Máis que CIG-Autonómica

Ao abordaxe dos Servizos Sociais públicos botándolle un cabo á iniciativa privada.

Nestes últimos días, tanto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, funcionario descastado, como a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, hooligan da política de privatizacións na Xunta, veñen de facer declaracións aos medios na liña de desacreditar o traballo dos/as empregados/as públicos/as, os servizos públicos que se prestan a través da Administración da Xunta en xeral e da Consellaría de Traballo en particular, a eficiencia dos mesmos e a necesidade de tomar unha serie de medidas para corrixir esa situación de “desmadre”.

Dende a CIG-Autonómica consideramos que estas declaracións son un elemento máis froito de dúas necesidades do Partido Popular:

Unha inmediata, as eleccións municipais na que a idea a trasmitir é a capacidade do Partido Popular de poñer en orden as Administración Públicas, “Pagámoslles para traballar”, di Feijoo dos funcionarios en declaracións propias dun capataz.

Outra mediata, a venda dos Servizos Públicos prestados pola Administración aos maiores, persoas discapacitadas e nenos, a empresas do sector, como xa ven facendo esta conselleira dende que a nomeou o presidente da Xunta.

Tanto dunha cousa como da outra veñen derivadas as declaracións aos medios.

Cal é a realidade?

  1. A Xunta autolimita a súa capacidade de contar con persoal propio fixando unha taxa de reposición de efectivos do 10%, autoprohibíndose a través da lei de Orzamentos a posibilidade de contratar persoal interino ou temporal.
  2. Froito desta política autorrestrictiva é a acumulación de expedientes administrativos cuxo tempo de resolución se prolonga, as listas de espera, as demandas cidadáns de axilidade da Administración.
  3. Estas demandas e estes retrasos provocados conscientemente dan lugar a medidas privatizadoras, como por exemplo, a encomenda da xestión dos expedientes da lei de dependencia a empresas de excargos do Partido Popular.
  4. No caso dos servizos prestados a maiores, nenos ou discapacitados, en centros da Consellaría de Traballo, a práctica é a reducción de persoal para despois xustificar a posta en marcha da iniciativa privada en centros feitos pola consellaría e con contratos suculentos, como o caso do centro Souto de Leixa en Ferrol.


A preocupación agora da conselleira é establecer un sistema de Servizos Sociais onde as empresas privadas poidan dar o seu mordisco. Para iso necesita deteriorar de xeito consciente os Servizos Sociais públicos, laminando o Convenio Colectivo, a única barreira legal para impedir a barbarie laboral, intentando vulnerar o sistema convencional alegando que supón un gasto para a Administración, asombrándose do número de baixas laborais que se producen na súa Consellaría, moitas delas provocadas pola asunción do traballo propio de dúas ou tres persoas por unha soa.

A CIG-Autonómica esixe ao presidente da Xunta é a conselleira de Traballo unha inmediata rectificación.

Defendemos un sistema de Servizos Sociais Públicos onde os nosos nenos, maiores e persoas discapacitadas poidan ser atendidas por profesionais en condicións óptimas e en número suficiente para prestar un servizo de calidade e de xeito que os dereitos destes cidadáns se vexan garantidos sen estar a merced da iniciativa empresarial.

  • Cos nosos maiores non se pode xogar.
  • As persoas con discapacidade non se poden convertir en fonte de ingresos para empresarios afíns.
  • Os nosos nenos non poden ser obxecto dunha relación mercantil.


Por todo isto rexeitamos a política de Feijoo e Mato de botar un cabo ás empresas privadas, argüíndo que os servizos por eles prestados por interese crematístico son mellores que os públicos, co fin de abordar o sistema de Servizos Sociais Público como si de piratas se tratase.