Novas por contido

A CIG ven de presentar un escrito esixindo á Consellería de Educación unha negociación previa para establecer as condicións de desescalada e a protección dos traballadores.

O luns 4 de maio a Xunta presentou aos representantes das traballadoras e traballadores un Protocolo polo que se establece a reincorporación das empregadas e empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19 que non foi negociado coa representación do persoal. Deste protocolo, queda expresamente excluído o persoal da Consellería de Educación.

Aínda que este protocolo é unha chapuza polo menos a Xunta puxo interese en facer algo. Que pasa co persoal de Educación, é inmune? Hai traballadoras de 1ª e de 2ª categoría na Xunta de Galiza?

O persoal de centros de ensino traballa en moitos casos en espazos reducidos onde é imposible manter unha distancia de seguridade de 2 m. A todo isto temos que ter en conta de que NON HAI NINGUNHA INSTRUCIÓN. As dúbidas son moitas:

Como se vai a facer a atención ao público?

Como se van a establecer as medidas de hixiene cando se comparten ferramentas de traballo, teléfono, impresora, etc?

Quen vai proveer de luvas, xel hidroalcohólico, máscaras, etc?

Como se van a facer e cobrar as fotocopias os/as alumnos/as co conseguinte intercambio de pegadas e a maioría das veces nun habitáculo sin ventilación?

Cando se vai a reunir o Comité de Seguridade e Saúde para a negociación de medidas preventivas?

Para cando unha avaliación de riscos biolóxicos por centro e posto de traballo?

Ou vai a suceder o de sempre, que é o que parece,  deixar ao libre albedrío das equipas directivas ás decisións a adoptar?

Para colmo desta insensatez, hoxe 6 de maio no DOG unha Resolución do Cecop co Acordo polo que se modifican as instrucións de presenza dos equipos directivos e doutro persoal nos centros educativos de ensino non universitario onde establece a presenza obrigatoria no centro a partir do 11 de maio do persoal administrativo, para atender os trámites derivados do proceso de admisión, e do persoal de limpeza para realizar tarefas de desinfección.

Que pasa co persoal de limpeza que estivo ou está traballando neste intre para a Consellería de Política Social? Pasará dunha a outra actividade sen descansar? Faranlle o test ou irá traballar co resto dos compañeiros e compañeiras sen saber se está contaxiado ou non? Onde se duchará o persoal ao rematar o seu horario xa que a maioría dos vestiarios, se os hai, son minúsculos e non contan nin con taquillas nin duchas? Non van a dispor dun EPI de traballo cando percorren todas as dependencias do centro interactuando co resto do persoal? E que pasa co persoal subalterno que é o primeiro que contacta co público, traballa en espazos reducidos, a maioría deles sen ventilación, compartindo o material de traballo cos seus compañeiros e compañeiras, pasa por todas as dependencias porque se encarga da distribución da mercancía recibida e a apertura e peche do centro? E os auxiliares administrativos que tamén terán que atender ao público?

Con accións como esta a Xunta de Galiza vai frear esta pandemia?. Demasiadas preguntas sen resposta.

ESIXIMOS NEGOCIACIÓN PREVIA A INCORPORACIÓN DO PERSOAL DE EDUCACIÓN E A AVALIACIÓN DE RISCOS BIOLÓXICOS

E para isto temos que partir do seguinte:

• Que se lle facilite a todo o persoal os certificados para poder desprazarse ós centros de traballo en caso de que sigan sendo necesarios e poidan ser requiridos pola autoridade competente.

• Que á hora de reincorporarse se teñan en conta as circunstancias de cada traballador/a cando se trate de persoal con menores e/ou maiores a cargo, e se establezan horarios e quendas de traballo que permitan a conciliación da vida familiar e laboral, ou mesmo desenrolar a súa xornada laboral mediante teletraballo cando a actividade a desempeñar así o permita.

• Que se teña en conta a circunstancia das persoas traballadoras especialmente sensibles, debido a patoloxias concorrentes ou crónicas, mulleres xestantes, etc, así como traballadores/as convivintes con outras persoas especialmente sensibles ante un risco de contaxio de Covid-19, co fin de que podan gardar as distancias aconselladas, concorrendo sempre o mínimo persoal á vez no centro.

