- Detalles
O pasado 27 de setembro tivo lugar unha xuntanza da Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos na que se trataron os seguintes asuntos: 1) RPT de Política Social; 2) RPT de Cultura, Educación e Universidade. Dentro do punto de Rogos e preguntas tratamos os seguintes asuntos: autobaremación nos procesos de estabilización, adscricións e superiores categorías, procesos selectivos, carreira profesional e permiso paternal.
MODIFICACIÓN DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE
A CIG manifestou o seguinte:
- Falta do informe favorable da D.X. de Planificación e Orzamentos
- A D.X. de Simplificación Administrativa indica que os postos: PS.C02.00.000.15770.057, PS.C02.00.000.15770.057, PS.C02.00.000.15770.066, PS.C02.00.000.15770.067, PS.C05.00.000.15770.051, PS.C05.00.002.15770.003, PS.C05.00.000.15770.055 e PS.C06.00.000.15770.030, non son amortizables. Contradí así o informe da D.X. de Función Pública. Nada podemos dicir do informe da D.X. de Planificación e Orzamentos pois non o temos. Ante estas disparidades solicitamos que se revise toda a información e se nos presente unha nova co mesmo criterio en todas eles.
- Polo leído no informe emitido pola D.X. de Simplificación Administrativa, denunciamos a ocultación da documentación seguinte: anexo de equivalencias de persoal funcionario, e anexo de equivalencias de persoal laboral. En varias ocasións solicitamos nas mesas de negociación estes documento de traballo. Sempre se nos negou o acceso a eles, e agora dísenos que o 11/09/2023 xa existía dita documentación solicitada, pero non se nos remitiu para a reunión que tivemos coa consellería o 14/09/2023.
- No punto 2.2 modificacións, rexeitamos a súa pretensión de apertura a A11 (estado e outras comunidades autónomas), de postos C2. Como alternativa, propomos que se oferten novamente en comisión de servizos ao persoal da Xunta e, se non se cubren, fagan chamamentos das listas de contratación temporal.
- No punto 2.5, apertura do tipo de administración de varios postos, de xeral a xeral/especial, instamos a que o postos PSC991000036560480, coordinador/a equipo valoración dependencia xefatura territorial de Vigo, deberá continuar na Admón. Especial, EMS2/EMS3/EMS5/EMS6/ESS2/ESS3, para permitir a estas especialidades a súa promoción profesional.
- Tras sinalar a creación dunha xefatura de sección N25, financiada coa amortización de dous postos de negociado, a motivación é a seguinte “viu incrementado considerablemente a súa carga de traballo, debido entre outras circunstancias á execución dos proxectos de mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR) e á asunción ex novo da xestión do bono térmico, entre outras actuacións” .. “Para paliar a situación de sobrecarga de traballo...”
- Rexeitamos esta argumentación, xa que se hai incremento de traballo haberá que dispoñer de máis efectivos e non sobrecargar a unha soa persoas. Tampouco nos serve que non hai demanda destes postos en comisión de servizos, polo que instamos o mantemento dos mesmos e o chamamento ás listas de contratación.
- En canto ao posto base subgrupo C2, PSC030000015770035, e que está en comisión de servizos, opoñémonos á súa amortizacións, pois estamos creando RPTs “á carta”. Ademais a argumentación da creación de 3 postos de xefatura de negociado para a súa cobertura contradise coa argumentación do apartado anterior na que amortizan dúas xefatura de negociado.
- Abráianos que nos postos abertos a LD apareza que poden ser ocupados por persoal laboral temporal. A norma di que poden ser ocupados por persoal funcionario de carreira e por correlación en tal caso debería ser persoal laboral fixo.
