Novas por contido

Dende a CIG-Autonómica consideramos que a última desfachatez do Delegado Territorial da Xunta en Ourense é a gota que colma un vaso que xa estaba cheo de desplantes á nosa provincia, aos traballadores e traballadoras da Xunta de Galiza e aos Servizos Públicos que en teoría xestiona.

O episodio berlanguiano que protagonizou Rogelio Martínez o martes pasado, ao acudir a presenciar un partido de fútbol en Madrid no canto de estar a dirixir e coordinar os esforzos do persoal de loita contra incendios non merece outra cousa que o cese fulminante. Mentres toda unha provincia ardía el estábase a divertir nun partido. Na crise máis grave que tivo esta provincia en todo o seu mandato, Rogelio foi a pasalo ben no fútbol mentres miles de ourensáns vían arder os seus montes, perigar as súas vivendas, campos...  incluso as súas propias vidas. Ademais permitiuse o luxo de dicir que ás oito da tarde xa non ten que facer nada en Ourense. Acaso ten o don o teletransporte? A que hora abandonou a provincia?


Dende a CIG-Autonómica queremos facer un exercicio de memoria lembrándolle á cidadanía que os delegados territoriais da Xunta cobran máis de 55.000 euros ao ano porque os seus postos, segundo a Xunta, “conlevan unha especial dificultade técnica, dedicación e responsabilidade”. U-la a responsabilidade? U-la dedicación?

Mentres Feijoo no canto de poñer freo inmediato a Rogelio Martínez limítase a dicir que “el non tería ido a ningún partido de fútbol ese día”. Claro que non, estaba na Arxentina e  non sabemos se estaba de parranda, bailando tangos ou enchendo os petos de votos. Dende a CIG lembrámoslle ao Presidente da Xunta que el é o superior do Delegado Territorial de Ourense e ten competencias plenas para cesalo. Non vale o de facer crer a cidadanía que isto non vai con el. Polo menos sabemos que nestes anos algo cambiou na Xunta de Galicia: gusta máis o fútbol que a caza.

Por todo isto, dende a CIG-Autonómica esiximos o cese inmediato do Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez e non pedimos a súa demisión porque consideramos que quen ten a desfachatez e a desvergonza de facer o que fixo non vai a ter a dignidade suficiente como para dimitir.

Outras novas recentes

Venres, 16 Outubro 2026

A Dirección Xeral de Emprego Público pasa o rolete pola Lei de medidas e a Lei de orzamentos de 2027, sen negociar (CP 15/10/26)

Na xuntanza da Comisión de Persoal do 15 de outubro, a directora xeral volveu ás andadas de facer imposíbel calquera posibilidade de negociación efectiva, impedindo que haxa calquera avance nas condicións laborais do persoal da Administración xeral da Xunta e entes. Xa se está a convertir en costume ter que dicirlle á diretora xeral de Emprego Público que coa CIG non conte...
Venres, 23 Outubro 2026

Voto en contra do PP a máis cursos de galego e á xornada completa do persoal lingüista (Pleno do Parlamento do 20/10/26)

Un grupo nutrido grupo de lingüistas e unha representación da CIG acudimos ao Pleno do Parlamento o 20 de outubro, onde se debateu sobre a situación límite que está a soportar este persoal e a altísima demanda de formación en galego desatendida ano tras ano pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O BNG presentou unha iniciativa para ampliar a dotación de cursos...
Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...