Novas por contido

O luns día 10 de agosto a Consellaría do Medio Rural e as organizacións sindicais CCOO, CSIF e UGT asinaron uns acordos parciais para o persoal do SPIF que entenden que son un logro sen precedentes. Para a CIG isto dista moito da realidade. Deseguido explicámosche o porque.

En primeiro lugar, a Consellería tiña moita présa en pechar estes acordos en pleno verán; tanta, que cando a CIG lle pediu o venres tempo (aínda sen convocatoria para a xuntanza deste luns) para valorar estas propostas e, sobre todo, para partillalas co persoal e coñecer a súa opinión, a resposta da Consellaría foi enviar a convocatoria de xuntanza un par de horas despois, o venres pola tarde —é dicir, nin sequera con 24 horas hábiles de antelación—, e con cambios non negociados.

É curiosa esta présa cando o persoal leva anos agardando polas súas melloras laborais. 

QUE TRAE ESTE PAQUETE DE «ACORDOS»?

PERSOAL DESCONTINUO

  • Para algunhas persoas é un éxito rotundo que o persoal descontinuo comece a cobrar con máis de dous anos de atraso sobre o persoal funcionario o importe de compensación económica polo traballo realizado en domingos e festivos. Para a CIG non é tal. 
  • Cando se asinou o acordo de condicións do persoal funcionario, o 22 de xullo de 2024, outra vez en pleno verán, a disposición adicional única establecía que «Porén, tras a sinatura deste acordo iniciaranse negociacións para adecuar a aplicación das condicións específicas de traballo fixadas neste acordo ao réxime xurídico do persoal descontinuo do Servizo de Prevención de Incendios Forestais».Por iso a CIG asinou este acordo no seu momento, para rematar coa discriminación entre o persoal do SPIF, non para seguir manténdoa. 
  • Dous anos despois a realidade é que o persoal descontinuo vai ter dous anacos do acordo: un que son as quendas de 10 horas (no caso de que as queiran) e outro, un pagamento parcial do traballo realizado en domingos e festivos.
  • Que nos perdoe o persoal descontinuo do SPIF se non morremos de optimismo. Pero onde está o resto do Acordo? a prolongación de xornada só nos casos de situación operativa 2 e cobramento no caso de realizalas? O mesmo réxime de vacacións?...
  • Buff... pois igual dentro de varios anos chegan, tendo en conta que o propio Acordo di que xa se irán tratando de forma progresiva cando haxa dispoñibilidade orzamentaria, aínda que haxa cuestións que non dependan diso. E xa miraremos o que vai pasar coas reclamacións xudiciais que había por todo o País para reclamar que o persoal descontinuo cobrara o mesmo salario polo mesmo traballo. Agora hai un acordo coas organizacións sindicais que avala que o fagan no ano 2028.

PERSOAL AXENTE

  • É certo que esta proposta establece unha importante suba de niveis, iso si..., dividindo ao persoal,  esquecéndose das reivindicacións xerais, premiando de forma alarmante as UDEX e as UIFO (as unidades de dirección de extinción que levan anos funcionando irregularmente e, que sopresa!, acaban de legalizar na RPT) con persoal escollido a dedo e, por suposto, sen criterios obxectivos.
  • Establécese como data do peche para negociar as melloras das condicións dos axentes o 31 de decembro de 2029.
  • É que este Acordo so é para a foto e para alongar un mes máis o extraordinario sen as «compensacións extraordinarias».
  • E ten dúas cláusulas dedicadas a dicir que non é un acordo de aplicación directa, que ten que ser aprobado en mesas e por Orzamentos, e que, en todo caso, é un documento base para negociar.
  • Entón... para que a foto? 

PERSOAL TÉCNICO

  • Nesta proposta a Consellaría comprométese a negociar coas organizacións sindicais as bases da convocatoria para a provisión dos postos de xefatura de distrito e a publicalas unha vez finalizado o período de alto risco de incendios forestais, pero... ollo!, só é un «proxecto piloto» para a provincia de Lugo.
  • A maiores, as partes comprométense a solicitar os coeficientes redutores sen ningún tipo de concreción temporal. É dicir, outro acordo en falso.

