Máis de 350.000 persoas maniféstanse en toda Galiza contra o saqueo á clase traballadora
- Detalles
A CIG agradece a masiva participación cidadá que cada vez é máis consciente de que o último paquete de medidas imposto polo Executivo de Mariano Rajoy son a primeira consecuencia do multimillonario rescate á banca.
A CIG criticou non só a dureza das medidas aprobadas polo PP, senón tamén a forma -vía decreto-lei- e os argumentos utilizados para xustificalas, que manifestan un xeito de enteder o goberno baseada na mentira, na demagoxia, no elitismo e no desprezo máis absoluto cara ás clases traballadoras e os sectores da sociedade máis desfavorecidos. A este respecto, censuramos os aplausos dedicados á Mariano Rajoy dende as bancadas populares o día no que este anunciou o recorte de 65.000 millóns de euros no Congreso dos deputados/as, así como o reiterado e falso discurso de que estas son as únicas políticas posíbeis.
Neste senso, a CIG advertiu que estas políticas non son a solución á crise, nin están pensadas para iso, senón que, pola contra, provocarán máis recesión, máis paro e máis empobrecemento da poboación. A dereita herdeira do franquismo quere aproveitar a crise económica para impornos o seu modelo económico e social e o seu modelo de estado centralista, provocando unha enorme involución nos dereitos sociais e laborais, pero tamén no relacionado coas liberdades públicas e co pluralismo político.
Chamada á convocatoria dunha folga xeral
Por iso, a CIG chama a continuar na mobilización e na contestación social para parar este saqueo masivo ao pobo, dando unha resposta con igual dureza e intensidade que as políticas do PP e preparando xa un calendario de folgas xerais de aquí a finais de ano. A próxim temos que facela canto antes e o mes de setembro pode ser un bo mes de referencia. Non podemos permitir que continúen con esta política de desmontar todo un sistema de servizos públicos, de protección social e de calidade de vida que conseguimos tras moitos anos de loita e sacrificio das clases traballadoras”.
Dende a CIG demandouse, unha vez máis, a adopción de medidas alternativas, porque existen, que permitirían realmente encamiñar unha saída á crise económica. Medidas que inevitabelmente teñen que incluír unha suba dos impostos para as grandes fortunas e empresas; perseguir a fraude fiscal (e non premiar cunha amnistía aos defraudadores/as); reducir o gasto militar; retirar as axudas millonarias á igrexa e obrigala a pagar os impostos; investir en educación, sanidade e protección social; garantir uns salarios dignos a toda a clase traballadora, tamén para o persoal das administracións públicas; garantir prestacións dignas ás persoas sen emprego; facilitar o crédito aos autónomos/as e pequenas empresas; e un apoio decidido ao tecido produtivo, xa que este é o que realmente crea emprego e non os especuladores.
Porén, aplicar estas medidas precisaría dun cambio de rumbo radical no PP e que este estea disposto a gobernar en función dos intereses da maioría social e non en función dos intereses de banqueiros, especuladores, grandes empresas, que é para quen gobernan o Sr. Rajoy e o Sr. Feijoo, co amparo e baixo as directrices da CE, o BCE e o FMI.
Galería de imaxes das manifestacións