Novas por contido

Dende a convocatoria do anterior concurso de traslados en decembro do ano 2012, e posterior resolución en febreiro de 2014, non houbo máis concursos de traslados ordinario das escalas de axentes facultativos ambientais e axentes forestais, ata o actual, convocado o 05/12/2023. Toda unha década que forza a buscar comisións de servizos como a única maneira de solucionar os problemas de mobilidade.

Coa convocatoria do actual concurso, en decembro do 2023, o persoal funcionario tivo a expectativa de poder optar a mellores postos, solucionar situacións familiares, ou simplemente planificar a súa vida. 

Pasou xa ano e medio dende a convocatoria dun concurso que non chega a 600 efectivos. O número de vacantes ofertadas é de 123, e o de participantes (segundo o número de prazas ofertadas en resultas), é de 230. E con eses números, para sacar o listado definitivo de persoas admitidas e excluídas, vai xa un ano e case dous meses dende que o día 5 de abril de 2024 publicaran o listado provisional de persoas admitidas e excluídas.

A maiores do exposto hai 96 persoas da oposición convocada e case rematada que non poden coller praza mentres non se resolva este concurso. 

Entendemos que a paralización total dun concurso dende fai máis dun ano, no que participan 230 persoas é algo inaceptable.

A CIG esixe á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal que se poña as pilas, tanto para resolver este concurso (non moi grande), como todos os demais que están en execución, e a convocatoria inmediata dos que están pendentes de convocar.

Na Comisión do pasado mércores 28 de maio informaron que neste mes vanse publicar as listas provisionais de funcionarización (das que hubo que presentar solicitudes). Non informan da data só que será antes da próxima reunión da Comisión, que será o 2 de xullo.

Tamén se van a modificar varios acordos para adecualos á lexislación vixente e por causa de sentenzas xudiciais firmes. Non dan máis información de como van quedar os textos pero a intención é aprobalos na comisión de xullo.

Por último, a subdirectora comentou que teñen intención de negociar un novo decreto, máis tampouco informou de como nin cando sería.


Publicado o Real Decreto 402/2025 que regula o procedemento previo para determinar os supostos para xubilación anticipada mediante coeficientes redutores. 

Confírmase o recorte nas pensións ao non recoñecerse a xubilación anticipada nin garantirse os coeficientes nos traballos máis penosos. O novo Real Decreto recolle os criterios para que os traballadores de actividades penosas, perigosas ou insalubres teñan a posibilidade de acceder á xubilación anticipada, determina se ese colectivo ou actividade poderá ter dereito aos coeficientes redutores, pero non contempla un procedemento para a súa aplicación directa.   

Na perigosidade da actividade terase en conta a incidencia de baixas no colectivo tanto por continxencias comúns como por profesionais e sucesos graves con resultado de morte ou incapacidade permanente. 

Un procedemento previo e complexo 

O procedemento resulta extremadamente longo e difícil, consta de tres partes que son o inicio da solicitude, emisión de informes da Seguridade Social, do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e para persoal da Administración requírese tamén do Ministerio de Traballo e Administración Pública. Despois dun trámite de audiencia e alegacións remitirase a unha Comisión de avaliación que emitirá unha resolución do procedemento que permitirá iniciar o trámite de rebaixa da idade de xubilación. Sinala como mínimo seis meses unha vez iniciado e que de non conseguilo non se poderá iniciar outro en 4 anos. 

Estará disposta a nosa Administración a cotizar máis?

Esixe cotizacións adicionais polo que o financiamento das xubilacións anticipadas recaerán no persoal e na Administración, aumentando a cantidade a aportar polos/as traballadores/as e pola Administración. 

Como no noso caso, as que están lexitimadas para iniciar o procedemento son conxuntamente as organizacións sindicais máis representativas e a Administración da Xunta…a pregunta é inevitable: estarán dispostas as consellerías a pagar máis e a solicitalo? 

