Novas por contido

O luns 19 de xaneiro participamos na Mesa Xeral e Mesa Sectorial de negociación do persoal funcionario, para tratar as bases das convocatorias de procesos selectivos á escala de xefe/a de brigada, bombeiro/a forestal, RPT do IGE, RPT do Mar. Na rolda aberta de intervencións a CIG preguntou polas previsións dos concursos de traslados e procesos selectivos, os problemas coas substitucións no Centro de Tecnificación Deportiva e os ceses no SPIF.

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) deu información sobre o cobro da carreira profesional e outras cuestións.

CONVOCATORIA DO PROCESO SELECTIVO A XEFE/A DE BRIGADA-GRUPO B E DE BOMBEIRO/A FORESTAL-SUBGRUPO C2

A DXEP di que esta convocatoria é para compensar o proceso xa convocado como persoal laboral, e que haberá máis prazas na OEP do 2026.

En grandes liñas, a CIG demanda que: se permita a promoción interna horizontal; que a materia dun exercicio non se repita no seguinte; que a proba física sexa apto/non apto (non necesitamos atletas) con pesos diferentes para homes e mulleres e adaptada á idade; o exame de galego tipo test ou que o primeiro exame sexa só en galego; que a antigüidade e experiencia na Xunta puntúe o dobre que noutras administracións; valorar o tempo de inactividade do persoal descontinuo; na formación eliminar o máximo de 150 h por curso, valorar só universidades públicas e incluír escolas de idiomas; que a parte específica do programa tamén sexan normas de dereito positivo e se queren manter temas que editen manuais ou publiquen referencias bibliográficas.

En canto a que o primeiro exercicio sexa aos tres meses dende a convocatoria, cando o habitual é que sexa aos seis, a CIG valora que neste caso temos a moita xente que xa leva meses preparándose para as convocatorias que acaban de suprimir para a categoría equivalente de persoal laboral. Ten isto en conta, aceptamos que o exame sexa aos tres meses. Outros sindicatos (CSIF) queren 6 meses.

A DXEP manifestou:

  • Intención de publicar a convocatoria a finais de xaneiro ou principios de febreiro
  • A proba física non é moi esixente. Pero revisarán se optan por puntuar ou por apto/non apto
  • Manteñen que o peso da proba física debe ser o mesmo para homes e mulleres, e non consideran diferenciar os tempos por idade
  • Revisarán se o exame será aos 3 ou 6 meses
  • Revisarán a valoración do tempo de inactividade

 RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DO IGE

Modifican a RPT por dous motivos: recodificar os postos consecuencia da adscrición do IGE á Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, e a creación de unha praza da escala superior de estatística para poder dala en destino ás persoas que superen o proceso selectivo.

A CIG manifestou que o cambio de códigos é unha consecuencia da perda de autonomía do IGE, que pasa a ser un departamento directamente dependente do Presidente Rueda. En canto á creación da praza, é unha falta de previsión: ofertan 6, aproban 2, e falta unha.

RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DO MAR

Modifican tres postos para facilitar a súa elección de destino. Denunciamos que non houbo xuntanzas coa consellería, e falta información. A DXEP xustifica en que é unha modificación urxente.

PREVISIÓN DE CONCURSOS DE TRASLADOS E PROCESOS SELECTIVOS

A CIG demandou información para que as persoas poidan organizar a súa vida. Esta foi a resposta da DXEP (sen dar datas):

  • O ritmo de procesos selectivos e concursos de traslados irán sincronizados
  • Están a revisar e publicarán o baremo definitivo no concurso de corpos xerais
  • Preparando o baremo provisional das escalas facultativas de escalas sociais
  • Preparando as bases para negociar e convocar o concurso de traslados de xerocultor/a, PSX, educación infantil, aux. coidadores
  • Negociación e publicación do concurso de traslados de estatística e lingüistas

COBRO DA CARREIRA PROFESIONAL

O cobro da carreira na nómina complementaria de decembro foi só para as persoas que solicitaron e lle recoñeceron na carreira ata o 8 de decembro de 2025. Son todas elas persoas con antigüidade suficiente na propia administración autonómica. As demáis persoas teñen que ser revisadas e irán nunha nómina que se cobrará en xaneiro, tamén a cargo do ano 2025.

CENTRO DE TECNIFICACIÓN DEPORTIVA

Manifestamos que este centro atende a 140 persoas, con internado, almorzo, xantar e cea, pero non ten a consideración de centro de atención directa como os centros de ensino, polo que hai problemas cada vez que necesitan cubrir unha substitución. A CIG xa enviou escritos, e solicitamos que se revise a situación deste centro para axilizar a cobertura de prazas. A DXEP di que recibiron os nosos escritos e que revisarán a situación.

ERROS NO LISTADO DE PERSOAS QUE SUPERAN O PROCESO SELECTIVO DE MOTOBOMBISTA

A DXEP recoñece que o listado non está ben, pero que é só unha cuestión de orden, pero que non hai outros erros. Di que van a sacar un novo listado, pero non terá máis cambios que a orde en que aparecen as persoas.

LISTA COMPLEMENTARIA DE PERSOAS APROBADAS EN ESTABILIZACIÓN NO SPIF

Hai moitas renuncias, e afirma que sacarán listas complementarias. Advirte que non será de inmediato, e que poderían facelo varias veces ata completar as prazas.

Outras novas recentes

Mércores, 14 Outubro 2026

Lei de medidas 2027: negociación real ou pura farsa?

A documentación do anteproxecto da Lei de Medidas para 2027 chega o martes 13 ao mediodía, reunímonos o mércores 14 e o xoves 15 xa vai á Comisión de Persoal. A pesares de pedir adiamento por este motivo négase a mudar de data! Que negociación é esta? Unha farsa! Sen tempo para estudar, consultar co persoal nin presentar alegacións. Convocan mesas para cubrir o expediente...
Martes, 13 Outubro 2026

Fondo de Acción Social de 2025: listaxe definitiva de persoas admitidas

No DOG do 13/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se anuncia a exposición das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2025, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade....
Martes, 06 Outubro 2026

Elección de destino de varias escalas de C1, C2 e AP

No DOG do 05/10/2026 publican a Resolución pola que se modifica a Resolución do 24 de setembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo...