Novas por contido

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) remitiu aos sindicatos unha segunda versión do que sería o modelo xenérico de bases de concursos específicos. Descargar.

Este modelo de bases xa pasou o trámite de negociación na Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario (MSF). A DXEP convocounos a unha xuntanza para o martes 29 de abril, previa á aprobación definitiva en Comisión de Persoal (pendente de convocar).

O novo borrador ten algúns cambios respecto do que enviaran para a MSF (31/01/25), basicamente na primeira fase (valoración de méritos):

  • Suprimen o mérito por grao persoal consolidado.
  • Limitan o traballo desenvolvido ao traballo desenvolvido en postos da mesma área funcional ou con funcións similares ao convocado.
  • Cambian a redacción da formación, copiando a dos concursos de traslados ordinarios.
  • Para a experiencia profesional específica só terán en conta a experiencia no mesmo posto obxecto do concurso (queda fora a experiencia no mesmo servizo ou unidade organizativa). E como todos estaban en comisión de servizos, iso é o que van valorar.
  • En medidas de conciliación, inclúen unha puntuación extra para as familias monoparentais.
  • O coñecemento de idioma estranxeiro valorarase só para postos nos que as funcións o requiran.
  • Inclúen o baremo do grupo de clasificación

Na segunda fase (memoria e currículo) e no resto do texto tan só hai cambios menores ou correccións.

Con estes cambios, mantemos o que xa dixemos tras a MSF:

Este tipo de concursos, pensado principalmente para xefaturas de servizo e de sección, foi un invento da Lei de emprego público de Galiza, e dende entón (ano 2015), todos os postos foron cubertos mediante comisións de servizos, polo que as persoas que os ocuparon mantiñan bloqueados outro posto. O último movemento foi en setembro do 2022, cando publicaron o Decreto de mobilidade que di pouco máis que o xa previsto na LEPG. Afecta a 861 postos (6 de nivel 20, 40 de 21, 2 de 22, 82 de 25, 33 de 26 e 698 de 28). Ver información en boletín de abril/2024.

Vai ser unha tomadura de pelo, no sentido de que non queren regular a puntuación de cada mérito, e quedará ao que decidan as consellerías en cada convocatoria. Así van poder adaptar as bases das convocatorias segundo conveña en cada caso, para axustalas o máximo posible a unhas persoas funcionarias determinadas que queiran colocar nas prazas. Dende a CIG non podemos consentir que cada consellaría faga o seu “cortijo”, cremos que tampouco responde a unha administración seria e rigorosa.

Ademais, néganse a poñer un calendario para que as consellarías convoquen a cobertura dos máis de 800 postos de concurso específico, polo que veremos como seguen as comisións de servizos en fraude de lei, moitas delas con máis de 10 anos. 

Chama a atención que o borrador das bases que nos entregou a Dirección Xeral de Emprego Público inclúe que o tempo en comisións de servizos sexa puntuable, cando todas as persoas que se atopan ocupando prazas de concurso específico foron escollidas totalmente de xeito discrecional, sen atender a ningún tipo de criterio ou transparencia. Estas convocatorias deben ser o máis transparentes posibles e que garantan o dereito de tódalas persoas funcionarias a poderen acceder a este tipo de prazas en igualdade de condicións; máxime cando estas prazas son revisables ao cabo de 5 anos, polo que condiciona en gran medida a política en materia de persoal aos gobernos seguintes.

Outras novas recentes

Mércores, 14 Outubro 2026

Por un sistema público galego de servizos ás persoas

Dentro da campaña que se está a levar a cabo “Por un sistema público galego de servizos ás persoas”, pedimos xuntanza tanto coa Conselleira de Política social como co Conselleiro de Educación. Adxuntamos os escritos remitidos solicitando esas xuntanzas, para, se o consideras oportuno lles envíes un recordatorio de que estamos á espera dunha data. ASUNTO: O que se...
Venres, 23 Outubro 2026

Voto en contra do PP a máis cursos de galego e á xornada completa do persoal lingüista (Pleno do Parlamento do 20/10/26)

Un grupo nutrido grupo de lingüistas e unha representación da CIG acudimos ao Pleno do Parlamento o 20 de outubro, onde se debateu sobre a situación límite que está a soportar este persoal e a altísima demanda de formación en galego desatendida ano tras ano pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O BNG presentou unha iniciativa para ampliar a dotación de cursos...
Venres, 16 Outubro 2026

A Dirección Xeral de Emprego Público pasa o rolete pola Lei de medidas e a Lei de orzamentos de 2027, sen negociar (CP 15/10/26)

Na xuntanza da Comisión de Persoal do 15 de outubro, a directora xeral volveu ás andadas de facer imposíbel calquera posibilidade de negociación efectiva, impedindo que haxa calquera avance nas condicións laborais do persoal da Administración xeral da Xunta e entes. Xa se está a convertir en costume ter que dicirlle á diretora xeral de Emprego Público que coa CIG non conte...