Novas por contido

Dende a Dirección Xeral de Emprego Público e Adminstración de Persoal, veñen de  convocarnos para o vindeiro luns día 22 de setemebro para unha Mesa Sectorial de Funcionarios Públicos onde se van tratar os seguintes temas:

  • Proxecto de acordo polo que se aproba a modificación da RPT da Consellería de Medio Rural
  • Proxecto de acordo polo que se aproba a modificación da RPT da Adminstración especial da Administración xeral da Comuniade Autónoma de Galiza

Para descargar a documentación preme aquí.

Se tes algunha suxestión ou queres facernos chegar algunha alegación contacta coa CIG

Apróbase, sen as limitacións pretendidas, o Real Decreto 817/2025 polo que se aproba o coeficiente redutor da idade de xubilación do 0,20 con mínimo 15 anos cotizados, de bombeira/o forestal.

Este era un obxectivo dende fai anos a loita da CIG para acadar a categoría Bombeiro Forestal, para acadar así a profesionalización das traballadoras e traballadores que estaban encadrados de forma inadecuada na Seguridade Social, coas implicacións negativas que tiña para o colectivo. Loxicamente acadar a categoría traía consigo recoñecementos clave como un plan formativo específico ou a xubilación, así que loitamos con diferentes Proposicións non de lei así coma nos xulgados, para conquerir a protección da saúde do persoal do SPIF. Tanto no desenvolvemento da aplicación das enfermidades profesionais como na redución da idade de xubilación en base a aplicación específica do RD 383 de 2008 de 14 de Marzo.

E así, dende a CIG, loitamos tanto no Parlamento Europeo como no Parlamento do Estado Español, para xerar unha lei marco de recoñecemento da profesión de Bombeiro Forestal coa que o final acadouse o marco legal cos dereitos recoñecidos especificamente e non quedou baleiro como pretendían. Nesta lei clave, Lei 5/2024 del 8 de Novembro de bombeiros forestais, foi onde se expresa claramente na sua disposición adicional 4a, o réxime de xubilación do persoal bombeiro sinalando o dereito a xubilarse anticipadamente.

Pois ben, accións torticeiras por parte dos lexisladores e "compañeiros de barco", tentaron limitarnos ese dereito, para o que quixeron modificar o decreto clave da idade de xubilación, mudándoo por un decreto recortado e que reducía dereitos, e así limitando a aplicación efectiva da xubilación anticipada.

Na CIG interpuxemos unhas alegacións especialmente contundentes ao anteproxecto do Real Decreto, pero como xa tiñamos iniciado o proceso xudicial para aplicación dende o principio da actividade, o 17 de Xuño de 2025 nos xulgados de Lugo (cun traballo impecable tanto de planificación
dos tempos como as accións precisas do nosos servizos xurídicos), conseguimos acadar a primeira sentenza firme do estado español onde se recoñece a aplicación dos coeficientes redutores a un compañeiro bombeiro forestal, con carácter retroactivo dende o principio da actividade.

O Goberno ven de publicar no BOE o novo Real Decreto 817/2025 do 16 de setembro polo que se modifica o Real Decreto 383/2008, de 14 de marzo, que establece o coeficiente redutor da idade de xubilación en favor dos bombeiros ao servizo das administracións e organismos públicos,que tira por terra a súa intención inicial de rebaixar os dereitos na xubilación anticipada que discriminaba ao persoal bombeiro forestal con respecto ás demais bombeiras/os. Entendemos que as sentenzas xudiciais que se gañaron contribuíron a repensar a modificación que pretendían facer do RD 383 de 2008 de 14 de Marzo.

É un gran avance e estamos de parabéns ao acadarse un dereito clave para o persoal bombeiro forestal!

Dende a CIG pensamos que tamén é momento de lembrar e recoñecer que fomos os primeiros en obter, a categoría Bombeiro Forestal, por sentenza, a un compañeiro en xuño de 2015. Isto foi o inicio dun proceso, que trouxo consigo a profesionalización e o encadre milimétrico dentro da Clasificación Nacional de Ocupoacións e da Clasificación Nacional das Actividades Económicas, esencial para o encadre nos grupos de cotización axeitados. E todo isto o fixemos aínda cando se nos dicía que isto non valía para nada...bendita hemeroteca.