• Ante a ausencia ou descoñecemento dun protocolo específico para esta Consellería para tramitar a consideración de persoal especialmente sensible, solicitamos a aclaración e información previa ó persoal antes da súa incorporación, de forma que se permita a súa tramitación e resolución desta antes da incorporación ó posto de traballo, para evitar o risco de contaxio; e de se-lo caso, este persoal permaneza en corentena sin incorporarse ó traballo.

• As quendas de traballo de todo o persoal deberán ser as mesmas en tempo efectivo de permanencia no centro.

• Que se dote ós centros dun plan preventivo dentro dunha Avaliación de Riscos Laborais co risco biolóxico do COVID19 previo á incorporación do persoal que traballa nos centros de ensino. Neste plan de prevención deberán incluírse a formación adecuada e os EPIs AXEITADOS para cada tarefa a desenvolver en todas e cada una das categorías do persoal (persoal de limpeza, coidadores, Intérpretes de linguaxe de signos, educadores, subalternos, persoal de cociña, persoal administrativo, persoal sanitario, etc), tamén deberá incluír a formación e información tanto do correcto uso dos EPIs, como de cómo desenrolar cada unha das tarefas nas circunstancias nas que nos atopamos. O material, luvas, máscaras, xel hidroalcohólico, xabón, roupa de traballo, e outros que se indiquen no plan de prevención, deberán ser debidamente homologados, así como os productos de limpeza, tal e como veñen recomendados nesta ligazón.

• Que se valore a posibilidade de facer unha desinfección previa á incorporación do persoal, onde este non estea xa incorporado.

• Solicitamos que se implanten estas medidas coa maior urxencia, e que sen elas non se incorpore os centros o 11 de maio aos centros parte do seu persoal, e sabemos que hai persoal que xa está incorporado ó seu posto, traballando sen un plan de prevención que entendemos é imprescindible neste momento. De igual maneira consideramos que é totalmente inxusto deixar nas mans das direccións dos centros de ensino, a responsabilidade de tomar unas decisións e dar indicacións ó persoal, sen facilitarlles un plan de prevención que lles sirva para xestionar os centros e as actividades deste persoal correctamente, xa que as direccións son persoal docente, non técnicos en prevención, e polo tanto descoñecen como realizar correctamente estas actividades.

A CIG-Autonómica presenta alegacións ao protocolo polo que se establece a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19. 

Con apenas un día nos envían un borrador de documento que se centra basicamente en dependencias administrativas, e exclúe os ámbitos sanitario, sociosanitario e educativo ademais de moitos centros de traballo onde o traballo vai máis aló do meramente administrativo e traballa o persoal funcionario e laboral da Xunta de Galiza.

  • A Xunta pretende substituír a avaliación de riscos laborais ao risco biolóxico do COVID19 e o planeamento preventivo feito por persoal técnico cualificado en cada centro de traballo por catro medidas xerais das que algunhas son transposicións das sinaladas polo goberno do estado español.
  • Establece unha serie de fases onde o director/a de centro toma decisións substituíndo o proceso técnico de planificación preventiva e non hai mecanismo de control para detectar erros no caso de fallar por non ter a capacidade ou medios. Así tamén se pode pasar dunha fase a outra sen ter superado a anterior e aínda que as condicións do avance da infección volvan a ser altos, o parámetro é unicamente temporal.
  • Este protocolo carga a responsabilidade da protección na persoa traballadora na vez da empresa, que é a responsable legal. Isto é unha deixadez de funcións e pon en grave risco ao persoal. A Xunta de Galiza obvia a responsabilidade social que supón a apertura de edificios administrativos e o movemento de milleiros de traballadoras e traballadores poñendo en risco a integridade do persoal e da sociedade galega.
  • Sorprende que o teletraballo pasa a ser a ultima opción, e que prevaleza a colocación de pantallas ou mamparas sobre medidas organizativas que minimicen a presencia no centro. Destacar que a máxima e que a súa intención sexa abandonar o teletraballo aínda que se demostrou efectivo e que todo o mundo volte aos centros “agás aqueles que xa o tiñan autorizado previamente que van quedar coas mesmas xornadas”.
  • Para a CIG o teletraballo ten que alcanzar máximos e debe continuar así ata que o risco sexa 0.
  • Propón algunhas medidas ridículas e de demostrada ineficacia como medirse a febre antes de saír da casa ou un criterio de dous metros lineais de persoa a persoa no posto de traballo por insuficiente: óbviase a realidade en moitos centros como a falla de  ventilación, o número de metros cadrados de espazo compartido, un plan de limpeza e desinfección profesional e adaptado a cada centro ou a regulación do fluxo de persoas.