- Manifestamos o noso desacordo con tódalas amortizacións que se presentan. Rexeitamos especialmente as amortizacións no centro de menores Avelino Montero, tendo en conta a gran inversión económica realizada no centro. A este respecto, denunciamos que están a derivar, de xeito malintencionado, os e as menores a centros privados para minorar a carga de traballo e así xustificar que non son necesarias as prazas. Esta consellería cada vez é máis política e menos social, deixando os servizos en mans privadas que buscan o lucro. Isto non é política social. Solicitamos dotar os servizos públicos do persoal necesario para dar unha atención de cualidade.
- Solicitamos que se equiparen os salarios dos postos de traballo social dos Equipos de Valoración da Discapacidade, pois non se entende que os postos de Pontevedra, Ferrol e Compostela cobren menos que o resto, cando de persoal laboral si cobraban o mesmo.
- Solicitamos que os postos de persoal fixos-descontinuo de Panxón e Carballiño pasen a postos de 12 meses para que o persoal fixo se podida funcionarizar.
- Solicitamos a creación dunha praza de oficial 2ª de cociña na Residencia de Maiores de Marín e da Estrada, e cubrir a xa existente en Pontevedra para que sempre haxa un oficial en cada quenda.
- Opoñémonos á transformación da xefatura de servizo de Protección de Menores de Concurso Especifico a LD, xa que as súas funcións dende o ano 2015 que aparecen no decreto de estrutura da consellería e ata o último decreto de estrutura, non foron modificadas. Xa que logo, non é de recibo que se pretenda cambiar a forma de proveer o posto.
MODIFICACIÓN DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE
Esta modificación da RPT aparenta ser boa. Ata a CIG podería estar a favor dela xa que crean 57 postos, moito máis que os 11 que amortizan. E a iso engadimos que entre as modificacións que meten, inclúen o cambio de tres postos de media xornada que pasan a xornada completa. Sumamos a iso que crearon 5 novos postos propostos pola CIG que non ían na proposta inicial.
Pero hai dúas cuestións nesta RPT coas que non podemos estar de acordo se non se lles da unha solución inmediata:
- De todos eses postos que se crean (57), en realidade uns 46 xa existen, xa están dotados e xa ocupados por persoal. A maioría (31) son persoal coidador, traballando dende setembro do 2022.
Nós entendemos que a igual traballo igual salario. Pero este persoal leva un ano cobrando menos que o resto das súas compañeiras e compañeiros polo simple feito de que están fora da RPT.
A maiores, ao comezo do presente curso creáronse outros 14 postos. Pero non lles da a gana de metelos na RPT. Queremos que se inclúan xa, nesta modificación, para que así poidan cobrar o salario completo dende a primeira nómina (que aínda non cobraron).
Solicitamos polo tanto que se abonen ao persoal afectado os importes non percibidos dende que prestan servizos e si os novos postos non se inclúen xa na RPT que se lle abone o salario completo dende o comenzo da relación laboral. - A outra cuestión ten que ver coa circular do 6 de xuño de 1994 (do século pasado), na que se establecen unhas ratios que a consellería emprega para determinar o persoal que se precisa. Circular imposta de xeito unilateral e sen negociación coas organizacións sindicais.
Solicitamos, xa que logo, que se poña xa unha data para a apertura dunha mesa de negociación específica para adaptar as ratios á situación actual dos centros e as condicións do persoal.
Tamén queremos que se estableza un prazo para negociar a ampliación das medias xornadas a completas (a maioría destas situacións danse en Educación, aínda que afecta tamén en menor medida a outras consellerías), tal e como se nos comentou na negociación da RPT de funcionarización do persoal de limpeza e cociña.
Para rematar, comentamos que tiñamos coñecemento dunha sentenza no CEE de Ferrol onde se lle recoñecen pluses ao persoal coidador. Non sabemos si puideron revisar este tema, si o fixeron e se a nosa información é correcta. En todo caso, solicitamos que se inclúa tamén nesta RPT e se estenda a todos os centros das mesmas características.
