A Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Administración e CIG.Saúde) alerta que desde xuño de 2010 e coa decisión de suprimir a paga extra do mes de decembro, os salarios das empregadas e empregados do sector público terán sufrido unha redución dun 20%.
Lembra que o salario bruto mensual dun grupo E, dependente da Xunta de Galiza, como conserxes ou cociñeiros/as, entre outros, teñen agora mesmo como salario bruto base tan só 548,47 euros, menos que o SMI; o grupo C2, de auxiliares 599,25; o grupo C1 de administrativos 720,02; o A2, de técnicos/as diplomados/as 958,m 98 e o A1, de técnicos/as licenciados/as 1.109,05. Salarios aos que aínda incorporando os complementos, como destino, trienios ou o específico sitúan a unha elevada porcentaxe de empregadas e empregados públicos en menos que mileuristas. (Adxúntanse táboas salariais)
Por iso considera unha indecencia que, recorrendo á demagoxia, o PP pretenda que sexan as empregadas e empregados do sector público quen paguen as consecuencias dunha política económica errática, concibida en beneficio exclusivo do poder financeiro para favorecer os intereses dos mercados especulativos.
Para a Área Pública da CIG é obvio que o conxunto de medidas avanzadas no Congreso por Mariano Rajoy teñen como obxectivo último desmantelar todas as conquistas sociais e laborais no sector público, xa que non se está só a falar de reducir salarios ou eliminar pagas extra senón tamén de destruír emprego reducindo a administración e, polo tanto, eliminando os servizos que até o de agora esta prestaba para provocar a súa privatización.
Salientan que se empeoran as condicións de xubilación ou que se penaliza a enfermidade o que vai en detrimento das condicións de vida, pero tamén das condicións estritamente laborais coa nova redución de días de libre disposición e a ampliación da mobilidade.
Consideran vergoñento que se chegue a afirmar que o problema é que no sector público se destruíu menos emprego que no privado, cando o problema real é a brutal destrución de emprego que se deu nestes anos. Denuncian ademais que o obxectivo dun goberno debería ser crear as condicións para que se favoreza o emprego indefinido para o conxunto da clase traballadora, porque é un dereito, non un privilexio, como o PP pretende facer ver, no canto de estabelecer medidas que provocarán a destrución do pouco emprego indefinido que aínda hai.
A Área Pública considera que, en síntese, estamos ante un conxunto de medidas que supoñen a destrución do estado democrático e dos seus servizos públicos e que se pretende facer cargar sobre as costas dos empregados e empregadas públicas as consecuencias do rescate da banca privada, abocando ao conxunto da poboación ao empobrecemento.
Por iso, fan un chamamento a todas as traballadoras e traballadores do sector a que este venres mostren o seu rexeitamento máis absoluto concentrándose diante dos centros de traballo.
Anuncian ademais que van trasladar ao resto de organizacións sindicais unha proposta de calendario de mobilizacións co obxecto de paralizar estas gravísimas medidas.