En definitiva para a CIG é un documento chapuceiro que non vale para programar unha desescalada e moito menos substitúe as medidas preventivas dentro dunha avaliación de riscos laborais. Deixa a fora a todo o persoal que non realizan exclusivamente tarefas administrativas e é de dubidosa efectividade. De seguir por este camiño o CAOS é o risco extremo van ser a tónica nestes días. 

A resolución do Cecop publicada hoxe demostra as presas que ten a Xunta de Galiza por volver a “normalidade” e seguir coa súa “campaña electoral“ como se nada pasase. Rexeitamos comezar con actividades non esenciais que requiren a presenza de servizos enteiros, como a pesca e a caza ou comezar cunha volta do persoal aos centros de ensino de xeito improvisado e sen seguridade é unha aberración e pon en risco ao persoal empregado publico.

A Xunta de Galiza négase a convocar os comités de seguridade e saúde laboral e a facer as avaliacións de riscos laborais co risco biolóxico ao COVID 19 a pesar de que xa está a preparar a volta ao traballo dos servizos non esenciais. Co comezo da crise sanitaria polo COVID, e xa antes de que se decretara o estado de alarma, dende a CIG Autonómica solicitamos de xeito reiterado a convocatoria urxente dos comités de seguridade e saúde laboral na Xunta de Galiza para tratar as medidas preventivas ante o coronavirus. Estes órganos son os encargados de impulsar a saúde e seguridade no traballo e vixiar pola aplicacion da Lei de Prevencion de Riscos Laborais.

A Consellería de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza enviounos na  tarde de onte un Protocolo polo que se establece a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19. Este documento foi enviado á prensa e anunciado polo Presidente da Xunta na Conferencia de presidentes antes de presentalo e moito menos negocialo coa representación do persoal. Trátase dun documento xeral que non ten en conta as especificidades de mais de 500 centros de traballo diferentes e 20.000 persoas empregadas públicas polo que é mais un documento de “desescalada” que non substitúe o traballo do Servizo de Prevención de Riscos Laborais nin ás avaliacións de riscos laborais co risco biolóxico ao COVID 19.

Os delegados e delegadas da CIG no Comité Intercentros diriximos escrito a Dirección Xeral da Función Públicao día 29/04/2020 para MANIFESTAR que as modificacións de condicións de traballo, comunícanse e NEGÓCIANSE coa representación dos traballadores e traballadoras, neste caso, os Comités de Empresa respectivos ou este Comité Intercentros de Persoal Laboral da Xunta de Galiza. 

Por todo isto,

  1. ESIXIMOS que a información e protocolo de incorporación do persoal aos postos de traballo sexa comunicado aos órganos de representación, e negociado co Comité Intercentros, como órgano de representación do persoal laboral da Xunta de Galiza.
  2. ESIXIMOS información do reforzo de persoal previsto co incremento de cadro de persoal naqueles centros e departamentos que durante a emerxencia do COVID19 están a traballar a mínimos, con sobrecarga de traballo e sen poder gozar dos permisos que lles corresponden.
  3. ESIXIMOS a aclaración das altas e baixas na seguridade social do persoal de política social que foi desprazado a traballar noutros centros.
  4. ESIXIMOS que se negocie e se informe aos órganos de representación das medidas a adoptar para compensar a todo o persoal tanto en tempo como economicamente cos complementos correspondentes.
  5. ESIXIMOS que se aclare o salario do persoal desprazado a residencias integradas e do restante persoal de atención directa ao COVID19.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, anunciou o mércores 29 de abril que ía propor aos sindicatos aprazar os procesos selectivos de persoal laboral e funcionario de administración ata pasar o 1 de outubro. E os concursos? E as tomas de posesión? Todo parado polo coronavirus?