ROGOS E PREGUNTAS
Autobaremación dos procesos derivados da Lei 20/21: informa o DXFP de que querían ter publicado as autobaremacións conxuntamente coas notas dos exames de galego, pero tiveron problemas na elaboración das listaxes. Teñen previsto sacar esas autobaremacións antes deste venres 29 de setembro. Subliña que xa detectaron erros nos méritos declarados en bastantes autobaremacións.
Adscricións e superiores categorías: Función Pública non está a autorizar as peticións de adscricións e superiores categorías a prazas de persoal laboral do persoal laboral que ocupa prazas xa funcionarizadas. Pedimos explicacións. O DXFP non resposta, limítase a poñer verde á CIG.
Cronograma de tomas de posesión de procesos selectivos rematados ou case finalizados: enviaron o cronograma de datas de exames, pero solicitamos tamén os das tomas de posesión. O DXFP di que non van facer tal cousa, que xa irá transmitindo a información segundo proceda.
Toma de posesión de gardacostas: fai unha semana dixo que o miraría. Repreguntamos, e di que “está xa para saír a presentación de documentación”.
Estado do proceso selectivo de especialidade de seguridade no traballo (convocado fai máis de catro anos): non resposta.
Publicación de notas de exames feitos en xullo: di que como tiñan moitos procesos con segundo exame, corrixiron primeiro estes, e os do primeiro (coidadores, aux. clínica, subalternos), quedaron pendentes, pero que xa están rematando e pensa que nesta semana ou na seguinte publicarán as notas.
Carreira profesional: preguntamos que pasa coa carreira nos contratos de relevo por xubilación parcial do 75%. Non resposta.
Proceso selectivo PSX: queixámonos polos cambios de criterio do tribunal (na convocatoria eran 90 preguntas [60 xeral e 30 específica], en xaneiro mudaron a 80 preguntas [50 xeral, 30 específica], o 21/09/23 o tribunal di que son 30-50, ao revés). O DXFP di que había algo pendente de aclarar, e que volverá a preguntar.
Permiso paternal novo das 8 semanas para coidado de menores de oito anos: o DXFP di que é de difícil aplicación (a culpa é de Pedro Sánchez, dixit).
Convocatoria da Comisión Paritaria do V Convenio Colectivo: solicitamos unha vez máis a convocatoria da Paritaria. Di que convocarán en outubro.
- Detalles
O director xeral de Función Pública convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal que será o venres 29/09/23, coa seguinte Orde do día:
1. RPT de Política Social. Descargar
2. RPT de Cultura, Educación e Universidades. Descargar
3. Modificacion da Orde que regula a flexibilidade por conciliación familiar. Descargar
- Detalles
A Dirección Xeral de Función Pública (DXFP) enviounos un borrador dunha Orde pola que regulan o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración Xeral da Comundiade Autónoma de Galiza e das súas entidades públicas instrumentais.
Os sindicatos temos de prazo ata o martes 3 de outubro para presentar alegacións. Se é do teu interese aportar algo, podes contactar coa CIG.
Previamente, os días 14 e 15 de setembro, o DXFP anunciara que este novo expediente "FIDES" ven a substituír ao actual Portax. Informou que comezarán co envorcado de datos priorizando os das persoas inmersas en procesos selectivos e recoñecen problemas en Medio Rural polas persoas fixas-descontinuas. Informou tamén que farán un manual e xornada de formación para o persoal dos servizos de persoal.
- Detalles
O martes 26 de setembro asistimos a unha xuntanza coa consellería de Sanidade para tratar unha proposta de modificación da súa Relación de Postos de Traballo.
Antes de comezar explícannos que retiran da súa proposta o apartado c) “Cambio na apertura dos postos a diferentes corpos e escalas e adscrición de postos” da Subdirección de Servizos Sanitarios. Indican que o pospoñen isto para futuras modificacións da RPT porque non teñen a documentación ou maneira de comprobar administrativamente o traspaso da administración do Estado á Autonómica debido a que son prazas creadas hai máis de 30 anos. A maioría do persoal que ocupa as prazas está preto da xubilación. Queren agardar á xubilación dese persoal para pasar as prazas á Administración da Xunta de Galiza na escala correspondente.
