Novas por contido

No DOG do 20/02/2023 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2023 pola que se convocan as actividades de formación continua en materia de idiomas para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galiza, da Administración de xustiza, das entidades locais e de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galiza (SUG).

Poderá participar nas actividades formativas convocadas nesta resolución o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional de Galiza, da Administración de xustiza, das entidades locais de Galiza e de administración e servizos (PAS) das universidades do SUG, que se encontre en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria para cada un dos casos no anexo II.

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e ata o 1 de marzo de 2023.

O número máximo de actividades formativas que se poden solicitar nesta convocatoria limítase a tres.

Debido á alta demanda dos cursos de idiomas na modalidade de teleformación, establécense as seguintes limitacións:

– Cada persoa só poderá solicitar un nivel por cada idioma ofertado na modalidade de teleformación.

– Non se poderá solicitar o mesmo nivel cursado na anterior convocatoria.

Criterios de selección

1. Proba de nivel nas actividades de idiomas de teleformación:

Durante o prazo de presentación de solicitudes, todo o persoal que desexe solicitar algún dos niveis das actividades de lingua inglesa, francesa, alemá e portuguesa impartidas na modalidade de teleformación terá dispoñible unha proba de nivel orientativa.

As persoas que estean interesadas en realizar a proba de nivel deberán acceder á aula virtual da EGAP no enderezo <https://egap.xunta.gal/aulavirtual/> utilizando o mesmo usuario e contrasinal que na zona de matrícula. Neste caso, despois de realizar a proba de nivel deberanse matricular nas actividades formativas que se correspondan co nivel obtido.

2. Proba de nivel nas actividades de idiomas presenciais e telepresenciais:

A proba de nivel realizarase con anterioridade ao inicio da actividade, para os efectos de seleccionar grupos o máis homoxéneos posibles.

Novo pau xudicial. O TSXG condena á Xunta por violar a liberdade sindical e non negociar a RPT da Consellería de Política Social

Tras a denuncia da CIG, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declara nula a relación de postos de traballo da Consellería de Política Social por falta de negociación coa representación do persoal.

Lamentablemente esta é unha práctica habitual da Administración Autonómica en moitas das RPTs e en cuestións que afectan ás condicións de traballo do seu persoal. De feito, non é a primeira vez que a xustiza tumba unha relación de postos de traballo.

A instancia da CIG o TSXG anulou tamén a RPT da Consellería de Economía, Emprego e Industria, publicada o 17/07/2018, por vulneración do dereito á negociación colectiva, vulneración do procedemento, ausencia de avaliación orzamentaria e falta de motivación dos actos administrativos.

A RPT da Consellería de Política Social modificada o 3 de agosto de 2021 foi declarada nula por falta de negociación real

Cumpre lembrar que nesa modificación da RPT da Consellería de Política Social suprimíronse 6 postos de traballo, creáronse 9 e mudaron as condicións de 95 postos, entre persoal funcionario e laboral. Todo isto sen unha xustificación axeitada e sen enviar a documentación ás organizacións sindicais con tempo suficiente para ser analizada e para poder alegar e negociar.

Reprende á Xunta de Galiza pola práctica habitual da Dirección Xeral da Función Pública na Mesa Xeral de Empregados Públicos

Resalta o tribunal que tan só 2 días para examinar a documentación non é prazo suficiente e tíralle das orellas a Xunta pola saturación de asuntos na mesma Mesa, o que dificulta a negociación efectiva de cada un deles. O pan de cada día en absolutamente todas as mesas de negociación que convoca!

“Difícilmente, en tan escaso período de tiempo, pueden aglutinarse la exposición de la propuesta, las opiniones previas de los asistentes y, en definitiva, una negociación real”

Por sentencia de este mismo Tribunal, de fecha 19 de febrero de 2014, se estableció que <<…el derecho a “negociar” supone algo menos que el derecho a conseguir “acordar”, pero algo más que el derecho a “informar”… en las Mesas de Negociación se han de debatir todas las propuestas, y negociar significa proponer cuestiones, modificar criterios, apuntar soluciones o problemas, detallar elementos, en fin, negociar significa plantear y tratar todo el amplio abanico de opciones que puedan plantearse y tratarse ante un concreto punto de debate. …>>.

