- Detalles
No DOG do 04/10/2024 publican dúas resolucións coa baremación provisional de varias escalas da agrupación profesional e categorías do grupo V:
Baremación provisional do concurso de méritos das escalas da agrupación profesional que se relacionan:
Escala de persoal subalterno
Escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais. Especialidade de persoal de limpeza e cociña
Escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais. Especialidade de persoal de recursos naturais e forestais
Escala de persoal de mantemento
Baremación provisional do concurso de méritos da categoría profesional de persoal laboral da Xunta de Galiza do grupo V que se relacionan:
Cat. 10B. Vixilante fixo de defensa contra incendios forestais
Cat. 10C. Emisorista de defensa contra incendios forestais. Escoita incendios
Cat. 14. Bombeiro forestal
Cat. 14 A. Bombeiro forestal condutor
As persoas baremadas poderán formular reclamación contra as puntuacións provisionais perante o tribunal no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza.
As reclamacións presentaranse a través de Fides na epígrafe de «inscrición en procesos selectivos». Para isto, a persoa aspirante accederá ao proceso de estabilización a que se refire esta resolución no cal desexe formular reclamación, na epígrafe «Que podo facer?», «presentación alegacións baremo».
- Detalles
A Dirección Xeral de Emprego Público comunicounos que o vindeiro mércores día 9 de outubro publicarase no DOG a Orde de 1 de outubro de 2024, pola que se resolve o procedemento de integración do persoal laboral fixo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
- Detalles
Emprego Público segue a aplicar o acordo de xeito unilateral
Intervén a Directora Xeral de Emprego Público respondendo ás alegacións que se enviaron no seu momento polas organizacións sindicais e polos Comités de empresa aos criterios que enviaran.
Entenden que non hai solapamento cando cortan secuencias con unha C (compensación), porque pasan máis de 12 horas entre quendas.
O acordo permite chegar ate o 60% de fins de semana, polo que consideran que non hai desequilibrio no desfrute. Ter dous fins de semana consecutivos en carteleira, está motivado polo número de efectivos da quenda.
O documento de criterios, ten tamén cuestións relativas a definicións, como no caso das Intersubstitucións.
Dá información do importe que propoñen para as intersubstitucións urxentes e para as voluntarias
| Urxentes | Voluntarias |
| A2 138,63 € | A2 118,63 € |
| C1 113,90 € | C1 96,90 € |
| C2 99,50 € | C2 85,50 € |
| AP 88,79 € | AP 75,79 € |
Desde a CIG solicítase a remisión de todas as actas das xuntanzas mantidas previamente e o envío das alegacións presentadas por todos os comités de empresa. Consideramos que hai un incumprimento sistemático do Acordo, a Administración envía documento cos criterios que xa se están a aplicar e cos cales manifestamos o noso desacordo xa desde o principio.
Advertimos que non se convocaron as subcomisións previstas no Acordo que é onde se deberían tratar os temas de intersubstitución, sempre e cando non sexa posible a súa cobertura mediante as listas de contratación.
Denunciamos que a Administración desenvolve partes do acordo unilateralmente, sen negociación ca parte social.
Emprego Público contesta que enviará o documento modificado, e poñerán data de prazo para enviar alegacións. O obxecto das definicións, era regular as situacións que non estaban aplicando os mesmos criterios.
Eliminarase a referencia a días do ano, e farán referencia a criterios que determinan a xornada laboral.
Enviarán outro documento de confección de carteleiras. Nos vindeiros días enviarán as actas, para o seu estudo e aprobación, se procede, na vindeira xuntanza da Comisión.
Establecerase criterio de festivo ou non do 24 e 31 de decembro. Revisarán o segundo parágrafo do relativo ás vacacións xa que non está claro.
En canto as quendas de noite, fan igual as 35 horas coma os demais, e se fan domingos e festivos terán a súa compensación.
A CIG manifesta que o espíritu do acordo non era isto que nos presentan, e instamos a que nos den información das alegacións presentadas, a que convoquen de novo con unha proposta que teña en consideración as alegacións e propostas presentadas polas Organizacións Sindicais e os Comités de Empresa.
Así mesmo, instamos á convocatoria da Subcomisión prevista para a definición e estudo das intersubstitucións, que en ningún caso pode utilizarse para cobertura de vacacións e permisos, para eso están as listas de cobertura temporal, e que teña en conta que a compensación debe ser para todos os grupos da mesma cantidade, porque o esforzo que supón a cobertura urxente é igual para un grupo A2 que para un C2, por exemplo.