A Comisión de avaliación sen representación da Galiza

Dende a CIG-Autonómica levamos anos loitando pola xubilación anticipada naqueles colectivos que, polas características do seu traballo, son susceptibles da aplicación de coeficientes redutores. Promovimos facelo mediante leis con accións no Congreso para que os aplicaran de forma directa como foi o caso do persoal gardacostas ou o do sector sociosanitario.  Ambos foron bloqueados politicamente á espera desta regulación que agora vemos que ademais de ser complexa, deixa fóra da comisión de avaliación ás organizacións sindicais que temos un ámbito autonómico polo que o persoal da Galiza vai quedar desamparado, outra vez, fronte intereses estatais. 

Unha reforma das pensións - outra vez -  con trampa

Lembramos que a xubilación anticipada para traballadores/as de determinadas profesións penosas foi a compensación prometida polo Goberno e o axentes do Pacto Social no seu Acordo de pensións. Era a compensación para os/as traballadores/as de profesións máis duras despois de alongar até os 67 e endurecer a xubilación ordinaria ao necesitar máis tempo de cotización para cobrar o 100% e reducir a contía das nosas pensións, xa que aumenta o tempo para o seu cálculo a 29 anos. Resulta lamentábel que UGT e CCOO teñan avalado este acordo e ao tempo, de xeito cínico e hipócrita, chamen á mobilización en sectores como a construción ou o transporte para que se recoñezan coeficientes redutores da idade de xubilación, cando estes sindicatos son colaboradores da normas que restrinxen este dereito.
    

A inxustiza do noso persoal do mar.

Un exemplo de loita contra a discriminación é a do persoal gardacostas que por ser funcionarios públicos están excluídos do réxime especial do mar. A esta inxustiza súmase agora a do persoal patrón e mecánico funcionarizado da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, ademais de mergulladores e outros empregados públicos que traballan no mar e que nos seus postos laborais si tiñan acceso ao Réxime Especial do Mar coa súa xubilación anticipada. 

Seguimos na loita e xa estamos a preparar accións polo Real Decreto 402/2025 recentemente aprobado... Non hai dereito que o noso persoal do mar se xubile aos 67 anos simplemente polo seu réxime xurídico!

O martes 3 de xuño quedará aprobado, previsiblemente, o modelo de bases dos concursos específicos (CE), un documento que permitirá ás consellerías convocar cada un dos 800 postos de CE cando queiran (se é que queren), e con criterios tan flexibles que poderán “personificalos” posto a posto

A proposta xa pasou en xaneiro pola Mesa Sectorial de Negociación, con apenas un día para o seu estudo polos sindicatos. Tras as alegacións que presentamos e outro borrador, agora ven á Comisión de Persoal para a súa aprobación.

A CIG asinou no ano 2008 coa Xunta do bipartito, un acordo polo que os postos de nivel 28 (xefaturas de servizo) e inferiores, pasaban a ser de concurso ordinario. En canto Alberto Núñez Feijoo foi nomeado Presidente da Xunta no ano 2009, unha das primeiras decisións en materia de persoal que tomou foi restaurar a libre designación como a forma de provisión das xefaturas de servizo.

Coa aprobación da Lei do emprego público de Galiza no 2015, creouse o concurso específico como a forma de provisión pensada principalmente para a cobertura de postos de xefatura de servizo (hai tamén seccións e direccións de centros) que non se cubriran polo procedemento de libre designación. Esta nova forma de provisión requería un desenvolvemento posterior que non foi impulsado ata que a Dirección Xeral de Función Pública presentou ás organizacións sindicais no ano 2019 unha proposta e, sen existir negociación real, foi aprobado e publicado en setembro de 2022 o Decreto 151/2022, coñecido como Regulamento de mobilidade.

Chegados ao momento actual, temos máis de 800 postos con concurso específico como a súa forma de provisión cubertos por comisións de servizos. Esa foi a causa da pouca présa que tiveron en regular e convocar os concursos específicos: poder manter ocupados un montón de postos en comisión de servizos, e non só os de concurso específico, senón os de concurso ordinario que están bloqueados ao estar as persoas titulares ocupando os postos anteriores.