A Comisión de Persoal non é unha mesa de negociación

Sobre o uso que está a facer da Comisión de Persoal para validar asuntos que non foron acordados nas mesas de negociación, o tribunal lémbralle á Xunta textualmente:

“dicho órgano colegiado de la Administración es ajeno a los procesos de negociación, en cuanto solo cumple funciones de asesoramiento y coordinación de cara a la negociación propiamente dicha, como ya tuvo ocasión de señalar esta misma Sala y Sección, en sentencia de 17 de junio de 2020 (PO 336/2018). De ahí que en esa reunión solo se haya procedido a la votación de la propuesta con el siguiente resultado: Voto en contra de CIG, CCOO, CSIF, UGT. Pese a ello, el Director General de Función Pública declaró aprobada la propuesta con los votos en contra citados.”

O fallo anula e obriga a renegociar en condicións a RPT e impón custas xudiciais á Xunta

En conclusión, tras estes argumentos o tribunal fallou anular a relación de postos de traballo, publicar ese acto, renegociala cumprindo as garantías negociais e impón custas xudiciais. Agardamos que a Administración non recorra esta sentenza en casación prolongando a súa agonía e aumentando o gasto público.

A CIG esixe o cese do Director Xeral da Función Pública

Na CIG valoramos moi positivamente este fallo no que a Xustiza aclara que a maioría dos actos negociais que executa a nosa Administración son meros actos de paripé. Porén este Director Xeral da Función Pública xa leva varias sentenzas deste tipo, de vulneración da liberdade sindical e o dereito á negociación colectiva do seu persoal, e non aprende, polo que solicitamos de novo o seu cese.

 

 

Recibimos proposta do Fondo de Acción Social do ano 2022. Temos ata o día 23 para presentar alegacións (contacta coa CIG).

Nun vistazo rápido observamos que este documento e clavadiño ao do ano pasado (FAS 2021). So cambian as contias polas que se ten dereito a solicitala. Nen sequera aumentan o presuposto.

Como todos os anos (sen que acepten mover unha letra), solicitamos a recuperación o Fondo de Acción Social (FAS) anterior o 2012.

Con esta modificación pretende cargarse unha morea de prazas de centros de ensino para favorecer a sua nova estrutura coa que crea máis de 12 postos de subdirección e xefatura de servizo e sección, xunto a 5 postos de xefatura de negociado para atendelos.

Por si fora pouco, aproveitan para empeorar as condicións de traballo nos centros de ensino e nos arquivos e bibliotecas, que pasan a xornada partida (maña e tarde). E funcionarizan prazas a moreas sen negociar a estrutura salarial e mudar horarios.

Esta consellería caracterízase por ningunear ao persoal non docente dos centros de ensino sobrecargandoo con horarios imposibles e amortizando postos cunha circular de rateos imposta no ano 1994.

Esiximos que se inclúan nesta modificación as prazas creadas neste curso 2022-2023 (aux. coidadores/as, enfermeiros/as...) para que non repitan o de deixalas no limbo durante anos. Responden que houbo un compromiso na anterior xuntanza de actualizar esta situación pero que xa o traerán, que agora non.

Opoñémonos a amortización (sobre todo de postos bases) coa xustificación das novas tecnoloxías e a difícil cobertura destes postos. Solicitámoslle que o xustifiquen con datos de cantas veces se ofertaron en comisións de servizo, cantas en concurso de traslados, cantas foron a listas de contratación. Non teñen resposta.

Opoñémonos ao traspaso de dous subalternos ao Centro de Centro Galego da Innovación da Formación Profesional baseándose nos rateos establecidos na Circular do 6 de xuño de 1994, porque entendemos que non é un traspaso xa que é amortización e nova creación, e porque entendemos que os rateos establecidos hai 30 anos están obsoletos e esiximos a inmediata convocatoria dunha mesa de negociación específica para a súa modificación. Din que para isto teñen que pedir autorización a Facenda porque supón incremento de orzamento.., o mesmo que dixeron en veces anteriores.

Parécenos insuficiente o persoal do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional (1 xefatura de negociado e 2 subalternos/as), polo que solicitamos a creación dos postos necesarios para o bo funcionamento deste centro, incluído o persoal de limpeza que esiximos sexa persoal propio da Administración e non persoal de empresas externas.

