Novas por contido

O luns, martes e mércores de entroido tivemos xuntanzas con Función Pública por dúas RPTs e falamos de asuntos como as tomas de posesión de corpos xerais (concurso e procesos selectivos), a aplicación da lei da temporalidade, situación das RPTs (o que incide no concurso especial), a carreira profesional e funcionarización.

RPT Vicepresidencia 1ª (delegación territorial de Ferrol)

Opoñémonos a que un delegado ou delegada territorial necesite tres secretarios/as, LDs, e abertos a outras administracións. O que necesitamos no Ferrol son servizos, non estrutura política. Non apoiamos que creen unha xefatura de sección tamén LD. Non concordamos coas xustificacións e non aceptan ningunha alegación da CIG.

CIG, CCOO e UGT votan en contra. CSIF vota a favor.

RPT Axencia de protección da legalidade urbanística (APLU)

Non hai cambios sobre a proposta inicial, non queren negociar. CIG, CCOO e CSIF votan en contra. UGT abstense.

Lei 20/2021 (temporalidade)

O director xeral de Función Pública traslada a seguinte información:

  • A lei básica aclara que teñen que saír en OEP todas as prazas estruturais, estean ou non en RPT. O primeiro é negociar e sacar a OEP que incluiría a oferta ordinaria e extraordinaria. Incluír as prazas en RPT é secundario (máis entendemos que facilita as cousas sobre todo naquelas prazas que teñen condicións especiais de servizo ou titulación). As negociacións, coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral (CIG, CCOO, CSIF e UGT), poderían comezar a semana que ven.

  • Os prazos da OEP, convocatorias, e finalización están taxados na Lei. OEP publicada antes do 1/6/2022 e convocadas antes do 31/12/2022. Rematado antes do 31/12/2024.

  • Haberá dúas modalidades (concurso-oposición e concurso).

  • Neste momento temos en execución unhas 2.500 prazas, moitas delas na fase de concurso que aclara que nin se paralizan nin se inclúen na nova OEP. Si se repescan as prazas de estabilización ou consolidación ofertadas e non convocadas das OEPs do 17 e 18, así como aquelas que convocadas quedasen vacantes, polo que estariamos a falar dunhas 4000 prazas para a nova OEP.

  • O mércores 2 van participar na “Comisión de coordinación de emprego público” a nivel estatal, para tratar uns criterios para aplicar a lei. Neste criterios van as orientacións para baremar o proceso extraordinario por concurso de méritos, por exemplo. Función Pública adianta que non concordan (e nós tampouco), pois priman en exceso os méritos académicos (titulación), e non os profesionais (experiencia nas escalas). Porén, non sería norma básica, polo que non estarían obrigados a trasladalo á nosa administración. Toca negociar.

  • O que si ten claro Función Publica e que queren criterios sinxelos nas convocatorias que faciliten executar rápido (agora caen da burra). Falan de experiencia na administración (na escala correspondente ou noutra escala) e formación. Non se negan a algún criterio máis, pero non moito mais. Esta negociación das bases de convocatorias será posterior á da OEP.


Advertimos que non podemos verificar a autenticidade do borrador de criterios comúns que xa está a circular. En todo caso, ese documento non é máis que un documento inicial de propostas e que a negociación definitiva tócalle á Mesa Xeral de Empregados Públicos de Galiza.

Carreira profesional

Comunica o DXFP que nunhas semanas negociaremos a substitución da sección 2ª do acordo de concertación ou no seu caso un novo acordo correspondente. Lembramos que a CIG xa ten tres sentenzas gañadas, e que moito antes das sentenzas a Xunta incumpriu o que pactou con CCOO e UGT, pois xa en decembro do 2020 tiña que estar convocada a Orde para pagar o grao II anticipado, así como o grao I ordinario.

Corpos xerais: concurso e procesos selectivos

Preguntamos ao DXFP polo ruxe-ruxe que circula de que a toma de posesión do concurso sería en setembro, tendo en conta que nas súas últimas palabras falaba de marzo ou abril. O DXFP mantén que será en marzo ou máis ben en abril, e que en ningún caso valoran que poida ser en setembro.

Di que xa remitiron as consellerías todos os postos susceptibles na elección de destino definitivo de quen están agora en destino provisional (nomea tanto promoción interna como A1, A2, C2 e AP de acceso libre).