A CIG fai constar que non se teñen en conta nesta proposta, por parte de Emprego Público, a cantidade de adaptacións de postos que ten a Consellería de Política Social, e que vai en aumento e, como consecuencia, as presencias non son reais posto que non desenvolve o mesmo traballo debido a adaptación. Tampouco se tivo en conta a petición de incluír os tempos de programación nas carteleiras das escolas infantís. E non estamos de acordo con que a devolución do exceso de horas do mes de xaneiro se faga co computo anual, xa que iso non fora o acordado.
Indicar a Emprego Público que os postos de reforzo COVID que estaban en quenda, suporían a creación de postos en RPT, tal como se asegurou na última xuntanza. Pola contra suprimíronse, quedando colectivos moi axustadas e insuficientes.
De seguir asi, impoñendo sen negociar, solicitaremos un arbitraxe !!!
- Detalles
A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) vén de publicar na súa páxina web unha nota informativa sobre a normativa de igualdade que afecta aos temarios dos procesos selectivos.
O cambio normativo supón a derrogación do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da CA de Galicia en materia de igualdade, que foi substituído pola Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
Como consecuencia dese cambio normativo, os temarios en materia de igualdade quedaron actualizados do seguinte xeito:
-Subgrupos A1 e I.
Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia: título preliminar, título I, título II: capítulos I, II, III, IV, V y XI. Descargar
-Subgrupos A2 e II.
Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia: título preliminar, título I, título II: capítulos I, II, III, IV, V y XI. Descargar
-Subgrupos B, C1 e III.
Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia: título preliminar, título I, título II: capítulos I e II. Descargar
-Subgrupos C2 e IV.
Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia: título preliminar, título I, título II: capítulos I e II. Descargar
-Subgrupos AP e V.
Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia: título preliminar, título I, título II: capítulos I e II. Descargar
- Detalles
Hoxe, 27 de setembro de 2024 comenza a campaña de vixilancia da saúde para o persoal da Consellería de Educación que presta os seus servizos en centros de ensino.
PRAZOS DE INSCRICIÓN:
- Para o persoal substituto o prazo de inscrición estará aberto dende o día 1 ó día 20 do mes seguinte a aquel no que se cumpran os 65 días traballados de forma ininterrompida, contados dende o 01/09/24, ou dende o día seguinte ó nomeamento se fora este posterior a esa data.
- Para o persoal nomeado con anterioridade ó 27/09/2024 o prazo de inscrición estará aberto entre o 27/09/24 ata o 16/10/24
- Para o persoal nomeado con data igual ou posterior ó 27/09/24 o prazo de inscrición estará aberto dende o día 1 ata o día 20 do mes seguinte a súa toma de posesión.
O enlace web para a inscripción que se indica na páxina de Educación non leva á páxina correcta, polo que facilitámosvos este:
https://revisionmedica.xunta.gal/sxsrm/educacion/login-educacion
- Detalles
O pasado 31 de xullo a Consellería de Medio Rural inaugurou con todos os honores a remodelación da base helitransportable de San Xoan de Río. No acto participaron a Conselleira de Medio Rural, o DX de Defensa do Monte ademáis de todas as autoridades pertinentes.
Segundo os datos publicados pola Consellería de Medio Rural a inversión ascendeu a case 1.200.000€, unha cantidade nada despreciable para unhas instalacións que, nun principio, soamente van estar operativas durante tres meses ao ano, é dicir, o tempo que dure a tempada de alto risco contra os incendios forestais. Podemos ser críticos coa cantidade que alí se investiu con cargo aos diñeiros públicos e que entendemos que non son infinitos, pero o que non podemos entender é que un mes e medio despois da súa inauguración se observen deficiencias tan graves na súa construcción e posta en funcionamento, que incluso podería poñer en risco a seguridade dos propios traballadores que alí se atopan destinados. As deficiencias son referentes ás inundacións que se produciron nas instalacións tras as primeiras choivas, como ben se pode observar nas fotografías adxuntas. Para a CIG é moi importante defender as melloras nas condicións dos traballadores, a súa seguridade e defender unhos servizos públicos dignos e decentes para dar resposta ás demandas da sociedade, pero non menos importante é facer un seguimento ao emprego que se faga dos diñeiros públicos.