Opoñémonos á apertura de postos a persoal docente. Exemplo: non se entende que unha xefatura de servizo de apoio económico poida estar aberta a persoal docente ao que nos seus procesos selectivos non se lle piden os coñecementos relacionados coas funcións deste posto. Sorpréndenos que CCOO afirme que non teñen problemas coa apertura de postos a persoal docente.

Pedimos información de porque o posto de vixiante da Biblioteca da Coruña (laboral) pasa a persoal subalterno/a (funcionario/a). Primeiro din que é vacante, despois que está ocupado por laboral temporal.., asi que ó final non sabemos en que situación está. A maiores, entendemos que esta modificación excede ás competencias da consellería e debe ser tratada no ámbito oportuno cando se proceda á funcionarización desta categoría.

Pedimos explicación da recualificación dun posto de subalterno do arquivo do Reino de Galiza que pasa a vixiante (caso contrario do anterior). Non saben moi ben que contestar e din que ten que ser un erro.

A representación da consellería ten presa, o que equivale a dicir que pasarán a apisoadora rapidamente. Próxima xuntanza: venres 24.

A Consellería de Facenda e Administración Pública convocounos a unha xuntanza para o día 20 de febreiro, para tratar unha proposta de modificación da súa relación de postos de traballo (RPT). Se é do teu interese, esta é a súa proposta: descargar.

Os cambios, que en case todos os casos implican creacións, amortizacións e modificacións, afectan a:

  • Secretaría xeral técnica e do patrimonio
  • Intervención xeral da comunidade autónoma
  • Dirección xeral de planificación e orzamentos
  • Dirección xeral de política financeira e tesouro
  • Dirección xeral de política de cohesión e fondos europeos
  • Dirección xeral da función pública
  • Dirección xeral de simplificación administrativa
  • Tribunal administrativo de contratación pública da comunidade autónoma de Galiza

Agás un posto de Pontevedra, todos os demáis afectan a servizos centrais.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade convocounos a unha xuntanza para o día 24 de febreiro, para tratar a proposta de modificación da RPT da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Nesta ligazón tes a proposta: descargar.

Nunha ollada rápida, a proposta ten o seguinte contido:

  • Modificacións derivadas da estrutura orgánica da Axencia (o que inclúe creacións e modificacións)
  • Outras modificación (non derivadas da estrutura): 
    • Eliminan 8 postos, todos eles de C2 (auxiliar administrativo) e subalterno, en servizos centrais. 
    • Crean 4 postos (1 xefatura de sección, 1 xefatura de negociado, 1 xefe de produción, 1 director [libre designación])
    • Modifican un número importante de postos (modificación de denominación, forma de provisión, cambio de niveis, adxudicación de pluses, cambio de códigos, engaden observacións de horarios, cambio de titulacións, cambio de departamento)

Estamos convocados para unha xuntanza da Mesa Xeral de Empregados/as Públicos/as, que será o venres 17 de febreiro, cos seguintes asuntos na Orde do día:

1. Modificación da RPT da Vicepresidencia Primeira e consellería de Economía, Industria e Innovación. Descargar

2. Modificación da RPT da consellería de Sanidade. Descargar

3. Proxecto de Orde pola que se modifica o Anexo do Decreto 165/2019, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galiza. Descargar.

No DOG do 16/02/2023 publican a RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listas definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.

As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de «Listas de contratación», no Servizo de Atención e Información á Cidadanía, a través do teléfono 012, e nas oficinas de Rexistro e Atención á Cidadanía da Xunta de Galiza (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Segunda e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes).

As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

As persoas solicitantes excluídas disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para solicitar a devolución das taxas por dereitos de inscrición.

O luns 13 de febreiro participamos nunha xuntanza para tratar a proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Presidencia da Xunta e da Axencia de Turismo de Galiza (ATURGA).

A representación da Consellería comunica uns cambios na súa proposta:

  • O incremento do complemento específico para os postos da Casa de Galiza en Madrid, que chegaría aos 2.800 € anuais.
  • Os negociados que se crean estarán abertos exclusivamente a persoal da Xunta de Galiza.
  • O custe do aumento do complementos e da creación destes postos finánciase coa amortización de vacantes non ocupadas.