As dúas tomas de posesión (concurso e elección de destino definitivo) serían coordinadas.

Unha vez tomada posesión os/as de concurso e os/as de destino provisional, irán posteriormente os/as que están agora en execución (que contan que vaian rematando neste semestre).

Outros concursos de traslados

Respecto do concurso de administración especial, di que están a traballar na RPT de saúde pública sobre os postos de persoal veterinario (nunhas semanas presentaránolo aos sindicatos). Posteriormente irá o concurso (que será para o conxunto da administración especial).

Funcionarización

Nos vindeiros meses (maio/xuño) irán aprobándose as RPTs correspondentes.

Oposicións escalas sanitarias (lei 17)

A CIG preguntara a semana pasada pola data prevista para a realización do primeiro exercicio, pois a diferenza doutras convocatorias, negáronse a poñer nas bases unha data de referencia. O DXFP comprometérase a falalo con Sanidade, pero non trae a resposta. Volve a comprometerse para outra xuntanza.

RPTs pendentes

Están en proceso de negociación as RPTs de Educación, Medio Ambiente, AXI, Consellería de infraestruturas. E vai comezar a RPT de Saúde Pública no referente ao persoal veterinario. En marzo retomarán os flecos pendentes da RPT do Consorcio. Pola carga que supón a lei da temporalidade, deixan as demais RPTs.

O director xeral de Función Pública fixo público un aviso sobre a modificación da xornada de traballo dos días 1 e 2 de marzo de 2022 pola celebración das festas do Entroido. A modificación ten os seguintes termos:

Horario oficial: a hora de saída do martes 1 será ás 14:00 horas e a de entrada o mércores 2 será ás 9:00 horas.

Horario de flexibilidade automática: a hora de saída o martes 1 será ás 14:00 horas, quedando reducida en 30 minutos a parte fixa e en 45 minutos a parte flexible do horario. A hora de entrada o mércores 2 será ás 9:00 horas, quedando reducida nunha hora e quince minutos a parte flexible do horario.

Horario de flexibilidade por conciliación: a hora de saída o martes 1 e o de entrada o mércores 2 queda reducida nunha hora e quince minutos dentro da franxa horaria autorizada.

No DOG do 28/02/2022 publican a RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a relación de persoas excluídas con carácter definitivo das listas únicas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de determinados corpos, escalas ou especialidades resultantes da transformación de oficio de listas das categorías profesionais laborais equivalentes, ao abeiro do establecido no artigo 4.2 da Orde do 20 de xullo de 2021.

Fan pública a relación definitiva de persoas excluídas nas listas únicas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos, escalas e especialidades que se relacionan no anexo desta resolución, resultantes da transformación de oficio das listas das categorías profesionais laborais equivalentes.

As causas de exclusión por esta razón son por ter acadado a idade de xubilación forzosa ou por non posuír a nacionalidade española nin cumprir as condicións establecidas no artigo 52.1 da Lei 2/2015.

A relación definitiva de excluídos poderá consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de Listas de contratación; no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012; e nas oficinas de Rexistro e Atención á Cidadanía da Xunta de Galiza (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Turismo).

As listas novas do corpo, escala ou especialidade que se enumeran no anexo entrarán en vigor o 1 de marzo de 2022.

ANEXO

Corpos e escalas (persoal funcionario)

A1 208F Escala de facultativos. Especialidade medicina

A1 208G Escala de facultativos. Especialidade psicoloxía

A1 208H Escala de facultativos. Especialidade pedagoxía

A2 208A Escala técnica de facultativos. Especialidade enfermaría

A2 208C Escala técnica de facultativos. Especialidade educadores

A2 208B Escala técnica de facultativos. Especialidade fisioterapia

A2 208E Escala técnica de facultativos. Especialidade traballo social

A2 208D Escala técnica de facultativos. Especialidade terapia ocupacional

B 208J Escala de axentes técnicos facultativos. Especialidade xardín de infancia

C2 20A3 Escala de auxiliares de clínica

No DOG do 28/02/2022 publican a Resolución do 16 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda o peche e a apertura de determinadas listas para a incorporación de novas solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza e o nomeamento de persoal funcionario interino correspondente a determinados grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades.