Por outra banda, e polo que esta central sindical pudo averiguar, estas deficiencias nas obras poden empeorar de xeito considerable a medida que vaia avanzando o inverno.
Dende a CIG trataremos de realizar un seguimento exhaustivo ao Plan de Infraestructuras de Medio Rural 2020-2026, ademáis do proxecto millonario do CILL (Centro Integral de Loita contra o Lume Forestal), onde se investiron 3,5 millóns de euros con fondos públicos, según os datos da propia Consellería atopándose na maioría do tempo pechado non existindo nas RPTs de Medio Rural ningún persoal asignado a pesar de ser inaugurado polo actual presidente da Xunta de Galicia en decembro do ano 2023.



- Detalles
O parque de automóbiles da Subdirección Xeral de Coordinación de Servizos Transversais (Consellaría da Presidencia, Xustiza e Deportes) conta, polos datos que manexamos, con arredor de 65 vehículos que en parte non se usan, e con tres automóbiles directamente alugados polos conselleiros vía renting; mentres que os coches empregados a diario son desaxeitados para o uso para o que están destinados, teñen un alto consumo de combustíbel e escasa autonomía (son coches apropiados para facer uns 50 km diarios), disparando o gasto público do seu mantemento e repercutindo negativamente no desempeño, seguridade e saúde laboral do persoal condutor
Parque móbil de coches oficiais desaxeitados para o uso diario, con avarías continuas, alto consumo de combustíbel e escasa autonomía
O persoal condutor dependente deste departamento ascende a unha cifra que ronda as 200 persoas en toda a Comunidade. A súa principal ferramenta de traballo son os coches oficiais, e dados os traxectos dunha media de arredor de 300-400 km diarios, cobran especial relevancia as características técnicas dos vehículos e as destrezas e habilidades para a condución segura e a prevención de riscos laborais e accidentes na estrada.
Malia a ser un colectivo de traballadoras e traballadores amplo e con directa repercusión no día a día e seguridade diaria dos altos cargos desta Administración e da súa propia, o persoal condutor dispón dunha situación laboral que dista das óptimas condicións, dado que se priman outros intereses moi distintos á eficiencia do gasto público.
Neste parque móbil hai arredor de 65 vehículos modelo Citroën C-5 AirCross, parte deles parados porque non os queren os altos cargos, e porque non transmiten ningunha seguridade na estrada; os cales a Xunta vai enviar ás delegacións por estes motivos. Entre 2023 e o que levamos en 2024, xa houbo varios sinistros con eles. Co resto de vehículos do parque móbil, modelo Citroën C5X Hybrid, pasa outro tanto: sendo un pouco máis confortábeis, seguen tendo as mesmas carencias cós modelos anteriores: pouca autonomía e seguen transmitindo pouca seguridade na estrada, ademais de que o persoal condutor está obrigado a repostar só nas gasolineiras de Repsol, non dándolles outra alternativa por parte do parque móbil. Iso conleva que estes profesionais teñen que pagar do seu peto o combustíbel. Estes coches híbridos levan un motor pequeno, co cal ao longo prazo van ter continuas avarías. Tanto é así que nestes momentos temos polo menos até tres conselleiros da Xunta de Rueda que teñen renunciado ao emprego destes coches oficiais e teñen contratado tres vehículos de xeito particular e a cargo doutros orzamentos públicos, polo sistema de renting, dobrando o gasto nestes conceptos.
Dende a CIG esiximos que os parques móbiles se doten con vehículos tipo berlina, a ser posíbel de tracción 4x4, cos mínimos estándares actuais de calidade, seguridade e eficiencia enerxética e autonomía, sobre todo á hora de saír da Comunidade.
En conclusión: os únicos coches axeitados para a realización do traballo son os utilizados polos/as escoltas do Sr. Rueda e polo condutor do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Por certo, Sr. Rueda: o V Convenio Colectivo contempla, como medida de fomento de emprego, a xubilación aos 65 anos (a nova normativa sitúaa en 68), polo que un encargado teña MÁIS DE 70 ANOS, non parece lóxico, moral e normal. Que segredos garda para que non se cumpra o ordenamento xurídico, incluído o VCCU?
Só 25 prazas de formación técnica e específica da Xunta na AGASP para o persoal condutor en 2024
A única formación coa que contaba o persoal condutor até agora é a de condución segura, coches eléctricos e actualización en materia de tráfico. En 2024 este persoal só tivo un curso sobre coches eléctricos de 40 h cun total de 25 prazas, o que supuxo que a maioría do persoal quedou sen poder facelo, motivo polo que as e os traballadoras/es máis veteranas/os teñen que renunciar a ela para que o persoal máis novo teña unha mínima opción de formarse.