Como resumo dos parágrafos anteriores, a CIG mantén a súa idea do ano 2008, de que agás excepcións motivadas, o concurso ordinario sexa a forma de provisión das xefaturas de servizo. Rexeitamos, xa que logo, o concurso específico como forma de provisión, por considerar que en realidade é unha libre designación cunha estabilidade mínima de cinco anos. E rexeitamos que a Xunta se negue a poñer un prazo de tempo para que as consellerías estean obrigadas a convocar os postos permitindo así a liberación de moitos outros retidos polas comisións de servizos.

Recapitulando moito, e se as cousas quedan como a Xunta propón, as características deste modelo son as seguintes:

  • Os postos poderán seguir ocupados, como ata agora, en comisión de servizos, pois nada obriga ás consellerías a convocar os postos nun prazo determinado

  • Limítase a indicar cales son os méritos a valorar, pero non a súa ponderación, polo que cada consellería poderá adaptar a puntuación personificándoa para cada posto a cubrir (un "dime como te chamas que eu che busco o posto")

  • Cada consellería decide como quere valorar os méritos para cada posto. Vai poder adaptalos ao seu gusto, posto a posto. Ten suficiente capacidade para seleccionar a quen queiran. Será unha libre designación, con estabilidade no posto por 5 anos

Indo un pouco máis polo miúdo, esta é a visión da CIG que orientou o proceso de negociación:

Prazo para a cobertura dos postos

A Xunta négase a establecer un marco temporal de aplicación, de xeito que todas as prazas de concurso específico teñan que ser convocadas e provistas nun período de tempo que, a criterio da CIG, non debera exceder dun ano. Con esta decisión, as prazas poden seguir indefinidamente ocupadas en comisión de servizos.

Comisión de valoración

Para a selección das persoas constitúese unha comisión de valoración formada por cinco persoas, das que catro son propostas pola consellería convocante do posto, e unha pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP). Isto, sumado á elevada capacidade das consellerías á hora de definir a puntuación de cada epígrafe, eleva enormemente as posibilidades de endogamia e amiguismo ("fan a festa e botan os foguetes").

Na negociación defendimos que: o proceso estivese tutelado e con máis participación da DXEP, non pola consellería convocante; que participase unha persoa proposta polos sindicatos; e en todo caso, rexeitamos que as persoas superiores directas dos postos a cubrir poidan participar na comisión de valoración no caso de que se presenten persoas que estiveron baixo a súa xerarquía.

Fases do concurso

O proceso consta de dúas fases. A primeira consiste na valoración dunha serie de méritos obxectivables. A segunda é de valoración claramente subxectiva. A consellería convocante decide a puntuación máxima de cada fase (e a puntuación individual de cada ítem).

A CIG reivindica que a primeira fase, por ser a obxectiva, sexa valorada ao máximo posible respecto da segunda fase. É máis, por nós, a segunda fase non existiría. En todo caso, defendemos que a porcentaxe de cada fase e de cada ítem individual veña fixada no modelo, de xeito que non quede a criterio de cada consellería segundo lle interese na convocatoria de cada posto.

Valoración de cada mérito

O conxunto do documento está cheo de falta de concreción na valoración de cada un dos méritos a valorar. Así, a consellería decidirá para cada praza como queren valorar a antigüidade, a formación, a titulación, as medidas de conciliación, os idiomas, etc. 

A CIG rexeita que as consellerías poidan facer o que lles veña en gana; rexeitamos que as consellerías poidan “axustar” a valoración personificando cada mérito para a provisión de cada posto.

Comisión de servizos

Solicitamos que tras a obtención dun posto por concurso específico se impida durante un tempo por determinar a obtención dun novo posto mediante comisión de servizos.

Na CIG rexeitamos radicalmente a consideración como mérito do tempo traballado en comisión de servizos, pois esta figura de cobertura temporal de postos está sometida a unha absoluta discreción. Negámonos a que dea lugar a un recoñecemento de méritos mentres non academos un pacto que regule a concesión obxectiva das comisións de servizo.