Relacionan as listas correspondentes aos grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades que se encontran abertas e nas cales as persoas interesadas poderán presentar solicitude de inclusión no período comprendido entre o 1 de marzo e o 30 de abril deste ano (anexo III).

Relacionan as listas correspondentes aos grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades pechadas e nas cales soamente se poderán inscribir aquelas persoas que, para a lista correspondente, superasen algunha proba do último proceso selectivo do grupo, categoría, corpo, escala ou especialidade, ou teñan prestado servizos na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza ou en entidades públicas instrumentais do sector público autonómico que teñan publicadas relacións de postos de traballo para a lista correspondente a ese grupo, categoría, corpo, escala ou especialidade (anexo IV).

ANEXO III Listas abertas

Corpos, escalas e especialidades (persoal funcionario)

A1 208F Escala de facultativos. Especialidade medicina

A1 2062 Escala de enxeñeiros. Especialidade de enxeñaría de camiños, canais e portos

A1 2065 Escala de enxeñeiros. Especialidade de enxeñaría de minas

A1 2066 Escala de enxeñeiros. Especialidade de enxeñaría de montes

A1 2067 Escala de veterinarios

A1 2093-01 Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimopesqueiros. Especialidade en lexislación marítima

A1 2093-03 Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimopesqueiros. Especialidade en navegación marítima

A1 2093-04 Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimopesqueiros. Especialidade en pesca marítima/bioloxía pesqueira

A1 2093-05 Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimopesqueiros. Especialidade en inglés marítimo

A1 2093-06 Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimopesqueiros. Especialidade en medicina subacuática e hiperbárica

A1 2093-07 Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimopesqueiros. Especialidade en intervencións subacuáticas e hiperbáricas

A1 2093-08 Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimopesqueiros. Especialidade en comunicacións

A1 2093-09 Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimopesqueiros. Especialidade en máquinas e instalacións mariñas

A1 2093-10 Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimopesqueiros. Especialidade en procesos sanitarios

A2 208A Escala técnica de facultativos. Especialidade enfermaría

A2 208B Escala técnica de facultativos. Especialidade fisioterapia

A2 208D Escala técnica de facultativos. Especialidade terapia ocupacional

A2 2074 Escala de enxeñeiros técnicos. Especialidade de enxeñaría técnica de obras públicas

A2 2079 Escala de enxeñeiros técnicos. Especialidade de enxeñaría técnica de minas

A2 2094-01 Escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en traballos técnicos de mergullo

A2 2094-02 Escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en máquinas e produción

A2 2094-03 Escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en servizos ao buque

C1 207H Escala de axentes facultativos ambientais (a extinguir)

C1 207C-02 Escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia

C1 207V Escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia. Especialidade patrón.

C1 207W Escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia. Especialidade mecánico.

C2 20A3 Escala de auxiliares de clínica

Grupos e categorías (persoal laboral)

III 006 Xefe/a de servizos técnicos. Encargado/a de mantemento. Conservador/a de edificios. Encargado/a de oficios varios mantemento. Xefe/a de taller. Encargado/a de traballos. Especialista de oficios

III 014 Xefe/a de cociña

III 065 Oficial 1ª cociña. Oficial 1ª cociñeiro/a. Xefe/a de cociña. Cociñeiro/a 1ª

III 069 Oficial/a de servizos técnicos. Oficial 1ª de mantemento. Oficial 1ª oficios varios. Oficial de primeira

III 090 Animador/a sociocultural

III 104 Intérprete de linguaxe de signos

IV 005 Oficial/a 2ª de cociña. Cociñeiro/a oficial 2ª

IV 006 Axudante/a servizos técnicos. Oficial/a 2ª de mantemento V 001 Camareiro/a-limpador/a. Axudante de cociña. Pasador/a de ferrolavandeiro/a. Costureiro/a. Cortador/a. Pasador de ferro/a. Lavandeiro/a

No DOG do 28/02/2022 publican a ORDE do 18 de febreiro de 2022 pola que se regula o procedemento para o nomeamento como persoal funcionario de carreira do persoal laboral fixo de determinadas categorías profesionais que superou os procesos de funcionarización convocados polas resolucións do director xeral da Función Pública do 7 de febreiro de 2020.