A CIG manifestou:
- Solicitamos que a memoria non sexa unha mera descrición senón que amplíen a explicación e os motivos das amortizacións, así como unha avaliación da carga de traballo.
- Preguntamos polo cambio do código do posto de Xefatura de Negociado I.
- Comentamos, a pesar da retirada do punto, que estamos de acordo co peche dos postos da Inspección de Servizos á Administración da Xunta pero esiximos que se faga o mesmo coas Xefaturas de Servizo. Solicitamos que este asunto non quede no esquecemento e se retome en próximas modificacións.
- Estamos de acordo coa creación do novo posto de inspector/a na Coruña pero consideramos que tamén son necesarios noutras comarcas.
- Por outra banda, e aínda que non é obxecto desta RPT xa que dependen de Saúde Pública, trasladamos a nosa queixa sobre a carga de traballo e a necesidade de ampliar o cadro de persoal dos FISP e eliminar as asistencias técnicas que contrataron a raíz da folga, como as de análises das augas de baño.
- Comentamos que hai un erro no posto da Subdirección X. de Selección de Persoal (SA.S05.00.01.15770.015) que aparece na denominación como Xefatura de Sección III e no resumo como Xefatura de Sección II.
- Por último, solicitamos explicación pola situación de estancamento e opacidade da Comisión de Seguimento das listas de substitucións das escalas sanitarias.
A Consellería resposta:
- Toman nota das alegacións e van remitir unha nova memoria cos cambios e as explicacións. Tamén nos indican que teñen presa en pechar a negociación e solicitan as alegacións por escrito canto antes.
- O cambio de posto do negociado débese a unha cuestión de orde na RPT. Ao aumentarlle o nivel pasan o código a 001.
- Van valorar se é necesario crear máis postos de inspección de servizos noutras comarcas.
- O tema dos FISP non é asunto desta RPT e non hai ninguén presente da Dirección Xeral de Saúde Pública. Aínda así toman nota das nosas alegacións.
- Efectivamente é un erro a denominación das Xefaturas de Sección III e van corrixilo.
- O tema das listas non depende da Consellería senón de Persoal do Sergas. Aínda así opinan que as deberían levar dende Función Pública co fin de evitar esta situación.
- As xefaturas de Réxime Xurídico e Recursos e Reclamacións que se crean de nivel 28 na memoria, poñen cobertura mediante concurso ordinario, e din que é un erro xa que serán concurso específico.
- Os postos de negociado de nova creación que se propón abrir ao C1, neste momento non poden facelo xa que se trata dunha modificación importante pero o ven factible nun futuro.
- Explican que todos os postos que amortizan están vacantes o descubertos. Indican que a súa amortización se debe a dificultades na súa cobertura e, no caso do Técnico Sanitario, non se adecúa esa categoría ás funcións da inspección. A creación do posto da Xefatura Territorial da Coruña, con centro de destino en Servizos Centrais en Compostela, débese a que a área da Coruña abarca moito territorio e precisaban apoio.
- Da DX de Recursos Humanos,
- Explican que as tres xefaturas de sección débense á sobrecarga de traballo derivada da acumulación de procesos selectivos e ao Plan de Igualdade.
- O cambio de denominación de posto débese a que só había unha xefatura de sección de selección de persoal e agora hai tres e hai que numeralas.
- Nas xefaturas de Servizo que mudan o requisito de licenciatura/grao en Dereito por mérito, débese a que consideran que funcionarios/as doutras titulacións poden realizar as funcións propias dos postos e tamén porque non se esixe en corpos xerais unha titulación determinada.
- Os postos que amortizan son todos vacantes e desocupados.
- Na DX de Recursos Económicos, a modificación da denominación do posto de arquitecto superior e a súa apertura a enxeñería industrial débese ao aumento de carga de traballo e as funcións a desenvolver nas obras licitadas.
