as condicións laborais que padeceron nos últimos 20 anos. Así lembrou que comezou a traballar como persoal do servizo de extinción no ano 1991 e que entre esa data e o ano 1994 os traballadores estaban no Réxime Agrario, polo que tiñan que pagarse eles mesmos o seguro agrario. En 1994, a CIG gañou un xuízo e os traballadores de incendios asinaron un acordo específico que regulaba unhas mellores condicións laborais e unha remuneración igual a do resto de persoal laboral.

En todo caso, Dorado asegurou que lonxe dos 1.200 – 1.400 euros máis complementos que se dixo que cobraban, ingresou no mes de agosto 909,27 euros máis complementos. “Non sei de onde sacan os datos que saíron na prensa estes días”, afirmou.

Respecto da formación, explicou que foi co bipartito cando comezaron a recibir cursos, malia todo “insuficientes para un traballador dun servizo tan específico” e canto á profesionalidade das cuadrillas, afirmou que “os traballadores do servizo estanse deixando a pel nos incendios forestais día tras día”.

Pola súa banda, Azucena Gavín, delegada do comité de empresa de Medio rural de Lugo subliñou que desde 1990 os traballadores pasaron de ter contratos de 15 días, de 1 mes ou de 2 e de ter que saír á fiestra para saber se quentaba o sol ou non a pasar por unha interinidade, preparar unha oposición e aprobala. “Neste tempo nunca nos dixeron que non servimos, pero levamos un ano no que o desprestixio é total, sexa cal sexa a categoría”.

Gavín denunciou que malia os intentos de presentar as súas reclamacións á Administración, esta non fala cos representantes dos traballadores/as; que non se cubren as vacantes, nin as baixas nin as vacacións; que hai brigadas sen capataces; que non se lles informa de onde teñen que estar repartidos; que non poden cambiar as quendas ou que non teñen previsión de traballo durante todo o ano. Por iso reclamou que se lles respecten aos traballadores do SPDCIF os seus dereitos recollidos no Convenio igual que ao resto do persoal da Xunta de Galiza. “Sacamos a oposición igual que os demais, pero agora din que non servimos”.

Material deficiente

A estas denuncias, Daniel Veiga, delegado do comité de empresa de Medio Rural de Pontevedra e membro do Comité de Seguridade e Saúde Laboral no SPDCIF engadiu as deficiencias en materia de prevención, as denuncias que isto ten provocado ante a Inspección de Traballo e os incumprimentos, por parte da administración, das resolucións da Inspección.

Segundo Veiga o material presenta importantes fallos por non ter en conta a opinión dos representantes dos traballadores/as en materia de prevención. Nese sentido, explicou que para encargar as fundas para o persoal de incendios leváronse buzos con funda de obra para probar as tallas. Porén, ao estar confeccionados con material ignífugo, cando se entregaron ao persoal, as tallas non coincidían.

A isto engadiu camisetas que non entran pola cabeza; material defectuoso que non hai a quen devolver; lanternas insuficientes ou de petaca -que non son as indicadas para o seu uso tras apagar un incendio para regar as zonas queimadas-; gafas que hai que cortar para que entren dentro dos cascos ou casetas de vixilancia tan deterioradas que, tal e como ditaminou a Inspección, ou tiñan que terse arranxado ou pechado...

Toda unha serie de deficiencias que poñen en risco ao persoal que traballa en labores de extinción e que, como ocorreu o ano pasado, lembrou, pode ter graves consecuencias para as súas vidas. A este respecto denunciou que se responsabilizara da morte, o ano pasado, dos dous compañeiros do incendio de Fornelos ao capataz e máis a dous peóns. “O peón é a escala máis baixa do escalafón, o protocolo comeza desde arriba”, sentenciou.

Outras novas recentes

Mércores, 18 Decembro 2024

Consellarías de Educación e de Economía van adiante co traspaso forzoso e non negociado de persoal propio, laboral e funcionarial de GAIN

A última hora da xornada laboral do 16 de decembro, dende a dirección da Axencia Galega de Innovación (GAIN) remítesenos o texto oficial do 2º Acordo de traspaso: adscripción de postos con nivel orgánico inferior a sevizo e traspaso de créditos asignados aos servizos traspasado, entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Consellería...
Luns, 16 Decembro 2024

Proposta de Acordo para a correcta finalización de determinados procesos de estabilización (SPIF) (borrador 16/12/24)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) achegounos unha proposta de acordo relacionado coa terminación dos procesos selectivos de estabilización para as distintas clases e escalas do servizo de incendios. O asunto ven motivado polo feito de que houbo un cambio de criterios en canto á baremación da experiencia do persoal fixo-descontinuo. Con...
Xoves, 19 Decembro 2024

De non vacante a vacante: onde están as miñas vacacións?

Aínda que a administración xeral da Xunta ten personalidade xurídica ÚNICA, hai consellerías que non o queren entender e van por libre. Esta insubmisión dalgunhas consellerías crea problemas coas vacacións xeradas polo persoal temporal e interino das listas cando están cubrindo un posto “non vacante” e son chamados para cubrir un posto vacante e aceptan. É certo que...