Máis que CIG-Autonómica
12-07-19Protesta XuntaACorunha_057 A Área Pública da CIG reitera que as medidas aprobadas polo PP afondarán no deterioro dos servizos básicos e na destrución de emprego. Galería de imaxes

Miles de traballadores e traballadoras ao servizo das administracións continuaron este xoves, 19 de xullo,  o calendario de mobilizacións contra as políticas de redución salarial e do desmantelamento do sector público. As concentracións, que se repetiron en múltiples centros de traballo ao longo de todo o País, coincidiron coa celebración do pleno do Congreso dos deputados nos que o PP, grazas a súa maioría, ratificou o brutal recorte de 65.000 millóns de euros.


Unha xornada máis os/as empregados/as do sector público saíron masivamente ás rúas para amosar o seu rexeitamento ás medidas impostas polo goberno de Mariano Rajoy mediante Decreto Lei, que nos vindeiros días xa terá a súa transposición no noso País. De feito, a Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde), e as organizacións sindicais con representación, xa anunciaron que non acudirá á Mesa Xeral da Función Pública convocada pola Xunta de Galiza para a tarde do xoves,19 de xullo, por coincidir coas manifestacións contra os recortes e por considerar esta xuntanza un acto formal, absolutamente inútil, ao non haber marxe algunha de negociación.

A Área Pública da CIG denuncia ademais que a Xunta de Galiza vai aínda máis alá do decreto aprobado no Estado, porque ante a supresión da paga extra para este ano, nin sequera contempla a posibilidade de recuperar as cantidades non percibidas no futuro. Aplícase como recorte directamente.

Función Pública remitiu a convocatoria da Mesa Xeral co único punto Lei /2012 de adaptación das disposicións básicas do RDL 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade en materia do emprego público, cuxo borrador é un traslado literal do decreto-lei no Estado, que a Xunta de Galiza non tería problema algún en aplicar directamente, pero que o PP se ve obrigado a pasar polo Parlamento, ao implicar modificacións na lei de orzamentos da Xunta de Galiza.

Recorte salarial e laboral

A Área Pública da CIG considera que a situación na que se atopa o persoal que desenvolve a súa actividade no sector público é especialmente preocupante. Denuncian que a supresión da paga extra é un recorte salarial “puro e duro” que vén sumarse aos sucesivos recortes que xa padeceron. Lembran que os salarios do persoal das administracións diminuíron nun 20% desde 2010 e que isto provocará máis empobrecemento nun sector onde hai moitos salarios que non chegan aos 1.000 euros.

Denuncian que o goberno pretende introducir así os plans de pensións nas administracións públicas, xa que a recuperación desa paga, será en 2015, por esa vía e non en metálico, e sempre baixo a premisa de que se cumpran os obxectivos de contención do déficit. Unha medida que beneficia, unha vez máis á banca e ao capital especulativo, que son quen os xestionan.

Neste sentido, lembramos que a día de hoxe só existen plans de pensións impostos en algúns casos: na administración xeral do estado e en algúns concellos, deputacións ou organismos, no resto das administracións non existe plan de pensións, co cal a súa recuperación mediante esa vía ou obriga á súa creación ou non é posíbel. É unha medida que vai no camiño de privatizar o sistema de pensións dos traballadores/as públicos.

A isto engádese a denominada “equiparación” das baixas por enfermidade. Unha decisión que supón gravar e penalizar a quen sufra unha doenza porque se lle vai detraer parte do seu salario, recortando aínda máis as retribucións. É tamén recortar os nosos dereitos, como se fora un delito pórse enfermo.

O anuncio dunha restructuración completa da función pública para a redución do número de traballadores e traballadoras e a eliminación de días de libre disposición ten o mesmo obxectivo: a desaparición de servizos públicos e a súa privatización. A este respecto, a CIG-Saúde xa advertiu que a redución de días de libre disposición provocará a perda de, como mínimo, 517 postos de traballo no SERGAS.

A xuízo da CIG, todas estas medidas, non fan máis que afondar no deterioro dos servizos básicos á poboación, dado que a destrución de máis emprego público, o aumento de cargas de traballo e o resto de recortes das condicións laborais só poden ir en detrimento da súa calidade, cando non a eliminación de moitos de eles.