Novas por contido

A CIG-Autonómica denuncia a decisión política consciente da Xunta de perpetuar as comisións de servizos establecendo unha ocupación provisional estrutural e “a dedo” dos postos de funcionarios/as con responsabilidade.

Na CIG-Autonómica denunciamos o bloqueo da Xunta de Galiza ao non convocar os concursos específicos. Entrado xa o ano 2026, supérase amplamente a década de parálise administrativa, unha situación que afecta, cando menos, a 790 postos de traballo das distintas consellarías e órganos da Administración autonómica.

O concurso específico é un procedemento de provisión de postos previsto na Lei 2/2015 do Persoal Empregado Público da Xunta de  Galiza para aqueles postos que “requiren unha valoración detallada de méritos e capacidades”. Porén, tal e como vimos advertindo dende o inicio, o modelo deseñado pola Xunta introduce un elevado compoñente subxectivo —como a entrevista persoal— convertendo na práctica o concurso específico nunha libre designación encuberta, personalizable e estable durante cinco anos.

Sen concursos específicos bloquéanse os postos para os concursos ordinarios

Aínda así, e malia a oposición expresa da CIG a esta forma de provisión, o feito de que estes postos figuren nas relacións de postos de traballo e non se convoquen os correspondentes concursos específicos, provoca un mecanismo estrutural de retención de postos, ao manterse unha ocupación prolongada mediante comisións de servizos, moitas delas de duración inxustificable e claramente contraria ao carácter excepcional que lles atribúe a normativa. 

Esta situación xera un grave efecto de bloqueo en cadea, xa que moitas das persoas que ocupan actualmente estes postos de concurso específico teñen outro destino en propiedade, que permanece reservado mentres desempeñan o posto provisional. Isto supón que un único nomeamento, pode estar bloqueando dous postos simultaneamente. 

“Esta realidade xa a vimos, por exemplo, nas tomas de posesión dos procesos selectivos de enxeñarías, onde non chegaban as prazas ao existir postos bloqueados, así como na perversión dos concursos de traslados de escalas especiais (enxeñarías, ciencias, arquitecturas..), nos que se “gardaban” numerosas prazas, como se existisen funcionarios e funcionarias de primeira e de segunda”


Escoller entre o menos malo ou o pior

Cómpre lembrar que, unha vez que xa existe un modelo de bases, a convocatoria dos concursos específicos depende exclusivamente das consellerías. Aínda que este modelo non conta co noso aval, é preferible o concurso específico ao bloqueo e á perpetuación “sine die” de comisións de servizos a dedo. Non existe, xa que logo, ningunha escusa técnica nin legal para manter este bloqueo: trátase dunha decisión política consciente.


Ou que convoquen XA ou que pasen os postos a concurso ordinario.

Por este motivo, vimos de rexistrar escritos en todas as consellerías e órganos afectados, solicitando formalmente a convocatoria inmediata de todos os postos que deben ser provistos mediante concurso específico. Ou iso, ou que muden as relacións de postos de traballo e que eses postos de concurso específico pasen a concurso ordinario. 

Dende a CIG-Autonómica non imos permitir que o concurso específico se consolide como unha ferramenta discrecional, nin que se siga utilizando a provisionalidade como norma xeral. Esiximos transparencia, a convocatoria inmediata dos concursos e o respecto aos dereitos do persoal empregado público.

Cadro de prazas de Concurso Específico (CE)
Órgano / Consellaría Prazas CE
Presidencia 50
Educación, Ciencia, Universidades e F.P. 55
Facenda e Administración Pública 80
Economía e Industria 30
Cultura, Lingua e Xuventude 40
Medio Rural 80
Política Social e Igualdade 100
Medio Ambiente e Cambio Climático 50
Presidencia, Xustiza e Deportes 70
Vivenda e Planificación de Infraestruturas 60
Sanidade 100
Mar 20
Emprego, Comercio e Emigración 55
TOTAL 790

 

 

Outras novas recentes

Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...