Novas por contido

Sete meses despois do primeiro borrador, envían para a Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF) e Mesa Xeral (MX) de Empregados Públicos do xoves 17 uns novos textos dos graos I, II e III extraordinarios da carreira profesional (carreira administrativa para o persoal funcionario e complemento do desempeño para o persoal laboral). Á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal levoulle sete meses poñer cambios tan radicais como trocar a palabra “proposta” por “borrador”, e pouco máis.

A maiores, acompañano cun bombazo, un borrador de anteproxecto de decreto que regula o sistema ordinario de carreira. O texto endurece moitisimo os criterios para a obtención dos graos e engade o requisito dunha avaliación do desempeño que mesmo pode influir nos futuros concursos de traslados (mesmo pode supor a perda de destino).

Os graos I, II e III extraordinarios da carreira profesional

Descargar:

Os documentos que achegan son idénticos aos que xa enviaran en decembro do 2024. Non aceptaron nin unha soa alegación.

E con isto seguimos no camiño dunha carreira profesional lenta, farragosa e cos pagos troceados en catro anualidades. Para o grao III farán falta 17 anos pero como non cobraremos o 100% ata 2028, así que na práctica serán 21 anos. E seguimos coas exclusións e condicionantes como estar en activo a 31 de decembro de 2024 ou ter que agardar a que decidan abrir o prazo para solicitalo (non é como os trienios, que o cobras en canto os cumpres).

Estas convocatorias extraordinarias tiñan que estar negociadas a finais do 2024. E a estas alturas aínda van á MSF para mediados de xullo, quedando pendente a súa aprobación en Comisión de Persoal e publicación en DOG, cando xa estamos en pleno verán. 

Queremos unha carreira profesional sen tronzar en anualidades, automática ao cumprir os requisitos e para todo o persoal, que non dependa da vontade de que a Xunta decida convocar, nin se empregue para chantaxear ao persoal empregado público. 

Carreira profesional ordinaria e avaliación do desempeño

Descargar

O sistema ordinario de carreira tiña que estar negociado antes do verán do ano 2019, segundo o Acordo de concertación do emprego público de Galiza asinado por Xunta+CCOO+UGT. E cando estamos en pleno verán do 2025, envían un borrador directamente á MSF, sen ningunha xuntanza previa, sen borradores de traballo, cun texto durísimo. 

Este texto será de aplicación aos graos de carreira ordinario. Esto inclúe:

  • A toda persoa que por ser de ingreso recente, non ten dereito a ningún grao extraordinario e terá que facer toda a carreira polo sistema ordinario.

  • A toda persoa que teña os anos de servizos que teña, e cumpra as condicións, agora poida entrar no grao I, II ou III extraordinarios. Os seguintes graos que lle corresponda, incluíndo o grao IV, serán polo sistema ordinario.

Entre as lindezas que trae o texto subliñamos:

Endurecemento dos requisitos de formación

  • O número de horas de formación pasa a ser diferente para cada grupo. Por exemplo, para C1, o grao I será de 200 horas, cando ata agora era de 80.

  • Esas 200 horas son para obter o grao I. Para obter o grao II necesita outras 250, distintas ás anteriores, e feitas nos anteriores 6 anos. E para os seguintes graos pasa o mesmo: máis horas, obtidos nos últimos anos.

  • Non valen os cursos de galego, nin os das consellerías, nin os das oficinas de emprego.

Posta en marcha da avaliación do desempeño

  • Para a carreira profesional, a maiores de cumprir cos requisitos, tamén requiren unha avaliación positiva. 

  • A avaliación positiva require o cumprimento de obxectivos tanto individuais como colectivos (se a túa unidade non traballa ben, poderías ter penalización).

  • A avaliación negativa pode implicar a imposibilidade da prórroga de xubilación, ou a remoción do posto obtido por concurso ou libre designación, ou a non concesión de comisións de servizo.

  • A avaliación tamén pode influir na obtención de futuros postos en concursos de traslados

Semella que volvemos aos tempos de Dositeo Rodríguez co Presidente Manuel Fraga. Daquelas era a Inspección Xeral de Servizos a encargada de decidir os items que formaban parte da avaliación do desempeño, sendo curiosamente a propia inspección a unidade que mellor puntuación obtiña. 

Haberá que ir ás barricadas?

Esta regulación da carreira profesional ordinaria pretende impoñer unha barreira importante á progresión na carreira profesional. E ao tempo vai conseguir persoal funcionario máis dócil ante os xefes e xefas por medo á avaliación negativa.

A bronca está servida. A CIG tentará que non se saian coa súa. E ti, que pensas de todo isto?

Outras novas recentes

Mércores, 03 Xuño 2026

RPT da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza (para CP 05/06/26)

Após a xuntanza da Mesa Sectorial do Persoal Funcionario do luns 01/06/2026 onde se tratou a proposta de modificación da RPT da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, agora a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal vén de convocarnos a unha Comisión de Persoal que terá lugar o venres 05/06/2026, coa seguinte Orde do día: 1. Proposta de...
Venres, 05 Xuño 2026

Corpos xerais: modificación da RPT, datas de elección de destino e tomas de posesión

Na Comisión de Persoal de hoxe, 05/06/2026, o único punto da orde do día foi a modificación da RPT de corpos xerais da administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, que nace da necesidade de contar con prazas suficientes para dar destino definitivo a todas as persoas de todos os procesos de corpos xerais que están pendentes de que ese acto se realice. Aínda que non...
Martes, 02 Xuño 2026

Corpos xerais: RPT para as tomas de posesión, as promocións internas e algo máis

Na reunión da mesa sectorial do luns 01/06/2026, se abordaron varias cuestións relativas ás tomas de posesión de corpos xerais.   A RPT para incrementar prazas para os actos de elección de destino En primeiro lugar, o asunto que se levaba á mesa era a RPT de administración xeral, onde se creaban postos para poder realizar as tomas de posesión. Créanse 341 postos e...