  • A partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, o persoal laboral fixo deberá asinar un acordo de extinción do contrato de traballo, consonte o establecido no artigo 7.2 do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia. A extinción estará condicionada á efectiva toma de posesión como persoal funcionario de carreira.
  • A toma de posesión como persoal funcionario de carreira, que implicará o cambio do vínculo xurídico coa Administración, será o 1 de marzo de 2022.
  • No caso de vacacións, permisos ou licenzas, o prazo para a sinatura do acordo de extinción comezará a contar desde a súa finalización; o día da toma de posesión será o seguinte hábil ao da sinatura do dito acordo. Nos supostos de incapacidade temporal ou incapacidade permanente con reserva de posto, o cómputo do prazo iniciarase a partir da correspondente alta ou reincorporación. Quedan exceptuadas do disposto no parágrafo anterior as situacións derivadas da maternidade ou paternidade.
  • O incumprimento dos prazos antes indicados, agás as causas de forza maior debidamente acreditadas e apreciadas pola Dirección Xeral da Función Pública, implicará que a persoa interesada desiste voluntariamente da súa funcionarización e, polo tanto, non se producirá o cambio do seu vínculo xurídico, e manterá a súa condición de persoal laboral fixo e todos os dereitos inherentes á dita condición.
  • Segundo o establecido no artigo 8.2 do Decreto 165/2019, o/a traballador/a conservará a situación administrativa que teña recoñecida noutras categorías laborais antes da adquisición da súa condición de persoal funcionario de carreira.
  • O persoal que se funcionarice seguirá percibindo en concepto de antigüidade a mesma cantidade que estaba percibindo como laboral fixo nun concepto na nómina á marxe do complemento de funcionarización-persoal.

As persoas que tomarán posesión como persoal funcionario de carreira, ao abeiro do establecido na presente orde, serán as que proveñen das categorías de persoal laboral que aquí se relacionan:

Corpo facultativo superior da Administración especial-subgrupo A1-escala facultativos.

  • Especialidade Medicina. Categoría 002 do grupo I (titulado/a superior médico/a, médico/a xeriatra, médico/a CEI).
  • Especialidade Psicoloxía. Categoría 006 do grupo I (titulado/a superior psicólogo/a).
  • Especialidade Pedagoxía. Categoría 011 do grupo I (titulado/a superior pedagogo/a).

Corpo facultativo de grao medio da Administración especial-subgrupo A2-escala técnica de facultativos.

  • Especialidade Enfermaría. Categoría 002 do grupo II (ATS enfermeiro/a, practicante, DUE).
  • Especialidade Educadores. Categoría 006 do grupo II (educador/a, profesor/a especial).
  • Especialidade Fisioterapia. Categoría 011 do grupo II (fisioterapeuta).
  • Especialidade Traballo social. Categoría 017 do grupo II (asistente/a social).
  • Especialidade Terapia ocupacional. Categoría 020 do grupo II (terapeuta ocupacional).

Corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial- grupo B-escala axentes técnicos facultativos.

  • Especialidade Xardín de infancia. Categoría 050 do grupo III (técnico/a especialista xardín de infancia). 

Corpo auxiliar de carácter técnico de Administración especial-subgrupo C2-escala auxiliares de clínica.

  • Categoría 003 do grupo IV (auxiliar sanitario/a, auxiliar clínica, auxiliar psiquiátrico/a).

No DOG do 25/02/2022 publican o Decreto 20/2022, do 24 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.

A actualización de méritos será realizada anualmente de oficio pola Administración mediante resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de función pública, que se publicará no DOG. Nesta resolución darase publicidade á lista provisional e as persoas interesadas disporán dun prazo de dez días para reclamaren no caso de non estaren conformes con ela.

Segundo esta modificación, a actualización de méritos xa non será realizada necesariamente no mes de febreiro.

Unha verdade a medias é unha mentira enteira.

A risco de ser pesados, non podemos obviar a insistencia de CSIF en faltar á verdade. Imos ser breves e ir rapidiño.

A CIG gañou tres sentenzas. Non unha como di CSIF. Pero antes de entrar en materia dicir que todas son posteriores a que a Xunta suspendera, por decisión propia e en connivencia cos asinantes, o grao II que tiña que regularse no segundo semestre de 2020 e ter efectos do 1 de xaneiro de 2021.

A primeira sentenza gañada é contra a Orde pola que se regula o grao I, e é do 17/03/2021.