- Detalles
Desexabamos que o I Plan de Igualdade para o persoal da Administración xeral da Xunta de Galiza trouxera avances en materia de conciliación familiar pero quedou nunha simple declaración de intencións que non achega nada novo. Ao igual que a Lei de impulso demográfico, coa que o goberno do PP nos encheu de propaganda da súa marabillosa receita para acabar co envellecemento poboacional, pero que segue sen desenvolverse a pesar de que o prazo máximo era dun ano dende a súa publicación o 2 de febreiro de 2021.
Así, na Galiza, a Xunta, que tería que ser referente para outras administracións e o sector privado en facilitar a conciliación para o fomento da natalidade e o benestar social das familias, o que fai é vender fume e nin sequera aplicar adecuadamente o que xa lexislaron no goberno do Estado Español e dende a Unión Europea.
A proposta da Administración autonómica en materia de flexibilización horaria
A Administración leva máis dun ano activando (xa van tres veces) e logo parando a negociación da Orde que regulará a flexibilidade por conciliación. A proposta que levaron á mesa de negociación limita o dereito de flexibilidade ao marcar prioridades e vinculalo ás necesidades do servizo. Débeselle “facer moito” permitir conciliar ao seu persoal. Nin sequera se propón ampliar ou dimensionar os cadros de persoal cando temos unha atención directa ao usuario/a ou buscar outras medidas organizativas.
E, que coa Lei de impulso demográfico, ampliaron a posibilidade de acollerse á flexibilidade por fillos/as menores de 18 anos, sorprendéndonos a todas, xa que levabamos anos a esixir pasar dos 12 actuais aos 14 anos (iso si, moitas das veces, e en moitas das consellerías, non dan a flexibilidade nin que sexan crianzas de dous anos). Pero A realidade é que, dous anos despois, aínda non se está aplicar e moitas familias de empregadas e empregados públicos comezaron o curso escolar 2023-2024 sen poder acollerse á flexibilización prometida.
Non é nada novo para o PP, facer campaña e propaganda cando só compilan medidas que xa estaban noutra lexislación, como queren facer na Lei de igualdade e na Lei de familias. Ao final, os datos dirán se medramos ou seguimos a decrecer demográficamente e como a pirámide poboacional crece invertida na Galiza.
En definitiva, non estamos a falar dun capricho individual para “funcionarios escaqueados” como nos queren vender, a conciliación familiar é un beneficio social que aumenta o benestar das familias e reduce o gasto público propio e dos servizos de atención social.
É unha cuestión fundamental para o desenvolvemento do país, para facer de ”punta de lanza” para outros sectores e, xa avisamos...
Na CIG non nos imos conformar cunha conciliación de rebaixas!
- Detalles
Defendemos que se amplíe o tempo de traballo ata 12 meses para todo o persoal e coa maior seguridade xurídica
O 26 de setembro de 2023 tivo lugar unha segunda xuntanza do Comité Intercentros para tratar a ampliación do tempo de traballo do persoal do SPIF de 9 meses a 12 meses. Nesta reunión CIG e CSIF emitimos o voto favorable logo de que a administración confirmase a inclusión expresa do persoal temporal e indefinido non fixo e o carácter voluntario desta ampliación de tempo de traballo. CCOO e UGT xa o fixeron na xuntanza do pasado venres, xa que como é habitual, conformábanse co primeiro borrador que nos puxeron diante.
Aínda así, esta nova proposta da Administración segue a ser insuficiente porque queda pendente a cuestión fundamental da ampliación do tempo de traballo para o persoal de 6 meses. Tamén solicitamos a aplicación deste acordo ao persoal oficial de defensa contra incendios forestais (categoría a extinguir).
