Novas por contido

Esta nova xuntanza do 6 agosto foi para realizar o seguimento das solicitudes de vacacións e as incidencias que puideron xurdir. Tal e coma manifestamos dende a CIG, os criterios de concesión das vacacións teñen que ser por grupos de traballo (por brigada, motobomba ou grupo de emisoristas/vixilantes). Pero dende a Consellería está a aplicarse o criterio de repartilas por equipos ou categorías o que está a provocar unha chea de denegacións, e todo iso co visto e prace das demais organizacións sindicais.

Facemos constar, e isto xa é un clásico, que estes problemas nas concesións das vacacións agravase pola non cobertura de prazas vacantes, non vacantes e baixas. Co sistema horario deste acordo faise inda máis imprescindible contar co 100% das prazas cubertas.

A maiores na xuntanza tratáronse as seguintes cuestións a petición da CIG:

  1. Os traballadores e traballadoras do SPIF están a recibir unha nota interna sobre a hora de comida ou cea recollida no acordo. Entendemos que esta nota incumpre o establecido no acordo e os responsables de asinalas deben corrixilas xa. Reiteramos que o tempo de comida e cea é xornada de traballo, pero non tempo de traballo. O acordo é claro: disponse dunha hora para xantar e cear, e non concordamos o de que non se poden abandonar as dependencias para facelo. Constatamos que noutros casos poden saír a comer. Sorprendentemente dende a dirección xeral non se responsabilizan do recollido nesa nota e incluso nin concordan con parte do exposto nela.

  2. Recordámoslles que mentres as funcións dos e das emisoristas sexan as recollidas no V Convenio, este persoal ten como función principal a realización das transmisións entre as distintas unidades do SPDCIF a través dos medios postos a súa disposición, para asegurar unha adecuada comunicación dos avisos, ordes ou instrucións dentro do servizo, pero tal e coma recolle o PLADIGA 2024, baixo a supervisión dun/dunha superior.

Rogos, preguntas e outras cuestións:

  • Dende a Consellería comentase que hai centros de coordinación onde resulta imposible cumprir o Acordo. Non será porque dende a CIG non advertiramos de que isto se ía producir, pero a Administración non caeu da burra e implantou unha secuencia que dobra a quenda de tarde, o que fai imprescindible un mínimo de 8 persoas para cumprir co establecido no Acordo.

  • A Consellería propón para a caseta de vixilancia de Coto Agudo, do distrito I, quendas de 15:30 a 01:30 horas para persoal laboral e funcionario. Dende a CIG expoñemos que se estenda xa o Acordo a todo o persoal laboral e a outros casos nos que a situación sexa similar, coma por exemplo a caseta de Coto do Pilar.

  • Propoñen un horario para o Batracio de Becerreá de 10 h a 06 h (son 24 compoñentes dos cales 2 son xefes de brigada, 2 motobombistas e o resto bombeiros). Repartirán ao persoal en dúas brigadas por dia, de 6 compoñentes cada unha. Solicitamos que nos entreguen esta proposta por escrito e a maiores entendemos que faltan 2 xefes de brigada e dous condutores/as de motobomba para completar os equipos.

  • Como remate, o director xeral comenta que están a traballar nunha proposta de modificación de RPT cara o derradeiro trimestre do ano. Recordámoslle que dende a CIG xa propuxeramos antes da RPT de funcionarización, que era preciso a creación de prazas de xefe de brigada para garantir a operatividade do servizo. Daquelas augas estes lodos, con todo o que está a supoñer ter brigadas sen responsable.

Antes do verán tivemos novas sobre o aprazamento dos procesos de promoción interna e de libre, que nos obrigaron a esixirlle á directora xeral en varias ocasións aclaracións.

Despois de eludir o tema varias veces, respondeunos finalmente o 21 de xuño nunha comisión de persoal que “...se comprometían a poñer os medios necesarios para que se puidera cumprir o calendario anunciado.” Esta parecía a resposta correcta para non contradecir ao Presidente da Xunta que nunha nota de prensa anunciou as datas de exames de 22 procesos.

Pois ben, apenas mes e medio despois, Función Pública colga un novo calendario de exames no seu web, no que figuran cambios nos procesos de libre e promoción interna. No caso concreto da promoción interna de corpos xerais se apraza do 14 de decembro aos días 1 e 2 de febreiro de 2025. A maiores atopamos outras eivas como que no novo calendario poñen a data de exame de dous procesos da escala de veterinarios o mesmo día, cando se comprometeran a dar opción para que as persoas aspirantes puidesen concorrer ás dúas probas.