A segunda é contra o Acordo de Concertación (a que cita CSIF) e é do 14/07/2021.

E a terceira é contra a Orde de confección de nóminas, do 26/01/2022.

En todas as sentenzas se recoñece o dereito do persoal interino e temporal á carreira profesional. Na terceira o mesmo dereito ao persoal laboral fixo que non quere funcionarizarse. No primeiro e terceiro caso expresamente no fallo e no segundo nos fundamentos de dereito.

Pero nos tres casos queda claro que se anulan as ordes por non estender o dereito a todo o persoal e en consecuencia, o persoal que xa ten dereito segue cobrando e aos que se lle negou hai que incluílos, como se fixo modificando a LEPG e agora anunciando que van facelo en breve.

O que non explica CSIF é que se as sentenzas da CIG non son beneficiosas, por que eles demandaban exactamente o mesmo?

E repetimos, a proba palpábel de que a carreira non está suspendida para quen xa a ten recoñecida é que a segue cobrando, aínda que, antes CCOO e UGT e agora CSIF soliciten a suspensión e digan que non está en vigor. Se está suspendida como di CSIF, non estaría a Xunta cometendo unha ilegalidade ao seguir manténdoa en vigor e pagando o grao I?

Supoñíamos, na nosa inocencia, que CSIF íase alegrar de que a carreira profesional se estendera a todo o persoal despois de gañar demandas nas que se fundamentaban as nosas pretensións cos mesmos argumentos cos que despois armou CSIF a súa demanda e que foi desestimada. Agora parece que eles están ledos de que lla desestimaran.

Queda claro lector/a, cal é a nulidade de pleno dereito?

Sabemos que moitas persoas están fartas de ver “guerras” entre as organizacións sindicais, neste caso sobre o asunto da carreira profesional. Pero tamén queremos que comprendas que si se difunden bulos ou mentiras, dende a CIG non podemos calar porque iso sería outorgar. A algunhas persoas ás veces isto as leva a pensar iso de “todos os sindicatos son iguais”. Pois non, non somos iguais. E agora CSIF que estivo agochado co asunto da carreira profesional asoma a cabeza para dicir que CCOO e UGT mal pero que a CIG tamén. Así que vamos a aclarar unhas cantas cuestións nas que faltan á verdade.

 

As sentenzas gañadas pola CIG suspenden o grao I para o persoal funcionario de carreira? NON

Antes de entrar en materia ímosche poñer aquí o fallo da sentenza de 17 de marzo de 2021 contra a Orde onde se desenvolve o grao I:

“Anular, por contraria al ordenamiento jurídico, la mencionada Orden, en la medida en que excluye al personal laboral temporal y a los funcionarios interinos del régimen de carrera profesional establecido y, en consecuencia, reconocer el derecho de estos colectivos a participar en el procedimiento de reconocimiento del grado I de carrera profesional, y condenar a la Administración a estar y pasar por tal declaración.”

Calquera pode entender que si este fallo recoñece o dereito a participar no procedemento do grao I, non pode ao mesmo tempo anular o procedemento e negar o grao I ao persoal funcionario. E calquera pode entender que o sentido do fallo é incluír a todo o persoal no sistema de carreira porque OBRIGA a que eses colectivos poidan participar.

Isto significa, e na práctica o vemos porque o estamos cobrando, que a sentenza non obriga a suspender absolutamente nada, senón a INCLUÍR.

 

CSIF pediu a nulidade das ordes que regulan a carreira profesional?: SI

Segundo CSIF eles pedían na súa demanda “a estensión de dereitos da carreira profesional do funcionario ao persoal temporal e ao laboral fixo”, sen embargo a CIG pedía “Anular a sección 2ª” do Acordo de Concertación.

É verdade isto? Vexamos que pedía CSIF. Nesta nota súa de outubro de 2020 podemos ler:

"Que se declaren nulas las cláusulas del Acuerdo de Concertación firmado por CCOO y UGT que obligan al personal laboral fijo a funcionarizarse para poder acceder a la carrera profesional y percibir el complemento de carrera.”

E nesta de xaneiro de 2021:

“...los servicios jurídicos de CSIF interpusieron demanda ante la JURISDICCIÓN CONTENCIOSO – ADMINISTRATIVA ...), en la cual se solicita la nulidad/anulabilidad de las citadas ordenes...”