Por iso, e tendo en conta que houbo cambios substanciais respecto do primeiro borrador e que temos que impulsar a ampliación do tempo a 12 meses para que a Administración non teña escusas e siga a paralizar todo coa súa ineptitude, apretamos ata o final para que o texto fora o máis exhaustivo posible. Coa CIG seguimos na loita: agora tócalle ampliar ao persoal de 6 meses.
AVANTE COA CIG!
- Detalles
No DOG do 26/09/2023 publican a RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a relación de persoas admitidas e excluídas con carácter definitivo que solicitaron a inclusión na lista única para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal da agrupación profesional do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña, ao abeiro do establecido no artigo 4.1 da Orde do 20 de xullo de 2021.
As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <listas de contratacion>; e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galiza (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes).
Nas devanditas listas figura a seguinte información:
– Persoas solicitantes admitidas na lista única, ao abeiro da Resolución do 12 de abril de 2023, procedentes de listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes, con indicación da puntuación definitiva resultante da aplicación do baremo, conforme o establecido no artigo 6 e na disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021, en relación co seu artigo 2.
– Persoas solicitantes admitidas na lista única, ao abeiro da Resolución do 12 de abril de 2023, procedentes das solicitudes presentadas no prazo do 2023 nas listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes segundo o punto sétimo da dita resolución, con indicación da puntuación definitiva resultante da aplicación do baremo, conforme o establecido no artigo 6 e na disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021, en relación co seu artigo 2.
– Persoas excluídas ao abeiro da Resolución do 11 de outubro de 2021, con expresión da causa de exclusión.
As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza.
- Detalles
A Xunta ten que retirar esa cláusula e rematar cos abusos ao persoal de Política Social
A CIG vén de gañar o conflito colectivo interposto perante o Tribunal Superior de Xustiza contra Política Social polas suspensións de contrato ao persoal substituto nos períodos vacacionais nos que pechan as escolas infantís de cero a tres anos da Axencia Galega de Servizos Sociais. A sentenza emitida, que é firme, obriga a Xunta a retirar esa cláusula ilegal rematando así cos abusos da Consellaría de Política Social ao persoal contratado interino ou temporal.
Nas Escolas Infantís da rede pública de cero a tres anos, a administración galega castigaba ao persoal interino a non cotizar, non cobrar e non ter acceso á prestación por desemprego durante o período vacacional no que pecha o centro, xa que lles aplicaban mediante unha cláusula nos seus contratos unha “suspensión”, deixándoos nun limbo durante ese período e sen ingresos.
A xeneralización desta cláusula inxusta nos contratos de traballo, por parte da Consellería de Política Social, xeraba graves prexuízos para o persoal afectado.
Unha vez celebrado, e gañado, o conflito do Consorcio, que declaraba nula esa cláusula contractual, a Consellaría de Política Social xa retirara dos contratos a dita cláusula.
En días previos ao xuízo á Xunta de Galiza achegou ao proceso 4 certificados das delegacións provinciais ás que está adscrita a AGSS, acreditativos de que a Administración acordara non introducir a cláusula de suspensión de contratos a partires do mes de marzo do 2023 (tras a sentenza, favorable as traballadoras, sobre o mesmo asunto no Consorcio).
O día da vista oral a letrada da Xunta de Galiza pretendeu que a Sala dera por rematado o proceso xudicial sen xulgar o fondo do asunto, aducindo que, como desde marzo a Xunta fixera compromiso de non introducir máis a cláusula nos contratos do persoal substituto, o preito xa non tería obxecto.
Con isto, pretendían conseguir dous obxectivos: Non ter unha sentenza definitiva en contra e quedar libres para facer o mesmo no futuro.
Agora, o TSXG ditamina que esa cláusula é nula:
<<...A cláusula incorporada en todos os contratos de interinidade por substitución de traballador/a con dereito a reserva de posto, pola que a AGSS adquire o dereito a suspender as relacións laborais das persoas traballadoras substitutas durante os períodos de vacacións e festas escolares das Escolas Infantís nas que prestan servizos, é nula por oporse a normas de dereito necesario...>>
A sentenza xa é firme e contra ela non cabe recurso polo que é de aplicación inmediata.
