Novas por contido

Un ano despois da inadmisíbel eliminación de tódolos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas, a dirección da EGAP segue na súa liña de tentar acalar a lingua e cultura galegas, malia a que, precisamente, un dos motivos da existencia da Escola é a normalización e difusión do galego na Administración pública.

Unha mostra máis de que as persoas responsábeis da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) están a rexeitar a lingua e cultura galegas, incumprindo os fins do organismo público, é que non hai nin unha soa mención ao Día das Letras Galegas 2025 na portada do seu web. Tampouco sequera aparece unha mención a esta conmemoración no apartado de «Actualidade» onde se relacionan as novas no seu espazo en internet. 

A difusión da programación dos actos conmemorativos das Letras Galegas deste 2025, para o coñecemento público en xeral das persoas que puidesen estar interesadas en asistir, é nula, sobre todo tendo en conta que hai un prazo de solicitude —que remata o 12 de maio—, as prazas son limitadas e as persoas destinatarias son, amais do persoal empregado público, o público en xeral. Isto bate frontalmente co que adoita facer a EGAP con ocasión doutros eventos, como unha sinxela conferencia, onde ademais de publicitalo no seu web, tamén o anuncia na prensa. Nada disto se lle aplica á efeméride do ano máis importante en relación coa nosa lingua.

Na ficha da actuación para os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas de 2025 a EGAP ten programadas as seguintes actividades:

  • Acto conmemorativo o venres 16 de maio de 12.30 h a 14.30 h, no salón de actos da EGAP: proxección dunha homenaxe, un relatorio a cargo de Icía Varela e unha interpretación musical por parte de Emilio Rúa. Ao remate hai un cóctel. As persoas destinatarias son aquelas interesadas en asistir (público en xeral) até completar o aforo.
  • Viaxe de interese cultural o domingo 18 de maio de 10.30 h a 17.15 h. A viaxe inclúe unha visita a Muxía e outra a Malpica, ademais dun xantar. Non se especifica ningunha outra información. Para poder asistir á viaxe é obrigatoria a asistencia previa ao acto conmemorativo (non entendemos por que motivo!), e a selección faise por orde de inscrición. Só ten acceso á viaxe o persoal empregado público de calquera das administracións públicas de Galiza, cun límite de 50 prazas. 

A devandita ficha remite á páxina de inicio do web da EGAP para poder ver o programa completo do acto conmemorativo e a viaxe. Ningunha desta información está dispoñible á data de remate do prazo oficial para solicitar a participación.

Pretende a dirección da EGAP minimizar a repercusión dos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas de 2025, despois de seren eliminados en 2024? Nestes momentos o número de solicitudes presentadas é de 34, mentres que a EGAP indica na Área de Matrícula que convocou 286 prazas, das cales 50 se corresponden cunha viaxe cultural a Malpica e Muxía.

Esiximos á EGAP que cumpra cos fins que ten atribuídos por lei e que se deixen de acalar as letras e lingua galegas xa!

Mobilízate connosco o vindeiro 15 de maio diante da EGAP por unha EGAP transparente e en Galego!

 

 

Outras novas recentes

Venres, 09 Mai 2025

«Por unha EGAP transparente e en Galego». Mobilízate o 15 de maio diante da EGAP!

Compañeira/Compañeiro: O vindeiro xoves 15 de Maio imos facer unha CONCENTRACIÓN diante do edificio da EGAP en Fontiñas, Compostela. Co lema «Por unha EGAP transparente e en Galego» esiximos a demisión da directora que, dende que entrou no posto, está a desmontar, literalmente, a institución. Á xa opacidade endémica uniuse o peche da biblioteca, a privatización de cursos,...
Venres, 09 Mai 2025

Reunión do CSSL de Incendios

O día 6 de maio de 2025 tivo lugar a reunión. 1.- Lectura e aprobación, se procede, da acta da reunión anterior.A acta non se aproba. 2.- Accidente na queima prescrita con data 31 de marzo de 2025 na provincia de Ourense.Dende a CIG xa nos puxemos en contacto co traballador en repetidas ocasións e dentro da situación que puido ser está relativamente ben, iso e o mais...
Martes, 06 Mai 2025

RPT´s: modificación de varios postos da RPT de Administración xeral e especial, Presidencia e Sanidade-SERGAS

Para a Comisión de Persoal do día 08/05/2025 Función Pública pretende facer unha modificación de varios postos da RPT da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza consistente en incardinar postos existentes conforme ás escalas e especialidades dos corpos de persoal funcionario da Administración xeral e de Administración especial. Tratase dunha modificación de...