A CIG interpreta que a Consellaría do Medio rural quere tomarlles o pelo e rirse das escalas do persoal técnico. Son feitos comprobábeis que se trata das únicas escalas coas que a Dirección Xeral de Defensa do Monte se negou a negociar condicións de traballo e a convocar a Mesa de Seguimento do Acordo (cando a CIG xa a solicitou hai máis de dous anos). Temos que recordar que é un acordo asinado no Bipartito no ano 2008, con algunha modificación posterior.

ESPECIALIZACIÓNS

  • Unha vez máis. incomprensibelmente, exclúe ao persoal enxeñeiro, como se puido comprobar hai menos de 1 mes coa modificación das RPTs da Consellaría do Medio Rural.
  • Agardemos que o presidente da Xunta de Galiza e os responsábeis da Consellaría do Medio Rural nunca teñan que dar explicacións por estas maneiras de proceder.

CONCURSOS ESPECÍFICOS

  • Teñen que cumprir coa lexislación do persoal empregado público, e co Decreto de mobilidade.
  • Non podemos consentir que existan comisións de servizo con máis de 10 anos de antigüidade.

COEFICIENTES REDUTORES

  • Grave e preocupante, dende o punto de vista democrático, é o comportamento da Consellaría do Medio Rural nas negociacións dos coeficientes redutores, cando o pasado mes de xullo se presentan nunha xuntanza coas organizacións sindicais cunha proposición non de lei do partido político que sustenta o goberno galego, é dicir, o Partido Popular
  • Dende a CIG temos que recordarlles que vivimos nunha democracia parlamentaria onde o poder lexislativo, executivo e xudicial están separados, e por riba dun complemento ou dunha mellora laboral está protexer e defender a democracia, e máis nos tempos que corren.
  • Ademais,é unha iniciativa ridícula, que consistía en instar a Pedro Sánchez para que arranxe a xubilación do persoal técnico da Xunta de Galiza, cando xa había xuíces na Galiza, e tamén a propia Seguridade Social, que din que ao persoal técnico do servizo de loita contra os incendios de Galiza hai que aplicarlle os coeficientes reductores.
  • Evidentemente a Consellaría do Medio Rural, de seguir así, vai perder o tren da negociación. Xa temos algunhas compañeiras e compañeiros xubiladas/os e outras e outros en camiño.

A CIG esíxelle á Consellaría do Medio Rural que cumpra cos seus compromisos e abra a mesa de negociacion das condicións de traballo do persoal técnico, que cumpra coa palabra das especializacións e coa lexislación do persoal empregado público para este persoal.

PACTOS ÁS AGACHADAS 

  • Non podemos omitir, ademais, que no caso do persoal axente e descontinuo do SPIF, o documento que se nos remitiu o xoves contiña a obriga de pasar un recoñecemento médico obrigatorio anual e, se o persoal resultaba non apto, destinaríase ao desempeño de funcións non vinculadas directamente coa extinción de incendios forestais. 
  • Dicimos «contiña» porque lendo os INFORMAS das outras organizacións sindicais xa non debe ser tal. Xa temos claro que os textos do acordo que se enviou á CIG  e os que logo se asinaron son diferentes. Houbo, entón, pactos ás agachadas.  A Xunta do PP teno claro: divide e vencerás, e aquí o que fai é afondar na división entre o persoal.

Pero xa sabemos que… COA CIG, NA RÚA, A LOITA CONTINÚA!!

Outras novas recentes

Venres, 30 Outubro 2026

Convocatorias de oposicións: xestión ambiental, C1, auxiliar de cociña, auxiliar de coidadores, subalterna e limpeza e cociña

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala de axentes...
Martes, 27 Outubro 2026

A Xunta pretende pechar en falso a negociación do persoal lingüista (grupo I-40) após dous meses sen facilitar os datos básicos

A CIG denuncia que a Consellaría de Cultura convoca a terceira mesa de negociación sen achegar a información sobre cargas de traballo, necesidades de persoal e externalizacións, nin ofrecer garantías contra a precariedade, a desregulación e as desigualdades salariais.  O 20 de outubro, Casares, deputado do PP, anunciaba no Pleno do Parlamento un principio de acordo, acadado...
Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...