- Detalles
Este martes 19 de setembro participamos na Comisión de Persoal, na Mesa Xeral de negociación e na Mesa Sectorial de negociación de persoal funcionario, para discutir os seguintes asuntos: 1) unha modificación da RPT da Vicepresidencia 1ª e consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes; 2) a modificación da Orde que regula a flexibilidade por conciliación familiar; e 3) as convocatorias da promoción interna horizontal (funcionarización).
RPT VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA
A proposta que envían consiste en abrir os postos de Secretario/a Territorial (as catro provincias máis Vigo e Ferrol), para permitir ser cubertos por persoal docente e sanitario. Xa podían ser cubertas por persoal doutras administracións (estado, comunidades e local), pero non lles chega, e hai que colocar a algún profe ou sanitario, aos que non se lles esixiu saber de dereito administrativo, por exemplo.
A proposta amosa unha total desconfianza ou menosprezo á capacidade do persoal propio, pois de 3052 funcionarios e funcionarias de A1, teñen que abrir porque non hai 7 que lles sirvan.
Non ten encaixe abrir esas prazas ao persoal estatutario do Sergas porque os temarios dos seus procesos selectivos non teñen equivalencia cos temarios do grupo A1 da Xunta de Galiza. O mesmo temos que dicir do persoal docente.
A manobra resúmese en poder colocar a amigotes ou xente co carné na boca.
CIG, CCOO e UGT votamos en contra na Comisión de Persoal (CSIF non asistiu).
RPT de POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE
Traen esta modificación á Mesa Xeral para dar cumprimento á sentenza gañada pola CIG que anula unha modificación de RPT anterior. Aproveitan para meter cambios de estrutura e outras modificacións.
Houbo varias xuntanzas, pero unha total falta de documentación (nin memorias económicas, nin informes de orzamentos, nin listados de equivalencias de postos..). Ante esa situación, a CIG solicitou a retirada do asunto da orde do día. Remitímonos ás alegacións presentadas por escrito e ao manifestado nas xuntanzas previas.
O director xeral de Función Pública (DXFP) di que haberá outra xuntanza, e con máis documentación (de feito, xa a enviaron cando estabamos en medio da Mesa Xeral falando do asunto).
Revisada a documentación recibida, non temos claro se o DXFP nos toma o cabelo, non se entera ou non o teñen informado. Porque a documentación que remitiu aos sindicatos non ten nada novo, tan só lle dan formato pdf a unhas follas de cálculo que contiñan unha suposta memoria económica. Nada máis.
Despois de tres xuntanzas coa consellería de Política Social, mantemos as nosas alegacións, comezando pola nosa negativa a amortizar postos de traballo argumentando que son de difícil cobertura cando existen listas de substitución e persoas que queren traballar.
PROMOCIÓN INTERNA HORIZONTAL (FUNCIONARIZACIÓN LABORAIS FIXOS POSTERIORES AO EBEP)
A última modificación aproxímase máis aos procesos de funcionarizacion anteriores. Porén, aínda manteñen as taxas. Non vai ser un proceso de concorrencia competitiva polo que o persoal quedará no mesmo posto que ten. Avanzamos e finalmente van ter de referencia a batería de preguntas dos procesos anteriores, pero como aínda hai algúns erros no documento de convocatoria abren un novo prazo para presentar achegas. O director xeral da Función Pública enviará unha nova listaxe onde suman 98 postos máis que se van poder presentar neste proceso de funcionarizacion de persoal laboral fixo posterior ao EBEP. Se é o teu caso e non saes no listado ponte en contacto coa CIG.
MODIFICACIÓN DA FLEXIBILIDADE HORARIA POR CONCILIACIÓN FAMILIAR
Afeamos á Xunta o feito de que a teña sen regular a flexibilidade horaria por fillos menores dende a publicación da Lei de impulso demográfico (febreiro do 2021), o que fixo que algunhas consellerías o concedesen e outras a denegasen a espera dunha regulación que non da chegado.