  

O venres 12 de setembro tivemos unha xuntanza coa directora xeral de Emprego Público na que explicou a solución que propoñen para desbloquear o concurso de traslados de enxeñerías, arquitecturas e ciencias, afectados por medidas xudiciais. A idea de duplicar postos só afecta aos 8 postos afectados por medidas cautelares e non se estende a máis postos nin máis concursos. Tampouco propón ningunha outra medida efectiva para axilizar os concursos de traslados.

Ante isto compren novas asembleas de persoal para que entre todas e todos propoñamos saídas efectivas a este problema. Os concursos están en perigo: tememos que eliminen os postos afectados, agora e no futuro, polo que quedan gravemente diminuídas as opcións das persoas con máis antigüidade.

E, ante a previsión de que a Administración siga paralizada e non actúe con axilidade, dende a CIG convocamos unha mobilización nacional diante do edificio administrativo en San Caetano.

Entre todas e todos podemos forzar que se garanta unha xusta orde de prioridade nos dereitos de opción sobre eses postos e se respecte o dereito prioritario á provisión de postos mediante concursos de traslados ordinarios.

Acude ás asembleas convocadas para o vindeiro martes 23 de setembro!!

Emprego Publico convocounos a unha reunión o venres 12/09/2025 para dar explicacións sobre a solución que lle quere dar ao bloqueo do concurso de enxeñarías, arquitecturas e ciencias: 

• Das 292 persoas dos concursos de enxeñarías, arquitecturas e ciencias, tomarán posesión todas menos as 8 persoas que teñen adxudicados postos afectadas por medidas cautelares, que o farán mediante unha resolución posterior sobre postos similares e con carácter de destino definitivo.

• Para iso requírese a previa modificación da RPT (e afectaría tamén a prazas da escala de bioloxía para que haxa suficientes) abrindo postos a varias escalas (non adianta cales).

• As prazas serán codificadas como prazas de nova creación e non como código cero. E se vai considerar que as prazas de orixe das 8 persoas as que agora se lles adxudica unha nova se adxudiquen en resultas si se pediron.

• Previa á toma de posesión do concurso farán os actos de elección de destino do persoal que está en provisional nun acto único (con varios anexos de prazas segundo agrupación de escalas). A orde sería que primeiro pedirían as persoas do A1 e logo A2 da promoción máis antiga e logo seguiría esa sucesión nas seguintes promocións, se as houber, e nos procesos de estabilización (concurso e concurso-oposición nesa orde).

• Di que, a pesar de que lle pedísemos que non fixera tomas de posesión dende que tivemos coñecemento da sentenza, tivo que facelo nas enxeñarías que tiñan pendentes porque si non terían que incrementar as prazas nos procesos de estabilización da lei 20/21, ademais de instalo a Valedora do Pobo.

• Di que non advirte problemas para dar destinos definitivos ás persoas de estabilización despois do concurso, porque a literalidade da lei galega de temporalidade recolle que serán provisionais ata que se realice un concurso, cousa que está en marcha.

• Declara que coa solución aportada se duplican postos pero non persoas, polo que o custo é asumíbel.

• Finalmente di que tampouco se sabe cal vai ser o sentido das futuras sentenzas.

 

Pero, o máis salientábel desta xuntanza son os silenzos, omisións e as negativas:

1º. NON nos facilita “polo de agora” as extensións de sentenza que poida haber, nin as medidas cautelares, nin dá información sobre si existe algunha nova sentenza que dea lugar a que se sigan podendo pedir extensións, nin di cantas prazas hai afectadas, de que corpos e escalas e que concursos están afectados por solicitudes de extensión de sentenza. Simplemente sinala que hai unha recorrida en casación.

2º. NON se compromete a adoptar a mesma solución de cara ao futuro no caso de que aparezan novas sentenzas despois da toma de posesión do concurso de enxeñarías, arquitecturas e ciencias.

3º. NON se compromete a que a creación de prazas se estenda máis aló deste caso, ao resto dos concursos de traslados convocados, o que nos fai supor que o que van facer será retirar do listado de vacantes ofertadas as prazas afectadas nos seguintes concursos sen crear nada.

4º. NON vai manter as prazas de concursantes que se xubilaron para que poidan permanecer no concurso.

5º. NON vai facilitar un cronograma da resolución de todos os concursos presentes, nin da convocatoria dos que faltan.

 

En conclusión, a DXEP limítase a ofrecer unha solución para o caso concreto das 8 persoas afectadas polos autos de medidas cautelares no concurso de enxeñarías, arquitecturas e ciencias, pero non ofrece solución para as prazas afectadas por sentenzas que poidan saír despois da elección de destino ou nos demais concursos de traslados.

Ao adoptar estas decisións só nos vai quedar a vía do conflito e a mobilización.

Desde o ano 2010 o persoal empregado público perdeu máis dun 20% de poder adquisitivo

CIG rexistrou esta mañá unha Proposición non de Lei para que o Parlamento de Galiza inste á Xunta a dirixirse ao Goberno do Estado para que presente de inmediato unha proposta lexislativa que estableza unha cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público, de xeito que os seus salarios se actualicen automaticamente cada ano en función da suba do IPC real. Unha suba que debe ser independente e complementaria dos incrementos salariais que poidan acordarse no ámbito da negociación colectiva xeral.

Xustifícase esta demanda porque desde o ano 2010, o persoal empregado público está a sufrir unha perda continuada de poder adquisitivo que, supera xa o 20%. Unha situación da que responsabilizou ás políticas económicas impulsadas polos sucesivos gobernos do PP e do PSOE, xunto co impacto das crises económicas e a pandemia da COVID-19, que tiveron consecuencias moi negativas nas condicións salariais do persoal ao servizo das administracións públicas.   

Rebaixas salariais       

A rebaixa salarial do 5% decretada no ano 2010, as conxelacións salariais posteriores e os acordos de incrementos retributivos inferiores ao Índice de Prezos ao Consumo (IPC) contribuíron ao progresivo empobrecemento do persoal público. Esta situación provoca que, a día de hoxe, moitas persoas traballadoras da administración teñan serias dificultades para facer fronte aos gastos derivados da vivenda ou mesmo para cubrir necesidades básicas.

Consideramos ademais que a suba do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), aínda que insuficiente, evidencia esta realidade cando os salarios dalgúns corpos e escalas básicas da administración vense igualados co SMI e soben coa suba deste, revelando así o nivel de deterioro retributivo do persoal público.

Por iso, dende a CIG reiteramos a defensa do establecemento dunha cláusula de garantía salarial, vinculada ao IPC real e blindada por lei, que permita garantir que os salarios do persoal empregado público se actualicen automaticamente en función do custo da vida. Consideramos que esta cláusula debe constituír a base sobre a que artellar os futuros acordos salariais anuais ou plurianuais, co obxectivo de recuperar progresivamente o poder adquisitivo perdido.

Dende a CIG esiximos o compromiso de que a solución de aportar prazas, se estenda a todos os concursos pendentes e non só se aplique ao de enxeñerías, arquitecturas e ciencias. E tamén que se comprometan a non retirar prazas vacantes ofertadas do resto dos concursos non resoltos.

O concurso de traslados de enxeñarías, ciencias e arquitecturas, xa está resolto, pero paralizado e pendente de toma de posesión. Quedou gravemente afectado por medidas cautelares que ordenan retirar prazas adxudicadas na resolución do concurso por demandas de compañeiros e compañeiras que as ocupan en destino provisional. As persoas ás que se lles adxudicou no concurso un deses postos, quedarían fora do mesmo, tendo que retornar ao seu posto de orixe.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, ofreceu no Parlamento o mércores 10 unha solución para desliar este concurso. Afirma que negociarán coas oito persoas que concursaron e que están afectadas polas medidas cautelares para ofrecerlles un posto alternativo, incluso coa posibilidade de mudar a RPT, e permitir a toma de posesión.