A desculpa de mal pagadora no caso da promoción interna a corpos xerais é que hai 21 persoas que están matriculadas na promoción interna e son á vez membros dos tribunais dos procesos de estabilización. Isto é de traca: na Xunta hai máis de 15.000 funcionarios e funcionarias de carreira e non se atreve a cesar a 21 membros dos tribunais e nomear outros 21?

Se non os/as atopa que non se preocupe, que lle facemos nós o traballo e buscámoslle 21 titulares e 21 suplentes se fai falta. Pero nos tememos que son desculpas e que realmente NON QUERE resolver o problema e acode á vía máis doada e cómoda para ela: adiar, que é o tradicional principio informador das políticas de persoal na Xunta.

Moitas/os compañeiras/os reservaron días e vacacións para o mes de outubro ou decidiron seguir matriculados/as en academias, ou simplemente organizaron a súa vida persoal en función das datas que esta directora xeral garantía.

Polo que podemos observar nesta dirección xeral cambian as persoas titulares pero arrástranse as mesmas políticas: cambian caras para que nada cambie.

A CIG solicitou esta formación na xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Medio Ambiente de setembro de 2023.

Esta é a información remitida pola Vicesecretaría Xeral sobre o curso:

Programa

  • Teoría xeral: sensibilización ante o consumo enerxético e o desenvolvemento do medio ambiente.
  • Outros combustíbeis e enerxías
  • Sistemas de seguridade ADAS
  • Técnicas de condución
  • Fase práctica

Obxectivos

  • Adestrar ao persoal condutor no uso do automóbil todo terreo con técnicas de condución seguras e eficientes
  • Formar sobre os conceptos máis relevantes dunha condución autónoma e os seus sistemas de seguridade para utilizar o automóbil moderno con maior seguridade
  • Formar e informar sobre os tipos de enerxía a empregar segundo a conveniencia ambiental, coa intención de diminuír a emisión de partículas contaminantes ao medioambiente e garantir así unha condución racional
  • Formar e informar sobre a normativa actual que afecta á circulación dos vehículos máis actuais

Inscrición: do 26 de agosto ao 4 de setembro

Empregarase a plataforma de Academia Galega de Seguridade Públic a- AGASP, onde será preciso rexistrarse previamente, para despois buscar o curso e facer a inscrición.

Prazas convocadas: 30 prazas, 15 por cada edición

Persoas destinatarias: axentes, capataces e capatazas, oficiais, vixiantes e peóns e peoas da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e dos seus servizos provinciais.

Criterios de selección: no caso de ser necesario o desempate realizarase pola orde de inscrición.

Horario: de 8:00 h a 15:00 h 

Edicións: Edición 1: 18 de setembro de 2024; Edición 2: 25 de setembro de 2024

Duración: 7 horas

Lugar: será impartido en Curtis, na Escuela de Conducción y Transporte de Galicia, situada no Polígono industrial de Teixeiro, parcela de aparcadoiro norte, rúa H.

Na instrución da Vicesecretaría Xeral indícase que o criterio de selección é cumprir co requisito de ser persoal destinatario, e que de haber desempate se fará por orde de inscrición. Na CIG consideramos arbitrario e inválido este criterio de desempate, que ademais ignora a obrigada aplicación da perspectiva de xénero no acceso á formación; un criterio que solicitamos que se mude antes da apertura do prazo de solicitudes, e que se elimine definitivamente nas futuras convocatorias de formación de toda a Xunta. No caso de haber máis solicitudes que prazas, demandamos que se fagan máis edicións desta actividade, para que todo o persoal interesado poida formarse e actualizarse en cuestións que repercuten na seguridade, saúde e prevención de riscos laborais.

Aproveitamos a ocasión para incidir na necesidade de que a Consellaría de Medio Ambiente se comprometa a elaborar un plan de formación anual de cara a 2025 que incremente e amplíe a formación técnica, específica e de actualización de todo o seu persoal con competencias específicas na materia (toma de mostras, programas informáticos, actualización da lexislación e demais formación necesaria para garantir a eficacia das traballadoras e traballadores). 

