O martes 3 de xuño quedará aprobado, previsiblemente, o modelo de bases dos concursos específicos (CE), un documento que permitirá ás consellerías convocar cada un dos 800 postos de CE cando queiran (se é que queren), e con criterios tan flexibles que poderán “personificalos” posto a posto
A proposta xa pasou en xaneiro pola Mesa Sectorial de Negociación, con apenas un día para o seu estudo polos sindicatos. Tras as alegacións que presentamos e outro borrador, agora ven á Comisión de Persoal para a súa aprobación.
A CIG asinou no ano 2008 coa Xunta do bipartito, un acordo polo que os postos de nivel 28 (xefaturas de servizo) e inferiores, pasaban a ser de concurso ordinario. En canto Alberto Núñez Feijoo foi nomeado Presidente da Xunta no ano 2009, unha das primeiras decisións en materia de persoal que tomou foi restaurar a libre designación como a forma de provisión das xefaturas de servizo.
Coa aprobación da Lei do emprego público de Galiza no 2015, creouse o concurso específico como a forma de provisión pensada principalmente para a cobertura de postos de xefatura de servizo (hai tamén seccións e direccións de centros) que non se cubriran polo procedemento de libre designación. Esta nova forma de provisión requería un desenvolvemento posterior que non foi impulsado ata que a Dirección Xeral de Función Pública presentou ás organizacións sindicais no ano 2019 unha proposta e, sen existir negociación real, foi aprobado e publicado en setembro de 2022 o Decreto 151/2022, coñecido como Regulamento de mobilidade.
Chegados ao momento actual, temos máis de 800 postos con concurso específico como a súa forma de provisión cubertos por comisións de servizos. Esa foi a causa da pouca présa que tiveron en regular e convocar os concursos específicos: poder manter ocupados un montón de postos en comisión de servizos, e non só os de concurso específico, senón os de concurso ordinario que están bloqueados ao estar as persoas titulares ocupando os postos anteriores.
Como resumo dos parágrafos anteriores, a CIG mantén a súa idea do ano 2008, de que agás excepcións motivadas, o concurso ordinario sexa a forma de provisión das xefaturas de servizo. Rexeitamos, xa que logo, o concurso específico como forma de provisión, por considerar que en realidade é unha libre designación cunha estabilidade mínima de cinco anos. E rexeitamos que a Xunta se negue a poñer un prazo de tempo para que as consellerías estean obrigadas a convocar os postos permitindo así a liberación de moitos outros retidos polas comisións de servizos.
Recapitulando moito, e se as cousas quedan como a Xunta propón, as características deste modelo son as seguintes:
- Os postos poderán seguir ocupados, como ata agora, en comisión de servizos, pois nada obriga ás consellerías a convocar os postos nun prazo determinado
- Limítase a indicar cales son os méritos a valorar, pero non a súa ponderación, polo que cada consellería poderá adaptar a puntuación personificándoa para cada posto a cubrir (un "dime como te chamas que eu che busco o posto")
- Cada consellería decide como quere valorar os méritos para cada posto. Vai poder adaptalos ao seu gusto, posto a posto. Ten suficiente capacidade para seleccionar a quen queiran. Será unha libre designación, con estabilidade no posto por 5 anos
Indo un pouco máis polo miúdo, esta é a visión da CIG que orientou o proceso de negociación:
Prazo para a cobertura dos postos
A Xunta négase a establecer un marco temporal de aplicación, de xeito que todas as prazas de concurso específico teñan que ser convocadas e provistas nun período de tempo que, a criterio da CIG, non debera exceder dun ano. Con esta decisión, as prazas poden seguir indefinidamente ocupadas en comisión de servizos.
Comisión de valoración
Para a selección das persoas constitúese unha comisión de valoración formada por cinco persoas, das que catro son propostas pola consellería convocante do posto, e unha pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP). Isto, sumado á elevada capacidade das consellerías á hora de definir a puntuación de cada epígrafe, eleva enormemente as posibilidades de endogamia e amiguismo ("fan a festa e botan os foguetes").
Na negociación defendimos que: o proceso estivese tutelado e con máis participación da DXEP, non pola consellería convocante; que participase unha persoa proposta polos sindicatos; e en todo caso, rexeitamos que as persoas superiores directas dos postos a cubrir poidan participar na comisión de valoración no caso de que se presenten persoas que estiveron baixo a súa xerarquía.
Fases do concurso
O proceso consta de dúas fases. A primeira consiste na valoración dunha serie de méritos obxectivables. A segunda é de valoración claramente subxectiva. A consellería convocante decide a puntuación máxima de cada fase (e a puntuación individual de cada ítem).
A CIG reivindica que a primeira fase, por ser a obxectiva, sexa valorada ao máximo posible respecto da segunda fase. É máis, por nós, a segunda fase non existiría. En todo caso, defendemos que a porcentaxe de cada fase e de cada ítem individual veña fixada no modelo, de xeito que non quede a criterio de cada consellería segundo lle interese na convocatoria de cada posto.
Valoración de cada mérito
O conxunto do documento está cheo de falta de concreción na valoración de cada un dos méritos a valorar. Así, a consellería decidirá para cada praza como queren valorar a antigüidade, a formación, a titulación, as medidas de conciliación, os idiomas, etc.
A CIG rexeita que as consellerías poidan facer o que lles veña en gana; rexeitamos que as consellerías poidan “axustar” a valoración personificando cada mérito para a provisión de cada posto.
Comisión de servizos
Solicitamos que tras a obtención dun posto por concurso específico se impida durante un tempo por determinar a obtención dun novo posto mediante comisión de servizos.
Na CIG rexeitamos radicalmente a consideración como mérito do tempo traballado en comisión de servizos, pois esta figura de cobertura temporal de postos está sometida a unha absoluta discreción. Negámonos a que dea lugar a un recoñecemento de méritos mentres non academos un pacto que regule a concesión obxectiva das comisións de servizo.
Segunda fase (memorias e currículos)
Para a segunda fase, de valoración subxectiva, apostamos pola súa eliminación. E mentres non poida ser, optamos por adxudicarlle o mínimo de puntuación posible.
Defendimos que as memorias e os currículos que deben presentar as persoas candidatas, poidan ser accesibles (sen os datos máis persoais), con indicación da puntuación asignada a cada unha delas, co obxectivo de poder vixiar minimamente a puntuación adxudicada.
Non concordamos con que o procedemento para a presentación da documentación sexa fixado por cada consellería segundo considere na convocatoria para cada posto. Polo menos, as partes máis básicas do procedemento deben estar reguladas pola DXEP neste modelo de convocatoria.
Cos mesmos argumentos que para a primeira fase, demandamos que os baremos do total e de cada parte desta segunda fase estean tamén definidos pola DXEP, e non a decisión personalizada da consellería para a cobertura de cada posto.
En definitiva, como grandes ideas para a CIG, este modelo de concursos específicos require:
- Establecer un marco temporal de aplicación
- Fixar a puntuación de cada mérito, de xeito que as consellerías non poidan adaptalo segundo gustos
- Que a DXEP teña maior capacidade, e menos cada consellería
- Potenciar a primeira fase. Minorar ao máximo (se non pode desaparecer), a segunda fase
- Rexeitar todo mérito obtido en comisión de servizos
Se é do teu interese, aquí podes descargar o modelo de bases de concursos específicos que vai á Comisión de Persoal do 03/06/25: descargar.