É necesario contar cun plan de formación técnica e específica anual e estábel que garanta a contínua e necesaria posta ao día e desenvolvemento de destrezas e habilidades que axuden ao correcto desempeño laboral, á seguridade de condutor/a e usuarios/as e á prevención de riscos para a saúde e accidentes.

- Detalles
“Analizando, valorando, esperando”. Estas son as expresións máis utilizadas pola directora xeral de Emprego Público (DXEP, antiga Función Pública), en resposta a case todas as preguntas que lle fixemos tanto a CIG como as outras organizacións sindicais (CCOO, CSIF e UGT) na Comisión de Persoal do xoves 19 de setembro. Por dicir algo.
CONCURSOS DE TRASLADOS
Na anterior Mesa Xeral, a DXEP deu información só dalgúns concursos, pero tan xustiña que saímos como entramos. Así que a CIG repreguntou: “queremos saber o estado de TODOS os concursos XA CONVOCADOS, así como as datas previstas para a publicación das listaxes provisionais de persoas admitidas/excluídas, a eleición de postos e a toma de posesión. E de TODOS os concursos aínda NON CONVOCADOS, cando teñen pensado comezar as negociacións e cando a convocatoria”.
A resposta da DXEP foi simple: que se remitía á información que dera na anterior Mesa Xeral e que dos concursos non convocados estaban pendentes da RPT do consorcio. Punto final.
Pode ser que non teña a informacion, ben porque non existe, ben porque non lla facilitaron, ben porque non a lembre. E pode ser que si teña a información e non lle dea a gana facillitárnola por vergoña de como van as cousas. Pero en todos os casos, NON DIXO NADA.
Pois haberá que ser pesados e insistir e insistir, a ver se conseguimos que se poñan as pilas.
PROCESOS DE ESTABILIZACIÓN
A Lei 20/21 marca a data do 31/12/2024 como aquela en que os procesos tiñan que estar rematados. Preguntamos pola previsión que teñen de remate, e como vai ser o destino. Aquí si se mollou algo máis: di que o 31/12/2024 é a data prevista de finalización, e os destinos van ser provisionais.
Preguntamos tamén polos criterios que seguirían para os casos en que haxa unha persoa que supere dous procesos de estabilización (xunta e entes). A resposta da DXFP limitouse a dicir que cando estivesen rematados ou a piques de rematar os procesos, entón analizarían os casos. Punto.
RESTO DE PROCESOS SELECTIVOS
Respecto da escala de auxiliar de clínica (OEP-2021), publicaron o listado de persoas aprobadas o 10/05/24. Di que están a analizar os postos para a futura eleición de destino.
Para enxeñaría de montes e enxeñaría técnica forestal, que xa se sabe quen superou o proceso e levan un ano agardando pola eleición de destino, volve a dicir o que xa dixera antes do verán: están analizando as prazas para a eleición de destino.
FUNCIONARIZACIÓN
Na orde do día da Comisión de Persoal ían dous puntos de modificacións da RPT por funcionarización, un ao corpo administrativo-C1 por execución dunha sentenza, e outro aos corpos superior-A1 e auxiliar-C2. Concordamos coa necesidade de executar as sentenzas, pero manifestamos que abondan outras sentenzas (por exemplo, persoal de cociña ou categoría III-99), que non executan porque non queren. A Xunta non pode escoller que sentenzas executa e cales non, teñen que facelo en todos os casos.
En todo caso, por coherencia coa nosa postura sobre as formas en que levaron adiante a funcionarización do persoal laboral fixo e dos postos de persoal laboral na RPT, a CIG votou en contra dos dous puntos. CCOO e UGT votaron a favor dos dous. CSIF votou a favor dun e en contra doutro.
OUTROS ASUNTOS
Contratación de persoal investigador: din que hai unhas instrucións conxuntas das direccións xerais competentes en materia de persoal (simplificación, emprego público e orzamentos), cos criterios aos que se teñen que axustar os entes do art. 45.b da Lofaxga, e que están a chegar contratacións que van ir para a sinatura dos directores/as de inmediato. Aseguran que están a tramitar a contratación temporal nas fundacións e non saben doutros atrancos.