Por outra banda, tamén consideramos precisa a coordinación con Medio Rural, Consellería do Mar e incluso Presidencia, de ser o caso, para garantir a eficiencia dos medios en actividades formativas específicas como a condución segura, entre outra formación; e que se cree, por motivos de transparencia e información pública, un rexistro oficial de persoal formador onde se expliciten que entidades imparten a formación, a modalidade de contratación e os criterios de selección docente para toda a formación non transversal tanto de Medio Ambiente como do Medio Rural, Presidencia e demais consellarías.

 

  

Na Comisión de Persoal do martes 6 de agosto, a CIG insistiu en preguntar que pensan facer coas prazas non cubertas de discapacidade nos procesos de estabilización da Lei 20/21, posto que a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) quedou por dúas veces en estudalo e dar resposta. Por terceira vez resposta que van a estudalo e xa darán resposta.

Na mesma sesión, a DXEP informou de que publicaron no web de Función Pública un novo calendario do primeiro exercicio dos procesos selectivos convocados en 2023 e 2024. A súa explicación foi a seguinte:

  • Do 2023 son 22 procesos convocados, hai 19 pendentes de primeiro exercicio. Manteñen as datas previamente anunciadas con pequenas variacións en cinco deles por razóns organizativas.
  • O primeiro exercicio dos catro procesos de promoción interna separada de corpos xerais serán os día 1 e 2 de febreiro de 2025. Asegura que non se poden convocar antes porque hai 21 persoas inscritas que forman parte dalgún tribunal dos procesos da Lei 20/21. Isto implica que estas persoas terían que renunciar á súa promoción interna ou aos tribunais no momento de publicación das listas provisionais de persoas admitidas e excluídas. E por iso van a atrasar esta publicación á primeira semana de xaneiro do 2025.
  • O primeiro exercicio dos procesos para persoas con discapacidade intelectual non será antes de xuño/2025 dado que está pendente a publicación do temario no DOG, e as asociacións non queren que se faga o exercicio ata pasados 6-9 meses da publicación do temario.
  • Dos 25 procesos convocados no 2024 (13 de acceso libre, 11 de promoción interna separada e 1 para persoas con discapacidade intelectual), o primeiro exercicio realizarase entre marzo e xuño de 2025.
  • Non se presentou ningunha solicitude á especialidade de enxeñaría técnica de obras públicas por promoción interna, polo que non se inclúe no calendario.

A Comisión de Persoal do martes 6 de agosto aprobou a convocatoria do proceso selectivo á escala de letrados/as da Administración Autonómica, co voto en contra de todos os sindicatos con representación: CIG, CCOO, CSIF e UGT. Un proceso cheo de absurdos, obstáculos, subxectividades.. Un proceso tan mal deseñado que ano tras ano quedan prazas sen cubrir.

PROMOCIÓN INTERNA INEXISTENTE

A Xunta vai permitir que o persoal funcionario de calquera escala de A1 e A2 poida participar na promoción interna á escala de letrados: marabilloso. Pero vai ser sen que exista algunha diferenza entre a promoción interna e o acceso libre. Serán as mesmas probas, o mesmo temario, exactamente iguais, nun proceso en forma de oposición, sen fase de concurso.

Inicialmente nen sequera cumprían co mínimo legal do 25% para a promoción interna (2 prazas de 10, que aumentaron a 3 tras o aviso da CIG nas xuntanzas previas).

A CIG reclama a promoción interna do 50% das prazas, nun proceso por concurso-oposición, con exención de exames e temario para a promoción interna, nun proceso independente do acceso libre.

UN PROCESO INADECUADO: PRAZAS QUE NON SE COBREN

En letrados/as sempre quedan prazas sen cubrir nos procesos selectivos. Non chega nin ao 50%:

 Ano da OEP  Convocadas  Aprobadas
2013 6 3
2015 4 2
2018 4 1
2019 8 2
2022 en execución    
Total 22 8 (36%)

Non é posible manter que do conxunto de persoas que se presentaron aos exercicios de todos eses anos anteriores, non haxa un número abondo de persoas preparadas para cubrir 22 prazas. Esta experiencia o que nos di é que temos un modelo de proceso selectivo que non funciona e hai que cambiar.

UN PROCESO INADECUADO: O TIPO DE PROBAS E OS CORTES

A CIG non renuncia a súa pretensión de que todas as probas sexan de corrección obxectiva (test), pero para comezar, poderían simplificar o proceso: demasiadas probas orais, demasiados cortes.