Segunda fase (memorias e currículos)

Para a segunda fase, de valoración subxectiva, apostamos pola súa eliminación. E mentres non poida ser, optamos por adxudicarlle o mínimo de puntuación posible. 

Defendimos que as memorias e os currículos que deben presentar as persoas candidatas, poidan ser accesibles (sen os datos máis persoais), con indicación da puntuación asignada a cada unha delas, co obxectivo de poder vixiar minimamente a puntuación adxudicada.

Non concordamos con que o procedemento para a presentación da documentación sexa fixado por cada consellería segundo considere na convocatoria para cada posto. Polo menos, as partes máis básicas do procedemento deben estar reguladas pola DXEP neste modelo de convocatoria.

Cos mesmos argumentos que para a primeira fase, demandamos que os baremos do total e de cada parte desta segunda fase estean tamén definidos pola DXEP, e non a decisión personalizada da consellería para a cobertura de cada posto.

En definitiva, como grandes ideas para a CIG, este modelo de concursos específicos require:

  • Establecer un marco temporal de aplicación
  • Fixar a puntuación de cada mérito, de xeito que as consellerías non poidan adaptalo segundo gustos
  • Que a DXEP teña maior capacidade, e menos cada consellería
  • Potenciar a primeira fase. Minorar ao máximo (se non pode desaparecer), a segunda fase
  • Rexeitar todo mérito obtido en comisión de servizos

Se é do teu interese, aquí podes descargar o modelo de bases de concursos específicos que vai á Comisión de Persoal do 03/06/25: descargar.

Cando o que importa non é o servizo, senón trincar pasta!

Recentemente, veñen de publicarse dúas novas no DOG (Resolución do 12 de maio de 2025 e a Resolución do 23 de abril de 2025) que fan referencia a que os concursos polos que dous centros de menores, o de Casa da Quintán en Ponte Caldelas (oito prazas) dirixido a menores con medidas de protección e problemas de saúde mental e o de Concepción Areal de A Coruña, centro de reeducación para menores que teñan que cumprir medidas privativas de liberdade (trinta e cinco prazas) quedan desertas.

Ante esta aposta decidida pola Xunta de Galiza de optar pola privatización destes centros, agora faise evidente que a vía de dar entrada ás corporacións privadas para o concerto de servizos públicos presenta serías eivas. Estas empresas respostan ao sentido primeiro e inherente á súa condición de máquinas de facer cartos procedendo, ante a grande oferta que a Xunta lles fai coas múltiples privatizacóns de servizos do eido social, a elixir concursar naqueles concertos que son máis rendibles en termos económicos ou menos problemáticos no seu desenvolvemento.

Fronte este estado de cousas, a Xunta ten dúas posibilidades: entrar no regateo con estas empresas, ben rebaixando as condicións nas que se deben prestar os servizos ou ben incrementando as contías dos concertos, que será o máis probable dada a deriva privatizadora desta Xunta.

Á única vía que pode garantir plenamenmte os dereitos das persoas usuarias e uns servizos públicos eficientes e de calidade é a xestión pública deste servizo.

O principal obxectivo que se debe acadar é a protección integral das e dos menores, das que a Xunta ten a tutela e a "subroga"  a empresas que se fan coas licitacións.

Como podemos deixar a menores vulnerables e tutelados pola administración en mans privadas como se fose un contrato de limpeza de instalacións?

Dende a Dirección Xeral de Emprego e Administración de Persoal comunícannos que, o vindeiro venres, día 2 de xuño publicaranse no Diario Oficial de Galicia as seguintes resolucións:

- Resolución do 26 de maio de 2025 para a presentación de solicitudes de elección de postos e xustificación da posesión de méritos do concurso F0125, escalas de profesores numerarios e mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros e de axentes de extensión pesqueira.

- Resolución do 26 de maio de 2025 pola que se convoca o concurso F0225 para a provisión de postos vacantes das escalas de arqueólogos; técnica de restauración; técnica de delineantes; de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos; de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos; técnica de arquivos, bibliotecas e museos; auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos.




