A CIG e o resto das organizacións sindicais denunciaron as formas da convocatoria, con menos de 48 horas de antelación, que se fixera o anuncio antes de pasar pola mesa e que non se lles dera documentación ningunha
As organizacións sindicais con representación na mesa xeral de Negociación das Administracións Públicas abandonaron a xuntanza antes do seu comezo para manifestar o seu rotundo rexeitamento ás medidas anunciadas esta mañá no Congreso dos deputados polo Presidente do Goberno, Mariano Rajoy. En Galiza, está convocada para este xoves unha xuntanza na que as organizacións sindicais analizarán estas medidas e tratarán de acordar un posicionamento conxunto ao respecto.
Desde a Área Pública da CIG, explícase que dez minutos antes da hora fixada para a realización da xuntanza da mesa xeral de Administracións Públicas, foron recibidos polo Secretario de Estado de Administracións, Antonio Beteta. “Alí mesmo manifestamos o noso rexeitamento ás medidas propostas e denunciamos as formas da convocatoria, o ataque sistemático ao que se someteu ao persoal da administración nestes últimos días e ao feito de que se fixera o anuncio das novas medidas sen pasar previamente pola Mesa de Negociación”.
Desde a Área Pública da CIG engádese que tamén lle adiantaron a Antonio Beteta que, se a única información que ían recibir na xuntanza era a xa dada polo presidente do Goberno, non tiña sentido xa a convocatoria. “Ante a confirmación de que efectivamente sería así, acordamos non chegar a sentarnos”, sinala.
A convocatoria tiña como único punto da orde do día a presentación dun novo “Real Decreto de medidas urxentes de racionalización e redución do gasto en materia de emprego público, de acordo co estabelecido no artigo 36.2 do estatuto Básico do Empregado Público”.
Foi remitida ás 18:00 horas do pasado luns día 9 de xullo para celebrar a xuntanza este mércores ás 17:00 horas, nin sequera con 48 horas de antelación e sen aportar ningún tipo de documentación.
A Área Pública da CIG reitera o seu chamamento ao resto de organizacións sindicais para elaborar un calendario de mobilizacións co obxecto de paralizar estas gravísimas medidas.