  • Supresión dun dos dous exercicios de exames orais (de 7 temas cada exame).
  • Supresión dun dos dous exercicios escritos con lectura posterior e preguntas polo Tribunal.
  • Que as materias obxecto de cada exercicio non se repitan nos exercicios seguintes (eliminar materia entre exercicios).

Para superar o proceso selectivo, as persoas candidatas teñen que salvar a animalada de 16 notas de cortes. Si, 16 cortes. Porque hai dous exercicios que consisten en examinarse oralmente de 7 temas cada un, e hai que sacar un aprobado en cada un deses 14 temas. Non vale facer un exame perfecto pero patinar un pouco nun dos 14 temas, hai que aprobalos TODOS. E hai outros dous exames que tamén teñen o seu propio corte. En total, hai que obter unha puntuación mínima do 50% da nota en cada un dos 16 cortes.

SEN NEGOCIACIÓN

A convocatoria de letrados/as foi despachada en dúas patadas, cunhas bases idénticas ás da convocatoria do 2023, tan só coa corrección dalgún erro, como incrementar unha praza de promoción interna ante o aviso da CIG de que non se cumpría sequera co mínimo do 25%.

Foi tan inexistente a negociación que mesmo non aceptaron algo tan mínimo como engadir todos os exames para os casos de desempate, xa que coas bases actuais só teñen en conta dous exames de seis, e xa pasamos á lotería da letra do apelido. Custaba algo indicar que todos e cada un dos exames serían tidos en conta para o desempate sen ter que chegar ao chou do apelido?

AS PRAZAS QUE NON CONVOCAN

Montan un lio co número de prazas ofertadas e convocadas. A convocatoria do ano 2023 foi de 10 prazas, das que 4 eran da OEP-2020, 4 do 2021 e 2 do 2022. Quedaron outras 8 prazas do 2022 sen convocar.

Agora recollen esas 8 prazas pendentes da OEP-2022, e suman 2 prazas da OEP-2023. En total, son as 10 prazas que convocan agora. Pero e que quedan outras 8 prazas da OEP-2023 sen convocar. Por que? Está claro que queren dosificar a oferta, e vamos arrastrando ano tras anos prazas que quedan sen convocar, torando a oferta en varias convocatorias.

A CIG demanda que se convoquen xa agora todas as prazas existentes nas ofertas pendentes de convocar, de xeito que a convocatoria do 2024 recolla as 18 prazas pendentes e non 10 deixando 8 para outro ano.

O investimento en residencias e centros de día: unha porta aberta a privatizar o coidado dos nosos maiores

Nos derradeiros anos estamos a ser testemuñas dun crecente interese por parte da Administración Pública en fomentar a inversión pública na construción de centros de maiores para posteriormente ceder a súa xestión a empresas privadas “amigas”; obtendo estas unha serie de beneficios como poden ser fundamentalmente os económicos; non asumindo os custos iniciais (infraestruturas), o que se traduce nunhas marxes de ganancias moi elevadas, mentres os nosos maiores son os que pagan as consecuencias dunha xestión enfocada o lucro.

Exemplo disto témolo nas inversións anunciadas pola Xunta, entre outras, de 1,2 millóns de euros na construción dunha residencia de maiores en A Peroxa e de 600.000 € nun centro de día en Vilamarín.

Ao priorizar os beneficios económicos a curto prazo, estas empresas poden descoidar aspectos fundamentais como a equidade no acceso aos servizos e a atención as necesidades dun dos sectores de poboación máis vulnerables.

Por que a xestión pública é esencial?

  • Enfoque do interese público: As administracións públicas teñen como obxectivo principal garantir o benestar dos/as cidadáns, priorizando o acceso a servizos básicos de calidade para todos/as.
  • Maior transparencia: Os procesos de contratación e xestión de servizos públicos son transparentes e están suxeitos a un maior control cidadán.
  • Investimento a longo prazo: As administracións públicas poden realizar investimentos a longo prazo en infraestruturas e tecnoloxías, asegurando a sustentabilidade dos servizos.
  • Equidade: A xestión pública busca garantir a equidade no acceso aos servizos, evitando a discriminación e a exclusión social. 

A Administración Pública perde o control sobre a prestación do servizo e exímese de responsabilidades

A falta de persoal cualificado e a redución de ratios de coidadores/as por residente repercuten nos coidados dos maiores, priorizándose os beneficios económicos sobre a calidade do servizo.

