Novas por contido

Urxe desbloquear o expediente para a xubilación anticipada do persoal de Gardacostas. A falta de actuación tanto da Xunta, que non se adheriu ao procedemento, como do Estado, mantén paralizada a súa tramitación.

O persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza continúa nunha situación de discriminación que, a día de hoxe, segue sen solución. Nos últimos días volvemos a instar dende a CIG a activación do expediente para o recoñecemento dos coeficientes redutores, reiterando a solicitude de reunión coa Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social e solicitando tamén o amparo do Delegado do Goberno en Galiza para que interveña e impulse unha tramitación que leva demasiado tempo paralizada. A situación require insistir ante un bloqueo do procedemento que non é aceptable, logo de meses de espera a que a Xunta realizara a súa adhesión logo de que manifestara colaborar en comisión de seguimento.

Realizan a súa actividade no mar, en condicións de especial dureza, pero que non teñen recoñecidos os coeficientes redutores para a xubilación anticipada que si se aplican a outros traballadores e traballadoras do mesmo ámbito. A situación foi exposta en múltiples ocasións tanto no ámbito político como no administrativo, e mesmo chegou ao Congreso en dúas ocasións con propostas lexislativas directas (2017 e 2022) impulsadas pola CIG.

 

As obrigas do mar, pero sen os dereitos do mar

Ao persoal de Gardacostas esíxenselle as mesmas condicións que ao persoal incluído no Réxime Especial do Mar: formación específica, recoñecementos médicos e requisitos para poder embarcar. Desenvolven funcións de inspección, salvamento e control en condicións de risco, e en moitos casos comparten medios e embarcacións con persoal que si está integrado nese réxime.

Porén, polo feito de seren funcionarios e funcionarias, quedan excluídos dos dereitos asociados a ese ámbito laboral. Entre eles, o acceso á xubilación anticipada mediante coeficientes redutores.

Esta situación non é só unha cuestión de encadre xurídico, senón que ten consecuencias directas sobre a saúde do persoal. Tanto do que embarca como o que desenvolve o seu traballo dende terra e porto. O traballo implica desgaste físico continuado, exposición a condicións adversas e unha elevada esixencia ao longo do tempo. Co paso dos anos, ese desgaste acumúlase e agrávase, aumentando o risco de lesións e limitacións funcionais.

 

Un proceso longo que remata sempre no mesmo punto

A evolución deste conflito ao longo do tempo amosa con claridade unha constante: o problema identifícase, pero non se resolve. Prolóngase no tempo e cada intento remata sen resultado e cada nova vía acaba no mesmo punto: a inacción.

ANO ACTUACIÓN RESULTADO
2017 Iniciativa lexislativa CIG no Congreso lei propia Gardacostas con xubilación anticipada (En Marea) Rexeitada
2021-2023 Instamos ao impulso político e institucional (preguntas Congreso, reunións Parlamento, Conselleira Mar…) Sen solución
2022 Presentación emenda CR servizo gardacostas na Lei Pesca sustentable (BNG). Reunións grupos Congreso Aceptada entrada na Comisión de Pesca
2023 Solicitude de inclusión no ISM Xunta Rexeitada (sen recorrer poloa Xunta)
2023 Intento de inclusión na Lei de pesca sustentable (votación emenda BNG) Rexeitada
2022-2023 Mobilizacións do persoal. Delegación do Goberno,  Consellería do Mar e edificios admtivos Xunta Loita activa
2023 Reunións con administración e responsables políticos. Indícase a vía administrativa (RD 1698/2011) Cambio de enfoque
2024 Rexistro do procedemento na Seguridade Social Inicio formal
2026 Tramitación na Dirección Xeral de Ordenación e SS Bloqueo total

 

 

Da vía política ao bloqueo administrativo: dous anos de silencio

Tras o fracaso das iniciativas lexislativas, indicouse que o procedemento adecuado era o previsto no Real Decreto 1698/2011. Esa vía iniciouse formalmente en abril de 2024, cumprindo cos requisitos establecidos e seguindo as indicacións da propia Administración.

Porén, desde ese momento, non se produciu ningún avance. Non existe comunicación oficial sobre o estado do expediente, non se solicitaron datos á administración empregadora e non se coñece ningunha actuación efectiva orientada a resolver a situación.
O procedemento está iniciado, pero permanece paralizado.

 

Dúas administracións, unha mesma responsabilidade

A situación actual non pode explicarse sen ter en conta o papel das administracións implicadas:

O Estado, tras descartar a inclusión directa ou a vía legal, indicou o procedemento administrativo dos coeficientes redutores como solución, pero mantén ese procedemento parado na Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social.

A Xunta de Galiza, como administración empregadora, é responsable das condicións nas que traballa este persoal. Aínda así, non ten materializado unha actuación efectiva nin coa iniciativa nin finalmente coa adhesión formal ao procedemento iniciado a pesar de terse manifestado favorable á súa tramitación no marco da comisión de seguimento. O abandono da Xunta tamén se nota noutras cousas como o atraso en aprobar as melloras da Orde de horarios ou en cubrir as vacantes e resolver procesos.

 

Unha anomalía que require decisión

Outros colectivos con condicións de traballo comparables xa teñen recoñecidos coeficientes redutores. Neste caso non é por falta de marco legal, nin por ausencia de procedemento, nin tampouco por falta de loita e reivindicación.

O procedemento existe e está iniciado. As condicións de traballo están acreditadas, máis o que falta é actuar. Falla a vontade política das administracións.

E cada día que pasa sen facelo non é un atraso máis, senón a continuidade dunha situación que xa non pode considerarse normal. É a perpetuación dunha discriminación coñecida e dunha realidade que unicamente require dunha decisión para ser resolta.

Máis logo de 9 anos e tanto traballo feito xa temos todas a experiencia dabondo para ter claro o último empurre, con forza e decisión. Imos aló!

 

Outras novas recentes

Martes, 07 Abril 2026

RPTs (bioloxía e cc. do ma, Fogga, Vivenda), oposicións SPIF, destinos, concursos de traslados, carreira (en MSF 07/04/26)

Asistimos á Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario o martes 7 de abril, para tratar varias propostas de modificación de relacións de postos de traballo (bioloxía, ciencias do mar, Fogga e Vivenda). Na rolda aberta de intervención falouse dos concursos de traslados, dos exames de oposición de SPIF, da oferta de destinos de Axentes, do Plan de Igualdade e da...
Xoves, 09 Abril 2026

Aprobadas as oposicións de vixilancia estradas-mobilidade

Asistimos á Comisión de Persoal do xoves 9 de abril, na que quedou aprobada a convocatoria do proceso selectivo de vixilancia de estradas e mobilidade (C1). PROCESO SELECTIVO VIXILANCIA DE ESTRADAS E MOBILIDADE A proposta inicial da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) consistía nun proceso coa forma de oposición na que non respectaban os...
Martes, 07 Abril 2026

A CIG urxe aumentar o teletraballo ante a crise enerxética provocada pola guerra

Esiximos a aplicación inmediata do réxime excepcional de teletraballo ante a situación actual, marcada pola suba dos combustibles e da cesta básica A guerra no Oriente Medio, tras os ataques militares de Estados Unidos e Israel contra Irán, e as súas consecuencias sobre o mercado enerxético internacional, co bloqueo do estreito de Ormuz, xa están a ter efectos directos en...