Adscrición temporal a prazas de persoal funcionario de escalas pendentes de funcionarizar: a DXEP menciona o caso da escala de aux. de coidador, co persoal pendente de funcionarizar pero cos postos xa funcionarizados en RPT. Di que están a prorrogar escepcionalmente ata que sexa a funcionarización, as adscricións temporais do persoal laboral fixo que actualmente ocupa as prazas en adscrición temporal.
- Detalles
A denuncia da CIG de NON cobertura dunha axudante de cociña na Escola Infantil de Vite, mobilizou a diverso persoal de confianza do Gabinete da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, que procederon a retirar os cartaces de denuncia colocados por membros da CIG nos taboleiros de anuncios de San Caetano. Tamén o retiraron de mobiliario que se utiliza habitualmente para dar a coñecer as demandas sindicais, e que ata o día de hoxe nunca pasara tal cousa, de que persoal de confianza do gabinete dunha conselleira, adicárase a ir polos corredores de San Caetano rompendo e retirando cartaces sindicais para botalos nas papeleiras.
O acto cometido onte e hoxe en San Caetano de retirar cartaces sindicais, sin autorización dos membros da CIG, supón unha discriminación sindical, que limita o dereito de acción sindical sen xustificación algunha razoable e obxectiva que puidera amparar tal proceder. Mais ben a acción de hoxe responde a intentar calar e tapar a denuncia da sección sindical da CIG en Política Social de que mentres por unha banda non se contrata a unha axudante de cociña para suplir unha baixa na Escola Infantil de Vite, pola outra se nomea a dedo e dunha forma escurantista á prima do Presidente do PP.
O obxectivo destes cartaces (DOS QUE SE XUNTAN ALGUNHA FOTOS DOS LUGARES DE REPARTO EN SAN CAETANO) é simplemente dar a coñecer a forma de actuar da conselleira Fabiola García cando se trata de escoller entre manter os servizos públicos ou optar polo enchufismo e o nepotismo.
A CIG solicitante a Fabiola García que identifique que alto cargo de Política Social, si non foi ela mesma, deu orde ao persoal do gabinete de confianza para que abandonasen os seus postos de traballo e se adicasen a recorrer todo San Caetano retirando e rompendo os cartaces da CIG de “CUBRIR UN AXUDANTE DE COCIÑA NON. CONTRATAR A DEDO DE SUBDIRECTORA Á PRIMA DE FEIJOO: SI.”
Resulta inxustificable que o gabinete de confianza mais inflado de toda a Xunta de Galiza composto por 3 secretarias, 1 secretario, 2 condutores, 1 xefe de gabinete, 1 asesora parlamentar, 2 asesoras e 2 asesores sin especificar que funcións asesoran e 1 xefe de prensa, reciban a orden de buscar e retirar uns simples cartaces de denuncia sindical.
Mentres o persoal de cociña de Vite a pesar da non cobertura da traballadora de baixa vai seguir prestando os seus servizos, como un dos centros que ofrece a alimentación de mais calidade de Santiago de Compostela e a máis comprometida coas produtoras locais.
Tamén se lle manda copia do relato destes feitos ao Presidente da Xunta de Galiza, solicitándolle o seu amparo e intervención neste conflito.


- Detalles
No DOG do 19/09/2024 publican dúas resolucións coa baremación provisional do concurso de méritos de varias escalas do subgrupo C2 e categorías do grupo IV:
Baremación provisional do concurso de méritos dos corpos, escalas e especialidades do subgrupo C2 que se relacionan:
- Escala de persoal de servizos xerais (PSX)
- Escala de auxiliares de clínica
- Escala de xerocultor/a
- Escala auxiliar do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais. Especialidade bombeiro/a forestal
- Escala auxiliar de cociña
- Escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos. Especialidade arquivos e bibliotecas
Baremación provisional do concurso de méritos da categoría profesional de persoal laboral da Xunta de Galiza do grupo IV que se relacionan:
- Cat. 33. Condutor/a de autobomba defensa contra incendios forestais
As persoas baremadas poderán formular reclamación contra as puntuacións provisionais no prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. (Ata o 03/10/2024)
As reclamacións presentaranse a través de Fides na epígrafe de «inscrición en procesos selectivos». Para isto, a persoa aspirante accederá ao proceso de estabilización a que se refire esta resolución no cal desexa formular reclamación, na epígrafe «Que podo facer?», «presentación alegacións baremo».