A Administración parece que recolle a idea que lle propuxemos en agosto e que reiteramos nas asembleas co persoal dos edificios administrativos. Pero observamos que está a falar de aplicar esta solución a un so dos 10 concursos que están en marcha cando sabemos que hai mais afectados.

A retirada de prazas dos concursos previa a asignación de postos

Moito nos tememos que sexa moi probable que naqueles concursos que aínda non están resoltos (escalas sociais, corpos xerais, e un longo etcétera), tiren por outro camiño: directamente retirar postos vacantes ofertados no concurso antes da resolución. Ou incluso no caso dos concursos pendentes de convocar (informática, coidadores/as, etc.), que nen sequera cheguen a ofrecer os postos afectados no listado inicial de vacantes.

Dito todo isto, a CIG reclama ao conselleiro de Facenda e á directora xeral de Emprego Público, unha solución global a todos os concursos, convocados e pendentes de convocar, resoltos e pendentes de resolver, sendo a única solución que vemos, a duplicación de prazas alí onde sexa necesario.

O venres 12 de setembro, os sindicatos estamos convocados pola directora xeral de Emprego Público, para tratar a situación do concurso de enxeñarías, ciencias e arquitecturas. A CIG tentará que se comprometan a estender a solución ao resto dos concursos.

Centos de compañeiros e compañeiras  acudiron ás asembleas organizadas pola CIG para falarmos dos concursos de traslados e os destinos dos procesos selectivos. 

A única solución que albiscamos dende a CIG, e que puxemos sobre a mesa nas asembleas e contou co respaldo das persoas asistentes, é a duplicación dos postos onde sexa necesario para evitar a perda de postos no concurso.

Esta é a conclusión máis importante das asembleas que realizamos en todos os edificios administrativos durante este luns 8 e martes 9 de setembro. A Administración non pode paralizar os concursos nin os procesos selectivos ante unhas cantas medidas xudiciais.

Máis de 24.000 persoas empregadas públicas estamos afectadas coa paralización dos concursos. O problema está localizado e non se avista máis que unha solución, polo que a Xunta non pode seguir agochando a cabeza. Ten que actuar.

O luns 8, durante o transcurso da asemblea en San Lázaro recibimos a convocatoria da Dirección Xeral de Emprego Público onde nos empraza para falar o venres 12 dun dos concursos no que máis urxe unha pronta solución que é, xunto co de gardacostas e o de profesorado-mestres/as de escolas marítimo-pesqueiras e axentes de extensión pesqueira, o concurso de enxeñarías, arquitecturas e ciencias.

A outra conclusión é que despois deste venres, e se antes non temos novas de que solución vai adoptar a Xunta, o persoal da Xunta de todos os corpos e escalas teremos que mobilizarnos e forzalos a que actúen.

Engadir que mentres celebramos e compartimos o sentido de calquera mobilización na que se intente buscar unha solución cabal ao problema.

A CIG-Autonómica chama ao persoal a participar na mobilización nacional do domingo 14 de setembro, para esixir a mellora das condicións laborais e a planificación preventiva no marco das medidas que eviten outra vaga de lumes

A manifestación terá lugar en Compostela o domingo 14 de setembro, ás 12:00 horas, e sairá dende a Alameda.

O persoal bombeiro e axente forestal, e o resto de persoal do SPIF, sufrimos de primeira man o descontrol e falla dunha xestión de persoal eficiente e a nula xestión forestal da Xunta, que nos puxo en gravísimo perigo ao converter Galiza nunha polvoreira.

Por isto, e para reivindicar melloras nas condicións laborais e na xestión da prevención no territorio galego, chamamos a todos os compañeiros e todas as compañeiras a participar nesta mobilización convocada pola plataforma «Por un monte Galego con futuro», e así visibilizar o traballo do persoal empregado público.

Lumes nunca máis!!!

 

Moitos dos concursos de traslados do persoal funcionario da Administración Autonómica actualmente convocados están parados ou gravemente afectados por medidas xudiciais. Dende a CIG convidámoste a asistir ás asembleas que convocamos para falarmos dos problemas e da situación de todos os concursos de traslados e das consecuencias das sentenzas e das medidas cautelares sobre prazas ofertadas que están ocupadas en destino provisional.