Unha hora despois de enterarnos pola prensa das declaracións do conselleiro, recibimos a chamada dun subdirector da mesma consellería para “informarnos”, e de paso, así como disimulando que están a negociar, pedir a nosa opinión de se o anuncio das datas dos exames deberían facelas con dous ou tres meses de antelación. 

Seica outros sindicatos pediron o aprazamento. E o conselleiro, moi dialogante el, fixo caso. Ah!, pero resulta que a CIG, sendo o sindicato con maior representación na nosa Administración, non aplaude. Así que limita a negociación a unha simple conversa cos que son os seus amigos.

Que facemos entón?

Nós, a CIG, que durante esta crise do COVID19 puxemos varias denuncias na fiscalía, na inspección de traballo, na subdelegación do goberno, e moitísimas máis na prensa, non vamos ser quenes incitemos a que milleiros de persoas se congreguen a realizar un exame no medio do lio no que estamos. Pero pensamos que paralizar todo ata o 1 de outubro e despois xa se verá, non é a única opción.

Para a CIG, non é lóxico poñer agora unha data de referencia para facer os exames. No seu lugar, queremos que unha vez que Sanidade decrete que o risco para a saúde é baixo e por tanto se permitan aglomeracións, ese mesmo día comecemos a contar un ou dous meses para realizar os exercicios pendentes. Pero mentres tanto se poden ir facendo cousas. Hai xente que sabe dende fai meses que superou un proceso e continúa agardando pola elección de destino (podería organizarse sen requirir presenza física); hai procesos que poden avanzar coa publicación de persoas admitidas/excluídas.

Negociar as bases dun concurso de traslados tamén pode facerse a distancia. E sacar un listado de prazas para solicitalas tampouco require aglomeración de xente. 

Concursos e oposicións: paralizados dende fai tempo

O asunto do coronavirus é un problema gordo e serio. Pero a verdade que o atraso na convocatoria e xestión de concursos de traslados e procesos selectivos é algo estrutural, non só circunstancial a causa do coronavirus. Estes son só algúns exemplos do ben que xestionan o conselleiro de Facenda e o director xeral de Función Pública:

Proceso selectivo á agrupación profesional-subalterno: son 205 prazas ofertadas no ano 2018. A convocatoria do proceso tivo que agardar ata o 11/marzo/2019, con previsión de que os exames serían despois de sete meses (outubro-2019). Cando faltaba un día para cumprir un ano dende a convocatoria, o día 10/marzo/2020, por fin, publicaron a lista provisional de persoas admitidas e excluidas. O proceso xa tiña que estar rematado, pero máis de un ano despois, as 16.000 persoas que nos din que solicitaron participar nen sequera saben se están definitivamente admitidas ou excluídas. Culpa do covid19?

O resto de grupos dentro de corpos xerais (A1, A2, C1 e C2), tanto de acceso libre como promoción interna son prazas da OEP do 2017. Tivemos que agardar ata marzo do 2018 para que publicasen a convocatoria. A situación é diferente dependendo do grupo, pero en maio de 2020, ainda están sen rematar, tamén por culpa do coronavirus, supoñemos:

Subgrupo

Convocatoria

Última Resolución en DOG

Seguinte Resolución pendente de adoptar

A1 (PI)

08/03/18

07/02/20 (presentación de méritos)

O tribunal ten que publicar XA a resolución provisional de méritos

A1 (libre)

07/03/18

18/03/20 (notas 4º exercicio)

Comezarán a correr os prazos tras o estado de alarma

A2 (PI)

08/03/18

04/03/20 (baremación provisional)

Comezarán a correr os prazos tras o estado de alarma

A2 (libre)

07/03/18

21/02/20 (aprobados 3º exercicio)