Veñen de remitirnos as propostas de renovación de varias RPT:

Estamos convocados o vindeiro mércores, día 04 de xuño, para comezar as negociacións polo que se tes algunha alegación que facer a estas propostas de renovación pregamos que contactes coa CIG

 

 

 

O permiso parental de oito semanas, até que a/o menor cumpra oito anos, está regulado, agás polo de agora a súa retribución, e está incluído na carta de permisos do Portax

No Portal do empregado/a público da Administración da Xunta (PORTAX) aparece este permiso e está activo no apartado de solicitudes. Aínda que o Pórtax omite a información da normativa básica, pódese solicitar por semanas completas, cunha antelación de 15 días e até que o fillo ou filla cumpra 8 anos de idade. 

No Consorcio non o incluíron na carta de permisos, licenzas e vacacións no Portal da/o Empregada/o, que é a aplicación que  utilizamos para as solicitudes, polo que é descoñecido para grande parte do persoal e temos que solicitalo por fóra.

A Consellería de Política Social e Igualdade e a Consellería de Medio Rural denegan este permiso sistematicamente con diferentes “xustificacións xenéricas” que incluso se basean na falta de desenvolvemento regulamentario, e non dan opción a acordar novas datas como indica a norma cando hai problemas de necesidades do servizo: denégano e punto. Outra vez son as mesmas consellerías, xunto co Consorcio, as que máis maltratan ao persoal xa que sabemos que noutros departamentos poden gozar deste permiso sen problemas (eso sí, sen retribución). 

Dende a CIG  xa nos puxemos en contacto con Emprego Público e remitimos queixa por escrito para que chamara atención do proceder destas dúas consellerías e do Consorcio, e estamos á espera de que se resolva, máis se tes problemas para o gozo deste permiso parental contacta coa CIG

A Administración, tanto se chame Medio Rural como Política Social e “Igualdade”,  discriminan a mantenta a parte do persoal da Xunta, xa que maioritariamente somos as mulleres as que solicitamos este permiso e ás que se nos denega.

Tanto encher a boca coa Lei de Impulso Demográfico e, como todo na Administración Autonómica, queda en propaganda e mentira.

Para conseguir que se recoñezan e normalicen os dereitos e se rematen coas discriminacións sempre temos que acudir ao conflito e ao xulgado. 

Cumpran coa normativa xa!

Non discriminen a parte do persoal!

No DOG do 27/05/2025 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2025 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.

Convocan as actividades formativas que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Hai cursos de carácter transversal e outros para persoal das consellarías.

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza ata o 3 de xuño de 2025.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/ matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

O número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a catro.

No DOG do 26/05/2025 publican a RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2025 pola que se convocan actividades de formación continua do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP) para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galiza, das entidades locais e o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) das universidades do Sistema universitario de Galiza (SUG).

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza ata o día 2 de xuño de 2025.

O número máximo de actividades formativas que se poden solicitar limítase a tres.

Outras novas recentes

Venres, 14 Novembro 2025

Concurso de traslados de veterinarias: apertura da elección de postos e xustificación de méritos

No DOG do 14/11/2025 publican a RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se acordan a apertura do período de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e o procedemento de xustificación da posesión de méritos e requisitos do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo...
Mércores, 12 Novembro 2025

Actualización provisional de méritos correspondentes ao ano 2024 das listas de substitucións da Xunta

No DOG do 12/11/2025 publican a RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas a actualización provisional de méritos correspondente ao ano 2024 e a baremación provisional dos servizos prestados para o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar nas listas para a cobertura con...
Martes, 11 Novembro 2025

A CIG prepara alegacións ao Anteproxecto de Lei da administración ambiental simplificada

Este anteproxecto de lei afecta ás atribucións do persoal funcionario público, xa que contén mecanismos como a externalización de actos administrativos e informes, a redución de prazos de participación pública e informe, a eliminación dos efectos vinculantes dos informes ou o silenciamiento do procedemento.  A Lei de administración ambiental simplificada da Galiza pode...