A asemblea prevista para o luns 8 de setembro en Compostela, que ía ser no salón de actos de San Caetano, pasa ao salón de actos de Sanidade (San Lázaro), mesmo día (luns 8) e mesma hora (11:00 h).

O motivo do cambio é que cando xa tiñamos confirmada a dispoñibilidade do salón de San Caetano, feita a reserva, e anunciada a asemblea, recibimos unha chamada da Consellería de Presidencia anulando a reserva porque seica necesitaban o salón para un acto. Esta non é a primeira vez que Presidencia nos denega un salón xa reservado, e como xunto con isto a EGAP tamén nos denegou o salón de actos para os días 9 ou 10, sospeitamos que o que hai en realidade é un intento do goberno do PP do Presidente Rueda de boicotear a acción sindical da CIG como lexítima representación do persoal empregado público.

Con isto, vémonos obrigados a modificar o lugar da convocatoria da asemblea de Compostela, mantendo a data e hora, trasladando a asemblea ao salón de actos de Sanidade (San Lázaro).

No resto de localidades non hai cambios, agás que engadimos unha asemblea en Ferrol:

Luns 8 de setembro

  • Compostela, ás 11:00 h, no salón de actos de Sanidade (San Lázaro)

Martes 9 de setembro

  • Pontevedra, ás 10:30 h, na sala de conferencias (fronte á cafetería)

  • A Coruña, ás 11:00 h, no salón de actos

  • Ferrol, ás 11:00 h, na sala de usos múltiples

  • Ourense, ás 12:00 h, no salón de actos

  • Vigo, ás 12:30 h, no salón de actos

  • Lugo, ás 12:30 h, no salón de actos

Xa sabiamos que para o PP a culpa dos lumes é de todo o mundo menos deles. Agora ben hoxe coñecemos unha mensaxe tremenda da presidenta do PP do Barco de Valdeorras nas redes sociais.

Que esta señora afirme que a única culpa dos lumes a teñen os incendiarios e algún das brigadas forestais supera tódolos límites e ahí sí que se van atopar de fronte coa CIG.

E non contenta con iso, tamén di que se o persoal das brigadas quere traballo que se adique a outro que non sexa temporal. En conclusión non están nin se esperan melloras na política da prevención dos lumes cando cargos do PP se adican so a pensar na temporalidade asociada á extinción dos lumes.

O persoal bombeiro forestal da Xunta está facendo todo o que pode e mais contra esta lacra arriscando a súa vida e non so non se están a respetar os seus dereitos laborais senón que agora os cargos do PP se adican a calumnialos nas redes sociais.

O que deberan facer os do PP é disculparse públicamente e dende logo tomar medidas contra os seus cargos por estas saídas de testo.

Dende a CIG non imos tolerar este maltrato ao persoal do servizo de incendios e tomaremos as medidas oportunas.

Outras novas recentes

Xoves, 13 Novembro 2025

A CIG convoca mobilizacións o 19 de novembro por unha suba salarial digna para o persoal empregado público

A CIG ten convocadas concentracións para o vindeiro 19 de novembro, ás 11 horas, diante dos edificios da Xunta de Galiza das sete cidades en demanda da incorporación dunha cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público, pola mellora das condicións laborais e por uns servizos públicos de calidade. As protestas convócanse no marco do debate parlamentar da...
Mércores, 12 Novembro 2025

Actualización provisional de méritos correspondentes ao ano 2024 das listas de substitucións da Xunta

No DOG do 12/11/2025 publican a RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas a actualización provisional de méritos correspondente ao ano 2024 e a baremación provisional dos servizos prestados para o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar nas listas para a cobertura con...
Mércores, 12 Novembro 2025

Propostas para mellorar a xestión da extinción de incendios e as condicións do seu persoal

A CIG-Autonómica vén de presentar un conxunto de propostas para a mellora da xestión da extinción de incendios forestais na Galiza e das condicións laborais do seu persoal, logo da vaga de lumes de 2025 e ante a inacción da Xunta, que continúa sen convocar ningunha mesa de negociación. O documento, que xa foi remitido aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galiza,...