Por parte da ATURGA a modificación ven derivada da futura aprobación do Decreto de creación dunha área de turismo termal en Ourense. Crearase unha praza de xefatura de área (libre designación A1/A2), aberta a persoal da Xunta de Galiza, outras administracións e persoal docente. Crearanse dúas prazas de xefatura de sección nível 25 (A1/A2/C1), abertas exclusivamente a persoal da Xunta.

A maiores propoñen que a xefatura de sección de supervisión técnico turística, aberta exclusivamente a corpos especiais, se abra só á Administración xeral, dadas as funcións administrativas e debido a problemas de cobertura. Esta modificación non ten custo orzamentario.

RPT da Consellería de Presidencia

Dende a CIG remitímonos ás alegacións presentadas:

1.-Cambios de adscrición de postos: solicitamos saber que postos están ocupados e cales non, porque consideramos que se está a producir un concurso encuberto entre as distintas unidades. Pois non ten sentido que se movan postos iguais entre direccións xerais se ademais estes teñen persoa ocupando o posto. Exemplo as secretarias das subdireccións e tamén pasa con xefaturas de sección. O concurso de traslados é o sistema legalmente establecido para estes cambios. Solicitamos que se manteñan os postos nas unidades que se atopan e, en canto ao resto, se amorticen os postos que se pretenden cambiar e, ao tempo, se creen nos novos departamentos onde sexan necesarios, de xeito que non se destrúa emprego público.

2.- Casa de Galiza: Referente ao incremento do complemento da Casa De Galiza en Madrid, está vencellado a subas salariais marcadas polo Estado en base ao IPC polo que entendemos que o argumento do custo da vida é para todas as persoas por igual ao tempo que supón un agravio para o resto do persoal desta administración.

Estamos de acordo en que se lles suba o complemento pero tampouco é moi coherente que sexa lineal porque hai agravio salarial entre os distintos niveis que ten o persoal deste centro. O lóxico sería modificar os níveis dese persoal e, dende logo, nunca utilizar amortizacións de postos para financiar o aumento dun complemento. Non entendemos que os novos postos de negociado que se crean sexan nivel 20 cando o que xa existe se quede nun 18.

Estamos totalmente en contra de que o crédito saia de amortizacións de postos na Axencia de Turismo para financiar un departamento que depende da Consellería de Presidencia.

RPT de ATURGA

1.- Decreto inexistente: Poñer na memoria que está aprobado en Consello o Decreto polo que se crea a área de Turismo Termal é faltar á verdade. E non podemos valorar unha modificación de algo que non está aprobado e que nin sequera nos achegaron o borrador.

2.- Apertura a docentes e xefatura de seccion: Pedimos explicación de por que abre a xefatura de Área Termal a docentes, pois non lle encontramos sentido a dita proposta. E solicitamos que o posto de xefatura de sección técnico-turística non so se abra a Administración Xeral se non que tamén se faga á escala de enxeñeiros técnicos de Obras Públicas.

3.- Escola Superior de Hostalería: Aproveitamos a negociación desta RPT para poñer en valor aos traballadores da Escola Superior de Hostalaría. Hai tempo que estaba prevista a integración do persoal desta escola na Xunta, integración que nunca se levou a cabo e nin sequera se iniciou. Queremos saber os motivos.

Non é serio que se estea a impartir un grao universitario dende o 5 de setembro nunha escola na que o persoal que o imparte ten o convenio de ensino non regrado e o persoal non docente o convenio de oficinas e despachos. Ao mellor teríase que estudar a posibilidade de que ese persoal debería pertencer á Consellería de Educación ou habería que ver outras posibilidades ( como o persoal das escolas náutico-pesqueiras ou as agrarias, por exemplo).

Temos queixas de que non se están a cubrir as baixas polo que o persoal sofre unha sobrecarga de traballo.

Por último, parécenos increíble que se pretenda pasar orzamento da Axencia á Consellería de Presidencia cando nin siquiera a Axencia se digna a negociar co persoal da escola unha carreira profesional. Nin os integran na Xunta, nin teñen un convenio digno, nin carreira profesional.