A maiores, e isto si que é unha torpeza xurídica, a demanda de CSIF foi desestimada polo TSXG por incompetencia de xurisdición ao presentar un conflito colectivo cando este asunto afectaba tamén a persoal funcionario.

Pero polo que se ve, os servizos xurídicos do CSIF coincidían cos da CIG en que a técnica xurídica para pedir a extensión do dereito á carreira profesional a todo o persoal era pedir a nulidade/anulabilidade en tanto en canto non se incluía a todo o persoal. En consecuencia, CSIF MINTE cando di que eles non pediron iso.

 

As mentiras, segundo CSIF

“CIG miente cuando afirma que la sentencia del TSJG no anula la carrera y que lo que hace es reconocer el derecho al personal excluido. “

E que di a CIG na última nota?

“...a sentenza gañada con posterioridade a que se tivera que poñer en marcha o grao II non anula “para todo o persoal”, senón que anula un acordo porque non inclúe a todo o persoal. Se o inclúe remata a causa de nulidade.”

O que fai CSIF, igual que fixeron CCOO e UGT antes, é atribuír á CIG algo que non dixemos. O que se anula, e así o dixemos, é a parte do acordo de concertación onde se pacta a carreira profesional. Anula un acordo non a carreira que é un dereito contemplado na lei e desenvolvido a través de varias ordes, como a que desenvolve o grao I, donde precisamente se recoñece o dereito ao persoal excluído, polo que quen minte é CSIF.

E agora pensemos. Unha sentenza da CIG anula a parte do Acordo de Concertación onde CCOO, UGT e FP pactan unha carreira profesional que exclúe ao persoal interino e temporal, é dicir anula un acordo sindical por discriminatorio. Nin anula o dereito á carreira que emana de dúas leis (o EBEP e a LEPG), nin anula o desenvolvemento da carreira, tal e como che explicamos aquí.

Outra sentenza da CIG, a citada arriba, en relación ao sistema extraordinario de acceso ao grao I, anula a orde que o regula e OBRIGA a incluír a todo o persoal. Como explicamos antes, si anula porque obriga a incluír iso significa que NON PODE EXCLUÍR, e que no propio fallo o TSXG lle está dicindo á Xunta o que ten que facer.

 

E que fixo a Xunta?

Precisamente OBRIGADA polas sentenzas gañadas pola CIG, a Xunta para executalas tivo que recoñecer a carreira profesional como dereito universal facendo o seguinte:

1º Enviando ao Parlamento un proxecto de lei que é aprobado por este ONDE INCLÚE ao persoal interino, e explicitamente recoñece na exposición de motivos que iso se debe as sentenzas nese sentido QUE NÓS GAÑAMOS, e non a demanda fake desestimada de CSIF como conflito colectivo onde tamén pedía anular a carreira pero se equivocou de ámbito.

2º Comunicando (a través de CCOO e UGT) que RECOÑECE que se vai implementar o grao I PARA TODO O PERSOAL, tal e como di a sentenza que gañamos.

3º Recoñecendo, tamén a través da nota de CCOO e UGT, que tamén se vai aplicar ao persoal que non queira funcionarizarse. E isto PORQUE TAMÉN GAÑAMOS ISO e nin se pode obrigar a funcionarizarse para ter dereito á carreira, nin hai que devolver as cantidades cobradas si un non se funcionariza.

Se chegaches con paciencia ata aquí, compañeiro/a é que realmente a ti interésache coñecer que vai pasar coa carreira profesional, non as falsas disputas que queiran plantexar algúns sindicatos.

Probablemente non te estrañe que haxa tres sindicatos que en vez de celebrar que a carreira sexa para todo o persoal intentaran meternos medo dicindo que a carreira se ía deixar de cobrar ou que non estaba en vigor, ou incitando á Xunta á paralizala.

A nós interésanos que o dereito á carreira sexa universal e ISO FOI O QUE CONSEGUIMOS. E si a ti as disputas sindicais sobre a carreira non che interesan... A NÓS TAMPOUCO.

E ASÍ SUCEDEU...

...que isto rematou como tiña que rematar (xa había xurisprudencia), polo que cabe lembrar como sucederon os feitos:

1. A Xunta asina con CCOO e UGT un acordo que non recoñece dereitos a parte do persoal e chantaxea a outra parte coa obriga da funcionarización.