Non hai 4º exame (todos cumpren requisito). Publicar resolución de aspirantes que superaron o proceso selectivo

C1 (PI)

08/03/18

19/02/20 (aspirantes que superaron o proceso)

Convocar acto de elección de destino

C2 (PI)

08/03/18

21/02/20 (baremación provisional)

Publicar resolución definitiva de méritos

C2 (libre)

07/03/18

12/12/19 (aspirantes que superaron o proceso)

Pendentes de acto de elección de destino de C2-PI


Proceso selectivo á escala de veterinarios/as: no ano 2017 ofertaron 25 prazas; sen chegar a convocalas, no 2018 ofertaron outras 38 prazas; ao ano seguinte, 2019, ofertaron outras 12, ainda sen convocar as de 2017 e 2018. Por fin a convocatoria das 75 prazas dos tres anos foi aprobada o 14 de febreiro do ano 2020. O seguinte paso debía ser inmediato: a publicación da convocatoria en DOG. Tiveron tempo para facelo, pois non foi ata xusto un mes despois, o día 14 de marzo, cando se decretou o estado de alarma. Non o fixeron, e dous meses e medio despois de aprobarse a convocatoria, non existe publicación oficial, ninguén pode solicitar participar, o temario e os tipos de probas non son públicos.. Todo por culpa do covid19. 

Seguindo en veterinarios/as, se vamos á convocatoria anterior, a cousa ten ainda máis coña. Falamos de 55 prazas ofertadas no ano 2015. Non foi ata agosto de 2017 cando a convocatoria foi publicada en DOG. As persoas aprobadas tiveron que agardar ata decembro-2019 para ver  seu nome na relación de aspirantes que superaron o proceso. Estamos a maio de 2020 e as persoas que aspiraron a esas 55 prazas ofertadas no 2015, ainda non tomaron posesión do seu destino. 

Liando máis a cousa, o lóxico é que para darlles destino aos 55 veterinarios/as anteriores, previamente fose resolto un concurso de traslados. Levamos anos escoitando o mesmo, que para o trimestre que ven nos enviaban o borrador das bases do concurso, e nada. Por fin, o 08/xaneiro/2020, recibimos un primeiro borrador ao que fixemos alegacións só uns días despois. Estabamos a primeiros de xaneiro, non había coronavirus, pero a negociación do concurso non avanzou nada máis. Por tanto, o persoal continúa sen concurso dende que o anterior foi resolto en maio do ano 2012.

O concurso de traslados de corpos xerais tiña que sair convocado por setembro do 2018, pero non foi ata novembro de 2019 cando apareceu no DOG, algo máis de tres anos despois da toma de posesión do anterior concurso. O previsto é que en xaneiro do 2020 sería pública a relación de prazas e a solicitude das mesmas. Esto non sucedeu, sequera en ausencia de coronavirus. 

Xa nin vergoña temos para relacionar a chea de corpos/escalas/categorías que levan sen concurso 10, 15.. anos. A culpa tamén será do coronavirus.

A Xunta de Galiza, na súa tónica prepotente e autoritaria, sacou da manga o complemento do COVID-19 dirixido ao persoal que está a traballar na primeira liña do COVID. Como se dun aguinaldo se tratara, buscan meter aquí os pluses correspondentes ás tarefas que se veñen facendo dende sempre nos centros de Política Social.

Na CIG centramos a loita na seguridade do persoal fronte á infección do coronavirus, pero tamén reclamamos o cobramento de todos os pluses reflectidos no V Convenio xa na nómina de abril, xa que estes pluses xa eran un dereito garantido polas funcións de risco que estamos a realizar.

Así, a resolución onde se regula este “complemento COVID-19”, e que se pode consultar nesta ligazón, estabelece en canto a retribucións o seguinte:

  1. As retribucións que percibirá o/a empregado/a público ou traballador/a nos casos establecidos nos números anteriores polas funcións ou servizos encomendados, e durante o tempo que as desempeñaron, non poden ser inferiores ás retribucións de postos similares da mesma categoría dentro da RPT da Consellería de Política Social, coa inclusión dos complementos de penosidade, perigosidade, toxicidade e/ou de especial dedicación.
  2. Para efectos do sinalado no número anterior, a Consellaría de Política Social aboará un complemento comprensivo das ditas diferenzas tanto en soldo, se for o caso, como nos distintos complementos sinalados. As horas extraordinarias que procederen tamén serán aboadas pola Consellaría de Política Social.