Dende a CIG esiximos que a Administración revirta esta situación e camiñe cara mellorar os servizos de toda a rede de residencias e centros de día do país e, nomeadamente, nos citados de próxima contrucción na Peroxa e Vilamarín e tamén no futuro centro de discapacitados de Ourense; a través dunha xestión propia con fondos públicos destinados a dar e garantir un servizo e unha atención pública de calidade.

Os nosos maiores merecen o mellor

No DOG do 5 de agosto de 2024 sae publicada a Resolución do 26 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se anuncia a exposición das listaxes provisionais das axudas aprobadas e denegadas en relación cos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2023 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade.

As devanditas listaxes poderán consultarse no web da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal. Para o coñecemento íntegro do acto, as persoas solicitantes deberán introducir nos espazos habilitados para o efecto o NIF e o código de impresión da súa solicitude.

Reclamacións e emendas: contra esta resolución, as persoas interesadas poderán presentar unha reclamación e/ou emendar os defectos causantes da exclusión, dirixíndose á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal da Consellaría de Facenda e Administración Pública mediante calquera dos rexistros públicos, oficinas de Correos e demais lugares establecidos no artigo 16.4 da devandita Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. 

Prazo: dende o 6 de agosto até o 10 de setembro.

Na Comisión de Persoal do venres 2 de agosto CCOO e UGT votaron a favor dunha RPT de funcionarización que supón perdas retributivas de ata 3.000 € nalgunhas categorías laborais

O persoal laboral fixo da categoría 009 do grupo V, vixiantes de recursos naturais, de acordo coas sentenzas firmes, percibe as súas retribucións do grupo IV ao probarse que desenvolven as mesmas tarefas que os gardas xuramentados fluviais, categoría 007 do grupo IV, polo que, mentras sigan desenvolvendo as mesmas funcións continuarán percibindo as retribucións do grupo IV; de facto é unha reclasificación ao grupo IV.

A dirección xeral de Emprego Público, nun acto de ocultación desta realidade, executa a equivalencia partindo do grupo V e non do IV, polo que este persoal que ten recoñecidos os pluses de penosidade, perigosidade, toxicidade e dedicación que ascenden a unha contía anual próxima aos 4.000 €, ao propoñer a súa funcionarización no subgrupo C2, complemento destino nível 15 e complemento específico nível 16, vai sufrir unha perda retributiva de case que uns 2.000 € anuais.

Categoría 005, grupo IV, oficiais 2ª de cociña, dos centros de ensino da consellaría de Educación

Moitos destes postos de traballo, de acordo coas resolucións xudiciais, cobran a superior categoría de oficial 1ª grupo III, ao estimarse que desenvolven as tarefas desta categoría e, ano tras ano, veñen obtendo este recoñecemento. Tamén hai varias sentenzas reclasificatorias do grupo III.
Polo tanto, se este persoal acepta o nomeamento como funcionario da escala, vai sufrir unha perda salarial de case que 3.000 € anuais. Xa van moitos anos que vimos demandando a homoxenización das cociñas para que a persoa responsable das mesmas fose a categoría de oficial 1ª, tal como acontece nas escolas infantís.

Categorías de analistas de laboratorio, de auxiliar coidador (centro educación especial Terra de Ferrol) e outro persoal que teñen sentenzas firmes de recoñecemento de pluses (ex. perigosidade), que non están reflectidas na RPT, van a funcionarizar cunha perda retributiva de máis de 1.000 € anuais.

A funcionarización que idearon entre a antiga Función Pública, CCOO e UGT coma unha chantaxe para a percepción da carreira profesional e do complemento de desempeño, seica non ía supoñer unha merma do poder adquisitivo; así o venderon sempre, pero a realidade está a demostrar todo o contrario.

Fronte a isto, na Comisión de Persoal a CIG esixiu unha reorientación da funcionarización para que non houbese ningunha perda retributiva que poidera provocar un rexeitamento do nomeamento como persoal funcionario e o conseguinte decaemento do complemento de desempeño.

Mais lamentablemente, o que quedou claro hoxe é que grazas a CCOO e UGT moito persoal laboral fixo se se quere funcionarizar vai ser a costa de perder moitos cartos.

Dende a CIG pedimos explicacións sobre a supresión de todos os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas 2024, o incumprimento do compromiso da EGAP de elaborar os temarios para os procesos selectivos e a insuficiente oferta en linguaxe administrativa galega, xunto coa de igualdade ou COMDIX.

