Novas por contido

É a sétima encomenda de xestión a TRAGSATEC, neste eido, desde 2018

A CIG Autonómica presentou un recurso -que foi admitido a trámite- perante a sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, contra a consellaría de Cultura, por realizar reiteradas encomendas de xestión a TRAGSATEC para realizar traballos que son propios de persoal funcionario da consellaría.-

Lembramos que na Dirección Xeral de Patrimonio cultural existe un órgano denominado Comisión do Patrimonio Histórico e dos Camiños de Santiago, que é o encargado entre outras competencias de elaborar os expedientes de autorización de obras que se acometan no ámbito de influencia dos camiños.

Normalmente estes expedientes levan un informe arquitectónico dos elementos construtivos que se acometen e se a obra afecta a un elemento patrimonial (castro, petróglifos, mámoas, etc) tamén é preceptivo un informe arqueolóxico feito polo persoal técnico da consellería.

Persoal insuficiente

Porén, o número de arqueólogas e arqueólogos (arredor de 15 entre servizos centrais e xefaturas territoriais) é manifestamente insuficiente para cubrir todas as necesidades de inspección e elaboración de informes. Unha situación agravada polo aumento enorme de expedientes de obra co recoñecemento e delimitación de máis camiños que o francés e co aumento da distancia de influencia.

A Administración foi incapaz de aumentar o número de efectivos nas reformas de RPT acontecidas desde 2012, por mor do mantemento da taxa de reposición. O único que se puido conseguir, no 2019, foi que se crearan dúas novas prazas de arqueoloxía na RPT que non chegan para cubrir a demanda e atraso na elaboración de informes.

Así a Dirección Xeral no ano 2018 comezou a recorrer á perversa figura da encomenda de xestión a Tragsatec, que foi renovando até o día de hoxe con 6 encomendas que pasan do millón de euros.

Nova encomenda en decembro

De feito, o pasado 31 de decembro o DOG daba publicidade a unha nova encomenda á empresa TRAGSATEC para, segundo o DOG, “a execución do servizo técnico cualificado para a análise e informe das intervencións que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento.

Un traballo que tería que ser realizado por arquitectas/os e arqueólogas/os funcionarias/os, pero que se externaliza a empresa que non ten entre os seus fins realizar traballos deste tipo.

Tragsatec é unha filial da empresa pública Tragsa; que nos seus estatutos non contempla expresamente o fin de actuacións técnicas en arqueoloxía, senón un fin xenérico de Patrimonio Histórico no medio rural; sendo os informes a elaborar tanto no medio rural como no urbano.

O escandaloso desta nova encomenda de xestión é que é a sétima desde xullo de 2018, e está en vigor de xeito ininterrompido desde o 1 de marzo de 2019, ao terse renovado de continuo por períodos de tres, catro ou seis meses. Deste xeito, converteuse no funcionamento normal da administración, e ao remate desta encomenda cumprirá xa máis de tres anos en vigor.

Con isto, destináronse xa máis dun millón e medio de euros das galegas e galegos para esta contratación dunha administración paralela. Estas son as cifras que recollen o DOG e mais o portal de transparencia:

Táboa DOG e Portal de Transparencia Tragsatec

O peor destas encomendas é a arbitrariedade que parecen reflectir as cifras que custan estes contratos xa que unha encomenda de seis meses que en 2018 custou 261.000 €, en 2019 fíxose por 159.000, en 2020 custou no primeiro primeiro 395.000, e no segundo 308.000 e en 2021 valerá 409.000 €, cunha opacidade total no numero de persoal ou datos da encomenda.

Entre mentres, tanto a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural como os respectivos servizos de Patrimonio Cultural das xefaturas territoriais son unidades infradotadas de persoal nas que, aínda por riba, a Xunta de Galiza se permite o luxo de crear novas prazas pero non dotalas de persoal.

Unha praza de arqueóloga/o creada na modificación da relación de postos de traballo de setembro de 2017 estivo sen cubrir ata finais do ano 2020 e outras dúas de arqueóloga/o e tres de arquitecta/o, creadas na modificación relación de postos de traballo de decembro de 2019, estiveron vacantes e sen cubrir en todo o ano 2020 e aínda a día de hoxe non parece haber previsión para cubrir as de arquitecta/o. Por outra banda, tampouco se cubriron baixas de longa duración deste persoal, algunhas das cales aínda seguen activas a día de hoxe.

Funcións propias de persoal funcionario

A CIG-Autonómica denunciamos ademais que o persoal arqueólogo de TRAGSATEC está emitindo informes técnicos sobre as obras e actuacións que afectan a bens integrantes do patrimonio cultural de Galiza. Informes que no caso do patrimonio arqueolóxico refírense a bens que teñen a consideración de dominio público, aos que a Dirección Xeral está dando a mesma validez que aos elaborados polo persoal de arqueoloxía da Xunta e sobre os que se basea a directora xeral para resolver solicitudes.

Xunto a isto denuncia tamén que persoas de TRAGSATEC están mesmo a participar presencialmente como relatoras de asuntos que se levan ao Consello Asesor dos Camiños de Santiago.

Para a Xefatura Territorial de Pontevedra tamén están a autorizar as actividades arqueolóxicas, cando o Decreto 199/1997 que regula a materia indica expresamente (artigo 8) que a DXPC, "á vista do informe previo do Servizo de Arqueoloxía, resolverá as solicitudes para efectuar as actuacións arqueolóxicas".

Contratación a través de portais web

Cómpre lembrar que Tragsatec non tiña persoal propio para executar esta encomenda e tivo que realizar a contratación a través dun famoso portal web (infojobs) e mediante un sistema de selección máis que cuestionable (entrevistas persoais).

Anuncios como os publicados o 01.06.2018; o 27.09.2018; o 01.05.2019; ou o 11.07.2019 demostran que Tragsatec non conta con persoal especializado en arqueoloxía e que se nutre de efectivos nas páxinas de contratación temporal como Infojobs e outras.

Outras novas recentes

Martes, 07 Abril 2026

Despropósito nos postos ofertados na elección de destino de Axentes Técnicos Ambientais

A Dirección Xeral de Emprego Público volve demostrar unha xestión caótica e irresponsable na oferta de postos para a toma de posesión Dende a CIG-Autonómica denunciamos que se ofertan só 98 postos, exactamente as persoas aprobadas (96 acceso libre B + 2 estabilización C1), cando no concurso previo quedaron 123 postos vacantes, deixando sen cubrir 49 postos reais. Xa que...
Martes, 07 Abril 2026

A CIG urxe aumentar o teletraballo ante a crise enerxética provocada pola guerra

Esiximos a aplicación inmediata do réxime excepcional de teletraballo ante a situación actual, marcada pola suba dos combustibles e da cesta básica A guerra no Oriente Medio, tras os ataques militares de Estados Unidos e Israel contra Irán, e as súas consecuencias sobre o mercado enerxético internacional, co bloqueo do estreito de Ormuz, xa están a ter efectos directos en...
Mércores, 01 Abril 2026

Convocatoria da CP (09/04/2026): concurso-oposición C1 - vixilancia de estradas e mobilidade

Após a xuntanza da Mesa Sectorial do Persoal Funcionario do pasado 27 de marzo, onde se tratou a convocatoria do proceso selectivo de estradas e mobilidade, agora a directora de Emprego Público convócanos á reunión da Comisión de Persoal (CP), fixada para o 9 de abril, coa seguinte orde do día: 1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da sesión anterior. 2. Proposta de...