Eliminan a parte da bolsa de horas coa escusa de “sacar isto canto antes”, paralizado dende hai case un ano por Función Pública. Imos para adiante con isto. Porén, demandamos negociar axiña a bolsa de horas e que sexa positiva (que permitan acumular horas feitas de máis).
Neste borrador de Orde botamos en falta unha definición clara da flexibilidade, do marco horario e do horario de referencia xa que, tal e como está, pode dar lugar a múltiples interpretacións. Por exemplo, con esta redacción, poden perpetuar as denegacións sistemáticas do persoal a quendas.
Debe quedar claro que é responsabilidade das xefaturas buscar un acordo que permita conciliar as necesidades da persoa solicitante e das necesidades de servizo, priorizando as medidas organizativas equilibradas co resto do persoal. E como é un dereito, hai que regulalo o mais posible para poder asumilo ordenadamente; máis ten que ser o suficientemente aberto para permitir que se adapte a multitude de tipos de postos de traballo que temos na Administración autonómica e con réximes horarios diferentes.
Aínda quedan cousas sen resolver: como se lles ocorre seguir a excluír da flexibilidade á totalidade do persoal non docente dos centros de ensino. Ou o problema de esixir acreditar a convivencia para o coidado de persoas maiores, ademais a referencia as familias mono marentais e parentais, marcar excesivas prioridades para o goce deste dereito, etc.
Este é o último borrador da Administración, e teremos un novo prazo de alegacións e unha nova reunión antes da súa aprobación na Comisión de Persoal.
- Detalles
Na nosa Administración temos postos itinerantes, postos con xornadas especiais e alongadas, e moitas outras situacións de traballo nas que se require traslado en coche propio, xantar e mesmo durmir fóra. En todos os casos, as cantidades indemnizadas levan 18 anos sen actualizarse (30/12/2005).
Na CIG levamos solicitado, tanto no marco estatal como no autonómico, a actualización das axudas de custe. Esta situación e especialmente gravosa para os postos itinerantes que teñen que usar coche propio continuamente, algúns con mais de mil quilómetros ao mes e que teñen que poñer cartos do seu peto, xa que os 0,19 € por km non cobren nin os gastos de gasolina (e moito menos os de mantemento do vehículo).
Ademais denunciamos as cantidades asignadas para o xantar, que varían en función do grupo ao que pertence o empregado público, como se as necesidades de alimentación tamén aumentaran co grupo. O mesmo para a durmida. Por iso esiximos que se actualicen as cantidades e que se igualen para a todo o persoal.
No mes de xullo entraron en vigor as novas cantidades para o quilometraxe mediante polo RD 462/2023, que pasou a 0,26 €/km. E logo de demandar que se aplicara na Xunta, o director xeral de Funcion Publica dixo que non era de aplicación directa e que necesitaban mudar a Orde. Solicitamos efectos retroactivos a entrada en vigor do BOE (18 de xullo).
Mais a pesar do prometido non veu a proposta de modificación para a Mesa Xeral do 19 e a aprobación na Comisión de Persoal xa que dixo que ía atender a nosa petición de actualizar tamén as cantidades de xantar e de algunha cousiña máis, e que iría para a semana que ven ás mesas.
Aledámonos de que a nosa Administración entrara en razón con esta cuestión mais entendemos que o efecto da quilometraxe a 0,26 debera ser retroactivo dende 18 de xullo.
Estes son os importes actuais: (DOG 30/12/2005)
O que se cobra en función do grupo | Grupo "alto" | Grupo "baixo" |
Axudas de custe por aloxamento | 102,56 € | 48,92 € |
Axudas de custe por manutención | 53,34 € | 28,21 € |
Axudas por quilómetro percorrido | 0,19 € |