Novas por contido

 A CIG-Autonómica denuncia que non se lles deu formación

A CIG vén de presentar denuncia perante a Inspección de Traballo e da Seguridade Social de Ourense, logo de Política Social chamar para traballar na residencia de maiores “Nuestra Señora de Fátima”, do Barco de Valdeorras, a 6 auxiliares coidadoras de centros educativos, sen ningunha experiencia nin formación previa en atención a maiores, ás que non proporcionou formación en prevención de riscos laborais, para traballar en plantas de residentes infectados/as por coronavirus.

A residencia de maiores “Nuestra Señora de Fátima” está xestionada pola Xunta de Galiza tras a súa intervención, logo de que apareceran un centenar de positivos en residentes e en máis de 20 en persoas traballadoras desta entidade privada.

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Función Publica, comezou a facer chamamentos ao persoal da Consellería de Educación dende o mércores 7 de abril de 2020. O xoves 8 comezan a traballar nesta residencia privada 6 auxiliares coidadoras de centros educativos, 3 en quenda de maña e outros 3 en quenda de tarde.

Mantense a mesma dirección do centro

A CIG denuncia ademais que a dirección e o resto do persoal que queda no centro é o mesmo, sen que se cambiase a dirección da empresa, nin se interviñese, de xeito práctico, a residencia por parte de Política Social máis que co traslado de seis compañeiras de educación.

A dirección do centro é a mesma da empresa privada e a responsable do centenar de contaxiados que motivou a suposta intervención da Xunta polo que é cuestionable que poda ser a persoa responsable e encargada da aplicación das medidas de prevención de riscos laborais, se as hai.

Sen formación en prevención

Segundo indicaron varias das traballadoras, á súa chegada no centro recibiron un pixama e EPI con apenas 5 minutos de presentación sen explicación da súa colocación, atendendo ao protocolo, nin formación específica das tarefas a realizar e, moito menos, formación ou información a nivel de prevención de riscos laborais, nin específica perante o risco de contaxio do coronavirus. Por iso a CIG demanda que haxa un control que audite que o EPIs e os protocolos de traballo sexan os axeitados.

Engade a CIG que nin se lles indicou necesidade de ducha á entrada e saída e que non hai zona delimitada de limpo e sucio ou mesmo de zona libre e contaxiada.

Ademais non se lle fixo tests ao persoal da Xunta polo que non sabemos se poden ser fonte de contaxio ou poden traelo cara os seus fogares e que tampouco se realizou nin se prevé un “confinamento” como se fai noutros centros de positivos da Xunta.

Unha planta de persoas infectadas para cada unha

O persoal foi separado ao chegar e asignóuselle unha planta de infectados a cada unha para facer funcións de auxiliar de clínica ou sericultora, cando dúas delas nin sequera teñen formación clínica, pois todas son auxiliares coidadoras de escolas e non se lle esixe esa titulación. Como tampouco teñen experiencia nos labores que se lles encargan e non se lle indicou nin informou das actuacións preventivas que tiñan que facer para non contaxiarse nin estender o virus.

Xunto a isto denunciamos que as organizacións sindicais non foron informadas da intervención deste centro por parte da Consellería de Política Social ou da Dirección Xeral de Función Publica, do chamamento do persoal, das súas condicións laborais con horario e xornada, nin do plan de prevención de riscos laborais e ante o covid 19, de telo.

Persoal trasladado sen alternativa residencial

Tampouco se informou da duración temporal ao persoal deste traslado a máis dunha hora do seu centro habitual e domicilio, non se lle ofertou por parte da consellería hotel ou outro lugar para quedar, xantar, etc. Unicamente a dúas delas por imposibilidade de transporte quedan como favor na habitación dun residente infectado que foi trasladado ao centro residencial medico habilitado en Piñor, Ourense. As súas pertenzas seguen no cuarto.

Ao non ofertarse sequera hotel para durmir, auméntase o risco de espallar o virus trasladándose cada día dende O Barco a Ourense. Por iso demandamos da Xunta unha inmediata solución a esta situación.

Outras novas recentes

Mércores, 14 Outubro 2026

Por un sistema público galego de servizos ás persoas

Dentro da campaña que se está a levar a cabo “Por un sistema público galego de servizos ás persoas”, pedimos xuntanza tanto coa Conselleira de Política social como co Conselleiro de Educación. Adxuntamos os escritos remitidos solicitando esas xuntanzas, para, se o consideras oportuno lles envíes un recordatorio de que estamos á espera dunha data. ASUNTO: O que se...
Mércores, 14 Outubro 2026

Lei de medidas 2027: negociación real ou pura farsa?

A documentación do anteproxecto da Lei de Medidas para 2027 chega o martes 13 ao mediodía, reunímonos o mércores 14 e o xoves 15 xa vai á Comisión de Persoal. A pesares de pedir adiamento por este motivo négase a mudar de data! Que negociación é esta? Unha farsa! Sen tempo para estudar, consultar co persoal nin presentar alegacións. Convocan mesas para cubrir o expediente...
Martes, 13 Outubro 2026

Fondo de Acción Social de 2025: listaxe definitiva de persoas admitidas

No DOG do 13/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se anuncia a exposición das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2025, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade....