Entre a experiencia inigualable e inestimable de Toca Carús, Feijóo tivo especialmente en conta partes do currículo desta grande profesional inesquecibles para todas/os, como son o seu paso pola extinta Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza, na que aterrou como xerente en 2009 tralas eleccións autonómicas nas que gañou o PP, ou o Igape, onde é nomeada secretaria xeral no 2012, escapando do conflito laboral que tiña ás súas costas, que xa duraba anos, e que a tiña empantanada nos xulgados e na Inspección de Traballo día si e día tamén.
CV recente da nova secretaria xeral de Desemprego
2009-2012 Xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza (actualmente Axencia Galega de Innovación).
Nada máis aterrar no seu novo cargo nesta fundación pública da Xunta de Galicia, Toca Carús comezou os despedimentos selectivos e fraudulentos masivos de persoal claramente non afín ideoloxicamente ao PP, o que levou a un conflito laboral que durou varios anos, e que abocou a boa parte do persoal , ao Comité de Empresa da Fundación e aos delegados sindicais da entidade a denunciar en innumerables e interminables ocasións ante a Inspección de Traballo e ante os xulgados.
Os primeiros grupos de despedimentos tiveron lugar durante o proceso de eleccións sindicais do persoal daquela entidade, e nas que participaban os sindicatos CIG, UXT e CC.OO. Nada máis tomar posesión do seu posto, Toca tentou impedir a constitución do Comité de Empresa da Fundación, elixindo deliberadamente como primeiros grupos de despedidas/os aos traballadores que integraban as listas da candidatura da CIG ao completo, e tamén a parte dos candidatos de UXT. Isto tivo como consecuencia que as eleccións sindicais se demorasen e tivesen que refacerse as candidaturas da CIG e UXT, nun clima totalmente hostil onde o persoal recibía ameazas de despedimento en caso de aceptar ser candidato/a. Finalmente, e a pesar de toda a saña e forza en atrancar o proceso sindical de elección de representación dos/as traballadores/as, o Comité de Empresa da Fundación era constituído poucos meses despois, coa vitoria da CIG, o que posteriormente, e até a fuxida ao seu novo cargo, a levou a someter con ensañamento a todo tipo de actuacións de acoso laboral e represalias diarios aos delegados da CIG electos.
O regueiro sen fin de denuncias e demandas xudiciais en contra das actuacións despóticas de Toca frutificaron no recoñecemento xudicial e da Inspección de Traballo de represión e acoso sindical contra a CIG, motivo polo que parte do persoal despedido tivo que serlle restituído o posto de traballo, mentres que a moitos traballadores/as se lles mercaba unha sentenza xudicial favorable a cambio de boas contías de diñeiro para que aceptasen o seu despedimento –cousa que moitos fixeron de boa gana, dado o ambiente laboral existente.
Ademais diso, Toca Carús puxo todo o seu empeño en recortar durante todo o seu mandato os dereitos das/os traballadoras/es da entidade, e foi a pioneira en eliminar o Fondo de Acción Social na súa totalidade ao persoal da entidade da que estaba ao cargo, sendo o primeiro fondo de acción social en eliminarse da Xunta de Galiza.
2012-2015 Secretaria xeral do Igape
Aínda inmersa nos xuízos polas demandas realizadas polo persoal da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza, Toca Carús escapa do conflito laboral creado, e mellora na súa carreira profesional desempeñando as súas funcións como secretaria xeral do Igape, obsequio polo seu bo facer do seu amigo Feijóo, onde permaneceu até a actualidade.
Será esta a nova fuxida para a diante de Toca Carús, polo seu brillante traballo no Igape, como órgano xestor de subvencións que están a moreas nos nosos xulgados? Non sería mellor que Feijóo lle achandase un pouco o camiño dos xulgados e a colocase nalgún departamento xudicial da rúa de Viena que é tan dada a frecuentar?