Hai que ter en conta, e insistimos en que non é ningunha novidade, o seguinte:

Complemento de perigosidade 85,24 €/mes
Complemento de penosidade 85,24 €/mes
Complemento de toxicidade 85,24 €/mes
Complemento de especial dedicación 45,39 €/mes
SUMA 301,11 €/mes

 

Entón, e segundo a resolución do CECOP... Que tería que cobrar eu? Que vai aparecer no novidoso COMPLEMENTO COVID-19?

Poderían darse distintas situacións:

  1. Se non teño recoñecido ningún destes complementos, debera ver incrementada a miña nómina no importe de 301,11 €, posto que deberan pagarme todos.
  2. Se teño xa recoñecidos todos estes complementos, non haberá ningunha variación na miña nómina.
  3. Se xa teño recoñecido algún destes complementos como, por exemplo, o de penosidade e perigosidade, polo que xa cobro 170,48 € habitualmente, a miña nómina actual debera incluír nese complemento COVID un importe de 130,63 €.
  4. Se son persoal do Consorcio e debido a isto o meu salario non está equiparado aínda ao V Convenio, deberei ter en conta que nese complemento COVID deberá estar incluído, A MAIORES dos complementos, o importe que habitualmente se resta na miña nómina debido á equiparación salarial.
  5. Se traballaches nalgunha quenda de noite, isto cobraralo na nómina do mes seguinte. As horas nocturnas son as comprendidas entre as 22:00 h e as 8:00 h, e o seu importe depende do salario bruto e trienios de cada traballador/a, calculándose do seguinte xeito:
    (salario bruto anual X 0,30) / 1665, obtendo así a contía dunha hora nocturna.

Por outra banda, tamén recordamos que dende o ano 2012, que está suspendido o artigo 19 do V Convenio, as traballadoras e traballadores da Xunta seguimos traballando DE BALDE os domingos e festivos xa que non se nos compensa nin en cartos nin en tempo de descanso.

Na CIG pensamos que este “invento” de complemento non ten outro obxectivo que o de que nun futuro próximo non se poida reclamar a continuidade no cobramento destes complementos (xa existentes), e que teñamos a sensación de que nos están a gratificar por algo que xa deberamos ter recoñecido.

Se tes algunha dúbida coa túa nómina, non dubides en poñerte en contacto coa CIG.

Bo día compañeira,

en resposta ao noso correo 1º de Maio: Protexamos a clase traballadora, non o capital. Por unha Galiza soberana e con futuro, sorprendida, pregúntasnos: "Non ao capital? En serio?".

Pois si compañeira, en serio, non ao capital. Como sabes o capital é unha relación social, iso dende o punto de vista económico e sociolóxico da teoría económica marxista clásica, pero é que ademais nestes tempos NON AO CAPITAL significa non á mercantilización de moitos dos ámbitos da vida social, como é o caso das residencias de maiores onde a privatización e mercantilización das mesmas, a introdución de criterios de economía de mercado e a maximización do beneficio conduciron ao exterminio dunha grande parte dos usuarios de residencias privadas onde se escatimaron medios e persoal.

Estas mortes son a moeda de cambio para que fondos de inversión de paraísos fiscais obtiveran beneficios, que como podes comprobar neste enlace controlan o sistema de residencias privadas no Estado Español.

E ademais como neoliberais canónicos que son, seguen a biblia dos emprendedores: vivir do Estado e das administracións públicas, que no caso de Galiza supuxo que vampirizaran no 2019 a esta administración da que somos parte, 65,7 millóns de euros só de xeito directo polo concerto de prazas. Isto sen contar o custo de enviarlles persoal funcionario e laboral da Xunta ao rescate das súas residencias, porque como sabes, compañeira, cando algo lle vai mal a un destes “emprendedores” ten que ser a administración pública a que corra cos custos do seu “emprendemento”.