Hai un colectivo de persoas que traballan nesa escola que teñen uns dereitos e a Axencia terá que dar algunha explicación sobre o que está a pasar con este persoal que participou en procesos de libre concorrencia e incluso foi obrigado a facer un master universitario para poder impartir certo tipo de docencia neste centro. Temos escolas que imparten o ciclo de FP de hostelería e os seus docentes son funcionarios da Consellería de Educación e despois temos o persoal que imparte un grao universitario cun convenio de ensino non regrado, como se foran unha academia.

Entendemos que é un tema a tratar canto antes.

A Administración Hidráulica dependente da Xunta de Galicia pretende eliminar o servizo territorial de Ourense enviando a rúa ao seu persoal técnico e deixando a provincia sen este servizo público.

Esta oficina territorial da Axencia de Augas de Galicia encárgase da recepción de solicitudes de diversos procedementos pero tamén da xestión e control das obras de depuración de augas limpas e augas residuais, control de calidade e o acompañamento, control e xestión cos concellos destas obras hidráulicas dende o asesoramento ata a posta en funcionamento. Máis tamén informan e asesoran a cidadáns, comunidades veciñais usuarias de auga como as comunidades de regantes ou zonas urbanizadas.

Certo que as competencias de control e vixilancia así como outras de xestión ordinaria, están a ser levadas nesta provincia coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, por ser as bacías competencia do estado español. Mais para a CIG isto non xustifica a eliminación do servizo autonómico, que ten traballo dabondo coa creación de infraestruturas e xestión dos fondos autonómicos. Desta forma a Xunta está repregando competencias propias cara a administración do Estado que, lembremos, é moito máis lenta, farragosa e cargada de taxas para os cidadáns. É dicir, que na vez de loitar para asumir competencias a Xunta o que fai é abandonar a unha terceira parte do territorio galego.

Esta micro - oficina da Axencia de Augas de Galiza está sendo xestionada por tres persoas, un posto de auxiliar e dous enxeñeiros, unha dotación raquítica para levar adiante un servizo, e que agora pretenden eliminar cargándose os postos e enviando o persoal a rúa.

A Xunta executa a amortización destes postos do servizo aproveitando unha modificación de postos de traballo da Axencia: necesitan amortizar postos para sacar cartos para poder crear xefaturas en Santiago de Compostela. E cando esiximos unha xustificación, dise que “este traballo pódese levar perfectamente dende Compostela”. A realidade é que resulta imposible levar un control continuado de obras en infraestruturas en toda a provincia desprazando ao persoal enxeñeiro dende tan lonxe.

Na CIG opoñémonos a redución de servizos públicos de atención e a eliminación de emprego público. Este é o único servizo de augas da Xunta na provincia de Ourense, e si se pecha as persoas usuarias van ter que desprazarse a Santiago de Compostela ou acudir a xestorías privadas. En conclusión: de ir adiante coa amortización deste servizo deixaremos sen control de obras hidráulicas que aseguren o seu correcto funcionamento e calidade pero tamén sen o asesoramento e información ao cidadán, concellos e o tecido asociativo.

Outras novas recentes

Mércores, 14 Mai 2025

Listas provisionais para o desempeño transitorio de persoal funcionario do Servizo de Defensa contra Incendios Forestais

No DOG do 14/05/2025 publican a RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de determinadas escalas e especialidades da Administración da Comunidade Autónoma de Galiza do Servizo de Prevención e...
Venres, 09 Mai 2025

Bases do proceso selectivo de C1-Gardacostas (patrón/patroa e mecánico/a) (MSF 08/05/25)

O xoves 8 de maio asistimos á Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF) onde discutimos a proposta de convocatoria de proceso selectivo para a escala de gardacostas-C1, especialidades de patrón/patroa e mecánico/a. A CIG comezou a súa intervención queixándose das formas: é inaceptable que nos enviaran a convocatoria para a MSF aínda en prazo de alegacións,...
Mércores, 14 Mai 2025

Proceso selectivo gardacostas (patrón/patroa, mecánico/a): convocatoria aprobada en CP 14/05/25

Na Comisión de Persoal do mércores 14 de maio, quedou aprobada a Resolución pola que se convoca o proceso selectivo para as especialidades de patrón/patroa e mecánico/a da escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galiza. Son 23 prazas, mediante o sistema de oposición, repartidas do seguinte xeito: Patrón/patroa: 10 prazas, das que 1 está reservada para persoas con...