2. Sen que haxa sentenza algunha, a Xunta incumpre o acordo ao non convocar o grao I ordinario nin o grao II anticipado.

3. A CIG gaña nos tribunais o dereito de todo o persoal que cumpra os requisitos a participar no grao I da carreira, independentemente do seu vínculo fixo ou temporal.

4. A Xunta non o fai efectivo e ademais segue sen aprobar o acceso ao grao II cando corresponde, co a pasividade de CCOO e UGT e o silenzo de CSIF.

5. A CIG gaña outra sentenza que di que o acordo de concertación é contrario ao ordenamento xurídico (precisamente por excluír a parte do persoal).

6. A Xunta modifica a Lei de Emprego Público recoñecendo o acceso ao persoal interino á carreira debido ás sentenzas gañadas pola CIG.

7. A CIG gaña unha nova sentenza que recoñece que non se pode obrigar ao persoal laboral a funcionarizarse para acceder á carreira e que non se ten que devolver o xa cobrado porque é unha chantaxe.

8. A Xunta acorda e nolo anuncian CCOO e UGT, que o grao I o vai cobrar todo o persoal que reúna os requisitos, que o grao II, despois de paralizalo o vai retomar, e que o persoal que non se funcionarice tamén vai ter dereito.

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural activa o protocolo de vixilancia da gripe aviaria nas aves silvestres sen informar nin revisar EPIS nin indicar as medidas preventivas.

Na CIG solicitamos a convocatoria urxente do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Non se informou da alerta ao todo persoal de campo

Non é a primeira vez que se activa a alerta polo risco de gripe aviaria na nosa comunidade, pero si é a primeira vez que se obvia informar e actuar na prevención da saúde do persoal dos Servizos de Patrimonio Natural que se ten que encargar da vixilancia, control, traslado e tratamento de aves migradoras nos centros de recuperación de fauna silvestre.

O virus da gripe aviaria (é un tipo de influenza) ten risco de introducirse nos humanos e de combinarse co virus da gripe común ou A. O risco de contaxio é real para as persoas traballadoras, as súas familias e incluso a transmisión a poboación por eso se activa un protocolo de seguimento europeo. Para evitar que os que traballamos podemos enfermar ou ser fonte de contaxio hai que establecer un protocolo preventivo e EPIs adecuados e informar e formar periodicamente.

A CIG solicita o CSSL e que se tomen medidas preventivas urxentes

Mais dun mes despois se que se activaran as alarmas no país a representación do persoal non temos aínda ningunha información da consellería, por eso os delegados de prevención da CIG solicitamos a convocatoria urxente do Comité de Seguridade e Saúde Laboral e que ao menos se tomen as seguintes medidas preventivas:

1.Información do risco actual e Avaliación de riscos específica e plan de acción con especial coidado de aplicadores, biocidas e EPIS. Formación do persoal en medidas preventivas, desinfección e colocación EPIS.

3. Revisión de vehículos e departamentos para o traslado da fauna e EPIS contaminados.

4.Protocolos específicos de manexo, traslado e control.

5.Revisión de EPIS e Biocidas.

Ourense: o Servizo de Patrimonio Natural leva anos sen cubrir a praza de veterinario/a

É inaceptable coa que está caendo coa pandemia mundial, no Servizo de Patrimonio Natural de Ourense leven anos sen cubrir a praza de veterinario/a fundamental entre outros traballos para o seguimento e control de enfermidades dos animais silvestres, moitas delas transmisibles ás persoas.

Por iso, este 12 de febreiro reunímonos coa Xefatura Territorial e que proceda a cobertura inmediata da única praza de veterinario/a do servizo.

Ademais solicitamos que abrise o acceso ao REXEL ao persoal axente ambiental para o que incluso nos propuxo crear un rexistro por distritos das denuncias. Ao tempo solicitamos o poder consultar o REGIAC e o programa das licenzas de caza e pesca para ter a información necesaria nas gardas e quendas de vixilancia.

O mércores 16 participamos na Comisión de Persoal na que se aprobou a RPT do IET, a segunda de funcionarización, e un acordo sobre o mesmo. En rogos e preguntas falouse dos procesos selectivos e dos concursos de traslados, tanto de corpos xerais como de administración especial.