Por iso dicimos, e ben forte, NON AO CAPITAL, porque non queremos que nin nós, nin as nosas fillas, nin os nosos maiores, sexan mercadorías coas que uns depravados fagan negocio, incluso co resultado de múltiples mortes.


Un cordial saúdo

As túas compañeiras da CIG

Cualtis entrou en ERTE. E curiosamente fai uns días a Xunta incrementou os atrancos no protocolo a seguir polas persoas “especialmente sensibles”. Está a Xunta a tapar a Cualtis?

Segundo información recibida pola CIG, a empresa Cualtis, SLU, servizo de prevención alleo co que a Xunta de Galiza ten concertada a prestación da Prevención de Riscos Laborais para os/as traballadores/as da Administración xeral, entrou en ERTE. Quen vai a realizar os plans, visitas e vixiancia da saúde, en especial para os traballadores e traballadoras sensibles? Pretende a Xunta que voltemos ao choio logo de que se levante o estado de Alarma sen Plan de prevencion específicos por centro de traballo ao risco biolóxico do COVID?

Polo que sabemos, unicamente quedou excluído do ERTE parte do persoal que fai a vixiancia da saúde (recoñecementos médicos). Sospeitamos que esto sería así como xustificación que asegurase que a Xunta de Galiza continuase a pagar o conveniado. É dicir, que cobrarían da Xunta, pero non atenderían a totalidade dos seus compromisos.

Coincidindo no tempo, a Vicepresidencia da Xunta modificou fai uns días o protocolo a seguir polo persoal “especialmente sensible”, procedemento que a xuizo da CIG entorpece e atrasa as baixas por risco de COVID19.

Ligando a información do ERTE en Cualtis, e a modificación do protocolo por parte de Vicepresidencia, preguntámonos se o que hai detrás da complicación do protocolo non sería unha manobra da Xunta para tapar a Cualtis.

A CIG xa se dirixiu á Xunta para reclamar información sobre a veracidade da información, o alcance, e a relación deste expediente de regulacion temporal de emprego co novo protocolo de persoal sensible que elaborou Vecepresidencia. Tamén solicitamos que se reforce o servizo publico de prevención de riscos laborais dándolle a importancia que realmente ten como ferramenta garante para preservar a saude e seguridade do persoal.

A culpa é do SERGAS, de Función Pública, do goberno do Estado….

A CIG  reuniuse cos responsables da Consellería de Política Social na que estivo presente a secretaria xeral, o xefe de persoal e o servizo de prevención. Propuxemos as seguintes cuestións ante a falta de iniciativa da Consellería: 

1. Criticamos a falta de resposta dos escritos que dende o comezo desta crise levamos achegado á secretaria xeral técnica como responsable desta crise.

2. Respecto dos datos finalmente aportados do persoal da administración que deu positivo ou está en corentena polo COVID  consideramos que non son suficientemente representativos porque faltan os centros nos que non se fixeron test ou non se lle fixo a todo o persoal.  Pedimos os mesmos datos desagregados por categorías e centros xunto cos test realizados para poder valorar a efectividade das medidas preventivas.

3. Solicitamos unha relación do persoal que foi prestar servizos na Consellería de Política Social. Preguntamos tamén cales son os criterios de traslado e responden que só piden a categoría e número de efectivos e é Función Pública a que xestiona o chamamento. Recordamos a necesidade da súa negociación.

4. Reiteramos a necesidade de control dos plans de prevención e as súas medidas en tódolos centros e recordar que as medidas deben ser de obrigado cumprimento (pensar que son recomendacións pode levar a unha relaxación co conseguinte aumento do risco de contaxio). 

5. Insistimos no cobro na nómina deste mes dos pluses correspondentes. Comprométense a facer “todo o posible” para que se inclúan na nómina de abril.

