Novas por contido

Positivo pero manifestamente superable, un acordo que trae melloras pero que aínda ten eivas que arranxar

A negociación do Acordo de Política Social chegou ao seu fin. Quedou aprobado na Comisión de Persoal do mércores 9 de agosto grazas ao voto de CCOO e UGT. Só faltaba saber si a CIG e CSIF tamén o ían asinar ou non.

O Acordo chegou ata aquí. Tivemos varias xuntanzas, alegacións, e borradores. Algún sindicato xa tería asinado o primeiro dos borradores, pero a CIG forzou a negociación e conseguimos melloras. Pero non todas as que quereriamos.

Finalmente chegamos a agosto, e o día 9, en pleno verán, tanto Xunta como CCOO e UGT tiñan moita presa en asinar na Comisión de Persoal. A pregunta é: que interese oculto teñen CCOO e UGT en que isto se asine en pleno verán? Será que non queren que a xente participe e se pronuncie porque lles dá medo que os compañeiros e compañeiras se lles poñan en contra pola falta de aspiracións e de ambición a ter acadado algo mellor?

UGT e CCOO non dubidaron, votaron a favor. A CIG manifestou que votar un Acordo que afecta a 4.000 persoas en pleno mes de agosto é forzar o voto dos sindicatos sen que poidamos facer as consultas debidas ao persoal que representamos. CCOO esixiu que votásemos xa, e o director xeral de Función Pública permitiunos adiar o noso voto como moito ata o venres 11 de agosto. Dous días, e con esa marxe tivemos que organizar as consultas, con urxencia.

Tanto ten xa o voto da CIG (e CSIF), pois coa aceptación de CCOO e UGT, o Acordo xa ten validez. Neste momento a diferenza entre asinar ou non a CIG é estar ou non presentes na Comisión de Seguimento. Unha Comisión de Seguimento que a diferenza doutros acordos, aquí van cociñar demasiadas cousas. Debe a CIG deixar a cociña en mans de CCOO, UGT e Xunta?

Quixemos coñecer a opinión das persoas afectadas polo Acordo, unhas 4.000. A tal efecto organizamos unha consulta informal, a toda presa, sen poder informar adecuadamente e sen tempo para a súa difusión e votación, todo en menos de 24 horas. E ademais falamos cos centros, recibimos mensaxes e chamadas do persoal expresando as súas opinións e inquedanzas.

Do resultado da consulta, das conversas co persoal, das opinións enviadas por correo, se desprende que a posición con respecto ao acordo está moi dividida, o que se podería definir como empate técnico. De aí concluímos que a interpretación que fai o persoal é que este acordo É POSITIVO pero que está no límite do admisíbel, que contén moitas melloras pero tamén moitas eivas que se puideron ter mellorado de non ser pola posición inicial doutros sindicatos.

Hai que lembrar que moitas das melloras se conseguiron na negociación e que xa CCOO e UGT dende o minuto 1 aceptaban o acordo inicial que era moi malo e que esa aceptación vai contra o abc dunha negociación porque debilita á parte social para conseguir melloras.

ASÍ É O ACORDO

O presente Acordo mellora as actuais condicións de traballo do persoal que presta servizos nos centros de Política Social. Conseguimos dereitos económicos, descansos, máis persoal, máis xornadas completas. Cousas tan básicas como igualar o número de festivos aos do resto do persoal da Xunta (16, contando os días 24 e 31 de decembro). Ou compensar ao longo do ano a imposibilidade de ter xornada de verán.

Pero ao tempo, o Acordo non satisfai todos os obxectivos que nos marcamos. Non fomos quen de acadar a garantía de que as 12 horas entre xornadas sexan a maiores dos dous días de descanso, ou que compensen a obrigatoriedade de que a metade das vacacións sexan no verán, ou igualar os importes por traballo en domingos e festivos, etc.

CONCLUSIÓN

O Acordo mellora o que temos, pero a CIG aspiraba a máis. E quedamos a medias.

A Xunta, e os sindicatos CCOO e UGT, levan anos asinando acordos nos que crean “comisións de seguimento” conformadas exclusivamente polos asinantes dos acordos. Moitas veces as comisións de seguimento non valen para nada. Pero neste Acordo de Política Social, as funcións desa comisión de seguimento son enormes. Vai ser unha mesa de negociación. Aí van ir cousas como a organización dos cuadrantes de traballo, a aprobación dun protocolo de agresións, o estudo das necesidades do servizo, ampliación do cadro de persoal, ..

Non podemos permitir que CCOO e UGT teñan a capacidade de manexar todas estas cousas en connivencia coa Xunta sen oposición algunha. Así que ante un acordo insatisfactorio, e tras un resultado da consulta bastante axustado nunha convocatoria precipitada, na que evidenciamos as carencias na información, a CIG vai asinar o acordo de condicións de traballo do persoal dos centros de Política Social.

Porque non estamos dispostos a permitir que Xunta, CCOO e UGT fagan e desfagan as cousas que están por vir sen a presenza do sindicato que lles pode parar os pés.

Outras novas recentes

Mércores, 30 Setembro 2026

A CIG reclama unha comisión paritaria e negociación real antes da aprobación do plan anual de formación 2027 da EGAP

A CIG vén de instar á Dirección Xeral de Emprego Público a constituír e convocar a Comisión Paritaria de Formación para o Sector da Autonómica e a garantir a negociación efectiva da formación antes de que o plan anual 2027 sexa aprobado polo Consello Reitor da EGAP; así como antes da aprobación dos restantes plans específicos de formación do sector. A formación non pode...
Mércores, 30 Setembro 2026

En mans de quen están as traballadoras do Consorcio? Alguén aos mandos? Hai alguén aí?

Xuntanza coa xerencia do Consorcio (29/09/26) O martes 22 de setembro tivemos que pecharnos no Consorcio porque a situación para moitas das traballadoras que deixaron de prestar servizos no Consorcio, é insostible. Manifestamos que non nos moveríamos do acceso ao edificio se o xerente non nos daba un día e hora para reunirnos por culpa das ilegalidades que están facendo...
Martes, 22 Setembro 2026

A CIG denuncia o absoluto abandono do persoal técnico de enxeñaría forestal pola Consellaría do Medio Rural

Esiximos a convocatoria urxente da Mesa de seguimento do Acordo das condicións de traballo e avances na xubilación anticipada e a inclusión na xuntanza do 24 de setembro das especializacións e da actualización do Acordo de condicións de traballo, ao tempo que denunciamos a total falla de planificación de Defensa do Monte para o dispositivo de incendios ante o posíbel...