RPT do Instituto de Estudos do Territorio

Non podemos apoiar a creación de postos coa amortización doutros. E mantemos o resto das nosas alegacións. CIG vota en contra. 

Os outros sindicatos (CCOO, CSIF e UGT) din estar en contra da destrución de postos de traballo, pero como neste caso non se destruen máis das que se crean, votan a favor. 

Acordo de “acomodación” da segunda RPT de funcionarización de determinadas escalas de administración especial

En coherencia a como se levou a negociación do proceso de funcionarización, votamos en contra.

CSIF tamén vota en contra, mentres que CCOO e UGT votan a favor.

RPT de funcionarización de administración especial de servizos sociais

A proposta que se aprobou na Comisión de Persoal é a mesma que presentaron para a Mesa Xeral. É dicir, que non aceptaron ningunha das nosas alegacións. Non houbo negociación. Non se cumpre o criterio de homoxeneidade de que fala o director xeral. Non nos vale a promesa de que se vai estudar e modificar posteriormente, pois tiveron tempo para facelo (non damos validez a algo que “poderá ser”). A CIG vota en contra. O mesmo vota a CSIF.

Durante a intervención de CCOO tivemos a sensación de que quen falaba era o director de función pública (DXFP), pois fartouse de defender as bondades da proposta. A verdade que non era necesaria a presenza nin a intervención do DXFP, pois xa estaba CCOO para defender a proposta da Xunta e recriminar aos que votamos en contra. Evidentemente CCOO, e tamén UGT, votaron a favor.

Segundo o DXFP a RPT aprobarase no Consello da Xunta do xoves 17, e entrará en vigor o día 1 de marzo.

Cronograma de RPTs (educación, vicepresidencia, consorcio e servizos sociais)

Xa en rogos e preguntas, o DXFP informa de que nas próximas semanas teremos algunha RPT máis, como a de educación e vicepresidencia (e algunha máis non definida). E inmediatamente rematadas estas retomaremos a do consorcio e servizos sociais. Aproveitarán esa rpt para revisar o asunto do persoal de menores e carné de conducir e algunha cuesitón máis sobre política social. Calcula que será durante marzo.

Procesos selectivos en execución

Informa o DXFP que o día 25 publicarán a apertura da fase de concurso duns 7 ou 8 procesos selectivos.

Corpos xerais (concursos e procesos selectivos)

Preguntamos polas datas de toma de posesión do concurso de traslados e dos procesos selectivos que están actualmente en destino provisional, así como as previsións dos procesos que están en execución. O DXFP:

  • Concurso: Confirma que o venres se publica no DOG a resolución do concurso.
  • En destino provisional: iniciarán o procedemento de elección de destino das persoas de promocion interna e acceso libre que están en destino provisional, que será ao longo de marzo. 
  • Unha vez feito o anterior comezarán as tomas de posesión de concurso e procesos selectivos. Meterémonos probablemente en abril. 
  • Procesos selectivos en execución: afirma que comezan os prazos da fase de concurso.

Escalas e administración especial (concursos e procesos selectivos)

Pedimos cronograma dos procesos selectivos que están en execución. O DXFP informa:

  • ISSGA: están a traballar para nomear o tribunal (fai uns días solicitaron membros); exames no 2º trimestre deste ano. 
  • Finanzas:  nuns días sae lista definitiva. Traballando na designación do tribunal. 
  • E só quedarían os procesos convocados en decembro. Agora mesmo teñen 60 procesos en marcha.

Solicitamos a previsión da data do primeiro exercicio do proceso selectivo de escalas sanitarias (que na súa convocatoria non indicaba ningunha estimación). O DXFP comprométese a preguntar a Sanidade e informar noutra xuntanza.

Denunciamos que do concurso de traslados de persoal veterinario enviaran un borrador fai dous anos, a CIG presentou as alegacións correspondentes e non soubemos nada. Varias veces coprometéronse a retomalo, e non cumpriron. Tamén queremos que dean os pasos necesarios para convocar os concursos de todas as escalas e administración especial. O DXFP resposta que están coa RPT de veterinarios (outra vez o mesmo conto), para así poder retomar o concurso. Asegura que teñen intención de convocar o concurso completo para toda a administración especial (incluindo veterinarios). Non da prazos, e non menciona nada das escalas de administración xeral.