Non recibimos resposta a ningunha das queixas e escritos que a CIG remitira a Sonia Rodríguez-Campos. A directora da EGAP argumenta agora que non se puideron levar a cabo os actos das Letras polo cambio estrutural das consellarías, argumento tan insuficiente como feble, pois entón terían que terse paralizado todas as demais actividades da Escola tamén.

Cando lembramos o compromiso de elaboración dos temarios, a directora da EGAP bota a pelota enriba do tellado de Función Pública dicindo que a Escola está aberta ás propostas, mentres asistimos á privatización dos temarios da escala de orientación laboral (grupo A2), licitados e asignados vía contrato menor de servizos e tramitación ordinaria á empresa Noroeste de Valor Asociados, S.L. cun orzamento base de 17.847,50 € (difusión o 25-03-2024), e sobre os que se advirte de que se trata duns temarios de apoio, non oficiais e que contan cun aviso de exención de responsabilidade por parte da empresa.

A secretaria da EGAP gabouse de ter tres materias cunha gran demanda en relación ás prazas ofertadas: linguaxe administrativa 900 prazas/5.000 solicitudes, COMDIX 850 prazas/5.601 solicitudes e igualdade e violencia de xénero 1.889 prazas/11.911 solicitudes. Levamos moitos anos con ofertas moi insuficientes de formación sen que sexan un problema a solventar, senón un motivo incomprensíbel de satisfacción na xestión por parte das persoas responsábeis, tendo en conta, ademais, que as e os traballadoras/es contribuímos con cada nómina ao financiamento da nosa formación. Ás nosas preguntas, balóns fóra, porque todo depende doutras instancias; no caso dos cursos de linguaxe administrativa dependen de Normalización Lingüística, dado que a EGAP se limita a dar soporte. Pois ao mellor ese mesmo é o problema!

Outras queixas e demandas da CIG foron: a opacidade do rexistro de formadoras/es da EGAP (como a dos criterios de selección de persoal empregado público e outras/os docentes, e as remuneracións); o incumprimento da carta de servizos da EGAP; a baixa calidade, o incumprimento de horarios ou ausencia de enquisas de valoración nalgúns cursos; a necesidade de formación específica para as distintas escalas, que non ten resposta; e que o persoal de AGACAL non está incluído nesta formación. A directora e todas as/os responsábeis presentes non contestaron. Tamén nos chamou a atención a cantidade salientábel de fondos que van destinados aos convenios coas entidades locais.

Na xuntanza quedáronnos moitas cousas no tinteiro por imposibilidade de tratalas todas en tan pouco tempo, pero a CIG vai seguir demandando máis galego, máis transparencia, temarios públicos e oficiais para todas as categorías, máis calidade, e máis e mellor formación, e imos insistir en darlle solución a todas e cada unha das problemáticas que nos afectan, polo que xa estamos a traballar no seguinte Consello Reitor deste 2024. Se queres facernos chegar as túas suxestións, envíanolas a través deste formulario

  

 

 

No DOG do 2 de agosto publican as resolucións polas que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de carreira profesional:

Contra estas resolucións poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, ou demanda ante a xurisdicción social para o persoal laboral e recurso contencioso-administrativo para o persoal funcionario, no prazo de dous meses.

Outras novas recentes

Luns, 08 Xuño 2026

Caos nas listaxes de contratación

O venres 05/06/26 na Comisión de Persoal, dende a CIG, demos aviso de que as listas de contratación estaban resultando un caos, e que así o estaba reclamando o persoal a través de queixas por rexistro que nos están facilitando, xa que están recibindo chamadas para incorporarse no posto unha hora despois e senón serán penalizadas; e notificacións con coberturas que, en vez...
Mércores, 03 Xuño 2026

RPT da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza (para CP 05/06/26)

Após a xuntanza da Mesa Sectorial do Persoal Funcionario do luns 01/06/2026 onde se tratou a proposta de modificación da RPT da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, agora a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal vén de convocarnos a unha Comisión de Persoal que terá lugar o venres 05/06/2026, coa seguinte Orde do día: 1. Proposta de...
Luns, 08 Xuño 2026

Inicio de curso nas escolas infantís

Na Comisión do venres 5 de xuño trasladamos o que xa rexistramos ante a Consellaría de Política Social a respecto do inicio de curso nas escolas infantís.  As familias nestes días de matrícula están preguntando polo inicio de curso, e as respostas actuais son, por unha banda, incertezas e, pola outra, temos a resolución publicada co inicio de curso para o día 4 de setembro...