6.  En relación ás residencias integradas a Xunta confirma que dependen do SERGAS. Solicitamos información deste tipo de centros e reiteramos a nosa denuncia porque non queren facer test (so fan se hai positivos). Manifestamos o descontrol e a falta de coordinación efectiva co SERGAS e a indefensión que supón para o noso persoal. Esiximos explicación acerca do cese da dirección de Baños Molgas e denunciamos que alí nin se coñece a existencia do plan preventivo COVID. Botaron balóns fóra, a culpa de todo tena o SERGAS.

7. Quixemos coñecer a situación das solicitudes respecto do persoal especialmente sensible e confirman que se están tramitando basicamente as dos 4 centros onde hai positivos confirmados e o SPRL resolve propoñendo a IT por continxencia profesional.

O persoal da Consellería Educación está de novo sendo chamado pola administración para  reanudar o seu traballo nos centros educativos e  facer tarefas de limpeza e mantemento  xa que agora son consideradas “tarefas esenciais”. 

A Consellería  seguindo coa súa opacidade e actitude autoritaria nin informa nin negocia esta reincorporación coa representación do persoal, polo que vimos de esixirlle mediante un escrito que: 

  • Se faciliten os certificados de desprazamento.
  • Se establezan unhas quendas flexibles, atendendo á situación persoal de cada traballador/a (maiores e/ou menores a cargo), persoal con patoloxías concorrentes ou crónicas, embarazadas, etc. E sempre  para que o persoal poida manter as distancias aconselladas concorrendo sempre o mínimo persoal á vez no centro. Estas quendas nunca deben ser superiores en tempo que as esixidas aos equipos directivos que prestan servizos presenciais.
  • Aclaración de que o traballo a desenvolver nestes intres é única e exclusivamente un traballo de mantemento das instalacións (utilizadas neste momento) e non se debe empregar para a realización de ningunha outra tarefa.
  • Un plan de prevención de riscos laborais para os risco do COVID 19 no que estean definidas as medidas de protección necesarias e que se lles facilite o material axeitado de protección (EPI): ao menos luvas e máscaras, ademais de xel hidroalcóholico e xabón para a hixiene.
  • O persoal vulnerable fronte ao virus debe solicitar a consideración de traballador/a sensible, polo que solicitamos que a Consellería aclare o procedemento (modificado o pasado 8 de abril) polo que cambian as actuacións para os servizos de prevención de riscos laborais fronte a exposición ao SARS-CoV-2  e cautelosamente, mentres non se tramiten, o persoal con algunha patoloxía quede na casa.

Finalmente dende a CIG reiteramos o dereito de coñecer e negociar os criterios para o chamamentos e traslado das traballadoras e criticamos  que  a Consellería se desentenda das condicións nas que está prestando servizos na Consellería de Política Social.

Outras novas recentes

Xoves, 13 Novembro 2025

A CIG convoca mobilizacións o 19 de novembro por unha suba salarial digna para o persoal empregado público

A CIG ten convocadas concentracións para o vindeiro 19 de novembro, ás 11 horas, diante dos edificios da Xunta de Galiza das sete cidades en demanda da incorporación dunha cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público, pola mellora das condicións laborais e por uns servizos públicos de calidade. As protestas convócanse no marco do debate parlamentar da...
Martes, 11 Novembro 2025

Luns 17 de novembro: a CIG mobilízase de novo co persoal do SPIF ante a suspensión dos contratos

Estamos a ter asambleas en toda Galiza e a conclusión xa está a ser, sen dúbidas, a necesidade dunha nova mobilización do persoal do SPIF. É por iso que queremos aproveitar a data simbólica do 17 de novembro para mobilizarnos diante do edificio da Xunta en solidaridade cos 938 compañeiros e compañeiras bombeiras forestais que nesa data xa remataron de traballar no SPIF,...
Martes, 11 Novembro 2025

Caos nas nóminas do persoal do Consorcio

A Consellaría debe cesar xa ao xerente do Consorcio ante a nova desfeita: seguimos sen ninguén na ponte de mando e case sen tripulación O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Muíños, máximo responsable da xestión desta entidade, non está a cumprir axeitadamente coas funcións e responsabilidades inherentes ao cargo para o que foi...