Novas por contido

No “Acordo de concertación do emprego público de Galza” asinado polo goberno de Feijoo e os sindicatos CCOO e UGT, hai unha referencia á xubilación parcial e contrato de relevo, cunha mistura de desleixo para o persoal funcionario e mentira para o persoal laborais.

Para analizalo procede facer unha comparación entre dous textos:

O texto do Acordo asinado por CCOO, UGT e Xunta o 15/01/2019, di o seguinte: “Estudaranse medidas para propor nos supostos de xubilación parcial á Administración xeral do estado tendentes a permitir ou prorrogar o mantemento do Acordo para o acceso á xubilación parcial e contrato de relevo do persoal laboral do convenio colectivo do persoal laboral da Xunta [..]” (Sección primeira, punto oitavo).

O texto dese mesmo Acordo que foi aprobado na Comisión de Persoal do 27/12/2018 co voto favorable de CCOO, UGT e Xunta, dicía algo diferente, moito máis xenérico: “Estudaranse medidas para propor nos supostos de xubilación parcial cara a modificación na normativa estatal”.

Para o persoal funcionario: desleixo

O director xeral de Función Pública manifestara ao longo da negociación do “Acordo de concertación”, o seu compromiso para solicitar a extensión do dereito de xubilación parcial anticipada ao persoal funcionario. A tal fin, no texto do Acordo meteron unha declaración ambigua na que, sen mollarse demasiado, tiña cabida unha interpretación xenerosa de que os asinantes do Acordo defendían o dereito á xubilación parcial anticipada ao persoal funcionario igual que para o persoal laboral.

Pero no texto final asinado desapareceu a ambigüidade: os asinantes comprométense a estudar medidas que permitan prorrogar ou manter o dereito á xubilación parcial anticipada ao persoal laboral. Nin unha soa referencia ao persoal funcionario.

Para o persoal laboral: vender fume

Na súa desesperación por vender as bondades do “Acordo histórico”, os asinantes ata son quen de pretender mudar a lexislación estatal da “Lei Xeral da Seguridade Social” para así aplicar a lexislación anterior á reforma do PP que permitía o acceso á xubilación parcial anticipada nunhas condicións máis vantaxosas que na actualidade.

Hoxe en día, a disposición transitoria 5ª da referida Lei establece os requisitos de idade e de cotización necesarios para a xubilación parcial anticipada e o contrato de remuda. A Lei tamén establece a cotización que se lle aplicará ao xubilado parcial ao que vai penalizar progresivamente, partindo dun 80% neste ano, 85% no 2020, 90% no 21 e o 95% a partires do 2022.

Os asinantes do acordo para a concertación social asumen unhas potestades das que non poden responder: a prórroga que falsamente nos queren vender si que foi aprobada no punto seis da disposición transitoria V da Lei Xeral da Seguridade Social, pero só para o traballador que desenvolva directamente funcións que requiran esforzo físico ou alto grao de atención en tarefas de fabricación, elaboración ou transformación, así coma de montaxe, posta en funcionamento, mantemento ou reparación especializados de maquinaria e equipo industrial en empresas clasificadas como industria manufactureira

En troques de prometer iniciativas que exceden as súas competencias, os asinantes do Acordo deberían comprometerse a realizar modificacións que si están na súa potestade: a derrogación da Lei 1/2012 de medidas urxentes que permita recuperar os dereitos suspendidos tales como o descanso adicional polo traballo en domingos e festivos, o descanso de dous días continuados á semana, o fondo de acción social, o dereito a comedor...

Resulta cando menos irrisorio que tanto a Xunta como os sindicatos CCOO e UGT pretendan lexislar no Estado o que non son quen de resolver na Galiza.

Outras novas recentes

Martes, 30 Setembro 2025

Campaña de vixilancia da saúde 2025/2026 para persoal non docente de centros de ensino

Aplicable ao persoal docente e non docente (funcionario e laboral) en activo, que presta servizos nos centros docentes públicos non universitarios, dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. A inscrición ten carácter voluntario, polo que se realizará previa solicitude das persoas interesadas conforme ás instrucións deste...
Venres, 03 Outubro 2025

Persoal da Xunta de Galiza reclama unha solución inmediata á parálise dos concursos de traslados (Concentración 30/09/2025)

A CIG demanda unha prelación xusta, axilidade na resolución, máis medios e a duplicidade dos postos bloqueados por medidas xudiciais Traballadoras e traballadores da Xunta de Galiza concentráronse na mañá do martes 30 de setembro de 2025 diante do edificio administrativo de San Caetano para esixir unha solución inmediata aos concursos de traslados, paralizados dende hai...
Mércores, 01 Outubro 2025

RPT de Medio Rural e RPT da administración especial para poder finalizar o concurso de enxeñarías, arquitecturas e ciencias

O venres 26/09/2025 celebrouse a Comisión de Persoal onde se levaban dous asuntos,   RPT de Medio Rural Estamos en contra dunha modificación de RPT na que se amortizan 14 postos de traballo para crear 7. Sen os postos derivados do decreto de estrutura temos que se destrúen 7 postos para crear 2 e para financiar a inmoral e insolidaria suba do complemento específico dos...